• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TINCHO FERNÁN: «’CARA B’ XURDIU POR FACER ALGO DIFERENTE; É, SEN DÚBIDA, O MEU FAVORITO»

TINCHO FERNÁN: «’CARA B’ XURDIU POR FACER ALGO DIFERENTE; É, SEN DÚBIDA, O MEU FAVORITO»
12 ABRIL 2021

Cruzou case 10.000 km, dunha beira do Atlántico á outra, cruzou e quedouse porque «sentía que Galicia tiña moito máis que contarme e eu a ela tamén». Desde Montevideo (Uruguai), Tincho Fernán chegou á nosa terra cargado de talento e ilusión a partes iguais disposto a desenvolver a súa verdadeira paixón: a música; informático de profesión, o artista urugalego dedicou todo o seu tempo libre a perseguir ese soño, a facelo realidade.

Conseguíao en 2013, cando debutaba con Por el camino, e consolidábao uns anos máis tarde con Nunca es demasiado tarde (2016), dous traballos que sobordan optimismo a través de cancións enérxicas e alegres. Sempre inquedo, e logo de lanzar tres sinxelos durante e despois do confinamento sufrido en 2020, Fernán publicaba un novo álbum, Cara B (2020), o pasado mes de xullo. Máis dunha ducia de temas do seu repertorio gravados en acústico…«como nacen todas as cancións».

 

 

 

Naces en Montevideo (Uruguai), cidade onde medraches nun ambiente moi musical: a túa nai tocaba o piano, a túa irmá estudaba canto… o neno tiña que saír artista! Como lembras a túa infancia no país «charrúa» e cales foron os teus inicios musicais alí?

Tincho Fernán: «Así é, como o contas! Nacín e crieime rodeado de música, e duns incribles pais que insistían en que aprendeses algunha arte. Son o menor de tres irmáns, iso fixo que todo momento musical polo que pasaban eles, eu absorbíao de xeito natural.

Lamentablemente non aprendín piano, e é unha das cousas que hoxe en día me gustaría aprender. Aos 15 chegou a miña primeira guitarra a casa, e con ela a aprendizaxe, logo pasei pola percusión onde me metín de cheo nunha comparsa de candombe (ritmo afrodescendente de orixe uruguaia), que me regalou momentos incribles da miña vida, coñecín a moitísima xente e deume a oportunidade de acompañar a grandes músicos uruguaios e arxentinos.

Como anécdota, unha noite antes de virme a Galicia, estreouse nun teatro do meu barrio a miña primeira canción “En la rambla de Malvin”».

 

Os galegos adoitan escoitar falar sobre o camiño de Galicia a Uruguai, non tanto ao revés. Que che empurrou a cruzar o charco cara a terras galegas e que che levou a quedarte?

Tincho: «Cruzalo foi por causa dunha situación sentimental, fíxenlle caso ao meu instinto… fai moito que as cousas xa non son para toda a vida, e esa situación sentimental foi aos poucos transformándose noutra.

A verdade que me gustaría moito máis contarche por que quedei [risos]. Serei sincero, houbo un momento na miña estadía en Galicia que non tiña moito sentido quedarme, ni volverme a Uruguai. Pero novamente o instinto axudoume a tomar unha decisión máis que acertada, sentía que Galicia tiña moito máis que contarme e eu a ela tamén».

 

Ao vivir nunha beira do Atlántico e noutra, debes ter unha mestura de influencias ben curiosa. Cales dirías que son as túas influencias musicais de aquí e de alá?

Tincho: «Ao final un é o que come, seica… e isto non será a excepción! Non logro ser moi obxectivo neste caso, a verdade, porque, aínda que escoito moito ás miñas mestras e mestres da música, non os estudo como tal, nin os copio (ou iso creo), pero ao final do algoritmo adoita soar un aire a Drexler, Fito Páez, Los Rodríguez, Mercedes Sosa, Coque Malla, Iván Ferreiro, a miña amiga Georgina… e así podería seguir un bo rato.

E nin falar de todos os colegas da música de Galicia, que intento mantelos abrazados para estar unidos».

 

 

Es un pouco inquedo en canto ao musical, gústache probar cousas novas; incluíches a gaita nunha canción, atréveste co galego, fixeches un vídeo colaborativo... mesmo tocaches nun ascensor público en Vigo! Que che leva a experimentar, a xermolar esas inquedanzas musicais?

