• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BALA: «SEGUIMOS QUEDANDO SORPRENDIDAS CON TODAS AS COUSAS INCRIBLES QUE ESTAMOS A VIVIR»

BALA: «Seguimos quedando sorprendidas con todas as cousas incribles que estamos a vivir»
28 XUÑO 2021

Anxela e Violeta, Anx e V, batería e guitarra. E voz. E berros e ruído, moito ruído. BALA naceu hai sete anos, froito da amizade e das «gañas de pasalo ben», sen pretensións, recalcan. E sen pretensións seguen, pero ese ruído que comezou como unha lembranza de moitas cousas, mais de ningunha en concreto, terminou por subilas a escenarios de grandes festivais de España e Portugal. E Xapón, Australia, Estados Unidos, Colombia ou Reino Unido.

Ese ruído que dispara ao rock intenso e a grunge, pero con munición do stoner, o hardcore ou o metal consolídase –logo de dous traballos discográficos– en Maleza (Century Media Records, 2021), o seu novo disco. Dispoñible en CD e vinilo, ademais de nas principais plataformas dixitais, o longo presenta nove cortes que se moven entre o grunge dos noventa, e o punk e stoner de renome nunha mestura de «paisaxes sonoras» interxeracional onde BALA rende homenaxe a grandes como Nirvana, Melvins, Fu Manchu e L7.

 

Foto © Mattias Monsterkid

 

Violeta de Lugo, afincada en Pontevedra, e Anxela de Coruña... onde e como nace BALA? Porque xa viñades con experiencia grupal previa noutras bandas...

Anxela Baltar: «Ambas tiñamos nese momento outros proxectos musicais e, ademais, moita xente en común. Iso fixo que estivésemos xuntas moitas veces en concertos, en noites de festa... ata que un día estivemos tocando na mesma sala, cada unha co seu grupo; ese día comezamos a falar de tocar xuntas... e ata hoxe!».

 

Por certo, unha cuestión de tipo práctico, como solucionades o tema loxístico? Onde adoitades ensaiar?

Anxela: «Non é sinxelo... a AP-9 está moi cara! Durante un tempo ensaiamos en Santiago, pero era tamén complicado xestionalo. Agora imos rotando, ás veces quedamos en Pontevedra, outras en Coruña... ensaiamos menos do que nos gustaría, pero facemos que esas veces sexan máis longas e produtivas».

 

O voso nome é directo e contundente, BALA. Pero, foi sinxelo chegar ata el ou o brainstorming complicouse?

Anxela: «Non era a nosa primeira opción, pero Google axudounos a decidir porque outras ideas que tiñamos na cabeza xa estaban collidas por outras bandas. Finalmente, ás dúas gustounos a implicación que tiña a palabra, xa que expresaba ben o concepto que tiñamos en mente musicalmente falando: sinxelo, directo, certeiro, potente».

 

Foto © Mattias Monsterkid

 

O grupo nace directamente sobre as táboas. Como foi saír a escena en importantes festivais sen ter publicado ningún traballo ata aquel entón?

Anxela: «Desde o primeiro momento quedamos alucinadas coa acollida do proxecto. A nosa idea era pasalo ben sen moita pretensión, pero si que estivemos afanadas no grupo desde os primeiros ensaios. Esa acollida foi a mellor recompensa posible. A día de hoxe seguimos quedando sorprendidas con todas as cousas incribles que estamos a vivir».

 

Gravastes o voso debut, Human Flesh (Matapadre, 2015), nun só día e cun só obxectivo: «queriamos que tronase». Como o acadastes? Como foi esta primeira, e frenética, experiencia no estudio?

Anxela: «Foi un experimento moi divertido! Levabamos moi pouco tempo tocando e simplemente queriamos rexistrar esas primeiras cancións, pero non tiñamos claro cal era o camiño musical do grupo. Despois, con Lume xa estaba a cousa máis clara, é un disco que xa ten a nosa personalidade máis marcada».

 

Este primeiro disco inclúe o corte “Joan Vollmer”, dedicado á muller do escritor William Burroughs, quen a matou accidentalmente cun revólver xogando a ser Guillermo Tell. Que foi exactamente o que espertou a vosa curiosidade desta muller da Xeración Beat para que non só lle reservedes un tema, senón a portada mesmo do álbum?

Anxela: «Eu son seguidora da Xeración Beat e, investigando e lendo, cheguei á figura de Joan. A pesar de que ela tamén formou parte do colectivo, era coñecida basicamente por ser “a muller de”. A historia da súa vida, e por suposto a da súa morte, pareceume que precisaba unha homenaxe».

