• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CLUB CLAVICÉMBALO. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.14

CLUB CLAVICÉMBALO. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.14
14 AGOSTO 2021

¡Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Club Clavicémbalo

Di a lenda que desde hai máis de tres décadas, se pasas por Lugo non poderás evitar acudir á chamada dun local onde a música vívese e o ambiente che atrapa. Situado na rúa Paxariños, o Clavi e xa un templo da cultura que viu crecer e acompañou a unha morea de artistas ao longo da súa carreira. Berrogüeto ou Violadores del Verso son tan só dous grupos dos tantos e tantos que pasaron pola sala, caracterizada tamén por dar oportunidades aos máis novos, mesmo colaborando na actualidade con escolas de música dándolles a oportunidade aos seus alumnos de presentarse ao público. Mais non só é música o que se respira nesta sala, xa que tamén acollen espectáculos cómicos, contacontos, exposicións, e un longo etcétera. O Clavicémbalo foi ampliando a súa oferta musical ao longo dos anos, acollendo jazz, pero tamén blues, funky, flamenco ou rock.

 

Dirección: Rúa dos Paxariños, 23, 27002 Lugo (Lugo)

Web: https://www.clavicembalo.com/es/

 

 

Wealman

Trátase do primeiro proxecto musical liderado por Ro Muñoz (batería), quen xuntou a música que estivera grabando durante os últimos quince anos mentres tocaba noutras bandas. Nesta aventura está acompañado por Chema Corredoira (guitarra), Gonzo Piña (baixo) e Toño Otero (saxo), tres músicos de calidade que transitan os camiños de diversos estilos, o que resulta nunha fusión sonora sorprendente. Nas súas composicións, o jazz fusiónase co funk, o rock e a música electrónica, creando texturas innovadoras que farán as delicias de todo melómano.

 

 

Bird Lives

Esta banda saltou ao escenario recentemente, en agosto de 2020, no Festival Feito a Man de Santiago de Compostela. Alejandro Vargas (piano), Ana Sanabria (batería), Marcos Pin (guitarra) Pablo Añón (saxo), Pablo Castaño (saxo), Pablo Sax (saxo) e Yudit Almeida (contrabaixo), decidiron arrexuntarse para render homenaxe ao seu ídolo, o saxofonista Charlie Parker, tamén coñecido como Bird, no centésimo aniversario do seu nacemento. Mediante as súas versións, coidadas con moito agarimo, e o virtuosismo co que tocan este jazz, fan máis certa que nunca a afirmación Bird lives, dando a máxima entrega e da forma máis honrada posible.

 

 

Lacón con Grelos Blues Band

Logo duns primeiros anos como trío de power blues facendo versións de temas de finais dos anos 60 e principios dos 70, esta banda lucense pasa a estar formada por cinco integrantes, e presentan xa unha proposta persoal propia na que mesturan o blues rock sinfónico máis psicodélico co jazz rock fusión. Gonzo Piña (baixo), Luis Monsalve (teclados), Paul Baker (voz), Rodrigo Muñoz (batería) e Saulo Sause (guitarra) son os encargados de elaborar unhas letras socialmente comprometidas e actuais, ademais dun directo do máis divertido e cheo de disfraces, onde amosan a súa electrificante fórmula co obxectivo de poñer a todo o mundo en pé nun frenesí musical.

 

 

Sandra Calderón

Coruñesa con alma flamenca, así é, en poucas palabras, Sandra Calderón. Os seus primeiros achegamentos ao mundo da música foron a través do jazz, do que podemos apreciar certas reminiscencias nas súas composicións actuais. Desde ben pequena admiraba a cantaores e bailaores, quen cría que eran seres extraordinarios capaces de infundir todo o sentimento do mundo na súa arte. Nas súas letras, Calderón deixa patente o seu compromiso con causas sociais, xa que colabora tamén con asociacións contra o racismo ou a discriminación, entre outras.

 

 

 

  noticias