• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MOITO!: «A VISIBILIDADE É O GRAN CUME A ESCALAR NO MUNDO EMERXENTE»

MOITO!: «A VISIBILIDADE É O GRAN CUME A ESCALAR NO MUNDO EMERXENTE»
13 XULLO 2020

Felipe Castro (voz, guitarra, sintetizadores), Diego González (guitarra), Juan Ciego (baixo, coros) e Diego Guillín (batería) son os catro «enxeñeiros de cancións» que forman Moito!, grupo indie rock da Pobra do Caramiñal (A Coruña). En tan só tres anos pasaron de facer versións de cancións a publicar os seus propios temas, de tocar en garitos a subirse a escenarios de festivais como O Son do Camiño, unha corta pero intensa traxectoria que deixou tres referencias… ou unha máis dúas.

 

O pasado febreiro, Moito! lanzaba Anexo (2020), segundo EP do disco Ingeniería Inversa (2019), para o que volveron confiar no gran Paco Loco como produtor desta nova entrega, que se presenta nun sobre que se acopla á primeira, e que recolle os tres cortes que completan a outra metade dun LP co que o cuarteto galego segue a facer as delicias dos amantes non só do indie-pop-rock, senón dos apaixonados da boa música. Quen dixo que as segundas partes non eran boas?

 

 

 

Moito! é, ademais da voz de Felipe Castro, guitarra (Diego González), baixo (Juan Ciego) e batería (Diego Guillín)? Cal foi o xermolo de Moito!? Como xurdiu o proxecto?

Felipe: «Os catro somos do mesmo pobo e durante anos coincidimos en varias bandas de covers. Nos ensaios, entre versión e versión, comezamos a probar con composicións propias e, case sen darnos conta, tiñamos material para gravar un EP; chegados a ese punto houbo que darlle nome e forma a todo o demais».

Diego Guillín: «O proxecto conta desde o comezo coa participación nos deseños e identidade gráfica ao que xa consideramos como o quinto Moito!, o deseñador gráfico Simón Fernández, tamén da Pobra do Caramiñal».

Juan: «Todo comezou cando Felipe trouxo unha canción a un dos ensaios; compuxémola sen moita pretensión, só para pasalo ben e rematou sendo o comezo de toda esta historia... a canción chamábase ‘Ingravidez’».

 

Lemos na vosa web «Non o sabías, pero nos estabas a buscar»; que se atoparía un descoñecido da banda ao encontrarvos? Como definiriades o voso proxecto, musicalmente falando?

Felipe: «Simplificando, diría que somos unha banda de indie rock con algún que outro matiz shoegaze, pero en realidade penso que somos unha mestura de moitas cousas. Temos diferentes idades, o que provoca que bebamos de fontes moi diferentes e iso nótase na nosa música».

Diego González: «Se te gustan as bandas con guitarras moi presentes, muros de son e riffs potentes seguro que algunha canción te engancha. Pero se o que buscas son melodías máis pop e retrousos coreables... penso que tamén podes atopar cousas nas nosas cancións».

Juan: «Entendemos que neste mundo tan veloz as etiquetas serven para que os consumidores teñamos atallos para chegar antes aos produtos, pero recomendamos pasar un pouco das cualificacións e, simplemente, darlle un par de escoitas aos discos. Seguro que algo vos sorprende!».

 

 

En quen, ou que, se inspira Moito! á hora de compoñer? Algún referente en concreto?

Diego González: «Como diciamos antes, somos de xeracións e gustos diferentes, polo que non temos un único estilo ou banda como referente. Felipe e máis eu bebemos moito do britpop e o grunge dos 90, en cambio, Juan desfruta máis de bandas como The Police ou Pink Floyd».

Felipe: «E Diego, o noso batería, é fanático do metal e o hardcore».

 

Debutades con Ingravidez (2018), EP que inclúe ‘El Sur’, corte no que escoitamos a Amaro Ferreiro; como foi colaborar cun dos irmáns Ferreiro? Como xurdiu a colaboración?

Felipe: «Para o noso primeiro disco buscabamos un pouco o rollo que se levaba en Vigo e falamos con Luis Antelo de EstereoArte Estudios (Vigo) para que nos producise. Luis, ademais de ter o estudio de gravación, é un dos técnicos de xira de Iván Ferreiro desde hai anos; falamos con el da posibilidade de que Amaro se animase a participar nunha canción.

Tentamos facer cousas especiais, e conseguir ser a primeira colaboración na incrible carreira de Amaro Ferreiro, sen dúbida foi unha delas».

Juan: «Luis enseñoulle a canción e todo foron facilidades; [Amaro] é realmente unha persoa encantadora. Para nós foi un xesto que nunca esqueceremos».

 

 

En apenas tres anos, acadastes ser finalistas de certames como o EDP Live Bands España, O Son do Camiño, Al Tran Tran, Pulpop Fest ou Vodafone Yu Music Talent, todos a nivel estatal. Que papel xogaron na vosa traxectoria estes recoñecementos? Como vedes o panorama actual de bandas emerxentes?

Felipe: «Durante o primeiro ano de vida de Moito! a idea era poñer á banda en escena, crear unha identidade recoñecible, intentamos tratar á banda como se fose unha marca, un logotipo. Para iso alternamos dúas vías, a utilización das redes sociais e traballar xiras que nos permitisen tocar en cidades de toda España. Todo iso sen axudas, desde un pobo de 10.000 habitantes e con moitas horas de auto aprendizaxe nas facianas non musicais que ten o mundo da música.

Os concursos de bandas axudan en ambos sentidos, tes vida nas redes e, se tes sorte e avanzas, podes acabar tocando en diferentes cidades sen moito gasto económico».

