• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11 DE PERSONAXES CON HISTORIA

11 DE PERSONAXES CON HISTORIA
8 NOVEMBRO 2019

Algúns son lenda, outros viviron unha vida de lenda, pero todos foron o suficientemente remarcables para facerse un oco na nosa historia. Recollemos 11 obras audiovisuais coas que os nosos artistas e grupos homenaxean as fazañas de 11 personaxes singulares, desde principios do século XIX ata a actualidade.

 

BENITO SOTO
O Pirata da Moureira, Alén do Mar (2012)Oscar Ibáñez

Baixo este pseudónimo saía a navegar Benito Soto Aboal, pirata pontevedrés de principios do século XIX e un dos poucos piratas galegos que conseguiu ser recoñecido polas súas cotas de crueldade. Tras asasinar, presuntamente, ao capitán dun bergantín escravista brasileiro, Benito Soto faise dono e señor do navío, rebautizándoo como Burla Negra desde onde vive dedicado á piratería. Entre os seus asaltos destaca o motín á fragata británica ‘Morning Star’, cargada de ouro e riquezas, durante a travesía Sri Lanka – Inglaterra; descoñécese se este foi o principio ou o fin das súas fazañas bañadas en ouro e sangue. Por unha confusión e unha viraxe a destempo, o Burla Negra naufragou a dúas millas da baía de Cádiz, perdendo toda a súa carga e deixando á tripulación en mans da xustiza española da época... menos Benito Soto, quen escapou e refuxiouse en Xibraltar, ata que as autoridades británicas detivérono, seica por un chivatazo dalgún sobrevivente do ‘Morning Star’, e executárono no porto ao berro de «adeus todos!». Considerado como o último pirata do atlántico, Benito Soto é protagonista e inspiración de decenas de obras literarias, entre elas, a mítica Canción do Pirata (1840) de José de Espronceda.

 

 

 

PEPA A LOBA
Pepa, Bailando as rúas (Seispés Producións Creativas, 2017) A banda da Loba

Pepa a Loba foi unha lendaria bandoleira galega, mito feminino que, para uns é froito do noso imaxinario e, para outros é a Robin Hood galega. Tras o falecemento da súa nai, unha herdanza que terminou en asasinato e a súa posterior condena perpetua, Pepa foxe da xustiza e instálase no monte cunha pistola e o seu can Lueiro; a provincia de Pontevedra era o seu terreo de xogo, onde asaltaba, xunto á súa cuadrilla, a camiñantes de clase alta. Os ricos odiábana, pero Pepa suscitaba admiración e simpatía entre os campesiños galegos, que se sentían identificados con «ese espírito anárquico e esa vida azoutada pola miseria, a inxustiza e a crueldade».

 

 

 

SANDWINA
Sandwina (dotbeat!, 2018) – The Lákazans

De pais bávaros, actores circenses, Kate Brumbwach naceu en Viena (Austria) en 1884. En Nova York, cos seus 1.86 m de altura e máis de 90 kg de peso, Brumbwach practicaba a loita cando, publicamente retou a aquel que puidese levantar máis peso que ela; o único que accedeu non foi outro que Eugen Sandow, pai do culturismo. Durante o concurso, ela alzou un peso de 136 kg sobre a súa cabeza cunha soa man!, el só o elevou ata o peito e Kate Brumbwach foi declarada vencedora. Pouco tempo despois adoptou o nome de Sandwina, aínda que se descoñece se foi para honralo ou para burlarse del. Sandwina, que podía cargar con media tonelada de peso ás súas costas, percorreu Estados Unidos cos circos máis famosos (Ringling Bros, Barnum & Bailey Circus) ata que se retirou, con 64 anos, sendo a muller máis forte da historia: 800 kg coas dúas mans.

 

 

BOYANKA KOSTOVA
Boyanka Kostova – Boyanka Kostova

Deportista búlgara nada en 1993 que competiu en halterofilia con Bulgaria ata 2010 e, a partir de 2012, con Acerbaixán. Entre o seu palmarés internacional destaca unha medalla de ouro no Campionato Mundial de Halterofilia de 2015 e catro medallas no Campeonato Europeo de Halterofilia entre 2010 e 2016.

