• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TRILITRATE: «VIOLÍN, ACORDEÓN E GUITARRA CLÁSICA É UNHA FORMACIÓN INMENSAMENTE VERSÁTIL»

TRILITRATE: «VIOLÍN, ACORDEÓN E GUITARRA CLÁSICA É UNHA FORMACIÓN INMENSAMENTE VERSÁTIL»
5 XULLO 2021

É un trío de catro persoas nomeado a partir da leve modificación dun «medicamento que podías conseguir sen receita e que che achegaba ao máis alá». É unha fusión de violín, acordeón e guitarra en acústico que soa a experimentación en clave de folk, clásica e world music. É Trilitrate, proxecto audiovisual recoñecido polo rigoroso proceso de destilación, disolución e combinación das súas influencias que resulta nunha diversidade sonora, de liñas difusas entre diferentes estilos.

Composta actualmente por Elena Vázquez (violín), Marcos Padrón (acordeón), Rubén Abad (guitarra, voz) e Monste Piñeiro (arte visual), a banda vén de publicar o seu novo disco, logo de dous primeiros traballos eloxiados por crítica e público. Está de grelo (Ropeadope/Gandula, 2021) son 13 temas orixinais que, outra vez e aínda máis, exploran a infinidade de novidosas sonoridades sen abandonar as súas ferramentas analóxicas.

 

 

 

Trilitrate é violín, acordeón e guitarra en acústico, como «grela» a xuntanza?

Trilitrate: «Pois Trilitrate xorde un pouco en torno a Elena, que coñecía a Marcos da Orquesta de Improvisación Libre O.M.E.Ga e a Rubén do conservatorio. Os tres queriamos facer un trío acústico sen ningún tipo de limitación estilística. Comezamos facendo improvisación e, desas improvisacións, comezaron xurdir temas que co tempo resultaron no contido do noso primeiro disco.

Violín, acordeón e guitarra clásica é unha formación inmensamente versátil, aínda estamos comezando a explorar, pero cremos que despois de tres discos xa lle vamos pillando o tranganillo á cousa».

 

E o nome? Porque segundo o Diccionario de Xergas Hispanas, «trili» denota «cousa mala», entre outros usos en Porto Rico e Chile...

Trilitrate: «Foi unha idea de Marcos; é o resultado de modificar levemente o nome dun medicamento que podías conseguir sen receita e que che achegaba ao máis alá».

 

 

Sodes un trío... de catro persoas! De onde sae a idea de acompañar a vosa música, primeiro coas videocreacións de Laura Iturralde e agora coa arte visual de Montse Piñeiro?

Trilitrate: «Pois estaban moi preto tanto Laura como Montse e non recordamos nin as conversas, foi coma algo natural entre amigas».

 

Debutades un par de anos despois da vosa creación con Faláchesme na man (2014), que vos empurrou a lanzarvos ao mercado discográfico?

Trilitrate: «Trilitrate xurdiu case como un experimento e cremos que plasmar ese experimento foi moi divertido, aínda segue a ser coma un experimento e aínda segue a ser intensamente divertido».

 

 

Na vosa segunda referencia, Frutal Death (2016), consolidabades o voso sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Adoitades poñer algún límite á hora de experimentar co son ou é improvisación e «a correr»?

Trilitrate: «Non, non hai límites, non pensamos nunca nun estilo en concreto ou nun son concreto; ben é certo que os instrumentos teñen as súas restricións e esas son as únicas que se nos impoñen. Continuar co son acústico, o resto é vía libre».

 

 

Neofolk, posfolk, afterfolk... como etiquetariades vós o «voso» folk?

Trilitrate: «Nós adoitamos dicir que facemos música acústica simplemente, non sei se é unha etiqueta satisfactoria para o público».

 

Estades presentar Está de grelo (Ropeadope/Gandula, 2021), un novo disco que sabe, aínda máis, a raíces, tradición e vangarda. Como xermola esta mestura entre, por exemplo, a electrónica e o black metal cun son máis acústico e folk?

