• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS: «QUERIAMOS QUE ESTE ÁLBUM FORA LONGO E VARIADO, CANTAR CADA CANCIÓN NO SEU MOMENTO»

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS: «QUERIAMOS QUE ESTE ÁLBUM FORA LONGO E VARIADO, CANTAR CADA CANCIÓN NO SEU MOMENTO»
20 ABRIL 2020

«Que vinte anos non é nada», cantaba Carlos Gardel naquel ‘Volver’ de 1934; e quince? Quince son seis discos, innumerables concertos, varios galardóns e un estilo particular que lles permite ser, a día de hoxe, unha das bandas máis estables do panorama musical español. Composta, actualmente, por Eladio Santos (voz, guitarra), David Outumuro (batería), Óscar ‘Uka’ Durán (baixo) e Marcos Vázquez (piano, sintetizadores), Eladio y Los Seres Queridos cumpre 15 anos de carreira e o celebra coa publicación de Academia (2020), o seu novo traballo discográfico; nós facémolo cunha pequena charla telemática xunto a Eladio.

 

E pensar que todo comezou como «unha banda que non pretendía durar máis de tres ou catro meses», baixo un longo e curioso xogo de palabras, Elodio y Los Seres Queridos: «en realidade os ‘seres queridos’ eran invitados nunha serie de concertos fixados nun mesmo clube. Despois do primeiro disco, si hai unha historia detrás do cambio de vogal, unha botadora de cartas recomendóunolo e iso, unido a outra casualidade, acabou por convencernos; en realidade sobrevoaba había un tempo a posibilidade, pasabamos de ser unha pequena banda tecno acústica de café ou clube pequeno a  algo máis ambicioso, de ser un grupo de tres sen batería, pasabamos a ser una banda de cinco... queriamos de paso marcar o cambio».

 

 

Así, e logo da publicación do seu debut discográfico un par de anos despois da súa creación, Eladio y Los Seres Queridos irrompía con Están Ustedes Unidos (Esmerarte, 2011), o longo que chegaba co cambio de nome, pero que mantiña o protagonismo do sentido e da sensibilidade que asolagaban o seu debut. Con arranxos máis sofisticados e cortes con matices renovados, Están Ustedes Unidos «foi un disco importante, abriunos moitas portas e cambiou a nosa mentalidade. Desfrutamos, medramos e tamén cometimos erros dos que aprendimos moito», lembra Eladio. Un álbum que nos regalou temas como ‘El Tiempo Futuro’, ‘Miss Europa’, de tinguiduras acústicas e voz espida, ou ‘Con el Corazón en la Mano’, envolto nunha sinistra atmosfera; todos eles convertidos xa en himnos: «aínda hoxe están nese disco as nosas cancións máis coñecidas e sempre son valor seguro nos concertos. De feito, un dos anhelos de Academia é superalo e revisalo, dar pé a un novo tempo e novas cancións que perduren».

 

 

Tres anos; tres anos para madurar, para emocionarse. Tres anos e volvían con Orden Invisible (Esmerarte, 2014), o seu terceiro longa duración, composto por unha docena de pezas de melodías etéreas e letras sinceras. Descubrían a súa faceta eléctrica en ‘Niño Salvaje’, sorprendían cun son maduro y definido en ‘Eternamente’ ou ‘Los Dinosaurios’, onde a banda acadaba o seu máximo expoñente con impecables arranxos e instrumentacións. Era a banda sonora das instruccións de uso da vida que seguía o ascenso meteórico do grupo vigués na escena indie-pop nacional, EYLSQ pasaba de compartir escenario con Vetusta Morla ou Los Planetas, a subirse a táboas de festivais como PortAmérica ou O Son do Camiño, trasformando o intimismo acústico dos discos nuns directos inolvidables dun xeito do máis intrínseco: «é inevitable, as cancións crecen así nos concertos. Agora mesmo estamos a traballar moito niso, queremos ter moita marxe para improvisar e tocar cada día dunha maneira diferente, adaptarse ao son e o ambiente de cada concerto; nos ensaios cambiamos arranxos, ás veces o ton e o tempo. De feito, preparar o directo é como gravar de novo o disco».