Tincho: «Como di Ruben Blades, “camiñando apréndese a vida”. Saír da túa zona de confort (frase de moda, seino) faiche máis forte e sobre todo saír da rutina. Non me arrepinto de nada do que fixen, pero si de todo o que me pasa pola cabeza e aínda non fixen…

Hai un par de anos metinme a desenvolver unha canle de Youtube chamado “Cantares por el Camino”, que recolle vídeos dunha soa toma na miña cabana-estudo, onde abro as portas aos meus colegas da música para gravar unha versión acústica das súas cancións, de balde, por aprender algo novo, por botar unha man, por coñecelos e por roubarlle ideas das súas cancións [risos] —non, isto último non— pero súmase á pregunta anterior.

Isto tamén é un experimento, que non se onde chegará, dígoo porque onte tiven a visita do mestre Guzmán, de Cánovas, Adolfo, Rodrigo y Guzmán, e gravouse un par de temas; onte coñecín a un ser marabilloso, humilde e con moito para ensinarnos, con centos de cancións incribles na súa mochila.

El tamén experimenta, cae na casa dun tal Tincho, uruguaio, a gravar unhas cancións sen saber realmente o posible resultado… el tamén experimenta porque non o vou facer eu! [risos]».

 

Debutas con Por el camino (2013), no que predomina a canción de interese social, con cantos á crise ou aos desaparecidos, pero tamén hai temas máis persoais, centrados no pasado ou no amor. Que houbo detrás deste salto discográfico en solitario, logo de tocar en grupos?

Tincho: «A culpa tívoa Mani Moure, de Los Toreros Muertos. Por ese entón, el púxose a tocar connosco e foi aos poucos impulsándome a que gravase as miñas cancións, que eran boas, isto dicíao el. Logo, o escritor Pedro Feijoo, que foi quen me produciu as primeiras maquetas que estaba nese momento escribindo, presentoume a Javier Abreu.

A partir de aí foi todo moi rápido e difícil; despois de varios anos facendo cancións había que elixir só un puñado de elas… Polo que se ve, o salto en solitario non é tan solitario, ao final estar ben acompañado é o máis importante».

 

 

Anos despois lanzas un segundo álbum Nunca es demasiado tarde (2016)... se a dita é boa?

Tincho: «O título dun disco debería de dicilo todo, ou polo menos, algo importante. E a verdade que sigo pensando en que nunca é demasiado tarde, sobre todo porque, moitas veces, o tempo pasa máis rápido que a toma de decisións, e iso non debe condicionarche para facer o que desexas».

 

A túa música adoita ser positiva, ten cores claras e esperanzadoras. Onde ou en que cousas da vida atopas ese optimismo?

Tincho: «Adoita ser o meu día a día. Como aclaración direi que me dedico a dúas cousas que me gustan moito, a informática como profesión e a música como paixón.

Logo creo que axuda moito estar ben acompañado; coa miña compañeira Nuria, que xa a coñecen, na última canción “Terra dos meus avós” saio cantando a dúo, é un ser marabilloso, cunha enerxía e actitude fronte á vida que axuda moito. Moita xente escribe cancións sobre unha relación tóxica, eu tamén o fixen, pero despois de pasar polo filtro “Buena Suerte” de Nunca es demasiado tarde, é como ver as cousas desde outra óptica».

 

 

Estamos a vivir unha situación do máis anómala, con todo soubeches sacar proveito e, confinamento mediante, lanzaches “Confesión Quimera”. Como é crear en tempos de pandemia?

Tincho: «Non foi realmente por aproveitar, eu escribo o que me pasa a min ou o que pasa ao meu arredor. No momento do confinamento tiña moitas ganas de escribir, pero sentía no peito un pé de elefante que non me deixaba sacar nada para fóra. Parecía que todo o que estaba a pasar era moito máis importante do que podía escribir, non tiña nada que achegar, vía que xurdían cancións esperanzadoras doutros artistas e non quería caer nese mesmo círculo (non por mal!).

