• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2019

Novos lanzamentos. Maio 2019
2 XUÑO 2019

 

PrimaveraPresumido

O 20 de marzo, Presumido e o seu “A la Guillotina el Miedo” daban a benvida á primavera nas principais plataformas dixitais. Con videoclip de Visaki Films, o single presentación «corta de raíz coas cores e sons fríos, así como cos aromas propios do inverno, para dar paso a unhas atmosferas cheas de luz e cor primaveral». A finais de maio, a pouco de coincidir co cambio de estación, o dúo galego de synth-pop publicaba, «sen previo aviso», Primavera (Presumido Records, 2019), o segundo dos catro EP que incluirá o seu vindeiro longo, Cuatro Estaciones. Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo, e masterizado por Robin Schmidt (Placebo, Two Door Cinema Club, Mando Diao), Primavera suena más pop que nunca, con influencias de St. Vincent ou as últimas producións de Max Martin. Recentemente considerados como «o lado escuro e canalla de bandas de pop electrónico como La Casa Azul ou Dorian», Presumido e as súas estacións sonoras «seguen o seu camiño cun ritmo implacable e rigoroso, ordenadas e cambiantes como os ciclos naturais», marcadas por esa retranca galega en perigo de extinción... directa ao corazón.

 

 

 

 

Rostros InvisiblesÁngel Paz

Diplomado en Maxisterio Musical, con outro diploma profesional en Rock e Música Moderna, un Máster en Musicoloxía Aplicada e graduado summa cum laude pola prestixiosa Berklee College of Music (Boston, EE.UU.). Ángel Paz, compositor e guitarrista pontevedrés, irrompe no mercado discográfico cun álbum que pon «música e letra» ás biografías que Montse Fajardo recolle no seu libro, Invisibles (2017). Presentado en casa, na mítica Sala Karma (Pontevedra), Rostros Invisibles (2019) é un álbum de rock feminista; rock porque é o terreo de xogo de Paz, e feminista porque, a través da voz de Rodrigo Valiente (The Trunks), o artista denuncia a violencia física e psíquica contra ás mulleres. Tema a tema, riff a riff, Ángel Paz defende nestes Rostros Invisibles a capacidade que ten a música, en especial o rock, «con valores de concienciación social».

 

 

 

 

 

Music for Yoga and ReikiRodrigo Rodríguez

Hai un ano que Rodrigo Rodríguez rendía homenaxe ao legado da música clásica xaponesa con The Classical Music Legacy of Japan (BM Records, 2018), LP que recolle unha ducia de cortes clásicos do país asiáticos. O mestre da shakuhachi presenta agora o seu novo traballo, Music for Yoga and Reiki (BM Records, 2019), un álbum composto por oito pezas para sentir a capacidade expresiva e introspectiva do instrumento e a banda sonora idónea para practicar ioga ou reiki, disciplinas físico-mentais tan milenarias como as melodías que saen da súa shakuhachi.

 

 

 

 

FENÓMENO - Dois

Os Dois, que xa non son dous nin tres, agora son catro, volven logo dun par de anos dedicados ao directo do seu último lanzamento, Está Bien (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017). Cunhas letras sublimes, acordes alegres e punteos de guitarra os de Vigo estrean FENÓMENO (Discos de Kirlian, 2019), composto por seis pildorazos do seu indie tan particular. Gravado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Hío, Pontevedra), mesturado por Nathaniel Higgins en Atlanta (Georgia) e masterizado por Shimby McCreery, o EP supón unha evolución respecto aos arranxos de teclado, voces, percusión e o neo-protagonismo das guitarras, sonoridades envoltas no artwork de Chris Harnan. “No verás” é o single-clip presentación no que Dois fai gala do seu lo-fi surrealista, os seus coqueteos con melodías magnéticas e os coros embriagadores que evocan un «hedonismo que ten na realidade ao seu mellor aliado».

 

 

 

A Tiempo: Una Retrospectiva 2016-2018 – Amoeba Split

O seu jazz-rock progresivo, influenciado polo Son Canterbury, levoulles a listas internacionais, sempre co respaldo da crítica profesional e a gran acollida por parte de público. Dous anos despois da súa última referencia, Directo Mardigras ‘16 (Discos Pat, 2017), Amoeba Split volve ao mercado discográfico... e por partida dobre. A Tiempo: Una Retrospectiva 2016-2018 (Discos Pat, 2019) é unha edición de CD+DVD limitada a 100 copias numeradas a man; un traballo que presenta a actuación en vivo da banda o na Mardi Gras (A Coruña) o 28 de decembro de 2017. Cun repertorio composto por pezas dos seus dous álbums de estudio, xunto con de versións de bandas como King Crimson ou Deep Purple, o DVD inclúe extractos de tres concertos máis, como o Jazz Festival UMA (Universidad de Málaga), nun «documento imprescindible para os amantes de Amoeba Split».

 

 

 

 

Vientos SolitariosLos Eternos

Os seus «vientos solitarios» veñen máis influídos por Gram Parsons que por Los Limones. Logo de cinco anos alonxados dos escenarios e nove desde a publicación de aquel imprescindible Back On The Road (Warner Music Spain, 2010), Los Eternos voltan coa súa cuarta referencia discográfica, Vientos Solitarios (Cascaballo Records/Ferror Records, 2019), dispoñible desde principios de maio. Producido polo recoñecido Hendrik Röver (Los Deltonos) e editado tanto en CD como en vinilo, os dez cortes que compoñen o LP soan máis a americana contemporánea que a country clásico, sonoridade e cadencia que cobren letras en castelán, en vez de en inglés. O single presentación, “Tempestad”, é un corte íntimo e pegadizo que «ole a sal e a loita interna coas nosas tempestades interiores»; con videoclip protagonizado por la banda e dirixido por Pablo Soto Goluboff, Los Eternos dedican este tema a «todas as persoas que fan do mar a súa vida».

 

 

 

 

 

Árbore da vida-Rosalía de CastroEvoéh

O seu traballo discográfico, El poeta del viento (2015), dedicábanllo a León Felipe, un álbum onde Evoéh xa deixaba entrever a súa admiración pola poesía e a música tradicional. O grupo liderado por Ariana Barrabés (voz, percusión) e Jesús Olivares (guitarra, composición, arranxos) presenta agora Árbore da vida (2019), un proxecto de investigación, recompilación, reelaboración e creación baseado en Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e traballos de musicólogos galegos coetáneos, creados a partir de alalás e cantos tradicionais. Mesturado por Jan Valls e masterizado por Ferran Conangla, o novo disco está composto por dez pezas ás que Evoéh aporta unha nova dimensión musical, mergullando así ao público na atmosfera emocional de Rosalía.

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

 

  noticias