GARZA: «A MÚSICA, COMO LINGUAXE UNIVERSAL QUE É, TAMPOUCO DEBERÍA EXPLICARSE DE TODO»
Adrián Charlín é un vello coñecido no panorama do rock galego. As súas baquetas tocaron as baterías de Malkeda, La 4 Pared, Primrose ou Undertown… ata que as colgou coa intención de crear o seu proxecto de música electrónica en solitario e de experimentar como produtor. Deste xeito Garza deuse a coñecer a finais de 2018, baixo outro pseudónimo, cunha combinación de diferentes estilos, desde o experimental e noise ata a música club máis transitable. Aínda que os seus xéneros máis recorrentes sexan o ambient, trip hop ou IDM con pinceladas de progresivo, Garza tenta crear unha música de atmosferas que xogan constantemente coas intensidades.
Alborada (Ferror Records, 2021) é o seu novo EP, unha pequena historia da súa infancia en clave de música instrumental ao longo de seis pezas que, como un percorrido hipnótico e experimental, materializan un fondo sentimental e evocador coa infancia e os soños en primeiro plano.
A RAG define «garza» como unha ave da familia dos ardeidos, pernilonga, co pescozo e o bico tamén longos e un peculiar penacho de plumas na parte posterior da cabeza, que vive preto dos ríos». E ti, como definirías Garza?
Garza: «O único que teño da garza é que tamén son pernilongo e, como ela, solitario e bastante nocturno. O certo é que é unha ave fermosa. Los galegos temos a sorte de vivir xunto a estas aves tan extraordinarias. Encántame que este proxecto leve este nome tan bonito».
Aínda que nós che coñecemos baixo Blackend Electro..., foi só un cambio de nome ou tamén de estilo?
Garza: «É máis un cambio de nome. É certo que Alborada é un cambio de estilo, tiña ganas de editar algo máis tranquilo, pero segue a haber espazo para as cousas mais cañeras como as de Blackend. Digamos que evolucionou a música e tamén o nome; non me van saír dous discos iguais, pero o nome a partir de agora será Garza de maneira definitiva».
Logo de anos detrás da batería de bandas como Malkeda, La 4 Pared, Primrose ou Undertown, «colgaches» as baquetas para liderar o teu propio proxecto en solitario. Dirías que foi evolución natural ou houbo outra razón que queiras compartir?
Garza: «Foi unha evolución totalmente natural. Primeiro porque facer música electrónica era unha inquedanza que viña de anos atrás, e quería darlle forma a isto. E, segundo, porque cansei un pouco de tocar sempre os mesmos estilos.
Son unha persoa musicalmente inqueda, e cando sentaba detrás da batería cos grupos de rock, xa non me sentía a gusto, xa non desfrutaba, e iso que tocaba con músicos e xente estupenda. Ás veces boto de menos darlle caña á batería con algún grupo, pero só para desafogar.
Estame gustando tanto facer isto de Garza que non contemplo, nun futuro próximo, comprometerme outra vez como batería en grupos, pero quen sabe!».
De que xeito engarzas (non, a elección do verbo non é casualidade...) elementos analóxicos e dixitais á hora de compoñer? Segues algunha premisa ao utilizar un tipo ou outro, ou escoitas o que che «pide» o tema?
Garza: «Si, escoito o que me pide o tema e vou improvisando; improvisar para min é unha parte fundamental na música. O marabilloso da música electrónica é que os sons son literalmente ilimitados, e non hai que preocuparse porque sexa máis ou menos “real”, porque non se pretende iso.
Compoño con dous sintetizadores, un dixital e un analóxico, así que teño cuberto un amplo espectro de son. Iso non quita que, ao mellor, un tema pida unha guitarra de verdade, como en “Ondas”, onde hai guitarra real tocada por un guitarrista. Nos demais instrumentos xa non son tan puntilloso… gústame a mestura de sons».
