NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2020
Si Mi Rayo Te Alcanzara - Xoel López
O seu cuarto álbum en solitario céntrase en tres eixos: o cancioneiro, a creatividade e a capacidade de imaxinar, eles son o fío condutor de Si Mi Rayo Te Alcanzara (2020), o novo de Xoel López. Composto por 10 cancións, o LP marca o comezo dunha nova etapa como consecuencia dun proceso de cambio, un de evolución, non de ruptura; o resultado é un Xoel ávido de novas experiencias, que presenta ante o seu público sen ataduras creativas e interpretativas. Co «feiticeiro da electrónica» Carles Campi Campón (Vetusta Morla, Drexler, Natalia Lafourcade) na produción, o álbum camiña entre estilos por unha senda artística que amosa ao coruñés ao descuberto. Ao longo do disco escoitamos unha grande obra coral, grazas ao traballo en equipo da banda e o distintivo timbre vocal de Xoel quen, desta vez, compartiu responsabilidade creativa con David Quinzán. Dispoñible en vinilo, CD e dixital, Si Mi Rayo Te Alcanzara consegue prescindir, en ocasións, das guitarras ou do son latinoamericano para descubrirnos vivencias inexploradas ou lanzarnos ao abismo de novas sonoridades.
Oferta de Lanzamiento (X Aniversario) - Carrero Bianco
«Que vinte anos non é nada», cantaba Gardel… e dez? Carrero Bianco, cuarteto ferrolán coñecido pola súa personalidade heteroxénea con influencias do techno pop e a música disco, reedita o seu LP debut, Oferta de Lanzamiento (2010), cando se cumpren dez anos da súa publicación. Da man de Ferror Records, con Oferta de Lanzamiento (X Aniversario) (2020) temos a oportunidade de volver escoitar esa peculiar revisión de new wave, un cóctel explosivo no que cabe post punk, electro, synth pop e electrónica. E a por dez máis!
Costuras - Guadi Galego
Pasou só un ano desde que nos convidou a mergullarnos con ela e cos seus convidados especiais naquel Inmersión (2019), pero Guadi Galego está de volta. A cantautora cedeirense lanza Costuras (2020), unha colección de dez pezas —algunhas delas compostas hai tempo, outras durante os meses de pandemia— que supoñen a culminación da súa evolución folk; cancións que camiñan por terreos electrónicos, pero tamén deixan pegada na súa parte máis orgánica. Esas texturas únicas dentro do pop tinguen letras asociadas a distintas etapas da súa vida, desde a infancia ata a actualidade, dura e esperanzadora á vez; un percorrido percorrido onde a artista se amosa tal e como é, e para o que contou coas colaboracións de Paula Grande e as poetas Marina Oural e Antía Otero. Envolto nunha obra do pintor Ricardo de Barreiro, creada a modo de rasca para descubrila, Costuras é a representación sonora deses «remendos […] cos que vamos facendo cousas máis grandes. A vida está chea deses trozos que se van cosendo».
Tiña que saír hai meses, pero a alerta sanitaria na que nos atopabamos, deixou o proxecto no tinteiro… ata agora. Xa dispoñible nas principais plataformas dixitais, Punto de Partida (2020) é o debut discográfico de Quilma, banda de rock que, ás veces, coquetea co pop a través de estruturas pouco convencionais nas súas composicións. Gravado en KSF Studio (Illa de Arousa), o álbum presenta nove cortes que escapan do típico retrouso-estrofa, de rockpopgresivo en galego, envolto nuns audiovisuais espectaculares. Á espera de poder volver subirse aos escenarios, Quilma xa esgotou a primeira tirada do disco en formato físico, nunha semana!, polo que están a espera de recibir unha segunda.
Norteamericana Aquí - Luis Moro
Tres anos de silencio discográfico despois, Luis Moro volve a escena, por partida dobre! O cantautor galego presenta Norteamericana Aquí (Laboratorio Azul, 2020), álbum gravado durante os meses de febreiro e marzo entre as dúas cidades nas que reside actualmente, A Coruña e Xerez da Fronteira. Ao longo da decena de pezas que compoñen o álbum, Moro revista, adapta e castelaniza cancións de artistas norteamericanos contemporáneos que, de xeito especial, marcaron a súa carreira, tanto persoal como profesionalmente. Estilos como folk-rock, country-rock ou americana en temas de grupos como Calexico, Wilco Iron & Wine ou Devendra Banhart atopan asento na súa voz, entre as cordas do seu ukelele. Ademais, —por se o seu «aquí» do norte e “aquí» do sur foran pouco—, Luis Moro regálanos tamén Norteamericana Solo (Laboratorio Azul, 2020),a Cara B, ou «descartes» de Norteamericana Aquí; oito versións gravadas en acústico e en solitario que recolle como «peche» do álbum. Mentres que Norteamericana Aquí está dispoñible en Spotify e Bandcamp, Norteamericana Solo publicouse unicamente en Bandcamp.
