• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MIRIAM SANDOVAL: «É UNHA ALEGRÍA INMENSA PODER TOCAR ALGÚN CORAZÓN CANDO CANTO»

MIRIAM SANDOVAL: «É UNHA ALEGRÍA INMENSA PODER TOCAR ALGÚN CORAZÓN CANDO CANTO»
16 AGOSTO 2021

Cando na súa Avellaneda natal (Bos Aires, Arxentina) se subiu por vez primeira a un escenario sendo aínda unha nena, Miriam Sandoval soubo que a súa vocación era a música, o que a levou a formarse e converterse na artista polifacética que é actualmente. Afincada en Vigo desde 1995, a cantautora fusiona a cultura musical galega coa arxentina, creando vínculos entre dúas terras que abriron o seu corazón a emigrantes e a inmigrantes.

Na procura desa conexión debutaba con Renacer (Inquedanzas Sonoras, 2014) e é ese mesmo quen a empurra a embarcarse no seu último proxecto. Logo de anos de investigación e traballo, Miriam Sandoval presenta Cantigas trashumantes (Inquedanzas Sonoras, 2021); un álbum que chega con nove poemas musicados de autores e autoras que difundiron o galego na diáspora, como Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Pura Vázquez e Lorenzo Varela, entre outros.

 

 

 

Adoitamos escoitar sobre o camiño de Galicia a Arxentina e non tanto ao revés. Como chegas a terras galegas y que che levou a quedarte?

Miriam Sandoval: «Cheguei de vacacións en 1994; convidáronme a viaxar unhas amigas e descubrín unhas paisaxes incribles, un ritmo de vida moito máis tranquilo que o de Bos Aires, e un pobo con moita música. Iso namoroume de Galicia e, un ano despois, decidín volver e probar sorte… e atopeina!».

 

Dunha beira do Atlántico á outra, como arxentina afincada en Vigo desde hai máis de dúas décadas, como inflúe a música e cultura galegas nas túas composicións?

Miriam: «Inflúen desde a sonoridade dos instrumentos tradicionais, que se coan ás veces no momento de concibir un tema, aos ritmos que me poden suxerir as letras ou os poemas cos que traballo. Tamén a harmonía da música tradicional, que é diferente á do folclore suramericano, xorde nese proceso de “estadas” dunha canción».

 

A túa carreira musical comezou de nena na túa Arxentina natal, onde formaches parte de varios grupos musicais e que continuaches aquí, con colaboracións xunto a SonDeSeu ou Virandeira Folk, entre outros. Cando e por que decides comezar a túa carreira en solitario?

Miriam: «A miña carreira en solitario comezou cando o primeiro grupo do que formei parte se separou; estabamos a buscar ampliar os nosos horizontes musicais con vinte e poucos anos e foi o mellor que me puido pasar.

Nese baleiro transitei polo tango ou o jazz e comecei a musicar poemas e a compoñer. Sempre quixen saber “de que falaban os músicos”. O conservatorio achegoume a visión académica da música, e eu quería darlle solvencia aos meus arranxos, así que aproveitei eses recursos para darlle voo á creatividade».

 

 

Desde os teus comezos, un dos teus referentes é a cantautora arxentina Mercedes Sosa. De que xeito influíu en ti como artista? Dalgún xeito, ves algo dela en ti?

Miriam: «É o referente máis forte que teño. Inflúe pola estética da súa voz, o seu sentimento, o seu compromiso, o inefable que ocorre ao escoitar calquera canción que cantase... En min vexo as ganas de compartir a emoción de cantar. Teño un instrumento que me responde, e é unha alegría inmensa poder tocar algún corazón cando canto».

 

Ao fío, hai outros artistas que admires, que che inspiren dalgún outro modo?

Miriam: «Gústame moito Lila Downs, pola mestura do tradicional coas sonoridades máis actuais; e Natalia Lafourcade, pola sutileza interpretativa e dos arranxos».