A canción de “Confesión Quimera” xurdiu por mor duns de amigos que estaban a pasar ese confinamento sós, nun piso, cunha xanela interior e pensei que escribir unha canción de amor, baseada en que sempre hai un bo motivo para levantase e vivir… aínda que sexa unha imaxinación, era unha gran idea».

 

Ao fío, tamén «desconfinaches» “Ida y Vuelta”, un tema que tiñas gravado coa túa primeira banda en Vigo, e que levaba case 11 anos gardado no caixón. Por que este rescate musical? Foi froito da morriña de volver á «vella» normalidade o xa tiñas pensado este lanzamento?

Tincho: «A verdade é que buscando material antigo, algo que fago cada tanto, atopeime con ela —“é moi triste que esa canción non estea dispoñible”— e pareceume unha idea xenial para facer un vídeo colaborativo. A canción vai diso, de estar no mesmo camiño e de camiñar xuntos; daquela a xente nas súas casas estaba a desexar facer cousas, e máis participar nun vídeo musical.

Eu paseino moi ben armando o vídeo, uns risos! [risos]».

 

 

E, como non hai dous sen tres... en verán estreas un tema que se chama “Noches de San Juan”, un día moi especial para nós. Xa es máis galego que o lacón con grelos, non?!

Tincho: «Como dixo Gabriel García Márquez na radio, cando se preguntaron uns a outros de onde eran, se somos todos galegos!”.

Con “Noites de San Juan” pasou algo incrible; solicitei o permiso para facer unhas fogueiras na praia unhas semanas antes de San Xoán, co límite de 15 persoas que era o que se podía nese momento, nunca imaxinei que mo fosen a dar! Así foi como, nun ano no que non houbo fogueiras, nós fixemos as nosas e deixámolas inmortalizadas».

 

 

O teu traballo máis recente, Cara B (2020), recolle 16 cancións do teu repertorio reinterpretadas en acústico, «como nacen todas as cancións»... e como nace esta idea de repasar as túas orixes nun formato máis, digamos, íntimo?

Tincho: «Cara B publicouse en dixital en 2020, pero realmente gravouse en directo en 2018. Foron fabricados a man, artesanalmente, unha centena de discos soamente para a xente que foi a ese ciclo de concertos, que demos na sala El Contrabajo durante o verán de 2018.

Realmente Cara B xurdiu por facer algo moi diferente, esta vez si que saímos da zona de confort dun disco, á zona case de como nacen as cancións. É sen dúbida o meu favorito porque o fixen case todo eu, e creo que hai moitas perliñas que co tempo iranse lucindo cada vez máis».

 

O escenario da gravación en vivo foi nun mítico da escena viguesa, El Contrabajo, que é para ti este local e por que escollelo para un traballo tan especial como este?

Tincho: «A xente fai a un local moi diferente, teño unha amizade moi especial con Rafa “Neno Kin”, quen era nese momento o propietario. Logo pasou polas mans de Pablo, un grande tipo tamén e, lamentablemente, hoxe está pechado.

El Contrabajo non era a mellor sala, fisicamente falando, iso creo que o sabemos todos, pero para min si era a mellor; para min era a miña segunda casa, porque á parte de tocar moitas veces e pasar moitas noites inesquecibles alí, había veces que tamén ensaiaba alí, só coa miña guitarra; a canción de Vigo, que pronto sairá á luz en formato banda, naceu alí. Teño un gran recordo dese lugar!».

 

 

Estreabas 2021 coa canción “Terra dos meus avós”, dedicada con todo o agarimo aos teus devanceiros, da Pontenova (Lugo), que fixeron o camiño inverso a ti. Como foi o proceso creativo dunha composición tan persoal?

Tincho: «Todas son persoais, pero sen dúbida esta é moi especial. Foi como facer o camiño de volta que os meus avós non fixeron, unir unha chea de sentimentos; unha homenaxe tamén á miña curmá Cristina, que foi a que me ensinou a casa dos meus avós, a que me presentou no seu momento a todos os curmáns que teño na Pontenova.

Foi como abrir unha caixa de sorpresas que levaba toda a miña vida esperando que se abrise. A canción merecíase todo o agarimo pola historia, por iso tamén se fixo en galego, porque a canción merecíao».

 

Ademais de ser unha homenaxe aos pobos «perdidos» de Galicia... como cres que afectan este tipo de accións á hora de achegar a Galicia rural aos demais?