Trilitrate: «Oxalá vivamos moito tempo para seguir a experimentar e a mesturar todo o que nos gusta. Nunca pensamos en retos á hora de facer música; non pensamos imos mesturar isto con isto; é o resultado natural de escoitar absolutamente todo tipo de música, desde rap, IDM, country, folk, latin, a flamenco, música estocástica, jazz ou metal.

Xorde dun xeito moi orgánico; creo que a gran fortuna que tivemos foi atoparnos unhas ás outras no espazo e no tempo, tocar con músicas tan abertas abre unha porta ao infinito!».

 

 

Está de grelo é viaxeiro e durante os seus 13 cortes viaxamos a xeografías musicais distantes como a africana, a otomá e, intrépido el, mesmo traspasa a experiencia barroca e impresionista ao século XXI. Que vos fixo cruzar a fronteira na procura de novas sonoridades?

Trilitrate: «No caso da otomá é sinxela: Rubén mercou un oud en Turquía [risos]. Pois tentar facer cousas novas sempre e seguir a tocar todo o que nos gusta, que é literalmente de todo.

Cremos que o máis novidoso nunha formación como a nosa é que, xeralmente, unha agrupación de “cámara” adoita pecharse a un estilo concreto (clásico, klezmer, tango, etc.); nós nunca falamos de facer nada en concreto, e seguimos sen facelo, quizais falta comunicación... [risos]».

 

O greliño medrou entre os Estudios Brazil (Madrid), da man de Javier Ortiz, e os Estudios Terraforma (O Hío) de Ibán Pérez, onde se rexistraron as voces dos colaboradores que non puideron trasladarse a Madrid por mor da pandemia. Como levastes este contratempo loxístico?

Trilitrate: «Pois foi un Cristo, pero grazas aos deuses da fortuna, tanto Toño Magariños e Pablo Riveiro como Ibán Pérez estaban libres nas datas que mellor conviñan para a realización deste pifostio loxístico... e os astros aliñáronse.

Sobra dicir que Javi e Ibán son uns absolutos titáns do seu traballo, así que non houbo ningún problema».

 

 

Ao fío, ademais da gravación, de que xeito afectou a pandemia ao desenvolvemento do álbum?

Trilitrate: «Mmmmm... pois creo que grazas á pandemia chegamos máis alá con algún dos temas; creo que “Joan Carga”, por exemplo, se viu mellorado por mor dos retrasos nas gravacións. E, por suposto, concertos cancelados ou adiados, o que vivimos todos os músicos, que fixeron que o aspecto económico dunha gravación fose un pouco máis difícil aínda, pero nada que Trilitrate non poida superar!».

 

 

Entre Frutal Death e Está de grelo hai cinco anos de diferencia, que ocorreu nese lustro de parón (obviando o coronavirus!)?

Trilitrate: «Frutal Death foi un disco moi, moi produtivo no que a concertos se refire; non tivemos nada de tempo nos tres primeiros anos de presentación practicamente. Está de grelo íase gravar en 2020, así que tampouco afectou masivamente os nosos plans.

Ademais disto, colaboramos na nova aventura discográfica de Fajardo e na de Capitán Bazofia; supoño que a partir de outono deste ano, cando saian os discos, estaremos a xirar con eles tamén. E, aínda por riba, fixemos a banda sonora dun documental francés que se estreará en agosto. Non paramos, temos moita sorte e moita enerxía».

 

Desta vez, o LP está respaldado por dúas discográficas, o selo estadounidense Ropeadope e o barcelonés Gandula. Como xorde este irmandamento iberoamericano e como está a ser a experiencia?

Trilitrate: «Pois moi ben; tratar con dous selos que teñen unha filosofía tan aberta e nos que militan músicas que admiras é unha fortuna. O caso de Gandula foi a través de Edu Pou, un dos masterminds da discográfica e batería dos colosais Za; xa nos coñecemos desde hai moitos anos e comentáranos o interese do selo no noso vindeiro disco.

Con Ropeadope foi froito da procura de selos afíns aos nosos intereses musicais e que tivesen un catálogo sincrético, jazz, clásico, rock, músicas do mundo, de todo. Interesámonos moito en Ropeadope principalmente por Tin Hat, que é unha das maiores influencias que temos, e a resposta da discográfica foi magnífica».