 

 

Dous anos máis tarde da vosa estrea discográfica, presentades outro álbum, Lume (Matapadre, 2017). Observamos aínda máis intensidade ca no primeiro e tamén a aparición do galego e o castelán como linguas nas cancións. Como se xesta a decisión de incluír novos idiomas nas letras?

Anxela: «Para min era máis natural cantar nas nosas linguas maternas. Como dicía, Human Flesh foi máis ben un experimento, e del tomamos nota do que queriamos e non queriamos repetir; a lingua foi para min unha das segundas.

Probamos a facelo e vimos ademais que a xente nos concertos cantaba os temas, cousa que non pasaba coas anteriores cancións en inglés, e iso axudou a confirmar que era o camiño a seguir».

 

Este Lume «queimou» escenarios de Reino Unido, Xapón, Australia ou Estados Unidos, entre outros. Como describiriades a experiencia, e acollida, de dar a coñecer a vosa música arredor do mundo? Algunha anécdota inconfesable (ata o de agora)? Porque, polo de momento, só vos falta tocar en África!

Anxela: «Anécdotas hai moitas despois de tanta viaxe, complicado escoller algunha. Sempre lembramos de forma especial cando en Brístol rematamos de festa na casa do fillo de Bill Ward (batería de Black Sabbath), ou en Colombia as dimensións do Festival Rock al Parque, a experiencia incrible do deserto [de Mojave] en California, ou tocar en Melbourne nun festival (Cherry Rock) na rúa AC/CD... Hai moitas!».

 

 

Entre os grupos noventeiros de rock sucio e grunge aos que remite o voso son, cales diriades que son as vosas influencias? Algunha que nos poida sorprender?

Anxela: «Hai algunhas que temos moi claras como referencias para as dúas: Nirvana, Melvins, L7, Bikini Kill, Babes in Toyland (as Riot Grrrls en xeral), Black Sabbath, Queens of the Stone Age, Kyuss, Fu Manchu, Distillers... esas son as influencias que temos en BALA; a título persoal temos moitas máis e moi distintas... aí si que algunha podería sorprender!».

 

Hai un mes que volvestes á carga con Maleza (Century Media Records, 2021), logo de catro anos de silencio discográfico e unha pandemia. De que xeito influíu o confinamento na creación de novo material? E o posterior desenvolvemento ata a súa publicación?

Anxela: «Pois o disco xa estaba feito antes da pandemia, foi gravado en novembro de 2019. Despois tivemos que cambiar a data de estrea varias veces por culpa de todo o que estaba a acontecer, ata que decidimos preparar moito material audiovisual para ir sacando adiantos».

 

Foto © Mattias Monsterkid

 

Para este novo traballo firmades con Century Media Records, selo internacional especializado en power metal, death metal, black metal e subxéneros relacionados. Como chegades ata eles e como está a ser a experiencia?

Anxela: «A prioridade co terceiro disco era dar un paso máis e traballar cunha discográfica máis grande, xa que pola evolución do grupo parecía que era o que tocaba de xeito natural. Comezamos a traballar con Holy Cuervo en 2019 e, desde entón, ese foi o obxectivo principal.

Cando recibimos a proposta de Century Media pensamos que era a mellor opción e decidimos asinar; non levamos moito tempo, pero polo momento todo avanza moi ben. É unha estrutura moi profesional, pero ao mesmo tempo respecta ao 100% a nosa parte creativa, e iso para nós é esencial».

 

 

De produción impoluta, os nove cortes que compoñen Maleza son peculiares, manteñen ese contido potente, ritmo combativo e actitude irreverente que vos caracteriza desde os vosos comezos. Á hora de compoñer, como adoita ser o proceso creativo?

Anxela: «Non temos unha única maneira de traballar, ás veces improvisamos no local, outras levamos una idea ou melodía na cabeza e traballamos sobre ela... Con Maleza dedicamos o ano 2019 a facer a preprodución, e os temas foron evolucionando e collendo forma ao longo dos meses; foi un proceso bonito».

 

Poderíase dicir que o son do longo se move entre o grunge dos noventa e o punk e stoner de renome, que resulta nunha mestura de trallazos interxeneracionais. Como foi a evolución ata pulilo?

Anxela: «Sempre chega un punto no que hai que parar, porque se non cortas pode ser un proceso infinito. Por sorte para nós, a nosa música é moi orgánica e non somos de darlle demasiadas voltas. Soltamos o que levamos dentro e é sinxelo que esteamos contentas co resultado sen chegar a rompernos moito a cabeza».

 

Foto © Mattias Monsterkid

 

“Agitar” foi o single adianto, no que contades con Najwa Nimri e Bonnie Buitrago, baixista de Nashville Pussy. Como xorden estas colaboracións e que procurabades con elas?