 

Debutas en solitario con Renacer (Inquedanzas Sonoras, 2014), un álbum onde mesturas temas propios, versións en inglés, portugués e galego e a musicalización de “Eiquí será”, poema de Celso Emilio Ferreiro. Como lembras esta primeira experiencia? E como a compararías coa actual?

Miriam: «Renacer deusecase sen propoñermo! Tiña un puñado de cancións que quería empezar a gravar e, en realidade, deuse como un percorrido vital. Cada canción do disco ten un significado de diferentes momentos da miña vida, así que decidín que ese sería o fío condutor do traballo, por iso hai cancións en diferentes idiomas. Nunca cantara en inglés e animeime a facelo neste disco e nos directos de presentación do traballo.

“Eiquí será” é o primeiro poema que musiquei en galego. Mantíveno gardado moitos anos ata que me animei a cantalo nos directos; gravalo foi ver realmente a dimensión que podía adquirir a miña pequena achega. O poema cativoume pola sinxeleza e precisión coa que describe a paisaxe de Galicia, e penso que a música lle pon un marco ideal para mergullarnos nesa paisaxe, unha que nos convida a pensar na Galicia interior.

En comparación con Cantigas trashumantes... é outro traballo. Renacer foi un disco en solitario, só traballando co produtor e un convidado; Cantigas trashumantes éun disco coral, de enriquecemento colectivo».

 

 

Renacer foi gravado entre Madrigal de la Vera (Cáceres) e Bos Aires. Por que escoller estes dous sitios en concreto?

Miriam: «En realidade non os escollín, a casualidade reuniunos despois de 25 anos! En Madrigal de la Vera residía o produtor, Horacio Novello; e en Bos Aires, Pablo Tozzi, o convidado. Con ambos formaramos aquel grupo que logo se separou e volver traballar xuntos na distancia era toda unha aventura, que saíu ben, ademais de permitirnos volver crear xuntos».

 

A mediados do pasado xullo publicábase, por fin, o teu novo traballo, Cantigas trashumantes(Inquedanzas Sonoras, 2021), que se presenta como «a viaxe sonora dos poetas na migración»... Logo de tantos anos de traballo a viaxe é túa tamén, non?

Miriam: «Sen dúbida. A viaxe máis marabillosa de transformación das cancións, e a viaxe persoal que implica estar aberta ao que vaia xurdindo no proceso de crecemento das cancións, que asumín como a mellor forma de enriquecer o proxecto.

Houbo tropezos e caídas, pero cada avance supoñía acadar que os temas soasen como os concibía, pagou a pena!».

 

 

Como foi todo este proceso de investigación?

Miriam: «Longo... escoller os autores e os poemas levoume un verán enteiro! Despois, con todos os poemas que seleccionara como posibles, iniciei unha etapa de composición na que quedaron algunhas obras polo camiño. A seguinte fase foi a dos arranxos, adaptación aos ritmos, procura de sonoridades dun e doutro folclore ata chegar a unha idea básica para volver comezar axustando estruturas e puíndo fraseos».

 

Que premisa seguiches para a selección dos versos e dos autores?

Miriam: «Unha vez situados os poetas en cada país, comecei a ler os poemas e a buscar nas cadencias dos versos iso que está agochado e que, ao levalo a unha estrutura harmónica, pode fluír ou non... esta é a parte máxica do proceso e a que primeiro desfrutei».

 

Para musicar os nove poemas que recolle o álbum utilizas o folclore, a instrumentación e os ritmos autóctonos de cada rexión onde se escribiron na diáspora. Por que decidiches darlle este enfoque? Como resultou ese proceso de engarzar así letra e música?