 

 

Dos 13 temas que compoñen o disco, dez son instrumentais e tres teñen letra. Como adoita ser o proceso creativo? Que fai que unhas pezas «pidan» letra e para outras a instrumentación abonde?

Trilitrate: «Hum... O soporte harmónico e o aspecto melódico dun tema instrumental e dun cantado son distintos. Os nosos temas, aínda que sofren moitas modificacións co tempo e cos arranxos, parten case sempre desde unha perspectiva instrumental, de modo que o aspecto vocal adoita quedar un pouco excluído nestes casos.

Tamén consideramos que somos mellores instrumentistas que cantantes, e iso tamén provoca certa converxencia cara ao instrumental. Ben é certo que cada vez estamos máis interesados en facer cancións, e estamos a meditar un vindeiro disco soamente con cancións».

 

Escoitamos dúas colaboracións, unha xunto a Toño Magariños (Peña, diola, Unicornibot) e Pablo Riveiro. Que procurabades con elas, ademais de «romper a camisa» ou «poñernos os pelos como escarpias»?

Trilitrate: «Colaborar con dous dos grandes cantantes galegos é unha sorte e que, ademais, sexan amigos é gloria bendita. Traballar con eles sempre é moi sinxelo; temos moita sorte de que compoñan e canten con nós, e sempre sabes que o que van facer vai ser un desenfreo. Seguro que estas participacións non rematarán neste disco!».

 

 

Elena, Rubén, vós facedes «Peña», que tamén vén de sacar disco, dentro de Trilitrate. Como compaxinades ambos proxectos?

Trilitrate: «Pois con moita naturalidade. A nivel musical son moi diferentes, e dentro da nosa procura por abranguer todas as sonoridades posibles, pois encaixa xenial [risos]. Si que é certo que traballar en varios discos ao mesmo tempo pode ser un pouco atafegante, polo tempo que precisas para alcanzar ese puntiño de excelencia ao que sempre aspiras. E este ano, entre o disco de Peña, de Trilitrate, de Fajardo, de Capitán Bazofia, a banda sonora e varias gravacións máis que tivemos cada un a nivel individual, foi duro, pero estamos moi contentas co resultado. Agora vén todo o mellor, os concertos!».

 

 

“Miedo te viá dar yo como no te acabes las judías”, “Aparca la nave en el rincón del distrito mutante que tengo faena”, “Osos borrojos”, “Centrárquidos granado”... Por favor, polo ben do interese público, precisamos saber como titulades as cancións e quen son os encargados de facelo.

Trilitrate: «Como a maioría dos temas son instrumentais supoñemos que poñerlles nomes moi concretos pode enfocar ao oínte a unha idea ou imaxe específica. Nós queremos que o oínte imaxine o que queira e quizais con estes nomes tan estraños é máis difícil recorrer a un concepto determinado.

Case todos os nomes son resultado de anécdotas persoais ou homenaxes a amigos: “Miedo te viá dar yo como no te acabes las judías” foi idea de Elena, rememorando os seus temores da infancia; “Aparca la nave en el rincón del distrito mutante que tengo faena” é un homenaxe a varios dos espazos autoxestionados nos que tivemos a sorte de tocar, como Liceo Mutante, Faena II, Nave 1839, Rincón Pío Sound, Distrito 09 (agora habería que ampliar o nome!); e “Centrárquidos granado” é o segundo volume dunha enciclopedia de ciencias naturais na que “Abedul centeno” é o primeiro, “Granates peridoto” o terceiro, e “Periodos zumaque” o cuarto, e os catro son temas que aparecen no noso último disco».

 

 

 

O deseño dos vosos anteriores traballos baseábase na ilustración, mentres que este ten a un nabiño cos seus ollos e a súa boca (e que vive nunha cociña moi xeitosa) como protagonista. Montse, como foi o proceso de creación da arte que complementa o disco?

Trilitrate: «Pois o deseño do disco foi un despregamento incrible de Montse: fabricou a minicociña, o greliño e todos os seus aveños, que resultaron nesa lindísima maqueta que logo fotografou impecablemente. Estamos moi asombrados aínda de toda a beleza que pode crear Mon.

