LA FÁBRICA DE CHOCOLATE CLUB. DIRECTOS XACOBEO’21, VOL. 2
Seguimos recorrendo Galicia de sala en sala con Directos Xacobeo'21. Lembrade que as gravacións, producidas por Clubtura, se publican todos os sábados na nosa canle de YouTube tirando partido dunha recente funcionalidade da plataforma: a división en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Tamén no propio vídeo aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
LA FÁBRICA DE CHOCOLATE CLUB
Leva máis de 15 anos co «enreixado subido», máis de15 anos sendo o punto de encontro para vigueses, (e non tan vigueses!) ávidos desfrutar de boa música en directo. Situada na zona de Churruca (Vigo) foi escenario de artistas nacionais e internacionais, grazas á súa ambiciosa programación con máis dun centenar de concertos anuais, no que tamén teñen cabida artistas emerxentes, bandas independentes e DJs residentes ou visitantes. Imprescindible na noite viguesa, xa o din eles, «hai que achegarse á Fábrica para tomar o pulso á cidade».
Dirección: Rogelio Abalde, 22, 36201 Vigo (Pontevedra)
Web: https://fabricadechocolateclub.com/
TRIÁNGULO DE AMOR BIZARRO
Formaron a banda en 2004, na Coruña, mais a súa explosión prodúcese coa presentación do seu primeiro disco, homónimo, en 2007. A partir de aí o grupo, actualmente formado por Isabel Cea (baixo, voz), Rafael Mallo (batería), Rodrigo Caamaño (guitarra, voz) e Zippo (teclado, guitarra), tivo unha traxectoria imparable; o seu gran éxito levounos a realizar xiras por México e Chile, así como a gañar varios premios MIN. As súas letras mordaces e sons explosivos son a combinación perfecta, así que non é de estrañar que a revista Rolling Stone os incluíse como un dos 10 grupos imprescindibles da escena rock en España.
KINGS OF THE BEACH
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Chamándose Kings of the Beach… tiñan que haber nacido un verán! Foi no de 2013, en Vigo, cando Adrián Rodríguez (guitarra, voz), Yago Guirado (baixo, voz) e Samuel Otero (batería) decidiron arrexuntarse para formar unha explosiva mestura de rock, punk, garagee surf. Avogan por ritmos salvaxes, rápidos, que destacan nuns directos divertidos, apoteóticos, cheos de suor e golpes. Curtidos nos escenarios de festivais como O Marisquiño ou o SXSW South by Southwest (Texas), este trío está máis que disposto a reinar no panorama musical actual.
GRIMA
Desde Pontevedra para o mundo chegan Facundo Prado (batería) e Laura Villar (baixo, voz) para facernos convulsionar a ritmo dun punk progresivo con tinturas de grunge e metal. Este frenético dúo —sí, son un dúo, pero a súa enerxía fará que soen como cen helicópteros ao lado dos teus oídos!—comezou en 2016, sacaron o seu primeiro disco A Ver A Qué Sabe (2018) e aínda tiveron tempo para quedar finalistas na categoría Metal dos VII Premios Martín Códax da Música 2020. Na actualidade, GRIMA está argallando o seu segundo álbum que, pode presumirse, terá unha saída espectacular.