Baterías electrónicas, teclados, sintes… sabemos das túas «armas» de composición, pero as de inspiración?
Garza: «Pois penso que non digo nada novo se digo que a inspiración vén de mil sitios en mil formas: da música que escoitamos, dos libros, dos filmes, da natureza, das persoas que nos rodean e, por suposto, de estar nun estado de ánimo propicio para facer música».
Aínda que, en xeral, a túa música vai desde o experimental ata o noise, pasando polo ambient, trip hop ou IDM, tes algunha referencia á que admires ou che inflúa en particular?
Garza: «Sei que vai soar moi estándar esta resposta, pero… escoito de todo, literalmente. Teño unha influencia grande do rock progresivo dos 70 e tamén do posrock mais actual, do rock alternativo, pero tamén dos ritmos latinos, da electrónica, do techno, do pop, do folk... Son unha esponxa para os ritmos, estruturas, sons, quédanme na cabeza de xeito natural».
As túas primeiras creacións teñen tinguiduras algo máis escuras, sons máis pesados e industriais, con todo, as máis recentes semellan máis lixeiras, íntimas, case etéreas. Como describirías a evolución do teu son ata acadar o que che define actualmente?
Garza: «Alborada foi algo que quería facer para saír da zona de confort. Quería facer unha electrónica máis baseada nos detalles e nas intensidades, no pincel fino. Aínda así, penso que segue a ser escuro en moitos sentidos, con momentos de luz, pero sempre tirando cara a esas progresións máis escuras; hai momentos para todo, volverán os sons máis industriais e transo en futuros temas, de seguro!».
En xaneiro lanzabas “Winter Trees”, un single-clip adianto no que plantabas o teu set en medio dun bosque. Que procurabas con este contraste entre os sons electrónicos dos sintes e os orgánicos da natureza?
Garza: «Ese tipo de temas están inspirados totalmente nos meus paseos á beira do río Umia; con ese vídeo esperaba darlle visibilidade non só a música, senón a aquilo que a inspirara, á natureza mesma; de feito está gravado alí mesmo, por onde daba os paseos.
A música ambiental samplea moito os sons propios da natureza e é algo marabilloso. Árbores e río no inverno... En Galicia, é algo inspirador».
E, poucos días despois da chegada da primavera, podiamos desfrutar de Alborada (Ferror Records, 2021) ao completo, un EP que describes como «pequena historia da miña infancia en clave de música instrumental». De onde vén esta regresión á infancia? Por que agora?
Garza: «Penso que as imaxes da infancia son pensamentos recorrentes en moita xente. Eu lembro moito a vida de pequeno na costa, casa mariñeira, os meus avós, as alboradas, o mar. Coas súas cousas boas e as súas cousas malas.
Cando compuxen o disco penso que fixen un exercicio de sinestesia inconsciente desas lembranzas, canalizadas a través da música; ademais, sendo neno tocaba o tambor en bandas de música, facendo alboradas por toda Galicia, penso que esas cousas marcaron quen fun e quen son en parte.
É certo que falar dun concepto do disco sendo instrumental é difícil, pero a música, como linguaxe universal que é, tampouco debería explicarse de todo. Hai que deixar [oco] á imaxinación».
Alborada é unha colección de seis cortes que pintan o teu propio imaxinario galego, cun fondo sentimental e evocador. Como foi traballar sobre un mesmo concepto durante todo o disco?
Garza: «Foi fácil porque durante as semanas de composición o meu estado de ánimo era o ideal para deixarme levar polas lembranzas, para compoñer de forma constante sen case interrupción. A verdade é que deixei que a música falase primeiro e, despois, dáballe sentido ao que saía de dentro. Foi un proceso un pouco á inversa do que se supón que é traballar nunha obra; é como ver a túa personalidade a través da música unha vez feita».
Ao fío do proceso compositivo, de que xeito afectou a crise sanitaria e todo o que esta implica, e aínda implica, á hora de crear e de seleccionar o repertorio?
