• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE DECEMBRO

Videoclip Club. Edición de decembro
20 DECEMBRO 2019

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Sobre el mismo alambreSilvia Penide ft. Eladio Santos [EYLSQ]

Silvia Penide conecta co público gracias a un estilo acústico e un pop contundente e persoal; as súas cancións convértense en suspiros e berros á humanidade. Penide é unha cantautora que nos cativa e nos convida a explorar o noso eu interior e todo aquilo que o rodea a través dos seus temas, un deles, Sobre el mismo alambre (2016), publicouse como single coa colaboración do «referente e animal de escena» Eladio Santos. O videoclip homónimo presenta case catro minutos de ilustracións cósmicas e surrealistas onde a artista ourensana Miryam Pato encaixa á perfección a peza musical co traballo visual estilo collage, de corta e pega, deconstrución e reconstrución, xirasois e bolboretas que navegan polo ciberespacio ao ritmo destas dúas voces galegas, que se xuntan para cantar sobre saír ao escenario e abrir, novamente, o pano.

 

 

 

REXURDIMENTEDe Vacas

Atopámonos nunha época de cambios, de reinventarse… de ‘Rexurdimente’. Esta é a premisa coa que, en vésperas do #8M, chegaba o novo vídeo das vaquiñas con máis talento. De VACAS rodeouse de mulleres influentes na súa vida, «avoas, nais, irmás e amigas», que palmean xunto co talento da bailaora Lorena e a guitarra do seu segundo a bordo, Guillerme Fernández. O ‘Malamente’ de Rosalía aporta o ritmo e o son, que serven de inspiración nesta nova versión con claras referencias á literatura galega da man de Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Eduardo Pondal. Para a gravación do vídeo, De VACAS contou coa colaboración de Xoán Sánchez, Coro González e Unitaria, a escola que as viu crecer. Todo un encontro cargado de significado entre dúas Rosalías moi diferentes, sen esquecer un só tra, tra.

 

 

 

NamoradoUxía

O último traballo discográfico de Uxía, UXIA-O (2017), é unha particular homenaxe a Uxío Novoneyra; un longo onde a cantareira viste de música ao poeta do Courel en 16 pezas a ritmo de muñeiras e alalás. O deseño dos diferentes elementos gráficos, extremadamente coidados, é obra de Niko Alvarellos; a imaxe principal é unha composición fotográfica sobre unha peza feita especialmente por Antón Lamazares e un traballo de fotografía artística de Miguel Calvo. ‘Namorado’ foi o clip presentación do álbum que, seguindo esta mesma estética, amosa un plano xeral en branco e negro dun acolledor salonciño no que destaca unha única entrada de luz: desde o balcón. Xogando con clarescuros, vemos a Uxía de costas observando o horizonte que, non e otro, que o Courel natal de Novoneyra.

 

 

 

DinosaurioDois

O seu son poppy fresco, cheo de xiros melódicos inesperados e arranxos coidados e imaxinativos, meteu a Está bien (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017) nunha infinidade de listaxes nacionais e internacionais; incluído o dos 100 Mellores Albums de 2017 de Bandcamp. Dois defíneo como «guay», e é que o LP soa a pop lo-fi, delicado e denso á vez, con tinguiduras psicodélicas e riffs indie-pop que bañan temas cortos e persoais. Dirixido por Fernando Areal, o videoclip de ‘Dinosaurio’ amosa ao trío convertido en Teleñecos, unha «actuación» que logrou ser nomeada a Mellor Videoclip no Festival Primavera Do Cine 2017.

 

 

 

A forza de NordésSERJ

Sucar o ceo infinito, cruzar os mares profundos e atopar o noso sitio. Así é a viaxe que nos transmite ‘A forza do Nordés’ de SERJ, segundo vídeo adianto do vindeiro disco de SERJ, ELA, un álbum que narra a historia dunha muller valente que rompe a rutina e decide saír da súa zona de confort para ser ela mesma. Buscando o seu sitio no mundo sen medo a perderse, a protagonista decide volver a ese lugan onde algún día quedou a súa alma, ese día que se foi, forte e valente, a recuperar o seu destino. Terras compostelanas e lugares máxicos da Costa da Morte vena pasar, a ritmo de pop-rock esperanzador e con planos abertos, ata chegar ao solpor do cabo Touriñán.

 

 

 

  noticias