• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

PAULIÑA: «O GALEGO ESTÁ A REVIVIR DUN XEITO FERMOSO, POSTO QUE COMEZAMOS A TER NOVOS REXISTROS MUSICAIS QUE ROMPEN FRONTEIRAS»

PAULIÑA: «O GALEGO ESTÁ A REVIVIR DUN XEITO FERMOSO, POSTO QUE COMEZAMOS A TER NOVOS REXISTROS MUSICAIS QUE ROMPEN FRONTEIRAS»
9 MARZO 2020

Nada en Cambados (Pontevedra), Pauliña é nómade por natureza, plasmando os seus sentimentos entre palabras e acordes de guitarra, o seu instrumento por excelencia froito da «necesidade intrínseca de mesturar a miña poesía coa música, e que mellor forma de facelo que comezar collendo unha guitarra? As miñas referencias desde cativa sempre levaron unha guitarra ao lombo: Elvis Presley, Johnny Cash, Willie Nelson, Joan Jett, Dolly Parton...» e que o «frechazo» de Pauliña coa música vén desde que tiña uso de razón, «tanto á hora de consumila como a hora [...] de subir aos escenarios».

 

De local en local, Pauliña conseguiu que o público se enganchase ás súas melodías, unha fusión de country, rock e blues; e as súas letras, íntimas, persoais e «sempre en galego». De Galicia viaxou a Londres, cidade onde floreceu o sentimento de morriña ao afestarse da súa terra, que a compositora afrontou cunha gran mestura de emocións. De volta, e antes de presentarse en solitario rodeada dunha bandaza formada por Lolo (baixo), Iago (batería), Paco (guitarra) e Julián (guitarra eléctrica), Pauliña colabora con grandes figuras do rock do país, como NAO ou Rebeliom do Inframundo, mesmo comparte escenario co gran Vituco Neira (RUXE RUXE); dúas xeracións rockeiras nas que, segundo Pauliña, a única diferenza «é tan só idade, o rock and roll une como familia e para min xs músicxs galegos é o que son. Compañeirxs do gremio que dan voz e vida a música do noso país axs que eu apoio moitísimo, xa que sempre que podo estou en primeira fila!».

 

 

Xunto a esta banda formada por músicos cunha vintena de anos enriba das táboas, Pauliña debuta no mercado discográfico con De-Xeneración (Xonix Records, 2018), gravado, mesturado e masterizado por Lolo Arincón nos estudios Xonix Records (Silleda, Pontevedra); unha proposta innovadora, en galego, e con estilo propio onde a cambadesa mestura country, folk, blues e soul, melodías que tinguen letras fondas, que chegan moi dentro. Composto por oito cortes escritos con amor, con rabia ou con morriña, De-Xeneración aposta por un rexistro fresco e potente, á vez que intimista, coa súa voz e a lingua galega como protagonistas; un protagonismo «compartido» con Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros, no single-clip reivindicativo e feminista ‘Non é ficción’.

 

 

 

Este primeiro longo deixa ver a Pauliña como unha das voces femininas con máis carácter e personalidade, amosando a unha artista que, desde os inicios, canta en galego, confirmando que a nosa lingua está a tomar os escenarios; co idioma por bandeira, Pauliña afirma que «o galego está revivindo dunha forma fermosa, posto que comezamos a ter novos rexistros musicais que rompen fronteiras, toques que nunca deixan atrás a nosa tradición pero se combinan á perfección co que cada artista quere expresar. Temos a Baiuca, que para min é un referente, un rapaz transgresor, a Ortiga facéndonos bailar dunha forma moi natural, as Tanxugueiras que levan esas pandeiretas máis alá, A banda da Loba coa súa Fábrica de Luz (Seispés Producións Creativas, 2019) ou mesmo a High Paw plantándolle cara ao reggae».

 

Entre bolo e bolo da «de-xenerada» xira presentación, e aínda con moito que dicir —«como muller fun sempre moi botada cara adiante, deste xeito abrinme camiño co apoio de grandes persoas que me rodean»— meses despois do seu debut discográfico, Pauliña lanzaba Decideu Non Ser de Ninguén (2018), un EP autoeditado, en patrón de vinilo e limitado a 100 copias físicas. Xunto co seu correspondente videoclip, abre o EP ‘Eu Vin O Mar Chorar’, en colaboración co rapeiro Valtònyc que canta á «contraposición entre os exilios do 36 e o acontecido no último ano»; péchao ‘De Vergonza’, versos contra as «sentenzas machistas dos últimos meses».