Garza: «A verdade é que durante a corentena non compuxen, ao revés que moita xente, pero aproveitei para estudar algo sobre produción».
“Cravos” é o sinxelo máis recente do EP, para o que contaches co mestre, músico e escritor galego Manuel Seixas (Korosi Dansas, Neuroband), na letra e na voz. Como xurdiu a colaboración e como se desenvolveu o proceso creativo xunto a Seixas?
Garza: «A Manu coñézoo desde hai moitos anos. Os dous temos moitos gustos en común, tanto na música que escoitamos como na música que facemos. É sinxelo traballar con mentes tan abertas como a del. Mandeille o tema e penso que ese mesmo día ou ao seguinte xa tiña unha idea clara. Non houbo que cambiar nada, nin case falar do proceso, saíu todo tan fácil que os dous quedamos alucinados co resultado, deixando as portas abertas a máis tolemias deste tipo!».
Tamén escoitamos arranxos de David Falcón en “Ondas”, a voz de Xackal en “Galician Frecuencies”… confesa, escolleron eles os temas ou foron eles os «escollidos»?
Garza: «Mandeillos eu! Pero poderían colaborar en calquera dos temas porque son músicos tremendos. Adaptaríanse a calquera dos temas, facéndoos incribles de seguro, igual que Manu.
O de “Ondas” ao ser instrumental e tan longo pedía algo máis, e aí están as guitarras de David; e o de “Galician Frecuencies” mandeillo a Xackal porque a primeira parte do tema me pedía unha voz, e como o tema é medio new age, que nos gusta moito aos dous, pois foi para diante a idea».
Es parte de Ferror Records, familia discográfica en constante aumento, que nace co propósito de dar saída ás propostas musicais e culturais desde a militancia e a autoxestión. Como chegaches ata eles e como está a ser a experiencia?
Garza: «A experiencia non pode ser mellor. Serxio e Fernando están atentos a todo constantemente; o trato pola súa parte é de dez. Cando lles mandei os temas de Garza gustoulles a proposta, dixeron que era moi orixinal e querían tela no selo. Para min foi un regalo que aparecesen na miña vida e que lles gustase o que fago».
A volta aos escenarios de xeito regular está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estás a levar?
Garza: «Teño ganas de ir a concertos e, por suposto, de tocar. É duro para calquera músico sacar un disco e non poder presentalo ao público en concerto».
Os teus directos son recoñecidos por ser espectáculos atractivos a nivel sonoro e visual, que poderemos esperar do primeiro concerto de Garza na «nova» normalidade?
Garza: «Gustaríame presentar o EP e algúns temas máis “bailables” que teño preparado só para directo».
Falando dos concertos, poderías describirnos como é o teu live set, todos eses aparellos que te acompañan no escenario? Es máis de hardware ou de software nun portátil? Máis analóxico, máis dixital…?
Garza: «Son máis de hardware. Podería levar gravado máis cousas no ordenador, pero a maioría das cousas fágoas in situ cos sintetizadores. Apóiome no ordenador para lanzar algunhas cousas que me son imposibles de facer a min só en vivo. Levo a batería electrónica e tres sintetizadores, pero ben, o set pode cambiar dun momento a outro. O ordenador dá moitas posibilidades e máis liberdade no escenario».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Garza: «Hoxe estiven escoitando o novo disco de Chicharrón, Unha fogueira intacta (Ferror Records, 2021), e pareceume magnífico. E falando dos que colaboran en Alborada, Xackal co seu último EP Nai Fika (2021) é tremendo, e David Falcón tamén vai sacar EP agora, que é boísimo.
En Galicia hai miles de bandas boísimas, de todos os estilos; sen saír de aquí podemos escoitar de todo e cunha calidade brutal».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Garza: «Non uso Spotify para escoitar música, pero de ter, tería de todo, sobre todo electrónica porque é o que escoito ultimamente».