XULIO LORENZO: UNHA VOLTA Á INFANCIA E UN CONVITE ÁS LEMBRANZAS
Vencellado desde os seus inicios á música tradicional galega, Xulio Lorenzo posúe unha ampla bagaxe en multitude de grupos e proxectos, como gaiteiro e como compositor. A súa «obsesión» por este instrumento de vento vénlle por parte de pai, xa que era el quen compraba «casetes de grupos de gaitas da época (Os Morenos de Lavadores)», ademais de regalarlle a súa primeira gaita... de xoguete!: «meu pai, que era carniceiro e gandeiro, ía a feira do gando a Santiago e eu sempre lle pedía que me trouxera unha gaitiña de Santiago, desas miúdas [...] daquela descoñecía que eran de xoguete ou decorativas».
A recoñecida e querida ‘Muiñeira de Lugo’ foi a primeira peza que «se atreveu» a tocar frente ao mestre Xosé de Dornelas: «xuntounos a todos e foi pasando un punteiro dun en un a ver se sabiamos pechar os buracos e canto me tocou a min fixen a primeira parte de ‘Muiñeira de Lugo’; de tanto escoitala supuxen que as notas serían as máis agudas e alá foi o atrevido do rapaz a tocar unha muiñeira sen saber case pechar os buracos do punteiro»... quen lle diría a ese «rapaz» que, anos despois, terminaría compoñendo a súa propia muiñeira?
E é que Xulio, ademais de fundar o grupo Xabenga Folk e participar en grupos locais de gran recoñecemento na tradición musical galega como Arume de Guizán ou Donicelas, é autor de varias obras tanto para gaita como para frauta doce ou whistle. Autodefinido como «nostálxico e soñador melancólico», do seu puño e letra (e corazón!) saíron ‘Muiñeira de Mos’ e ‘Alborada Camiño da Rosa’, ámbalas dúas dedicadas a Mos (Pontevedra), lugar onde naceu, do que é «profeta»: penso que as raíces sempre deben estar presentes, para ben e mesmo para mal [...] para min, Mos ten un valor moi importante porque a aceptación tanto da Muiñeira como da Alborada foi fantástica». Esta última, estreada en 2014, foi proposta, e aprobada, como himno do Concello de Mos no pleno de decembro do ano pasado; por si parte, a Muiñeira «utilízana grupos do concello nos seus bailes e actuacións».
En 2015, cruza o charco e embárcase nunha xira de tres meses coa banda de folk tradicional Gaiteiros de Lume en Brasil, tres meses que o artista describe como «inolvidables», en Curitiba «coa música», e en Río de Xaneiro coa súa familia, «meus tíos, meus primos [...] foi incrible». Á súa volta, outra aventura musical estaba esperándolle, unha nova oportunidade para dar a coñecer o folk galego alén das nosas fronteiras, desta vez, en Italia; durante unha semana, Xulio Lorenzo viviu unha experiencia napolitana xunto ao cuarteto italiano de folk Brigan, «desde Nápoles ata Regio Calabria». En ámbolos dous países, a súa música foi recibida cos brazos abertos, e supoñemos cun sorriso na boca, segundo conta o propio Xulio: «moita xente ten raíces galegas directa ou indirectamente e cando un música da terra se achega por alí viven o momento sempre cunha alegría e unha predisposición enormes, sempre facendo que a túa estancia sexa a mellor do mundo».
Un par de anos máis tarde, Xulio Lorenzo decide dar forma ás súas composicións e lanza o seu primeiro traballo discográfico en solitario, Cantos da ialma (2017); un álbum que recolle unha ducia de contos olvidados que espertan ao son de melodías máxicas e, ademáis da súa frauta, tamén escoitamos a un equipo de grandes artistas como Paco Dicenta (baixo eléctrico), arranxista, produtor artístico e coautor da maioría dos temas; Ioana Pérez (violín); Diego Bea (guitarra); Roberto Comesaña (acordeón); David Outumuro (percusión); xunto con artistas convidados do talle de Bieito Romero (Luar na Lubre), Pedro Fariñas (Trim, Transilvanians), Marisé Balado (Arume, SonDeSeu) ou Francesco Di Cristofaro (Brigan), entre outros. Uns cantos que saen de detnro, do corazón, da alma... sentimentos expresados con melodías que nos convidan a viaxar a Irlanda, lembrando como serían as orixes do ritual da festa celta da primavera en ‘Ostara in Gallaecia’, por exemplo. Arume de Guizán firma as letras, que son interpretadas con sentimiento, cunha forza emocional enraizada na tradición pero que, sen perder a esencia musical galega, nos transportan a novas atmosferas suxestivas a través dunha paisaxe sonora que vai desde o suave e calmado ata o vivo e elevado.
Dous anos despois, da ialma pasa aos soños. O pasado 11 de outubro, Xulio Lorenzo presentaba o seu novo disco, Volver Soñar (2019), un álbum no que a nivel compositivo «hai outra luz, hai vida, hai gañas de saltar, de seguir adiante, de loitar e, sobre todo, de soñar», a diferencia do seu debut, onde o músico e compositor mosense «vencellaba a alma coa saudade, a nostalxia [...]» e, realmente, era o que quería transmitir; supoño que ás veces as circunstancias son as que che rexen un pouco á hora de compoñer». Para este Volver Soñar, Xulio voltou á súa infancia, «aos amigos, ás tardes que pasabamos xuntos xogando, as novas amizades, o ir descubrindo cousas». Entre os 12 cortes que compoñen o longo, «hai temas que levan escritos 6, 7 anos, gardados nun teléfono móbil e este era o seu momento», mesmo un dedicado aos seus tíos brasileiros, ‘Padararuama’, peza composta durante a súa estancia en Brasil na que participou o seu tío Constantino «dun xeito moi, moi especial».
O single-clip presentación, ‘Volver Soñar’, asínao Diego de BeaBesada HomeStudio, coas «fantásticas terras de Nigrán» como pano de fondo, combinadas co colorido mural social do auditorio multiusos do Concello de Mos, obra do muralista vigués Delio Rodríguez, é un claro convite a abrir o baúl das lembranzas onde gardamos os nosos soños, ilusións, mesmo medos, a reinventar a vida, soñala e desfrutala. Seica os «soños moven o mundo, pois... soñemos!» porque «sempre quedan soños, algúns difíciles xa de cumprir, pero outros só precidas sun pouquiño máis de tempo».
«Hai moitísimos grandes grupos e artistas [galegos] que están facendo grandísimos traballos», confesa, e as recomendacións de Xulio Lorenzo recaen en «Arxe, Caldo, Vudú, Guadi Galego, A banda da Loba, Andrés Penabad... e Carlos Núñez». Aínda que no seu Spotify «non só escoito música galega» e agora mesmo podemos atopar «desde Lunasa, Calum Stewart, Sharon Shannon... ata Carlos Rivero, Pablo López, Pablo Alborán».