 

 

 

NINA KULAGINA
Nina Kulagina, Igløø2 (Ernie Records, 2015) – Igloo

Considerada ama de casa, aos 14 anos de idade, Nina Kulagina uníase ao Exército Vermello, máis especificamente nun rexemento de tanques da Segunda Guerra Mundial. Foi durante a Guerra Fría cando Kulagina protagonizou varias películas, presuntamente realizadas baixo autoridades soviéticas, nas que «movía obxectos sobre unha mesa fronte a ela sen tocalos». A moza rusa afirmaba que posuía poderes psíquicos… telequinesia, para ser máis exactos; un fenómeno e unha investigación académica ao mando da Unión Soviética. Dise, coméntase, que Nina Kulagina foi sorprendida facendo trampas, con imáns e fíos ocultos, varias veces polos autores Joel Levan e Mike Dash e o escritor Martin Gardner. Aínda así, outorgárona coa Medalla polo Servizo de Combate, a Medalla pola Defensa de Leningrado e a Orde da Guerra Patria de 2ª clase.

 

ALAN LOMAX
Alan Lomax, Papá Borracho/Alan Lomax (Discos da Máquina, 2016) – Ataque Escampe

Considerado como un dos maiores recompiladores de gravacións de campo do século XX, Alan Lomax foi un etnomusicólogo estadounidense que comezou a súa carreira gravando «temas cantados por presos ou traballadores afroamericanos de Texas, Luisiana e Misisipi». Logo de graduarse en Filosofía e traballar para a Biblioteca do Congreso, Lomax dedicou gran parte da súa vida para percorrer o mundo xunto ao seu fiel gravadora, recollendo mostras sonoras do folclore musical de España, Italia, Irlanda, India ou Romanía. Ademais de gravar, descubrindo case, estilos musicais descoñecidos, e lanzar á fama a intérpretes como Woody Guthrie, Muddy Waters ou Jelly Roll Morton, Alan Lomax desenvolveu un sistema propio para analizar cancións, a cantométrica. Un ano despois da súa morte, en 2003, recibiu un Grammy a título póstumo como recoñecemento pola súa achega á música.

 

 

 

JOAN VOLLMER
Joan Vollmer, Human Flesh (Matapadre, 2015) – BALA

Barnard College, anos 40; o apartamento que Joan Vollmer compartía con, a-despois-escritora, Edie Parker era un ir-e-vir de beats. En 1946, Vollmer coñeceu a William S. Burroughs, escritor e artista plástico estadounidense co que casaría anos despois… o mesmo home que, anos despois, asasinaríaa: mentres Vollmer tentaba manter un termo sobre a súa cabeza, Burroughs apuntou o seu revólver cara ao, pero, ao disparar, a bala non alcanzou o termo, senón a súa cabeza. Joan Vollmer falecía aos 28 anos por un disparo na cabeza. Inicialmente, o seu «viúvo» (non estaban legalmente casados aínda que si en proceso de divorcio?!) alegou que lle disparou, accidentalmente, nun intento de imitar a proeza de William Tell. In absentia, William S. Burroughs foi condenado por homicidio involuntario e sentenciado a dous anos de suspensión. Aos 28 anos, Joan Vollmer convertíase na muller máis destacada da Xeración Beat: «o motor Beat acendeuse con Joan, como mecenas e musa. O seu apartamento en Nova York foi un núcleo que atraeu a moitos dos personaxes que xogaron un papel vital na xeración […] Joan era brillante, formada en filosofía e literatura, os principais escritores Beat reuníanse con ela para agudizar o seu intelecto. […] Considerada como unha das persoas máis perceptivas do grupo, a súa forte mentalidade xunto coa súa natureza independente axudaron aos Beats a arrasar cara a unha nova sensibilidade».

