• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CAFÉ CULTURAL AURIENSE. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.12

CAFÉ CULTURAL AURIENSE. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.12
31 XULLO 2021

Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Café Cultural Auriense

 

No alto da Praza do Correxidor, en Ourense, atópase un emblema da cultura galega, que nacía en 1967 como unha organización comprometida coa dignificación cultural de Galicia. Desde o 2000, o Auriense segue a manter ese compromiso férreo coa nosa cultura, mais agora faino como café, un cheo de artes, ben sexa como música, pintura, artesanía, poesía, maxia e moitas modalidades máis; son sabedores de que a arte é cousa de todos. O seu pequeno escenario leva acollido a multitude de grupos e artistas desde os seus inicios como café, tanto ourensáns coma músicos internacionais teñen pasado por este lugar icónico. Desde o Auriense animan a todo tipo de artistas a compartir toda a súa arte con eles e os seus clientes, e así engalanar as paredes do café. A recomendación: un licor café na súa terraza con vistas á catedral.

 

Dirección: Praza do Correxidor, 11, 32005 Ourense (Ourense)

Web: http://cafeauriense.gal/

 

 

Caldo

Perfil en galiciantunes

Introducir melodías tradicionais galegas en novos contextos sonoros, ese é o eixo da proposta deste novo grupo vigués conformado por Anaïs Barbier (pandeireta, voz), María Jorge (violín) e Pedro Fariñas (guitarra). Nas súas melodías revisan parte do repertorio tradicional galego, pasándoo por un filtro propio made in Caldo, co que acadan un son renovador que a súa vez mantén a esencia da música de raíz. Isto o demostran no seu primeiro disco, Caldo (2019), o que tamén inclúe temas de autoría propia e onde a aldea de Moscoso ostenta un papel protagonista. Xa presentaron o seu traballo por numerosas salas galegas e por festivais estatais, como o Festival Rubrikolkum. Caldo acadaou xa recoñecementos como o primeiro premio no Concurso Fran Pérez NARF 2020 ou o Premio Martín Códax na categoría de Música Folk ese mesmo ano.

 

 

Risco

RISCO é musica de adentro, da nostalxia e da perda. Tamén desa cousa cotiá do amor. Con influencias folk e de música popular hispanoamericana, ao redor das cancións de Carlos Risco reúnense o seu irmán Ton Risco, á percursión e ao acordeón, e o seu vello amigo o guitarrista Antonio Casado. RISCO son cancións de fronteira, folk que une puntos dispersos. Alén do fomato de trío acústico, RISCO ten ás veces o peso dunha banda completa, cando se suman o contrabaixo de Xurxo Brea e os teclados analóxicos de Álex Salgueiro. As cancións de RISCO son unha hibridación de Wilco con Caetano Veloso, Rodrigo Amarante ou Richard Hawley, sempre nun castelán directo, sinxelo e eficaz que coquetea coa tradición galega revisionando vellas cancións a través doutras músicas e folclores. RISCO está a preparar o seu primeiro EP, que verá a luz este outono.

 

 

The Phantom Dragsters

Esta banda ourensá, que prefire afastarse do establecido e políticamente correcto, nace nunhas cloacas do Barbaña a golpe de killer surf reverberadoe contundente. O trío está composto por Abraham Nitro Bandit (batería), David Lone Crusher (baixo) e Diego String Breaker (guitarra), que xa eran vellos coñecidos da escena underground da cidade das Burgas antes de formar o grupo. Cunha enerxía pouco usual no xénero e unha estética retro, The Phantom Dragsters inspírase nos sons de Dick Dale ou The Ventures, ademais de facelo noutras artes como películas de Serie B ou terror dos anos 60. Maioritariamente presentan temas propios, aínda que tamén teñen no seu haber algunha que outra versión. O seu último traballo, e á súa vez primeiro LP, é At Tiki Horror Island (Sleazy Records, 2018).

 

 

Os Forasteiros

Banda liderada por Simone Saibene, un italiano afincado en Galicia desde 2010 que, ademais de fundar este grupo que soa a grelos western, tamén é un recoñecido director de cine no panorama audiovisual galego. Un home versátil! Os Forasteiros trátase do seu proxecto persoal polo que, dende o seus inicios en 2013, pasaron varios «forasteiros», posto que o seu creador quere que funcione como unha familia aberta e fluída. Soan a unha fusión explosiva de country, bluegrass, cajun, folk e unhas migallas de rockn roll, ingredientes que ao xuntarse acaban por formar un spaghetti-western á galega. Tanto poden facer versións de cancións de country americano coma tocar temas propios en galego, todo isto ensinando a súa gran positividade e diversión a un público que, de seguro, marchará cun sorriso para a súa casa.

 

 

  noticias