• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA FILOMATIC. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 8

SALA FILOMATIC. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 8
3 XULLO 2021

Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

SALA FILOMATIC

 

Logo de varios anos de experiencia no sector, Lorenzo Barro decide abrir Filomatic en 2009. Ubicado na rúa San José, preto da Praza de España, e cun aforo dunhas 250 persoas, atopámonos cun local que nos transporta á idade de ouro do rock, mesturando luces de neon e un atrezzo do máis delirante que non deixará indiferente a ninguén. Con todo, a carteleira que ofrece a sala coruñesa non pecha as portas a demais estilos musicais!

 

Dirección: Rúa San José, 21, 15002 A Coruña (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/salafilomatic

 

 

 

MADMARTIN TRÍO

Perfil en galiciantunes

Este power trío compostelán liderado por Martin Esturao leva dando caña desde 2014, cando presentan It Was a Very Good Yea,r un tema propio do rock and roll máis clásico que adiantaba cal sería a esencia deste grupo, o cal completan Guillermo González (baixo) e Manuel Brey (batería). Tras a publicación do EP Seven Lucky Shots (Molusco Discos, 2014), un selo sueco chamaos para gravar alí o que sería o seu primeiro LP, Time To Go Mad (Vintjärn Records, 2015). Desde aquela, a súa vida foi un non-stop de concertos por Europa e toda a xeografía española, cautivando aos espectadores co seu espírito primixenio e gran enerxía no escenario.

 

 

 

HEROÍNAS

Lideradas pola lendaria Beatrize (guitarra, coros, voz), chegan as Heroínas desde Vigo dispostas a romper todos os nosos esquemas e alborotar a escena musical cunhas letras cheas de intencións reivindicativas onde impera a ironía. Se a isto lle engadimos unhas composicións ao máis puro estilo do rock macarra e unha ampla bagaxe musical ás súas costas, obtemos unha fórmula demoledora e infalible.

 

 

 

 

THEE BLIND CROWS

Nacen en Pontevedra en 2008 como un dúo pero, a medida que o proxecto vai tomando forma, incorporan un terceiro corvo para o seu décimo aniversario, polo que actualmente o grupo confórmano Alberto “Al” (guitarra, voz), Diego “Dddelirio” (batería) e Samu Crow (baixo, coros). No musical, logran encaixar á perfección dous mundos coma son o blues e o punk, creando sons frenéticos e presentando uns directos nos que o público non deixa de mover o esqueleto. Con bastantes traballos xa ás súas costas, ademais dunha chea de concertos ao longo destes anos, o grupo segue disposto a seguir furando as orellas do público… por moitos anos máis!

 

 

 

LOS MECÁNICOS

Banda coruñesa de tributos aos que probablemente... houbese que facerlles un tributo! Comandados por Fernando Esclusa (guitarra, voz), chegan Alberto Dopico «Delpi» (batería, voz) e Francisco «Pocho» Taxes (baixo, coros), naceron na barra dun bar e xa levan máis de dez anos engraxando versións do mellor pop rock dos 60, tanto internacional, nacional e galego, desde Elvis ata Andrés do Barro. Teñen tocado en todo tipo de lugares e para todos os públicos: vodas, salas pequenas, sesións vermú, para nenos, adultos e maiores… cunhas adaptacións dignas de admiración.

 

 

 

  noticias