 

 

 

O pasado 1 de marzo, e logo de estar ano e medio de xira percorrendo máis de 80 escenarios, nacionais e estatais, incluídos varios sold out, Pauliña volve á carga con A Malfalada (2020), o seu segundo álbum de estudio. Gravado, producido, mesturado e masterizado polo baixista Lolo Arincón, con arranxos e dirección musical do guitarrista Paco Montoto, o disco é un recompilatorio de 10 cancións orixinais, en galego, a través das que a artista cambadesa transmite as súas inquedanzas, o seu xeito de ver o mundo, con aínda máis garra e desenvoltura. A Malfalada presenta unha Pauliña máis salvaxe e rompedora, máis loitadora e visceral; presenta «tres Pauliñas, tres diferentes e tres momentos representativos» que obedecen ao seu instinto amosando a realidade que tan ben soubo plasmar o ilustrador Jipi Duarte na marabilla de portada que envolve o traballo e do que a artista confesa: «Nesta sociedade na que vivimos moi familiarizados coas redes sociais tendemos a amosar tan só o bo que nos pasa. Coas tres Pauliñas presento os que veñen sendo os meus grandes problemas dos que eu mesma son consciente: por unha banda a Pauliña espida, vulnerable, depresiva, que non atopa saída; a segunda, figura central da portada, é unha muller decidida valente, orgullosa; e finalmente, a terceira Pauliña enganchada ao alcol, non só porque me guste a festa, senón que as esposas que caen da miña man significan moito máis, sempre foi un mal refuxio ao que acudir, recoñézoo, pero seguirao sendo... teño unha personalidade bastante autodestrutiva».

 

 

 

Mentres que en De-Xeneración a de Cambados apostaba por unha fusión de country, rock e blues, en A Malfalada escoitamos unha mestura máis fresca que convida ao público a «bailar, brincar e berrar», como resposta ás inquedanzas internas de Pauliña: «o corpo pídeche unha cousa e ti tes que darlla, as vivencias son diferentes e provocan tamén que a música o sexa. Pode que as xeracións vindeiras tendan máis a escoitar rap ou trap, pero creo que lles está gustando moito escoitar a Pauliña porque se sinten identificados co que canto». Para mostra, os seus directos; inmersa na presentación do disco que estreou co mes de marzo no seu Cambados natal, Pauliña adianta que afronta a xira de A Malfalada «con moitas gañas, con moito traballo detrás, e con moito orgullo de poder berrar e cantar desta forma tan visceral as inxustizas sociais. Encantaríame que de todos esos concertos que conforman a xira, a xente quedase coa mensaxe, coas ganas de vivir rápido e desfrutando, coas gañas de ser un chisco máis salvaxes».

 

 

 

Dous discos, un EP e decenas de concertos fan gala do estilo propio e innovador de Pauliña que, como xa adiantabamos, «bebe tanto das experiencias como da música que fun escoitando dende cativa» e se inspira «no country, sempre me acompañou cun vaso de whisky para chorar as penas, o rock and roll para disfrutalo, e o soul para darme conta de que as mulleres temos unha capacidade de expresar os nosos sentimentos desgarrando cada verso». Mentres que as súas influencias veñen con nome propio: «sempre menciono a Elvis e a súa actitude, a Johnny Cash pola súa profundidade, a Bowie por romper esquemas enfrontándose a sociedade co seu look. Pero non vou só mencionar homes! Chavela Vargas, Violeta Parra, Janis Joplin, Patty Smith e, desde logo, Joan Jett».

 

Volvendo á nosa terra, puxemos nun pequeno aperto a Pauliña quen, considerándose «moi fanática da música en galego», confesar as súas recomendacións de artista ou grupo galego seica foi complicado: «teño moitxs artistas que escoito máis dunha vez ao día; non pode quedarme con ningún, pero ultimamente estou con Baiuca ata no baño! Aínda me quedan moitas bandas por coñecer, pero Quilma vai dar moito que falar co novo disco que van presentar en breve, xa que tamén marcan un estilo moi diferenciado». Na súa conta de Spotify agóchase, probablemente, unha cuarta Pauliña [chisco-chisco], a que escoita a «Víctor Manuel [risas] non é coña, pero a música vai ligada aos sentimentos, e ao longo do día paso de Rafael Berrio a Cupido nun abrir e pechar de ollos. Son xonqui da música... e de descubrir calquera tipo, escoitade aos Dead Brothers!» Oído, Pauliña!

  noticias