• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DAVID QUINZÁN: «‘GRADO ELEMENTAL’ É A PRIMEIRA GRAVACIÓN QUE FAGO MÁIS PARA MIN QUE PARA UN HIPOTÉTICO PÚBLICO»

DAVID QUINZÁN: «‘GRADO ELEMENTAL’ É A PRIMEIRA GRAVACIÓN QUE FAGO MÁIS PARA MIN QUE PARA UN HIPOTÉTICO PÚBLICO»
2 AGOSTO 2021

Desde o momento no que unha guitarra caeu nas súas mans, alá polos 90, David Quinzán (Lugo, 1981) comezou a facer cancións, gravalas, acumulalas... ata que sentiu a necesidade de «labrar o seu propio camiño, de encender a súa propia vela». E, logo de forxar unha extensa traxectoria como baixista en diferentes formacións, Quinzán comeza a súa carreira en solitario.

As súas composicións enchen máis de media ducia de referencias, mais unha morea de singles; a última delas, Grado elemental (2021) rompe un silencio discográfico de tres (longos) anos. Gravado, mesturado e masterizado por Dany Richter no seu estudio El Lado Izquierdo, o álbum recolle oito pezas que, aínda que están compostas en períodos de tempo diferentes, teñen en común o formato de gravación: en acústico, a instrumento e voz.

 

 

Hai case dez anos xa que voas só, logo dunha longa traxectoria de colaboracións como baixista no mundo do rock alternativo. Botando a vista aínda máis atrás, como lembras as túas primeiras notas musicais? Sempre foron os de corda os teus instrumentos de preferencia?

David Quinzán: «O primeiro son que lembro que me cativara de verdade foi o dos órganos litúrxicos das igrexas de Lugo, cando era cativo. As miñas primeiras clases foron de órgano e de piano; podo dicir que comecei polos instrumentos con teclas, así que non sempre foron a guitarra ou o baixo os principais, pero si os que despois me engancharon a isto para sempre e os que me axudaron a coñecer a outros músicos, a profesionalizarme.

A día de hoxe, para min os instrumentos son ferramentas para compoñer e non me considero experto, nin moito menos, en ningún deles».

 

Fuches baixista de Xoel López, Álex Ferreira ou Richter, mesmo formaches parte de Stereotipos, unha recoñecida banda galega de pop. Por que decidiches, en 2012, emprender a túa carreira en solitario?

David: «Levaba moito tempo acumulando maquetas no meu ordenador e de súpeto sentín a necesidade de labrar o meu propio camiño, de acender a miña propia vela, de facer as cousas ao meu ritmo asinando co meu propio nome e sen ter que responder ante ninguén».

 

 

De que xeito influíu esta experiencia grupal, acompañando a grandes artistas enriba do escenario, no desenvolvemento do David Quinzán solista?

David: «Da xente coa que toquei aprendín case todo. Cada un deles foi unha escola ou, se prefires, unha materia diferente da mesma universidade. Cando formei a miña propia banda xa tiña certa idea de como facer as cousas, pero todo grazas a vivir unha chea de situacións coa xente á que acompañei. Sen darme conta estivera observando e aprendendo».

 

Logo de dous EPs consecutivos, a túa posta de longo, El vino de las despedidas (2013), foi producida por Xoel López e supuxo unha mostra exquisita da túa faceta como compositor cunhas letras que, como o propio Xoel definiu, son «enormemente visuais». Neste traballo, a letra pesa máis que a instrumentación que a envolve? Como abordaches a composición?

David: «Para min hai un equilibrio claro entre letra e música, aínda que se cadra é só a miña percepción. Con Xoel traballamos moito o enfoque de cada canción, a instrumentación, todo; foi un traballo moi artesán que fixemos no estudio da súa casa da Coruña. El meteume moita caña coa voz nesa gravación, fíxome subir un chanzo. Repetíame que tiña que esforzarme en cantar mellor porque iso era o que mandaba, o que transmitía.

Nos EPs anteriores escoito a miña voz dubidosa, a voz de alguén que aínda se está a buscar. Con todo, en El vino de las despedidas xa comezo a atoparme, e iso nótoo e agradézoo a día de hoxe».

 

 

De que Xoel producise este primeiro longo a compartir responsabilidade creativa xunto a el no seu último álbum, Si mi rayo te alcanzara (2020). Que significou para ti este traballo conxunto?

David: «Traballar en Si mi rayo te alcanzara foi algo parecido a un agasallo; de feito, sóame raro chamar a iso traballar. Desfrutamos moito da composición, estar en algo así cun amigo e entenderse tan ben é algo que non sempre ocorre. Como músico, é das mellores cousas que me pasaron. Xoel é moi esixente e gústalle levar as cancións aos seus límites, aprendín moito aquí tamén... outro curso máis da universidade da que che falaba antes!».