A idea do título do disco foi de Elena, unha frase que lle escoitou a un cociñeiro e, a partir diso, Mon foi imaxinando e creando toda a arte que engloba o deseño de Está de grelo».

 

 

Ademais, o formato físico de Está de grelo inclúe un libriño de receitas de grelos, igual de coidado que o resto do disco. Se tiverades que describir o disco en termos gastronómicos... igual que unha desas receitas, que ingredientes levaría?

Trilitrate: «Pois non saberíamos dicir que levaría... pero sería unha enchenta, iso si, un festín de produtos da horta, produtos autóctonos e produtos exóticos, un festín, habería moito onde elixir».

 

 

Falando de detalles, nunha contorna onde o consumo dixital de música está en constante aumento, por que seguir apostando polo formato físico?

Trilitrate: «Como adoita dicir Toño Magariños, trátase dun fetiche. O oínte, en moitos casos, quere posuír esa colección de músicas; creo que no noso caso ocorre o mesmo: ter nas mans o produto do traballo e do esforzo de moito tempo. Ademais, hai que sumarlle todo o despregamento artístico dun disco co seu deseño. A experiencia sonora traspasa eses límites sumando a arte dun disco e pode entenderse mellor a idiosincrasia dunha composición a través do seu formato físico».

 

Agora, cos tres discos na man, musicalmente que semellanzas e diferencias destacariades entre eles?

Trilitrate: «O primeiro foi un disco moi sinxelo de facer; xurdiu principalmente da improvisación. O segundo é máis complexo; traballouse máis con partituras e creo que é máis completo. O terceiro foi froito de máis tempo e máis traballo. Aínda que vai bastante na liña do segundo, cremos que Está de grelo é o noso mellor disco, máis extenso, máis traballado, máis emotivo, máis potente e, á vez, máis delicado.

Teñen moitas similitudes e, por outra parte, seguimos a gravar en directo. As músicas son o resultado do traballo común de todos, a idea constante de acadar algo novo...».

 

 

Lemos que estades a ensaiar a esgalla, aínda que a volta aos directos de xeito regular segue a ser algo complicada, como estades a levar o barbeito? Que poderemos esperar dun directo de Trilitrate?

Trilitrate: «Durante o verán teremos moitos concertos que nos levarán por toda Galicia, por Francia e por Portugal, e máis concertos dos que non podemos falar aínda.

Os concertos de Trilitrate cremos que son moi intensos, pero sobre todo moi próximos, sen efectos, sen ningún tipo de manipulación sonora; mesmo, sempre que é posible, sen amplificación. Coa axuda de Mon os concertos de Trilitrate son unha viaxe que sobrevoa todo tipo de xeografías e de emocións».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Trilitrate: «Pois somos moi fans de Caldo, de Caamaño Ameixeiras, de Oîma. Tamén nos encanta Comando Radar, Xan Campos, Xose Miguélez, e o de Grande Amore impactounos moito. É como escoitar Suicide en galego. Hai moitas cousas xeniais facéndose en Galicia».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Rubén Abad: «Moitísimo jazz Ultimamente: Jim Hall, Julian Lage, Peter Bernstein, Elvin Jones, Antoine Boyer, Lee Konitz, Bud Powell, Lester Young (este sempre)... Tamén moitísima música anterior aos anos 50 como The Prisonaires, Phil Spitalny, Andre Williams, Susan Reed, Hazel Scott. Estou moi obsesionado cos discos de lousa; estou a facer un podcast xunto a Montse e o meu irmán que contén moita desta música (https://soundcloud.com/radioalifafaro).

E tamén moito choro; ultimamente estou con Hamilton de Holanda e Messias Britto. De cousas máis populares que estou a escoitar pois Plaid, Amon Tobin, St Vincent, The Smiths, Mercedes Sosa... E sigo a escoitar moita música clásica, Ravel, Pelham Humfrey, Bach... Creo que o máis hortera que escoitei ultimamente foi Alan Parsons, unha canción que poñía o meu pai cando eu era pequeno, “The Voice”».

 

  noticias