XURXO FERNANDES: «GALICIA É MÁIS MEDITERRÁNEA DO QUE SE EXPLICITA»
Creador e artista, o coruñés Xurxo Fernandes conta cunha extensa traxectoria no campo da etnografía das músicas de raíz; unha paixón coa que creceu, a través do baile e do canto, disciplinas nas que se formou tanto de xeito autodidacta como mediante o contacto con fontes de sabedoría popular. Hai máis de 20 anos que se dedica a investigar e recoller por aldeas de Galicia… ata chegar aos países do antigo Imperio Otomán.
E que relación pode haber entre a Galicia atlántica e, por exemplo, a Israel mediterránea? Grazas a un arduo traballo de campo, impulsado desde unha curiosidade incansable, Fernandes descobre unha fonda cosmovisión da tradición oral galega e a sefardí, e plásmaa en Levaino!, o seu primeiro traballo en solitario. O LP representa esa dualidade, como un revelador xogo de espellos no que Galicia e Oriente se reflicten, en 12 pezas recollidas polo propio artista en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv, unha ducia de paisaxes sonoras que manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.
Sorprende que con catorce anos as túas inquedanzas polo baile e o canto tradicionais da nosa terra impulsárante a percorrer Galicia para nutrirte da sabedoría popular. Como sendo tan novo decides mergullarte na música de raíz e iniciar unha investigación tan profunda?
Xurxo Fernandes: «O interese pola lingua foi o que me abriu as portas da lírica popular. Comecei entrevistando a xente maior por ver as diferenzas dialectais que presentaban segundo a súa orixe, primeiro meus avós, logo a veciñanza e así fun abrindo campo. Logo fun gravar á bisavoa dun compañeiro de clase e cadrou que tocaba a pandeireta. Alí, en Entrecruces, comezou esta historia».
Máis mérito ten aínda o feito de que esa investigación se prolongue ata o día de hoxe, con xa máis de dúas décadas de traballo… e polo camiño ampliaches o rango xeográfico, chegando mesmo ata o antigo Imperio Otomán! En que intre ou de que xeito comezan as túas inquedanzas coa cultura sefardí, unha cultura afastada polo menos xeograficamente, da nosa?
Xurxo: «Do mundo sefardí fascináronme moitos elementos que converxen nunha cultura tan espallada. Para comezar a lingua, conservada durante máis de cincocentos anos en absoluta minoría e sen gozar de ningún recoñecemento institucional. Un idioma que axuda a día de hoxe a contextualizar a historia das linguas peninsulares e serve mesmo de testemuña á hora de coñecer a evolución fonética destas linguas; un verdadeiro tesouro. Por outro lado está o fenómeno social sefardí, un exemplo de como pode haber unha convivencia fluída, con intercambio, e ao mesmo tempo manter unha identidade naturalmente. Hoxe en día nós xa vivimos en minoría cultural fronte á globalización, algo poderemos aprender deles.
Musicalmente, podemos dicir que compartimos tradición con eles, temos en común o romanceiro panhispánico que permite que cante a mesma historia unha muller de Añobres en Muxía que outra de Esmirna en Turquía. Incrible».
Fuches en certo modo autodidacta e noutro aspecto proclamas que aprendiches a cantar e a entender a música «grazas á xente que me abriu as portas das súas casas», algo fermoso. Como foi, e segue a ser, a acollida destes «profesores inesperados»?
Xurxo: «Pois unha acollida con respecto e admiración mutuos».
Sempre escoitamos o «produto final» do laborioso traballo de campo, pero, como adoita ser o traballo previo á recollida?
Xurxo: Moi importante porque vai ser o que defina o resultado».
Para falar da cultura sonora galega tes afirmado que «en contra do que parece, este non é o norte, senón o Mediterráneo». Explícanos un pouco este trabalinguas xeográfico.
Xurxo: «É moi sinxelo; a nosa tradición musical, o que se cantaba nas aldeas estando viva a cadea de transmisión oral, está máis emparentada co sur que co norte. Desde Galicia, baixando pola Ruta da Prata, ata o Magreb como parada para facer unha cala na súa cultura musical, podemos atopar durante todo o traxecto analoxías musicais que non se atopan cando ollamos para arriba. Galicia é máis mediterránea do que se explicita».
