ENKI: INSPIRA E PERSISTE
Imaxinade que Machine Head ou Sepultura nacesen en Pontevedra; o seu son asemellaríase bastante ao de Jose (voz, guitarra), Alber (guitarra), Yago (batería) e David (voz, baixo), máis coñecidos como ENKI, nome do «señor da terra» da mitoloxía sumeria. Este interés pola cultura mesopotámica parece toda unha declaración de intencións conxunta que puxeron sobre o escenario a principios de 2014, aínda que, en solitario, o seu contacto coa música vén de moi atrás! «Yago comezou a aporrear a batera en 2004. Jose comezou co baixo e a cantar en 1990 e David en 1987 cunha guitarra. Eu [Alber], pola contra, comecei coa guitarra en 2007 cando co meu primeiro traballo decidín mercar unha guitarra eléctrica cun amplificador pequeno para facer un pouco de ruído e empezar a dar saída ás ideas que tiña».
O seu estilo ten, cal madeira nobre, vetas de groove, thrash e nu co valor engadido de cantar, sen complexos, a unha realidade social existente. Nos seus comezos como banda, ENKI declaraba o seu compromiso coa procura dun son propio e persoal; logo de cinco anos de traxectoria, manteñen ese xeito de crear música «porque así é como a entendemos. O que nos inspira a persistir é seguir sendo nós mesmos, traballando cada idea e arranxo ata que chegamos a un punto en que vemos que funciona ben [...] que acada [mos] unha harmonía que nos guste a nós».
Debutan o mesmo ano da súa creación con The Gardens of Babylon (2014), que non foi construído á beiras do río Éufrates, pero si ás do Lérez. Composto por 11 temas e un par de bonus track que destilan metal dos noventa, o LP convida a calquera que o escoite a soltarse a melena e marcarse un headbanging digno de festival. ENKI quixo reflictir esa enerxía constante presente no álbum no seu primero videoclip, “The Voice of People”, unha obra onde o movemento continuo da cámara nos transmite a forza coa que foi composta e gravada a canción.
Un par de anos despois, coa chegada do outono e a caída das follas dos carballos que, aínda que son orixinarios do Novo Continente, os colonos comunmente denomináronos red oak, a banda pontevedresa publica o seu segundo traballo discográfico baixo este arbóreo nome, Gravado en Planta Sónica 2 (Vigo), Red Oak (2016) presenta unha decena de cortes cos que acadamos unha catarse homeopática, subíndonos o ferro ata a hematocrose coa sua transfusión de metal. O single-clip presentación “A Human Waste”, dirixido por Cris Lores, fainos reflexionar sobre os convencionalismos na nosa descendencia, así como nos das demais especies animais e vexetais converténdoos, contra natura, en pouco máis que desperdicios humanos. Letras abstractas cun «toque holístico e que cada un lle dea a súa interpretación segundo as súas vivencias persoais», tinguidas de metalcore e death melódico.
«Feitos, non verbas», deste xeito presentaba ENKI o seu último traballo discográfico e terceiro de estudio. Gravado por Gonso Pedrido en Villa Angelina (Vigo) entre marzo e setembro de 2018, Res Non Verba (2019) recolle seis cortes —«traballados ata o mínimo detalle e inspirados nas influencias de cada un»— que destacan pola súa crueza e o groove que caracteriza a banda pontevedresa.
Para a presentación de Res Non Verba, o cuarteto metal xogou en casa, Sala Karma (Pontevedra), ofrecendo ese directo potente e enérxico ao que nos teñen afeitos: «tratamos de identificarnos con cada concerto que facemos independentemente das cancións que se toquen. Dar o máximo en cada un deles [...]. A actitude e o compromiso coa banda é innegociable tanto nos concertos como en calquera ensaio. Neste lugar é onde sacamos a inspiración e a traballamos para darlle forma e crear os temas que podedes escoitar». E, polo de agora, é ao que se están dedicando «pechados no ensaio creando novas cancións e preparando algunhas dos anteriores traballos» ata que vaian saíndo novas datas nas que lles «gustaría, como a moitas bandas deste estilo musical, saír con certas garantías».
Aínda que se abrísemos o seu Spotify escoitariamos «a nosa música... (risas). Non hai moito máis. Tampouco somos moi activos (ou pesados segundo quen o vexa) nas redes sociais». ENKI recomendounos os seus artistas ou grupos galegos favoritos entre os que, ademais de Malkeda e Holywater, artistas da plataforma, están «Barbarian Prophecies, Salavelatoria, Schwarzenegger, Aquelarre, Zona Zero, Trompas de Farlopio, Solpor, etc.».