• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XANEIRO 2021

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XANEIRO 2021
22 XANEIRO 2021

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

G7 - IGLOO

Este videoclip de Igloo móvese, e moito. Empezamos voando polas paisaxes de Catoira e Barro mentres os seus protagonistas dan mil voltas de campá e, cando cremos que o vimos todo, un faro de coche ilumina un escenario salvaxe onde Igloo vístese coas súas mellores galas animais. A realización do clip que acompaña a “G7”, tema recollido no seu último traballo discográfico Aquellos maravillosos daños (Ernie Records/A Alianza Rebelde Producións, 2017), corre a cargo de Lara Isabel Gómez. Baixo as máscaras de inspiración animal escóndense Beni Ferreiro, Juanma Fernández, Alberto Torres e Julián Rodríguez, que non dubidan en sacar as súas garras no escenario unha vez máis.

 

 

 

Algo Provisional - Cora Velasco

A principios de 2019, Cora Velasco facía públicos os seus máis prezados Sortilegios (Regalamúsica, 2019), sete cancións entre as que escoitamos unha versión do imprescindible pop “Arponera”, orixinal de Los Esclarecidos, e “La Fiebre del Oro”, dueto con Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos). En plena Xira Sortilegios, a cantautora pontevedresa presentaba un novo single-clip, “Algo Provisional”, un videoclip realizado polas mozas e polos mozos de ASAC Galicia AACC USC, coordinados por Julia González e Cristina Padín, como proxecto de fin de curso. Tratada con moito agarimo, “Algo Provisional” é unha obra onde Cora e a súa guitarra lembran, con nostalxia, a mini-Cora e as súas zapatillas de ballet.

 

 

 

Lobo Estepario - Cristian Silva

Gravado baixo o influxo do plenilunio dun un día de xullo, cando a lúa chea coincidiu cunha eclipse que tinguiu o ceo de sangue, “Lobo Estepario” é o un dos últimos single-clips de Cristian Silva. Un par de anos despois do seu último traballo, o libro-cd Manual Ególatra Básico (2017), o ecléctico artista de Vilagarcía de Arousa sorprendía cun sinxelo adianto do seu próximo álbum, que virá cargado da concorrencia de bases electrónicas, voces, sintetizadores, gaitas e frautas filtradas por pedais. No videoclip, rodado en Casa do Cadaví (Lestrove) por Óscar del Moral, Cristian Silva comparte protagonismo, e escenario, coas marionetas de Borja Insua, de Títeres Alakran, na obra audiovisual que completaba o lunario o sábado 17 de agosto de 2019.

 

 

 

 

El Rey Azotado - Presumido

Presumido estreaba “El Rey Azotado” como o primeiro adianto de Invierno (2019), unha das porcións que conformaban o seu último longa duración, Cuatro Estaciones (2019). Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo, o single mostra o lado máis intenso, visceral e á vez melódico do dúo vigués, con sons «sintéticos e desbocados» baixo as influencias de Nine Inch Nails, Massive Attack, M83 ou as producións máis electrónicas de Max Martin. O videoclip en branco e negro, asinado por Visaki Films, é un xogo de luces e sombras inquietante onde Tarci Ávila canta, cunha voz suave e cativadora, a historia do «rei que azoutaba os martes, sometido á túa lei de decretos cambiantes» ao ritmo dunha electrónica sutil e unha interpretación audiovisual maxestosa.

 

 

 

 

Ave Fénix - Maryland

É o corte que abre o seu Resplandor (Subterfuge Records, 2018), o seu cuarto traballo discográfico; o «máis valente», ata o de agora, de Maryland. “Ave Fénix” relata o que foi o devir da banda nos últimos anos a guitarrazo limpo, unha serie de encontros, desencontros e reencontros, sobre todo, cun mesmo. Aínda que presentaran o single cun lyric video, alá por novembro de 2017, Maryland lanzaba o videoclip oficial a través de Mondo Sonoro, unha peza audiovisual realizada por Martín Rodríguez e Isaura Docampo. O cuarteto vigués regálanos unha actuación gravada nas instalacións de Nave 108 (Vigo), cargada de primeiros planos e planos detalle, que Rodríguez e Docampo combinan con outros rodados en exteriores, uns onde Rubén Castelo (voz, guitarra) reafírmanos que «aquí están outra vez, nada esperan, nada saben, a Ave Fénix, rexurdiu…».

 

 

 

E velaquí tés completo o Videoclip Club: 

 

 

  noticias