KRAZZY KRAY. DIRECTOS XACOBEO’21, VOL. 3
¡Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididos en en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
KRAZZY KRAY
Alá por 2018, Gustavo Rey decidiu facer da súa paixón pola música o seu modo de vida. Deste xeito xurdiu a Krazzy Kray, unha sala na que se respira variedade musical e que rende tributo á famosa orquestra cambadesa, homónima, na que tocou o seu avó. Na rúa Castriño (Cambados), por este pequeno local cargado de encanto xa pasaron artistas galegos actuais como Ortiga, e internacionais como o grupo británico The Achievers. Os pósters pegados no teito e as paredes de madeira e ladrillos fan da Krazzy Kray un lugar do máis curioso e, á súa vez, acolledor, ideal para desfrutar da música ao vivo.
Dirección: Calle Castriño, 8, 36630 Cambados (Pontevedra)
Facebook: https://www.facebook.com/krazzykray/
THEE BLIND CROWS
Nacen en Pontevedra en 2008 como un dúo pero, a medida que o proxecto vai tomando forma, incorporan un terceiro corvo para o seu décimo aniversario, polo que actualmente o grupo confórmano Alberto «Al» (guitarra, voz), Diego «Dddelirio» (batería) e Samu Crow (baixo, coros). No musical, logran encaixar á perfección dous mundos coma son o blues e o punk, creando sons frenéticos e presentando uns directos nos que o público non deixa de mover o esqueleto. Con bastantes traballos xa ás súas costas, ademais dunha chea de concertos ao longo destes anos, o grupo segue disposto a seguir furando as orellas do público… por moitos anos máis!
SINESTESIA
Desde Santiago de Compostela chegan Jacobo García (baixo), Lucas de Centi (batería, marimba, vibráfono, lira), Manuel Gómez (teclados, guitarra, coros) e Tomás Porteiro (guitarra acústica, eléctrica, voz). Levan doce anos en activo, atópanse consolidados nos directos e polo camiño levan xa tres EP e dous discos, sendo o seu último traballo o EP Aquí y ahora(2018). O grupo transita os camiños do rock, o blues e o folk rock, aínda que nestes últimos anos as súas composición tinguíronse de matices country e mesmo pop. Queda claro que Sinestesia presenta toda unha gama de cores musicais, e que todas lle favorecen.
ESPIÑO
O compostelán Alfonso Espiño leva máis de 25 anos activo no mundo da música e, logo de pasar por diversos grupos, como Contrastes, en 2016 decide iniciar unha nova etapa musical en solitario, moito máis persoal. Nesta andaina elabora cancións pop rock, como el di «de toda a vida», pero con influencias da psicodelia que sempre adorou, pinceladas de rock progresivo, pingas de folk rock… e sempre en galego! Gusta de rodearse dun bo equipo humano para acadar unha experiencia aínda máis completa nos escenarios, e que o seu público se mergulla nese mundo de abstracción.
BAKIN’ BLUES BAND
Comezaron facendo unhas jams nalgúns garitos da Costa da Morte, alá polo 2008, mais o proxecto musical foi crecendo e crecendo. Ale Casquero (piano), David «Tato» Vázquez (guitarra), Fran Sanz (baixo), Javier Turnes (guitarra, voz) e Lucas Ferrández (batería) son os integrantes principais desta banda compostelá de formato variable, xa que non dubidan en sumar membros se a ocasión o require. Levan máis dunha década impregnando cada recuncho de Galicia e de Portugal co seu acoustic & electric blues, un son que configura atmosferas relaxadas e positivas, xa o din eles o blues é «unha sensación antes que un estilo».