NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2021
Hai cinco anos que naceron musicando a Rosalía de Castro e agora Dioivo fai o propio con Méndez Ferrín. Tan só tres meses despois de publicar o seu novo EP, Dioivo III (Darkwoods, 20210), o dúo vigués presenta Retorno a Tagen Ata (Darkwoods, 2021), un single que baña de heavy metal a obra homónima do escritor e político ourensán, publicada en 1971. Gravado, mesturado e masterizado por Daniel Soengas (Atreides, Skydancer) en DS Audio (Vigo), Retorno a Tagen Ata son máis de 11 minutos de pesados riffs de guitarra, golpes de batería e mesmo narracións do literato. Un trallazo brutalmente impecable, con vídeo de Brais Gómez Salvador no que Dioivo interpreta o corte ao completo nos Estudios Musicales Metrópolis (Vigo).
Nocturnos, Javier Otero Neira
A principios do ano pasado, Javier Otero Neira sorprendía con Intuition Vol. 2 (2020), un traballo que marcaba a segunda entrega do proxecto sonoro que estreaba en 2019; catro temas con carga máis rítmica e máis sons electrónicos que o seu predecesor. Agora, en medio dunha xira de composicións propias con electrónica, Otero Neira fai unha paréntese clásica e volve ás súas orixes clásicas e lanza Nocturnos (2021). Neste novo traballo discográfico, o pianista galego revisa dous nocturnos de Chopin e dous de Fauré, catro pezas que manteñen a estrutura libre e a melodía doce como se fosen tocados durante unha noite de festa do século XIX.
Por fin podemos deixarnos levar polas súas composicións, que oscilan entre arranxos obrigados e improvisacións solistas, de base jazz e influencias diversas e dispares. Límbico, proxecto persoal do guitarrista e compositor Iago marta, presenta o seu debut discográfico, Límbico (Metamovida, 2021), logo de lanzar, e acadar, con éxito unha campaña de micromecenado. Gravado por Isaac Millán en estudios Ancestral (Ponte Caldelas) durante o pasado mes de marzo, o álbum é unha colección de seis pezas propias que reflicten os diferentes momentos polos que viviu a banda, sen ningunha idea preconcibida: desde os seus inicios como trío ata a súa formación actual como quinteto, cal banda sonora desta evolución natural. Ademais, Límbico vén acompañado dun making of da gravación, obra de Sara Traba, e envolto nunha ilustración do artista vigués Peri Helio.
Strange Imperfection, Javier Miranda
Acordes de progresivo, experimental e electrónica son os protagonistas das súas composicións que, polo de agora, Miranda recolle en dúas referencias: Mirror Games (Astronomy Recording Music, 2020) y Strange Imperfection (Astronomy Recording Music, 2021). O primeiro foi lanzando en formato dixital e máis tarde en físico nunha edición limitada e numerada a 33 copias, cunha canción extra respecto á versión ditixal; o segundo, á venda desde o pasado 4 de xuño, presenta siete cortes, sinceros e libres, que bailan entre electrónica e rock progresivos, ambient e drone. Envolto nun deseño de Iago Méndez Suazo, Strange Imperfection preséntase como un disco que «quere poñer algo no mundo simplemente polo feito de que o considera fermoso, unha imperfección estraña nestes días».
🎧 Sigue a nosa lista de novidades en Spotify!