• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO

Videoclip Club. Edición de xuño
19 XUÑO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

De bruma e salitre - Mileth

Composto por nove cortes, Catro pregarias no albor da Lúa Morta (Darkwoods, 2019) narra a viaxe da vida, desde o nacemento ata o alén, a través dos catro elementos da natureza (auga, lume, terra e aire) baseándose na nosa historia e na nosa cultura popular. O videoclip do seu single adianto, ‘De bruma e salitre’, dirixido por Xaime Miranda e con máis de 30.000 visualizacións enYouTube, foi galardoado no VII FestivaI Primavera do Cine. O recoñecido cineasta lucense asina os sete minutos e medio de arte audiovisual que «acompaña a esta viaxe espiral a través da terra da bruma e o salitre, entre os mundos da vida e da morte, escoita os elementos e deixa que a túa alma renaza no novo camiñar».

 

 

 

Non é verán de Estrella Damn - Ezetaerre

Hai tres anos que xa que o trío de rap combativo presentaba a súa canción do verán, single-clip que describe a hipocresía da época estival cun videoclip de ensueño que nos convida a descubrir a súa «Galiza Tropical» a vista de dron e planos slow-mo. Con letra en galego e retranca da terra, Ezetaerre denuncia a xentrificación, o turismo masivo, a precaria situación do emprego durante estes meses… entre chiscos á nosa Estrella e unha celebración que pouco ten que envexar ás verbenas que, con sorte, están por chegar.

 

 

 

Desdibuxar - Guadi Galego

Hai un par de anos que a compositora galega de voz privilexiada, Guadi Galego, lanzaba o EP Bóla de Cristal (Altafonte, 2018), producido por Pachi García e composto por cinco pezas positivas onde a artista cedeirense canta «ao mundo que lle gustaría ver nun futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase». Adiantábao con ‘Fronteiras’, presentábao con ‘Recoñecéndome’ e a bóla seguiu a xirar con ‘Desdibuxar’, un emotivo e poético videoclip animado por Carlos Lago (O Terser Home) que apela á loitar por un mundo mellor, a recompilar vivencias e aprender de cada unha delas.

 

 

 

Noay - Wanna Dee

Non hai dous sen tres e, logo de ‘Obsesionada’ e ‘Rich’, Wanna Dee completaba o triplete con ‘Noay’, single-clip que, como os dous anteriores, forma parte do seu LP debut, Off Me (2020). Con dirección e guión de Andrés Hermelo, xunto co propio artista, e a actriz galega Alba Peteiro como protagonista, en ‘Noay’, a cidade de Porto en todo o seu esplendor é testemuña dun reencontro, dunha segunda oportunidade... de presuntas promesas por cumplir en case catro minutos de ritmos urbanos. Para este single, Wanna Dee volvía contar coa impecable produción de Sebastian Black, ademais de Judah GT e El Afilador na mestura e masterización.

 

 

 

Deixaas - Mercedes Peón

Sobre unha base rítmica de pandeiretas e percusión metálica, distinguimos acordes electrónicos provenientes de samplers e sons de maquinaria pesada rexistrados en estaleiros navais. Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, Mercedes Peón debuxa un mapa de concepto musical inquietante, entre punk colérico, rock industrial e tradición, como resposta ao ambiente sociopolítico e inquietudes actuais referentes á identidade, xénero, estética, linguaxe, etc. Con ‘Deixaas’, experimentamos artesanía musical e vangarda creativa a través de sons que interactúan entre eles de xeito inimaxinable, que nos envolven en vibracións sonoras capaces de facernos tocar a catarse.

 

 

 

 

  noticias