Anxela: «Con Bonnie fixemos boa amizade en 2017 cando tocamos en Australia e despois en 2018 en California, ela estivo tamén nalgún dos nosos concertos; aí comezamos a falar de facer algunha colaboración xuntas. Con Najwa foi parecido, ela estaba cando tocamos en Xetafe en 2018 e gustoulle a nosa proposta, desde aí quedou xa pendente a idea de facer algo xuntas».

 

 

Ademais, a letra de “Agitar” é un extracto de Rasrás (Bolanda, 2018), o primeiro poemario de Lúa Mosquetera, unha escritora galega á que ambas admirades. Por que este texto en particular? Como foi poñerlle «acompañamento musical»?

Anxela: «Para min estivo claro cando estaba lendo o libro por segunda vez; pensei que era un extracto perfecto para poñerlle a nosa música e levalo un pouco ao noso terreo. Chamei a Lúa e pareceulle xenial!».

 

Nunha semana, Maleza acadou o posto número 11 dos discos máis vendidos en España e o número 5 dos máis vendidos en vinilo. Parabéns aparte, esperabades esta grande acollida ou colleuvos por sorpresa?

Anxela: «Foi totalmente por sorpresa, como sempre... Nós facemos o que queremos sen moita pretensión... Foi unha pasada ver eses datos, a verdade».

 

E, o 15 de xuño, un mes e un día despois de que Maleza saíse á venda, Times Square (Nova York, NY) amencía así —«e non, non é unha montaxe»—. Como parte da iniciativa #EQUAL de Spotify, campaña que promove o compromiso da plataforma á hora de fomentar a igualdade da muller na música, BALA aparecía de plano e de fronte no luminoso tras a mítica estación de policía de Times Square, na intersección Broadway (W43rd) & 7th Ave.

 

Foto © Spotify

 

Vós mesmas afirmades que o voso tema “Rituais” é o máis melódico ata o momento, e que xira en torno á desigualdade vivida historicamente polas mulleres contada a través da mitoloxía e tradición galegas. Como nace o enlazar ambas ideas?

Anxela: «Como galegas amantes da nosa historia e da nosa terra pensamos que era o mellor xeito de tocar esa temática. Hai unha conexión natural aí, a través das meigas e outras figuras con esa desigualdade vivida historicamente».

 

 

 

Maleza Artwork. Deseño © Leo Sousa

 

Os vosos traballos veñen envoltos polo artwork de Leo Sousa, respecto a este último, que mensaxe pretende transmitir a fotografía da portada? Logo de tres discos... como é traballar con el?

Anxela: «Leo Sousa sabe plasmar perfectamente o que temos na cabeza e sempre é marabilloso poder contar con el.

Neste caso soubo transmitir poderosamente o concepto de “resistencia” da maleza, das “malas herbas”, esa vida que nace onde non se espera, onde parece que non hai nada».

 

A presentación deste novo LP levouvos a ser entrevistadas no programa La Resistencia de David Broncano, onde o broche final foi unha frenética actuación. Como foi esta experiencia televisiva?

Anxela: «Foi xenial, como estar entre colegas, a verdade. Foi moi divertido poder ver as “tripas” do programa desde dentro».

 

Foto © Mattias Monsterkid 

 

Que se vos vén á cabeza se dicimos... Metamovida?

Anxela: «Sen dúbida un colectivo de grandes músicxs e grandes persoas! Un orgullo».

 

Ademais de voz, guitarra e batería, outra das vosas armas é o voso directo explosivo. Agora que a volta aos escenarios está a regularizarse, aínda con máscaras, protocolos, etc., que poderemos esperar dun directo de BALA? Moito mono de estrada?

Anxela: «Temos moito mono, si, e aínda que as condicións non sexan as mellores, nos últimos concertos que demos así desfrutamos moito e pensamos que o público tamén. Cando hai ganas é contaxioso...».

 

 

A última e marchamos! Sabemos que tedes concertos programados para estes meses, agora que parece que todo se aproxima á normalidade, seica! Por onde ides taponar oídos estes meses? E... viaxará Dino con vós?

Anxela: «Dino leva tempo sen saír, pero retomaremos con el seguro! No verán imos estar no Morrasound (Moaña), en Matosinhos (Porto), en Vigo... e en máis sitios que desvelaremos nos próximos días! Hai cousas que polo de agora non se poden anunciar, aínda que temos moitas ganas!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Anxela: «Eu estou moi a tope con Laura LaMontagne & PicoAmperio e con Malandrómeda, pero hai moitos proxectos en Galicia que están a facer cousas súper interesantes: GRIMA, Moura, Peña...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Anxela: «Na miña ultimamente moito jazz, electrónica chill out, punk... de todo!».

 

  noticias