Diego Guillín: «Ata que chega o momento no que algunha axencia se fixa en ti para traballar no teu proxecto, non queda outra que facelo todo ti mesmo. Sen dúbida, ese é o gran cume a escalar no mundo emerxente, a visibilidade.

Vivimos nunha época de playlists, singles, vídeos de tres minutos…e se non xogas nesa liga directamente é como se non existises. As bandas emerxentes teñen que ter claro que durante moito tempo teñen que traballar duro en máis cousas que compoñer e tocar».

Juan: «Os concursos de bandas non garanten o éxito nin gañando varios nun mesmo ano, pero si serven para coñecer a moita xente interesante, mover a túa música por toda España e, na nosa experiencia, facer moitas amizades».

 

 

Ingeniería Inversa (2019) é a vosa segunda referencia, gravada e producida polo mítico Paco Loco nos seus, aínda máis coñecidos, estudios no Porto de Santa María (Cádiz). Que tal a experiencia de traballar xunto a el? Durante a vosa estancia por alí abaixo, aplicastes iso de ‘un pouco de Sur para non perder o Norte’?

Diego González: «Cando decidimos montar a banda, unha das ilusións que tiñamos era a de gravar cun produtor recoñecido a nivel estatal, e Paco Loco era un dos que tiñamos na nosa lista mental. Despois do bo recibimento que tivo o primeiro EP e os concertos dese ano, decidimos apostar un pouco máis e intentar gravar o seguinte disco con Paco. Falamos con el pensando que sería imposible, pero gustáronlle as cancións e facilitounos todo moito para que puidésemos gravalo con el».

Felipe: «Paco faise querer desde o primeiro minuto. Foi incrible gravar con el, velo traballar, convivir unha semana enteira falando de música, anécdotas, etc... do mellor que fixemos ata agora».

 

 

É neste traballo onde escoitamos ‘Stannis Baratheon’… por que unha canción co seu nome? Por que un Baratheon e non un Lannister, un Targaryen ou un Stark? Queremos respostas!

Felipe: «Cando escribo letras gústame incluír referencias cinematográficas, de libros, novelas gráficas e demais cousas que consumo. A canción comeza cunha versión modificada do lema ‘The night is dark and full of terrors’, e fala de maneira melancólica do meu sentir respecto á miña xeración. E non hai personaxe máis melancólico que Stannis Baratheon!

Como o disco dividiuse en dúas partes, decidín chamar ‘Meñique’ a unha das cancións de Anexo para pechar o círculo de losers de Poniente».

 

 

Presentades o voso último traballo, Anexo (2020) como a segunda parte daquel Ingeniería Inversa (2019). Que vos levou a ‘partir’ o disco en dous? Existe algunha diferencia, ou similitude, entre un e outro ou a decisión foi baseada en cuestións loxísticas, de timing…? Como foi o proceso creativo?

Felipe: «O disco pensouse como un único traballo, pero por motivos económicos resultou imposible gravalo e masterizalo coa calidade que queriamos sen partir o disco en dous.

Como as cancións estaban pensadas para pertencer ao mesmo disco seguen a mesma liña que en Ingeniería Inversa, pero empregando toda a aprendizaxe previo. Tal é así que, a pesar da diferencia en meses de fabricación dos discos, o deseño fai que se poidan encaixar de maneira física e completar así todo o quebracabezas».

Juan: «Normalmente Felipe fai unha especie de premaquetas das cancións que vai compoñendo e, entre todos, imos buscando o xeito para que soen como queremos. Somos moi currantes no aspecto das melodías e estruturas. Levamos os temas moi preparados á fase de preprodución e, a partir de aí, buscamos melloras ca axuda do produtor».

 

En ‘Huye’ escoitamos «somos la banda a la que no llama ningún festival». Como é iso?

Felipe: «‘Huye’ ten unha letra moi irónica, unha especie de chisco ás letras de bandas coma Los Punsetes ou Los Nikis. Levábamos todo o ano tocando en festivais, pero todos por gañar o concurso previo de bandas, nunca por unha chamada directa, así que me fixo gracia meter iso na canción. Pero esperamos que chamen, por favor 😁».

 

 

 

Todos os Moito! sodes da Barbanza, berce de recoñecidos artistas como Heredeiros da Crus, Triángulo de Amor Bizarro ou Agoraphobia, levades a música no sangue? ADN musical barbanzán?

Juan: «En toda Galicia hai bandas, pero o certo é que, para o relativamente pequena que é a nosa zona, hai unha chea de bandas espectaculares. Debe ser o aire do mar!».

 

Logo do estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, como estades a afrontar a volta aos escenarios nun futuro próximo?

Felipe: «Polo de agora tivemos que cancelar toda a xira e estamos recolocando algunhas datas para outono e inverno... pero no medio de todo imos entrar a gravar novo disco, así que basicamente estamos facendo malabares».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Felipe: «En Galicia hai grupazos de todo tipo. Eu recomendo a Sen Senra, o novo de Amaro Ferreiro e a Presumido».

Diego González: «Eu do feito ultimamente por aquí recomendo o de Triángulo de Amor Bizarro e o de Eladio y Los Seres Queridos».

Juan: «Presumido molan».

Diego Guillín: «Kings of the Beach, APHONNIC, Golpe Radikal...».

 

Se abrísemos a vosa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Felipe: «Son bastante fan das melodías vocais pop así que, aínda que me gustaría soar como Pearl Jam, supoño que atopariades desde Foo Fighters ata Harry Styles pasando por Rocío Jurado».

Juan: «Habería de todo un pouco, supoño, pero dominarían as guitarras seguro, polo menos polo de agora!».

 

  noticias