 

 

Alguén agardaba o que estaba por chegar? Dun xeito ou doutro, toda débeda termina pagándose, e eles pagaron en formato disco. Logo de tres discos en castelán, Eladio y Los Seres Queridos lanzaba Cantares (2016), un traballo enteiramente en galego no que saldan unha débeda que tiñan coas cancións da súa infancia, esas cancións tradicionais galegas que escoitaban os seus pais, escoitaron eles de cativos e queren que escoiten os seus fillos. Unha humilde e emotiva homenaxe composta por 11 versións gravadas, por vez primeira, en casa, sen présas, sen orzamentos, unha autoprodución que reforzaba a banda en todos os sentidos: «foi un álbum clave, refundou o grupo. Iso de gravar en casa era posible, gravar tomas máxicas e retocalas durante meses e meses. Abriu moitos posibilidades e o importante… fixo a banda moito máis sostible». Durante un ano, no seu estudio caseiro ou gravadora en man, EYLSQ fixo posible que nos volvésemos emocionar con clásicos como ‘Quen Puidera Namorala’ de Luis Emilio Batallán, ‘Camariñas’ de Anta Seoane, ou ‘Meu Amor É Mariñeiro’ de Fuxan os Ventos.

 

 

A autoprodución marcou un antes e un despois en Eladio y Los Seres Queridos e, tan só un ano despois da publicación de Cantares, o recoñecido grupo vigués publicaba a súa quinta referencia, Historias de caza (2017), gravado, mesturado e producido novamente «na casa»—a do propio Eladio— proporcionándolle ese enfoque intimista e ambiente distendido que estreaban co traballo anterior. Estas últimas «historias» son máis melódicas que as anteriores, máis afastadas do indie-rock ao que nos teñen acostumados, achegándose ao pop tradicional e eléctrico. Sonoridades varias mestúranse en dez temas nos que EYLSQ contou con colaboracións do talle de Pablo Lesuit, Jorge F. Ojea, Ari Magritte ou Esther Zecco.

 

 

 

Academia (2020), o seu último traballo discográfico —o máis longo ata a data— fai gala de melodías e retrousos brillantes nunha colección de pezas que van desde o pop máis clásico ata sonoridades propias do indie e do rock, pasando polo folk e a canción de autor, seguindo as premisas da banda: «queríamos este álbum fora longo e variado, cantar cada canción no seu momento, probar calquera cousa desatinada. Houbo moito tempo e dedicación; encántame gravar na casa, é moi relaxado e divertido», confesa Eladio. O resultado? Catorce novas cancións de cordas, ventos e todo aderezo instrumental gravado en casa, 14 cortes que cantan á felicidade, que presentan novas texturas sonoras sen deixar de lado a marca da casa, froito dunha maceración previa de tres anos: «trato de que [música e letra] vaian unidas, pero no proceso sinto que se non teño letra non teño nada […] tamén manda sempre a musicalidade. Quero facer canción popular, e que é nas cancións populares onde atopo a poesía mais pura. Cando termino a maqueta e comezo a probala cos ‘seres’ tamén sofre unhas cantas transformacións, normalmente sube o ton e o tempo, retoco algunha frase ou engado alguna estrofa máis».

 

 

De edición limitada, Academia convídanos a experimentar unha viaxe extrasensorial por pasaxes honestas e intimistas, a descubrir «un latexo poético, críptico, que se agocha tralas letras; un novo, e fermoso, xeito de cantarlle á vida»… pero, por enriba de todo, Academia, «e as súas cancións [que] falan do paso do tempo, do que gañamos e do que perdemos cando chegamos á madurez», convida á «reflexión, a sacar algo de todo o que nos pasou, a darlle importancia xusta ás cousas».

 

 

Eladio y Los Seres Queridos levan quince anos «cantándolle á vida e ao amor na medida da media», unha traxectoria onde o seu talento foi recoñecido en numerosas ocasións; «reincidentes» nos Premios Martín Códax da Música e nos Premios MIN, onde acadaron varios nomeamentos e galardóns, recoñecementos que Eladio confesa, «dan moitísimo ánimo. Estamos nesa etapa na que sentes un pouco que non sabes onde estás, crecendo, asentándose, un pouco en terra de ninguén. Dannos confianza e pulo para seguir». E se eles seguen, nós tamén, aínda que, polo de agora sexa, a través das pantallas debido ao actual estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, unha situación que presenta un futuro incerto: «o streaming e como afectará é un fenómeno moi interesante, moitísima incerteza; eu fágome mil preguntas... haberá unha etapa con concertos pequenos? Como serán eses primeiros concertos? Con cadeiras separadas, ao aire libre? Qué tipo de enerxia haberá ? Se recuperarán os festivais e as salas?».

 

«Pablo Lesuit, eses medios tempos do seu ‘Belohizonte’ son hitazo na furgoneta, tamén Presumido, Os Amigos dos Músicos, Rayotaser, o último de Amaro [Ferreiro]…hai un montón, escoitámolo todo», son as recomendacións á galega que nos deixa Eladio, que probablemente se agochen no seu Spotify entre «moita canción de autor e de raíz, tamén bastante musica antiga vocal, barroco, bastante folklore e moitos clásicos pop». Pst… e para compartir escenario?: «encantaríame cantar con Pablo Milanés, por exemplo». Aí deixámolo!

 

  noticias