• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TODOS OS VIDEOCLIPS DA SECCIÓN OFICIAL DO FESTIVAL DE CANS 2019. VOL II

TODOS OS VIDEOCLIPS DA SECCIÓN OFICIAL DO FESTIVAL DE CANS 2019. VOL II
17 MAIO 2019

O vindeiro mércores 22 de maio comeza a XVI edición do Festival de Cans e xusto ao día seguinte, xoves 23, terá lugar o Concurso de Videoclips na praza do Concello, onde se proxectarán os 19 videoclips da Sección Oficial.

Onte repasabamos os dez primeiros vídeos da Sección deste ano e hoxe completámola cos últimos nove.

 

“Ponte de pijo” – Contenedor de Mierda. Dirixe: Sara Iglesias

«WordArt, corrosión punk e pijos de Pontevedra», tres conceptos que describen o último videoclip de Contenedor de Mierda. Dirixido, e protagonizado, por Sara Iglesias —que xa tivo realizado vídeos para outras bandas do circuíto galego como Leo Arremecághona— o clip de case minuto e medio é unha oda á cultura trash tardonoventeira. Sarcasmo, xogos de palabras, melodías inmediatas e correción política nun traballo audiovisual tinguido de neon e acompañada do, sempre-presente Clipo.

 

 

 

“Val” – Pantis. Dirixe: Rubén Domínguez

Pantis estreaba febreiro con Val (2019), a súa terceira referencia discográfica. O single, gravado e mesturado por Hevi en Santiago de Compostela e masterizado por Jammin Master en Berlín, viña acompañado dun videoclip realizado polo propio creador —si, Pantis é o álter ego de Rubén Domínguez— composto por unha serie de fragmentos visuais difusos, de psicodelia en branco e negro con mínimos refachos de cor. Co loop como ferramenta expresiva, capturando a maxestosidade paralizada e o nervio que o caracteriza, Pantis repite nomeamento, o seu “Mar” acado coarse nesta mesma Sección na pasada edición do festival.

 

 

 

“Sola con mi voz” – Blanco Palamera. Dirixe: Adrián Canoura

Blanco Palamera, dúo compostelán de R&B, debutaba con Promesas (Raso Estudio, 2019), LP de dez cortes extremadamente delicados que serven unha coidada mestura de pop alternativo e música negra contemporánea. O cineasta e realizador Adrián Canoura firma o vídeo de “Sola con mi voz”, corte de sons suburbanos que engancha desde a primeira escoita; unha peza en branco e negro, cun xogo de luces, sombras e desenfoques á beiras do mar.

 

“Totally Wired” – MounQup. Dirixe: Camille Hedouin e Didier Jujax

«Coidado pode doer orellas e ollos», deste xeito presentaba MounQup “Totally Wired”, videoclip que acompaña a súa versión desta orixinal que The Fall presentaba en setembro de 1980. Dirixido por Hedouin e Didier Jujax, a artista multidisciplinar afincada en Ourense fixo esta versión para A Gala, espectáculo de danza contemporánea, baseado na figura de Maruja Mallo, a cargo da compañía Licenciada Sotelo.

 

 

 

“Gris” – BASANTA. Dirixe: Xaime Miranda

Basanta presenta outra das súas solemnes cerimonias nun videoclip de case catro minutos de duración no que a tradición e folclore galegos son protagonistas. Dirigido por Xaime Miranda, “Gris” descóbrenos o mundo máxico do Entroido de Ribeirao, unha tradición prohibida durante a Guerra Civil que a Galicia rural decidiu recuperar nas últimas décadas. Personaxes características, volantes e maragatos, bailan ao son da psicodelia do cuarteto vigués en espazos impecablemente elixidos da Mariña lucense, como a fervenza de Santo Estevo do Ermo (Barreiros), as rúas de Mondoñedo ou a costa de Ribadeo, que fan de escenarios naturais nesta viaxe «pola terra das meigas e da Santa Compaña».

 

 

 

“Somos Incendio” – Berta Franklin. Dirixe: Rubén Domínguez

Estreado en primicia hai un par de meses no Ho! Gruf do seu Lugo natal, “Somos Incendio” é o single presentación do último traballo, homónimo, de Berta Franklin, quinteto rockeiro que vén de gañar o #SonidosMans 2019, polo que se subirán ao escenario de PortAmérica en xullo. O «impresionante» clip, dirixido por Rubén Domínguez e producido por Prenom, reflicte a expresividade coa que Berta Franklin delicadamente interpreta as súas letras, en galego, tomando referencias de Pop ou Tindersticks.

 

 

 

“O fío do que pendo” – MJ Pérez. Dirixe: MJ Pérez

Cun ritmo diferente, grazas ás percusións de Ailén Kendelman, “O fío do que pendo” foi a terceiro single-clip do seu terceiro traballo, Casandra (2017); un disco que MJ Pérez adiantaba con “Ai de min!”, videoclip que realizou coas súas mans de principio a fin. En “O fío do que pendo”, a cantautora arzuá quixo repetir a experiencia nun clip feito integramente por MJ Pérez, desde a gravación ata a montaxe e postprodución, no que as súas mans volver ser protagonistas.

 

 

 

“Vision” – Window Pane. Dirixe: Peque Varela

A axencia de publicidade na que Peque Varela, directora e animadora galega afincada en Londres, estivo a traballar durante unha década declarouse en bancarrota e botou o peche sen pagar polo traballo realizado. Antes de que «caese» o servidor, gardou tantos anuncios nos que traballara como puido e reutilizounos sen incluír as ilustracións do cliente. Así naceu o videoclip de “Vision”, tema que abre o último LP de Window Pane, 4 (2017), baseado nun vello clip da banda que, combinado co arte vintage de Varela, resulta nun universo onde as mentiras ocultan a verdade.

 


 

“Loco Chamanes” – Thee Blind Crows. Dirixe: Gero Costas

Thee Blind Crows celebra o seu décimo aniversario enriba dos escenarios con Death Awaits Us All(2019), intenso longa duración que destiña garage-punk con influencias do blues clásico. Con Gero Costas na dirección en Romina Doce na produción, ambos de Producciones Mutantes, “Loco Chamanes” foi o single-clip adianto, unha danza macabra cargada de misticismo e visceralidade, con psychopomps y Mamá Camila incluídos, a ritmo de blues-punk e ecos synth; unha obra audiovisual con alma tribal e filtro vermello como o sangue...

 

 

  noticias