 

 

 

JONAS MEKAS
Jonas Mekas, Médium (Raso Estudio, 2019)Chisme

Internado nun campo de traballo polos nazis, o cineasta lituano Jonas Mekas aprendeu o método teatral de Stanislavski. Durante a Segunda Guerra Mundial, foxe a Dinamarca e posteriormente emigra a Estados Unidos, país onde funda a cooperativa The Film Makers e os arquivos Anthology Film Arquives; é nesta época cando a Mekas relaciónaselle coa escena do cinema experimental e pop-art, rodeándose de artistas como Andy Warhol, Yoko Ono, John Lennon ou Salvador Dalí. Entre as súas obras destacan as películas narrativas e documentais, así como as súas películas-diario, como As I Was Moving Ahead, Occasionally I Saw Brief Glimpses of Beauty (2001), de 5 horas de duración; ou, un dos seus últimos traballos, 365 curtametraxes que publicou cada día de 2007, un encargo de Apple pensado para ser reproducidos no iPod.

 

 

 

BAS JAN ADER
Bas Jan Ader, Xardín Interior (Prenom, 2017)Esposa

Neerlandés de nacemento, Bas Jan Ader é coñecido pola súa obra conceptual a través da fotografía, vídeo e performance, todas elas coidadosamente filmadas. A súa vida artística desenvolveuse, principalmente, entre os 60 e 70 en Estados Unidos, onde exercía como performer con accións que o levaban a «perder o control» e instalacións performáticas, como Please Don’ t Leave Me (1969). O 9 de xullo de 1975, Bas Jan Ader embarcou no ‘Ocean Wave’, un veleiro de 4 metros de eslora desde Cape Cod ( Massachusetts, EE. UU.) coa intención de cruzar o océano Atlántico, unha travesía que, segundo os cálculos do artista, duraría dous meses e medio... o 18 de abril de 1976, ‘Ocean Wave’ apareceu á deriva 100 millas náuticas ao suroeste da costa de Irlanda, onde uns mariñeiros españois arrastrárono cara á Coruña. A día de hoxe, Bas Jan Ader aínda segue desaparecido.

 

 

 

ABRAHAM ZAPRUDER
Zapruder, Mounstros (Metamovida/Nooirax/La Choza de Doe, 2016)Cró!

En plena Guerra Civil Rusa, Abraham Zapruder emigrou a Nova York e, logo de formar unha familia, terminou asentándose en Dallas (Texas) coa intención de dedicarse á industria da confección. É na capital texana onde funda unha empresa téxtil de roupa feminina cun par de subsidiarias, unha delas tiña as oficinas no Dal- Tex Building, na praza Dealey. Desde alí, coa axuda da súa recepcionista Marylin Sitzman, Zapruder dispúxose a gravar a caravana presidencial de John F. Kennedy ao seu paso pola praza... un minuto despois de que a comitiva entrase na mesma, prodúcense tres disparos contra o presidente. Eran as 12.30 do 22 de novembro de 1963 e Abraham Zapruder acababa de filmar o asasinato do presidente dos Estados Unidos cunha Bell & Howell de 8 mm. A película a cor, que forma parte da investigación oficial, é a gravación máis completa do asasinato de Kennedy e, ademais de ceder unha copia ao Servizo Secreto, vendeu outra a Life por 150.000 dólares, quen mantivo a totalidade de dereitos de explotación ata o falecemento de Abraham Zapruder, en 1970, cando Time. Inc «vendeu» de volta os dereitos á súa familia polo prezo simbólico de 1 dólar.

 

 

 

FELIX BAUMGARTNER
Felix Baumgartner, Punto de Partida (2015) – La Casa de los Ingleses

Exmilitar, paracaidista e saltados BASE austríaco, Felix Baumgartner é recoñecido mundialmente pola peligrosidad das súas manobras, a súa proeza máis estratosférica, nunca mellor dito, levouna a cabo o 14 de outubro de 2012. Desde Roswell (Novo México), Baumgartner ascendeu en globo á estratosfera, 39.068 metros de altura desde onde efectuou unha caída libre, coa que acadou dous récords históricos: ser o primeiro ser humano en romper a barreira do son, sen apoio mecánico e en caída libre, a 1.342,8 km/h! e, ata 2014 cando llo «arrebatou» Alan Eustace (vicepresidente de Google), mantivo o récord de altura de salto libre.

 

 

ETIQUETAS

  noticias