NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2020
Vieiros e Vieiras, Historias de Peregrinos - Luar na Lubre
Presentado como «unha débeda que tiñamos pendente coa música, co público e, moi especialmente, con quen percorreu o Camiño de Santiago acompañado polas creacións de Luar Na Lubre» o novo traballo discográfico do grupo está, por fin, entre nós, corentena mediante! Composto por unha extensa colección de temas, Vieiros e vieiras, historias de peregrinos (Warner Music, 2020), pon banda sonora ao Camiño ao seu paso pola nosa terra con pezas que fusionan as súas creacións con sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo. Grazas a un arduo traballo artístico, Luar na Lubre consegue visualizar as historias de peregrinos chegaos a Galicia, recollidas mediante diversas vías e en momentos diferentes, coas que pretenden reflexar e dar a entender, desde unha nova perspectiva, o valor do noso patrimonio inmaterial. Asinado polo artista multidisciplinar Manel Calderón, ‘Dum Pater Familias’ é o seu último single-clip, unha obra animada sobre o himno máis antigo dos peregrinos recollido no Códice Calixtino.
Damn The Storm - Stormy Trucks
Stormy Trucks estreaban a nova normalidade... cun disco! O trío debuta no mercado discográfico con Damn The Storm (Struck By Lightning, 2020), á venda desde mediados de xuño. Gravado por Martín Esturao (MadMartin Trio) en Bungalow Studio, álbum recolle sete cortes que cantan a seres malditos, demos e pantasmas, soños rotos e amores imposibles a ritmo de rock’n’roll da vella usanza. Con deseño de Alberto Seoane sobre fotografía de David Padín, o LP plasma ese son cru e sen concesións que tanto os caracteriza, o mesmo que trasladan ao escenario en cada un dos seus directos. ‘You Do Voodoo’ é o single-clip presentación, unha historia de procura desesperada a través do underground da cidade.
Effects of Sunlight - Pálida
«Un intento de edición física, unha colaboración artística que non chegou a callar» e tres anos despois da súa creación, Effects of Sunlight (La Melona, 2020) por fin ve a luz. Envolto nunhas impactantes fotografías de Marcos Clavero, o novo disco de Pálida presenta dous cortes —o primeiro roza os 20 minutos o segundo case chega aos 25— que, aínda non representando do todo ao Pálida da actualidade, o produtor vigués está convencido de que é un traballo «interesante, con pasaxes ‘chulas’, ideas bonitas e momentos cuxa execución, cree, pagan a pena». Masterizado por Xavier Núñez, o álbum está dispoñible nas principais plataformas dixitais, para que o escoitemos e o bailemos cunha sorrisa nos beizos.
Os Dous de Sempre - Boyanka Kostova
Un ano despois de que os nomes Chicho e Cibrán comezasen a resoar na escea musical como a primeira banda de trap en galego, Boyanka Kostova consagrábase con aquel primeiro EP, Vella Canción Galega (La Melona, 2018). Desde aquela, e grazas ao seu xogo sonoro entre frescura e humor coa auto-parodia e o trap costumista por bandeira, o dúo evolucionou moi rápido; xa no seu segundo traballo, Nova Canción Galega (Mushroom Pillow, 2019) notáronse os avances en canto a produción e definición do seu estilo. Explorando influencias da música tradicional galega, Boyanka Kostova lanza agora Os Dous de Sempre (Mushroom Pillow, 2020), o seu novo traballo discográfico, gravado e mesturado novamente por Hevi; sete cortes en pouco máis de vinte minutos que fan gala, unha vez máis, dos diferentes xeitos de materializar un estilo urbano como é o trap… en galego e ao ritmo de muiñeira e reguetón entre outros moitos! Tal e como implica o título, Boyanka Kostova seguen a ser «os de sempre», seguen a facer «o seu», iso si, mellor que nunca.
«Este disco é unha volta ao terrenal, ás orixes, logo da viaxe no tempo deIntro (2016) e a viaxe no espacio de Nova(2017). Esta volta aos orixes se traduce na recuperación de catro pezas que escribín hai 18 anos, e que tiña completamente olvidadas no caixón»; a súa viaxe sonora, o seu xogo de espellos, chegaba a súa fin coa publicación de Cronos (2020), o novo traballo de María Mendoza. Cada unha das 16 pezas que compón o LP ten o seu reflexo no espello e, a pares, conforman esa procura do equilibrio xirando sobre dous eixos: esquerda-dereita e arriba-abaixo. Unha dualidade que Mendoza atopou en Cronos, como personificación grega do tempo e da colleita, e que a inspirou a crear as pezas «de dúas en dúas, emparelladas». Gravado en dous momentos diferentes, e completamente opostos, a.C (antes do confinamento, xullo de 2019) e d.C (despois do confinamento, abril de 2020), Cronos convida ao oínte a descubrir, e valorar, as diferenzas temporais… en todos os sentidos.