Arrexúntaste a outro gran apaixonado da investigación etnográfica como é Quique Peón para formar Radio Cos, con quen percorres escenarios de países como Inglaterra ou Escocia. Como nace a idea de formar este grupo «etnomusicolóxico»?
Xurxo: «Para min naceu da maneira máis fermosa en que se pode concibir un proxecto, sen ter a pretensión de facer un proxecto. Xuntámonos para cantar polo puro pracer de compartir unha mesma visión musical e, co paso do tempo, cocéndose a lume brando, naceu Radio Cos; non foi premeditado».
Neste proxecto creades composicións a partir de sonoridades recollidas por todo o país. Sendo dous o proceso compositivo volveuse máis doado ou ao revés?
Xurxo: «As decisións que se han de tomar entre dous sempre son máis complicadas. A aprendizaxe durante o proceso é, sen dúbida, maior».
Para reivindicar a música sefardí creas outro proxecto musical que lideras en solitario, aínda que cunha banda de músicos detrás: Jako el Muzikante, e o seu libro-disco Ven al Luna Park (2019), inspirado nos café amán. Non teñen algo de foliadas multiculturais os café amán? Poderías explicarnos que son?
Xurxo: «Jako el Muzikante rescata a música dos baixos fondos do Imperio Otomán, eses fumadoiros de haxix clausurados a finais dos anos 20 do século XX e que foron o primeiro lugar de encontro multicultural, multirrelixioso e interétnico onde se daban cita cidadáns de diferentes clases sociais e identidades sexuais; todo isto nun ambiente urbano.
Sen dúbida as ruadas no rural galego eran igualmente un espazo para a liberdade e a ruptura de convencións sociais, así que algo teñen en común».
As voces din que Jako é un pillabán… pero cóntanos, quen é realmente este personaxe?
Xurxo: «Jako é un buscavidas, un personaxe que malvive furtando o que pode aos bébedos clientes que escoitan as súas cancións nun deteriorado e clandestino fumadoiro de haxix nun decadente Imperio Otomán que se desfai en anacos».
Non deixa de ser curioso que un artista galego acabe interpretando este tipo de música, como foi a acollida por parte do teu público?
Xurxo: A xente reacciona con sorpresa ante unha realidade tan atada á nosa historia e practicamente descoñecida. Esa sorpresa inicial convértese nunha fascinación por unha musicalidade tan oriental e recoñecible ao tempo. Un feedback totalmente positivo».
En 1952, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax veu a Galicia para recompilar os sons do rural galego, e 50 anos despois ti entrevistas ás mesmas informantes. Que diferenzas atopaches entre as recollidas por Lomax e as túas? Destacarías algunha?
Xurxo: «O feito de poder entrevistar as mesmas mulleres cunha diferenza de cincuenta anos, desaparecido o seu contexto musical e nunha fase da súa vida totalmente diferente, permitiume contextualizar outros traballos de campo e entender que algunhas verdades que eu tiña como absolutas non eran máis que o resultado da interacción entre un mundo presente e outro desaparecido».
Daquela recollida nace Xunta de Corcubión (2020), peza con Pandeireteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON) que presenta dúas caras da nosa terra: da Galicia do loito á Galicia desinhibida, desde a convención social ata o politicamente incorrecto. Por que reflectir e mesturar estas dúas facetas da nosa terra?
Xurxo: «Penso que sempre se remarca a parte estética da música tradicional e se esquece a función social que tiña, moi importante igualmente. A ruada como espazo liberador cos seus propios códigos de conduta, a ruptura das normas nun lugar no que a súa poesía é atemporal por natureza e a performance colectiva permanentemente obviada nas recreacións, parece que merecían un pouco de atención».
Vés de presentar ante o mundo un novo proxecto musical persoal, Levaino! (2021). Neste conflúen, por fin, as túas dúas vertentes musicais por excelencia, a música de raíz galega e a sefardí. As cales, confesas, teñen máis en común do que asemellan. Como se chegan a encadear ambas culturas?