 

 

Á hora de compoñer, que ou quen, inspira a David Quinzán? Es dos que pensa que a inspiración vén a un ou hai que saír procurala?

David: «Inspírame a necesidade de atoparme mellor, máis próximo á beleza ou á verdade. Se comezo a cantaruxar algo sobre uns acordes e iso empézame a aliviar a ansiedade, xa é bo sinal. Despois ten que vir todo o demais.

Eu póñome todos os días coa guitarra ou fronte ao piano para esperar a ver se aparece algo. Hai días nos que non pasa nada e hai días case de transo nos que todo flúe. Ultimamente axúdame pensar en persoas concretas ou situacións imaxinarias, como se lle estiveses poñendo banda sonora».

 

Para o teu segundo LP, El maestro de teatro (2014), recorriches a unha campaña de micromecenado cuxo obxectivo acadaches con éxito. Esperabas tal apoio, e posterior recibimento, ou colleuche por sorpresa? Repetirías a experiencia?

David: «A verdade é que fixera unha lista enorme de posibles colaboradores (familia, amigos) que case me aseguraba o 50% da recadación, pero aínda así era completamente hipotética. Todas esas persoas responderon por riba do planeado e, ademais, apareceu outro 50% de xente da nada máis absoluta que contribuíron ao éxito. Así que a resposta é que tiña certa seguridade en que podía conseguilo, pero non tan fácil e tan pronto como ocorreu.

Hoxe non repetiría a experiencia, a enerxía posta nas xestións do crowdfunding foi en detrimento de outras tarefas importantes para a música ás que cheguei moi canso. Pero estou contento co resultado xeral».

 

 

É neste longo onde escoitamos como a túa música de autor se tingue de acordes de pop orquestrado e preciosista, un pop máis clásico. Canta «culpa» neste xiro do teu son tivo o produtor do disco, Joserra Senperena (Duncan Dhu, Diego Vasallo, Rafael Berrio)?

David: «Eu son admirador de Joserra desde hai moitos anos. Vía que aparecía nos créditos dunha chea de discos que me compraba: La Buena Vida, Rafael Berrio, Diego Vasallo, Duncan Dhu, Javier Álvarez, Jesús Cifuentes... moitísimos. Sabía que tiña unha sensibilidade única para arranxar cancións. Cando aceptou traballar en El maestro de teatro nin sequera nos coñeciamos persoalmente, de feito, non nos vimos ata as mesturas no estudio de Guillermo Quero en Madrid, meses despois.

Tivo total liberdade e a min entusiasmáronme todas as súas ideas. Comezou a traballar sobre pistas de guitarra e voz que eu lle ía enviando, así que o peso da súa arte é moito, foi quen vestiu eses esqueletos, mesmo achegou moitas ideas de baixo e batería. Creo que podo dicir que todos os que participamos nese disco lle temos moito agarimo e, en gran parte, é pola participación de Joserra; deunos ouro puro para poñernos a gravar».

 

 

Na túa seguinte entrega, Caballito negro (2016), acadabas un estilo propio, combinando novos xéneros e con letras menos introspectivas. Como foi a evolución ata acadalo?

David: «En Caballito negro volvo encerrarme no meu estudio caseiro e enfoco as cancións un pouco máis desde a produción. Quero facer algo máis bailable e menos íntimo; póñome a xogar moito con ritmos, con sintes, outra cousa.

Neste proceso acompañoume moito Adrián Seijas, que ten crédito como arranxista en tres temas dese disco. Creo que ambos estabamos no mesmo punto mental respecto á música e funcionabamos moi ben xuntos. Ademais, coa banda estaba no mellor momento, e case todas as ideas que levaba ao local gustaban e motivaban. En xeral, tiven moita sorte coa xente coa que toquei, nesta etapa de Caballito especialmente».

 

 

O protagonismo melódico, de aires power pop con ecos sintéticos dos 80, xunto á narrativa, que volve gañar peso, caracterizan o teu quinto traballo discográfico, Melancolía Jackson (2018), no que os cinco temas teñen un nexo común. Cal é este nexo? Dirías que, como a portada, é autobiográfico?

David: «Hai unha sensación xeral de escapismo, no sentido literal. De feito, antes de gravalo fixera unha viaxe aos Balcáns en autocaravana desde Madrid con catro grandes amigos. Tiña a necesidade de saír dalgún sitio, aínda que non sei ben de onde... quizais do vórtice de Madrid, da rutina de publicar cancións e saír a tocalas con pouco éxito, da inestabilidade».

 

 

Vés de lanzar Grado elemental (2021), unha colección de sinxelos que, como pílulas sandables, fuches deixando durante os últimos anos, xunto con versións en acústico de temas recollidos en traballos anteriores. Como xorde esta idea de recompilación? Por que agora?

