JAGERLOUNGE. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 5
¡Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
JagerLounge
Esta sala de concertos lucense fundada por Tino Freijo en 2015 non pon murallas a ningún estilo musical, e mesmo se atreven con outro tipo de espectáculos; como el mesmo afirma, «non nos consideramos unha sala de concertos ao uso». Durante estes poucos anos de vida desempeñou un traballo excepcional á hora de difundir a música en vivo, e xa acolleu a un gran número de artistas entre as súas paredes, tanto estatais como internacionais, como John Duer & and The Blues Freaks ou Dani Royo. Desde o corazón de Lugo, exactamente desde a rúa da Cruz, a JagerLounge converteuse nun referente na escena musical da cidade.
Dirección: Rúa da Cruz, 22, 27001 Lugo
Facebook: https://www.facebook.com/JagerLoungeLugo/
Moito!
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
A banda nace arredor de 2018, pero non che deixes enganar pola súa curta idade, xa que os seus compoñentes posúen unha longa traxectoria anterior: Diego González (guitarra), Diego Guillín (batería), Felipe Castro (guitarra, sintes, voz) e Juan Ciego (baixo, coros) tocaron en bandas coma Golpe Radikal ou Rokolas. Coñécense as salas de toda Galicia e formaron parte do cartel de festivais como O Son do Camiño deixando claro un dos seus puntos fortes: os directos. Debutan co EP Ingravidez (Rock CD Records, 2018), e o seu estilo indie rock foi mutando cara un son britpop dos 90 onde as guitarras aprópianse da escena. Xa levan publicados varios álbums… oh, e aproxímanse un novo disco! Sonche moito!
Berta Franklin
Listos e dispostos a facernos experimentar unha psicose auditiva coa súa fusión sonora, onde teñen cabida tanto o soul, a newwave ou o rock, chega a familia Franklin: César Franklin (baixo), Jess Franklin (guitarra), Juanele Franklin (teclados), Marcus Franklin (guitarra, voz) e Simón Franklin (batería). Os lucenses crearon a banda a finais de 2017, xa publicaron tres EP, sendo o máis recente Terrasanta Night Club (2020) e tocaron en festivais coma PortAmérica ou Osa do Mar.
Muddy Doll
Se es fan do rock and roll dos 90, así coma doutros grupos clásicos do xénero, non poderás deixar escapar a oportunidade de escoitar a Muddy Doll, un grupo afincado en Lugo que se encarga de manter vivas a aquelas formacións, facendo versións de grandes cancións do rock de décadas pasadas. Creado en 2017 por Borja López (guitarra), Carlos López (baixo), Marco Mendoza (batería) e Sara Cruz (voz), o grupo ofrece concertos nos que soan con forza grupos tan lendarios como Pink Floyd, Pearl Jam ou os Red Hot Chili Peppers, entre outros. Na actualidade xa contan con proxectos propios cargados de toda a sonoridade do soul rock cantados no seu idioma predilecto: o inglés.
Queen Pro Quo
Esta banda lucense, formada por Gonzo Piña, Luis Monsalve, Miguel Bello, Rodrigo Muñoz e Saulo Sause, naceu como unha xuntanza ocasional para darlle a nota de rock ao entroido da súa cidade a proposición de Yago Díaz, facendo versións dos tan míticos temas do grupo de rock británico por excelencia, Queen. Con todo, unha vez probadas as meles do directo decidiron consolidar o seu proxecto, xa que… the show must go on!