Tincho: «Afecta directamente. Manteño contacto constante cos curmáns do pobo e con xente marabillosa que coñecín aí, como Montse de Machuco, e eles están moi agradecidos de que se lembren do rural, da orixe, da historia. Bogo (Lugo) foi hai uns anos parte dun libro, dun curto dirixido por Jordana, e agora tocoume a min con esta canción».

 

 

A canción é en galego, traducida polo escritor, músico e produtor Pedro Feijoo, e na que colaboran tamén Nuria González e o gaiteiro Isidro Vidal. Como xorden estas colaboracións e como foi traballar xunto a eles?

Tincho: «A Pedro lieino rapidamente, como dixen antes foi o meu primeiro produtor e desexo que algún día nos volvamos xuntar nun estudio. Gustábame a idea de que a tradución se fixese non só desde o punto de vista lingüístico, senón tamén do musical, e el é o mellor.

Nuria, pobre, está liada para sempre, ata que se aburra de min e me abandone [risos].

E o de Isidro deuse porque el tamén está a gravar no de Suso Feixón, que foi o que se encargou das baterías e de todas as gravacións. Foi un pracer enorme traballar con el porque é deses compañeiros que suman sempre, que sempre achegan, en positivo, comparte o traballo, é parte da ecuación e iso axuda moito.

Despois a sobremesa vén da man de Federico “Federato” Asencio, outro urugalego que está na Coruña e se encargou de mestura, masterización e do vídeo, que é espectacular».

 

 

Agora, con todos os teus «pequenos» nas mans, como describirías a túa evolución musical desde o primeiro disco ata a túa última creación?

Tincho: «A verdade é que antes, cada vez que escribía algo en formato canción xa era válido e pasaba a formar parte do repertorio; iso foi cambiando cos anos, non é que me custe máis facer cancións, senón que poño varios filtros. O primeiro é se esa canción me achega algo ou poida achegar algo a quen a escoite, a mensaxe é fundamental, e logo veñen outros filtros que son máis do gusto por un estilo ou outro.

Tamén entendín que hai cancións que necesitan maduración por parte de ambas partes, de min e da canción; por máis que a idea, a temática, a letra, a rítmica, etc., sexa a que buscaba, entendo que me falta a min crecer para poder interpretala. E espéroa, non teño apuro.

Dentro de pouco sacaremos unha canción que fixemos hai un ano con Rober Carcos en Madrid, podiámola sacar hai un ano, pero agora soa mellor, coñecémola máis, e sabemos onde a queremos levar. Estou a compoñer con varios colegas, creo que é unha forma linda de aprender e compartir a música para sempre».

 

Falando de concertos, a volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estás a levar? Que poderemos esperar dun directo de Tincho Fernán?

Tincho: «Oxalá che puidese dicir algo disto, pero como dis, é complexo aínda… e non hai datas de concertos.

Espero que a industria musical non se peche só para uns poucos; xa era difícil antes, agora parece que seremos músicos de oficina. E iso que o 90% da nosa vida está nun escenario e compartindo isto que tanto amamos coa xente».

 

 

Non che imos facer escoller entre Galicia e Uruguai, pero temos curiosidade por saber as túas preferencias, así que aí vai un test rápido: Asado ou polbo á feira? Licor café ou grappamiel?

Tincho: «[Risos] En serio teño que elixir? Vou ser moi sincero, o máis importante dun bo asado, polbo, licor café ou grappamiel é a boa compañía. Sabe todo máis rico cando un mesmo está a gustito!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Tincho: «Desde que sacamos “Terra dous meus avós” a verdade é que escoito moita máis música en galego. Ultimamente veño escoitando moito a Guadi Galego, por exemplo; por Vigo tamén anda Pablo Lesuit, que creo que fai cousas moi interesantes. Sheila Patricia paréceme que fai as cousas moi ben, á parte do virtuosa que é».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Tincho: «100% sinceridade! A verdade é que escoito Spotify cando estou a traballar en informática; moitas veces elixo algunha playlist, outras déixoo de fondo, cando estou moi raiado con algún artista o poño en bucle, ou quero escoitar algún disco en concreto, pero realmente é unha música de fondo que me axuda a concentrarme no traballo».

 

  noticias