David: «É a primeira gravación que fago máis para min que para un hipotético público. A día de hoxe dedico moito tempo á música para publicidade e imaxe en xeral, e estaba canso de traballar tanto con arranxos, de vestir tanto a música. Apetecíame facer algo descarnado e imperfecto e facelo xa.

A elección dos temas responde á proba/erro, son os que mellor me funcionaban a soas co piano ou a guitarra, e os que me motivaban para cantalos».

 

Aínda que cronoloxicamente estean compostos en períodos de tempo diferentes, as oito cancións teñen en común o seu formato de gravación: acústica, tan só ti mais o teu piano ou a túa guitarra. Que procurabas con esta versión tan íntima de ti, das túas cancións?

David: «En parte foi un reto! Quería saír da miña casa, ir a outro estudio con outra xente, enfrontarme a unha situación en teoría máis incómoda. Tamén influíronme os discos que estaba a escoitar, gravacións moi espartanas, algunhas moi caseiras ou lo-fi. De feito, fixen unha lista de Spotify con eses temas; chámase ‘Las canciones que inspiraron Grado elemental’».

 

 

A piano, guitarra, e voz, Grado elemental é un disco espido e vulnerable, con cancións que descobres como «terapia de choque». Fronte ás túas imperfeccións, aos teus medos... ou compuxeches como mecanismo de defensa fronte á soidade do confinamento provocado pola COVID-19?

David: «Hai algo de todo iso. Durante a pandemia comecei a colgar vídeos tocando algunhas cancións co piano ou a guitarra; fíxeno porque estaba a perder a confianza na miña voz ou algo parecido, necesitaba reconciliarme co meu eu intérprete. Recibín bo feedback con eles e animeime a levar ese concepto ao estudio para rematar ese proceso de sandación.

Soa esaxerado pero é así. Paso por períodos de grande inseguridade co que fago e preciso tomar decisións ao respecto para seguir á boia».

 

 

Grado elemental foi gravado, mesturado e masterizado por Dany Richter no seu estudio El Lado Izquierdo (Pozuelo de Alarcón, Madrid) en tan só dous días. Como describirías a experiencia?

David: «Coñezo a Dany desde hai moitos anos, como mencionas ao principio toquei con el no seu proxecto Richter, no que tamén aprendín moito. En 2007 fixemos un disco moi fermoso chamado Patchwork... e apetecíame volver atoparme con el nun estudio.

Eses dous días foron moi intensos pero moi fáciles á vez, porque traballar con el é así. Dany é un grande enxeñeiro, pero tamén ten unha gran sensibilidade para a música. De feito, el tamén toca e fai cancións, e este tipo de situacións acústicas e relaxadas enténdeas perfectamente. En definitiva, xa antes de chamalo intuía que ía ser un acerto contar con el».

 

 

Ao fío, diríase que para ti os teus produtores xogan un importante papel durante a creación do disco, mesmo máis aló do proceso de gravación. É así? Como é esa relación?

David: «Traballar en cancións ás veces é duro; o compositor está só gran parte do tempo e ter a alguén con quen compartir o que se está a crear é de moitísima axuda. É a posibilidade de estar fronte a un espello que ás veces che devolve unha imaxe coa que non contabas, para ben ou para mal. Tampouco é que sexa mellor ou peor que traballar só, sen feedback algún; é distinto. Ás veces simplemente necesítalo porque che axuda a seguir, a sentir que o que estás a facer paga a pena».

 

Só por curiosidade! O título fai referencia ao grado elemental... de piano?

David: «Creo que co piano eu non chego a grao ningún... pero está ben a pregunta! Está inspirado nos títulos dos métodos de ensino. Para min tiña todo o sentido porque era devolver as cancións ao seu estado máis básico. Ademais, os meus temas son moi sinxelos e aínda máis tocados así. É liberador volver á cousa máis simple que podes facer e gravala así; é como quitarte a roupa diante de alguén e mostrarte tal como es, ao principio dá vergoña, pero despois te fas máis forte porque che devolve a confianza en ti mesmo: “isto é o que hai”».

 

A volta da música ao vivo de xeito regular aínda está sendo complicada, con restricións de capacidade, máscaras, protocolos, etc., como o estás a levar? Que poderemos esperar dun concerto (en acústico?) de David Quinzán?

David: «De momento non teño pensado levar as miñas cancións ao directo, estou centrado na composición e no traballo de estudio, pero o bicho volverá picar tarde ou cedo».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

David: «Santi Araújo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

David: «Agora mesmo, por unha banda, moita música ambient e instrumental: Rafael Antón Irisarri, Nils Frahm, Library Tapes, Peter Broderick, Wim Mertens, Su Jung Moon... por outra, cancionistas: Bill Fay, José González, Rafa Berrio, Bill Callahan, os discos en solitario de Billy Corgan, Ferran Palau, Silvia Pérez Cruz, Robe Iniesta, Christina Rosenvinge...».

 

 

  noticias