Xurxo: «Primeiro pola súa orixe, sendo que os sefardís son descendentes dos xudeus expulsados da Península Ibérica entre os que había poboación galega. A súa lingua, o ladino, ten palabras en galego. Ademais, ambas culturas comparten esa tradición oral mediterránea da que falabamos anteriormente. E, finalmente, eu mesmo son unha ponte porque a miña experiencia vital levoume a estudar estas dúas realidades musicais».
Por que a pandeireta como base destas composicións, ademais de representar o punto de encontro entre as dúas tradicións?
Xurxo: «A pandeireta é outro nexo, outra ponte que nos conecta con oriente».
Para realizar o disco pasaches por Tel Aviv ou Samakov, pero tamén por Coristanco, entre outros lugares. Por que elixiches eses puntos xeográficos concretos, que conexión tiñas na cabeza que che empurrou a visitalos?
Xurxo: «Logo de entrevistar a unha muller nunha residencia de anciáns en Tel Aviv coñecín a un tío do seu xenro emigrante de Samakov, na cidade de Yaffo. A Coristanco cheguei grazas a que meu compañeiro de clase tiña unha bisavoa que tocaba a pandeireta. Todo coincidencias. Ou non…».
Neste novo traballo contas coa axuda dunha virtuosa banda de músicos coma Pedro Lamas (gaita, saxofón), Rafa Morales (baixo), Roberto Comesaña (teclados), Rubén Montes (percusión) e as PAN.SEN.FRON. Que achegaron ao disco cada un deles e como se adaptaron a estas sonoridades tan novidosas?
Xurxo: «O resultado fala por si mesmo, podo dicir que os músicos fixeron un traballo impecable grazas a que Pedro Lamas é un director musical fóra de serie».
Cun proxecto tan singular coma Levaino!, de seguro a selección dos músicos tivo que ser moi estudada e difícil de levar a cabo… foi así ou as pezas encaixaron á perfección rapidamente?
Xurxo: «Moi difícil foi porque a esixencia era moita, pero efectivamente as pezas encaixaron. E, se me permitides unha cuña publicitaria, metede aos rapaces a estudar música, e albanelería tamén».
Na canción adianto de Levaino!, de título homónimo, xa se podía intuír o que sería o resto do disco. Como se produce a escolla deste tema?
Xurxo: «Quizais é a peza que resume e concentra a idea do disco; fala de conflito de identidades, fala de tradición e nos leva a ese exotismo oriental no que de súpeto nos podemos ver reflectidos».
Este single vén ademais coa compaña dun videoclip producido por Kaito Estudios e dirixido polo destacado Xaime Miranda. A gravación xira en torno a un parto complicado… Que pretende transmitir esta obra audiovisual?
Xurxo: «Non creo que sexa especialmente complicado este parto, pero como calquera nacemento non está exento de esforzo. Ao final, un nacemento sempre é positivo mesmo cando non haxa sorrisos polo medio.
A obra aborda a complexidade que representa manter unha identidade nun mundo globalizado, no que a túa contorna máis inmediata pode estar máis distante de ti que dunha realidade ao outro lado do globo terráqueo».
En Levaino! preséntaste cunha imaxe moi coidada, colorida, e chea de detalles, desde os estampados das camisas ata os panos da cabeza. Que papel xoga esta estética á hora de compartir, e interpretar, as túas creacións?
Xurxo: «Coidada e chea de detalles? Moito obrigado, nunca tal cousa me dixeran. A estética, igual que a música, igual que un mesmo, é o resultado das influencias que exercen as túas experiencias e, neste caso, tentamos gustarnos a nós mesmos. Nada máis!».
Xa presentaches o álbum ao vivo no Teatro Rosalía (A Coruña), que tal foi a acollida do mesmo? Hai algún concerto máis á vista?
Xurxo: «Podemos dicir que o público que asistiu á estrea entregouse á proposta ata o punto de fusionarse co grupo. Brutal. As novas datas anunciarémolas nas redes sociais proximamente. Prestade atención!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Xurxo: «Los Chacareros de Galicia; non son actuais, pero por algún sitio hai que comezar».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Xurxo: «0% Spotify, 100% reprodución mecánica. Que escoito? Selim Sesler, Charanga do Cuco de Velle, Romica Puceanu, Ana Kiro, Amalia Rodrigues…».