• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE ABRIL

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE ABRIL
16 ABRIL 2021

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Camerino - Boyanka Kostova

Cando queiras coñecer máis a un artista non lle fagas unha entrevista, visita o seu camerino… e Boyanka Kostova convidábanos a coñecer o seu como só eles saben. Dirixido e realizado por Xaime Miranda con fotografía de Iago Vilarinho, “Camerino” morde co seu «trap-trapeiro necesario»,a súa estética crepuscular de dudosa reputación e unha letra que describe que pasa cando entran no reservado. Seica as leiraz son cousas do pasado, os Boyanka vense rodeados de amigos vampiros agardando para ofrecerlles o que precisen,«un pey, unha birra, un sándwich mixto», vestidos con chándal de Moschino e facéndolles un chisco aos Emperor. Ameazan con ese sutil ritmo tropical, banda sonora dun adestramento de artes marciais, con catana incluiída, entre as tres paredes dunha pista de squash e, por enésima vez, Boyanka Kostova marcábase un hit a ritmo de trap en galego.

 

 

  

100 Fronteiras – Erin (Comando Katana)

Coas fronteiras internacionais aínda pechadas para moitos, aí está el para abrírnolas aínda que sexa a través da pantalla! Tras meses en silencio audiovisual, Erin (Comando Katana) lanzaba “100 Fronteiras”, un single-clip que é agora parte do seu último traballo, Quimera (2020). Gravado na liberdade dos meses de febreiro e marzo de 2020 entre as cidades brasileiras de São Paulo e Río de Xaneiro xunto a DJ La Rock (España) e DJ Erry G (Brasil), o rapeiro compostelán presentaba un corte que canta ao intercambio cultural e artístico mentres, da man local de Marlon Andrade, convidábanos a descubrir a Quebrada de Embu das Artes, considerado como o segundo barrio máis perigoso de São Paulo, pero «repleto de amor, cultura, arte e xente marabillosa».

 

 

 

Este rincón - Malkeda

«É unha canción diferente, distinta ao que fixemos ata o de agora, e cun vídeo que levamos meses preparando». Así presentaba Malkeda o seu novo material audiovisual, “Este Rincón que, ademais, servía como adianto do que está por vir. Gravado por Pancho Suárez de Lis en Planta Sónica (Vigo) e masterizado por Robin Schmidt en Karlsruhe (Alemaña), “Este Recuncho” marca un antes e despois na traxectoria da banda metal pontevedresa; un corte que mostra unha evolución tanto no seu son, como na súa produción a través de riffs, voces e melodías máis diversificadas, envoltas nunha atmosfera escura. Con guión e edición de Guille Lavía (guitarra), o clip ensina unha superposición de imaxes que fusiona unha actuación da banda con refachos deles mesmos vivindo unha situación desesperada entre as paredes dunha fábrica abandonada, «perdendo a vida nesta cadeira de brazos, acabando a vida neste recuncho».

 

 

  

Inglorious Mind - Agoraphobia

Confesaron que, durante o confinamento de 2020, sentiron todas as caras de Unaligned (dotbeat!, 2019), unha delas foi a sensación de ser invisibles entre tanta escuridade, de afastarse da necesidade de existir custe o que custe. Máis alá do ego e a loita artística polos «gústame», Agoraphobia atopou, e sentiu, o esquecemento dos seus «compañeiros de guerra», os técnicos de directo. Así, a banda feminina de rock lanzaba o videoclip de “Inglorious Mind”, tema recollido nese último LP, non só como homenaxe e recoñecemento ao seu traballo, senón como berro de axuda económica «que é o que toca neses momentos» e, desafortunadamente, segue a tocar. Dirixido por Jacobo Areal e protagonizado por Luís Zahera, os beneficios íntegros tanto das reproducións do vídeo como da venda da canción en plataformas dixitais van destinados a PEATE (Plataforma Estatal de Asociacións de Técnicos do Espectáculo) para que poidan constituírse legalmente como asociación «e, ao fin, ter voz por si mesmos».

 

 

  

PanteraBABYKATZE

Dous días despois de lanzar “Pantera” nas principais plataformas dixitais, BABYKATZE descubría o videoclip que a acompaña na Noite dos Videoclips do XVII Festival de Cans. Presentado como segundo single-clip do seu último traballo discográfico, BLUT (2020), a obra audiovisual dirixida por Jairo Moreno é todo un ritual máxico con ela como protagonista, vestida por Jandro Villa e Culebra Studio baixo a dirección coreográfica de Jazmín Ortiz Ares. Etérea e sorprendente, nunhas paisaxes naturales infinitas onde ceo e terra se dan a man, BABYKATZE fainos partícipes do seu universo onírico, tecido con capas electrónicas, sintes e samplers que se mesturan co hipnotismo da súa voz.

 

 

 

 

  noticias