Soulful Space - Transilvanians
Pois si que se fixeron de rogar! Transilvanians volve con Soulful Space (Liquidator, 2020), o seu novo LP (cuarto xa na súa carreira), gravado por Javi Vicalo en The Dub Yard (Vigo) e producido por Kino L-Cobra. Unha colección de 11 novas cancións onde atopamos tres versións moi dispares, seguindo as súas propias influencias, e oito composicións propias. Con Cara A e B e envolto en deseño do ilustrador Roberto Argüelles, o grupo vigués contou cun par de colaboracións: High Paw pon letra e voz a “The Power of Rocksteady”, puro soul caribeño cunha das voces femininas actuais da escena estatal, e Rubén López leva a outra dimensión a cover de” Is Anybody There?”, orixinal dos Cock Sparrer.
Leva un par de anos compaxinando a súa carreira como solista fingerstyle coa do seu grrupo ColorColour e, logo do seu primeiro disco en solitario, Iago Banet presenta agora o seu segundo traballo. Baixo un sinxelo Iago Banet. Un músico, una guitarra (2020), o artista recolle nove cortes: sete composicións orixinais e dúas pezas especiais con arranxos propios: o tema tradicional galego “Muñeira de Chantada”, e o clásico de Van Morrison “Moondance”. Instrumental e acústico, o LP amosa influencias dun amplo abano de estilos musicais pero, sobre todo, se centra no xeito de tocar de Banet, unha impecable combinación de fingerstyle, flamenco e mesmo golpeteo na caixa de resonancia.
Coa intención de recuperar o son retro-new-wave sen empregar ordenador nos seus directos, Nüca compón a través dunha repetición circular de sons de sintes ambientais e drones, acompañados estes por Drum Machines analóxicas. Oito meses despois do seu debut discográfico, Nüca volvía á carga con Niké (Ferror Records, 2020) segundo EP composto por catro cortes de temática variada que oscilan entre o IDM, a cumbia, a banda sonora de videoxogos, o trip-hop e a electrónica experimental. Titulado así pola diosa grega da victoria (e un gato!), o álbum conforma unha alegoría das catro estacións desordeadas, reflectidas tamén nos catro círculos que rodean o principal na portada, obra da artísta gráfica Teresa Ferreiro.
Quimera - Erin (Comando Katana)
Poucos días despois do seu cumpreanos, foi el quen nos sorprendeu cun regalo para nós. Erin El Trapicista, integrante do colectivo compostelán Comando Katana, vén de lanzar o seu novo traballo discográfico, Quimera (2020), un LP composto de 11 cortes nos que o artista defende como nunca a súa potente mestura de rap, reggae e dancehall. Dispoñible nas principais plataformas dixitais, para Quimera, Erin volveu contar con colaboracións estelares como a de Marian Ledesma, Lopes, Dirty Porko & Crie930 e L Stress, entre outras. O videoclip que acompaña ao tema “100 Fronteiras” foi gravado durante os meses de febreiro e marzo, entre as cidades brasileñas de São Paulo e Río de Xaneiro, xunto a DJ La Rock (España) e DJ Erry G (Brasil).
Gravado «alá onde os tileiros» entre marzo e maio, Xuntas (2020) é unha mostra máis dese folk misterioso que nos adentra na súa particular fraga sonora, entre foliadas barrocas, folk ácido e psicodélico, e mesmo ecos punk que saen do interior de cada un dos membros de Sangre de Muérdago. Ao longo das 11 pezas que compoñen o disco, somos partícipes da conexión entre maxia e natureza, a mesma que nós «forxamos no noso camiño pola vida mesma», e que cada vez é máis distante conforme pasa o tempo. Con épicas colaboracións como a de Steve Von Till (Neurosis) e Germán Díaz, escoitamos influencias de música antiga e clásica, folk inglés, e doses de psicodelia e punk que empoan as composicións «de bosques de fadas». Anotamos que, en menos dun mes no mercado,o LP colgaba xa o cartel de sold out…
Dioivo I - Dioivo
Hai catro anos debutaban con Dioivo I (2016), unha tirada caseira de 50 copias realizada por eles mesmos e, a primeiros de novembro, o dúo vigués de metal extremo lanzaba unha reedición especial. Editada polo selo malagueño DARKWOODS, Dioivo I (2020) inclúe, ademais dos seis cortes da edición orixinal, seis demos inéditas, entre as que se atopa a derradeira gravación coa súa banda anterior, Rust in Peace. E si, catro anos máis tarde, Dioivo volve colgar o cartel de sold out…
Irish Bouzouki Live - Fernando Barroso
Dispoñible só en plataformas dixitais e pouco tempo despois daquel Un Concerto em Coimbra (2020), Fernando Barroso volve soprender cun novo traballo discográfico, o terceiro deste ano. Gravado ao vivo a principios do mes de outubro no Auditorio José Vareda de Marinha Grande (Portugal), Irish Bouzouki Live (2020) recolle unha colección de catro pezas interpretadas só co bozouki irlandés.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.