Miriam: «A pregunta que me xurdiu foi: e se na cadencia dos versos entrevísese a influencia do que os poetas escoitaban alí onde residiron? E a resposta atopeina no libro de Emilio Pita, Serán (Ed. Galaxia, 1974), que ao final ten un capítulo titulado “Cantigas Arxentinas” onde aparece ‘Vidala’, ‘Candombe’, que forman parte do disco entre outros xéneros do folclore do Río da Prata.

Estaba tan claro que si, influíra, que ampliei o enfoque a outros poetas e xéneros. Entón o proceso comezou a fluír procurando, como dixen antes, esa influencia entre os versos».

 

 

Como resultou a produción desde álbum, tendo en conta os tempos de pandemia que nos está a tocar vivir? Algunha peculiaridade a destacar da gravación?

Miriam: «O disco produciuse entre Vigo e Bos Aires. Desde a outra beira, Pablo Tozzi (co que me unen 40 anos de amizade) púxose ao mando da produción musical. Foi todo un luxo contar cun músico da súa valía para este traballo pois precisaba de alguén que entendese a miña visión para poder levar a fusión a bo termo. Pola súa banda, a masterización correu a cargo de Juan Carlos Socorro, un exquisito profesional e excelente persoa que a casualidade puxo no camiño do disco.

E cada un traballando desde o seu estudio, movéndonos a tres bandas!».

 

 

Ademais, en Cantigas trashumantes tamén «escoitamos» a Pablo Tozzi. Que cres que achegou, ademais de instrumento e produción, ao traballo?

Miriam: «As bases, na súa maioría, graváronse en Bos Aires; Tozzi no baixo e contrabaixo e os seus músicos de cabeceira na batería e piano. A achega máis significativa é a solidez rítmica que me permitiu asentar cada tema e darlle o aire característico a cada xénero».

 

Tamén contaches coa colaboración de máis dunha ducia de artistas, entre instrumentistas, cantantes e poetas, tanto galegos como doutro lado do charco. Como xurdiron estas colaboracións? Escolleron eles ás «súas» pezas ou foi ao revés?

Miriam: «Tiña moi claro que quería para cada tema, así que os convites eran para temas concretos, para que cada un puidese achegar o seu estilo e a súa visión do arranxo desde o seu instrumento. Aí si, tiñan liberdade para influír na miña idea orixinal, sempre dando prioridade ao que funcionaba mellor en cada tema.

Tiven a sorte de contar con dous grandes referentes da música arxentina como o mestre Jorge Cumbo e Guillermo Fernández».

 

 

Pasaron sete anos, e unha pandemia, entre un traballo e outro. Que ocorreu neste tempo de parón (obviando o coronavirus!)?

Miriam: «Creo que o parón me deu máis forza para avanzar, para non poñerlle límite ao creativo. Para darme de conta de que estou no camiño correcto, que traballar con calma non é non traballar, senón darme a posibilidade de xerar proxectos cada vez máis potentes».

 

Ademais de compositora e arranxista, en Vigo forxácheste tamén unha prestixiosa carreira como profesora de canto e linguaxe musical. Como veñen as futuras xeracións?

Miriam: «Veñen con ganas de facer! Hoxe en día teñen tantas ferramentas que facilitan a expresión que trato de incentivar a creatividade por riba das modas ou as tendencias. Que cada un se senta satisfeito co que fai, que atopen a súa esencia integrando o novo coa verdade interior».

 

 

Na túa opinión, que papel cres que xoga a música na educación hoxe en día?

Miriam: «Lamentablemente, a nivel educativo adóitase a minimizar a música e as artes en xeral. Creo que é unha linguaxe que nos conecta co outro e con nós mesmos, ponnos en contacto co creativo. Non só é patrimonio das artes, senón é un trazo necesario para a vida diaria, sobre todo nestes tempos nos que quedou máis que demostrado que sen ideas creativas, o panorama da pandemia era moi duro de soportar».

 

A volta aos escenarios de xeito regular aínda está a ser complicada, con restricións de capacidade, protocolos, máscaras, etc. Como o estás a levar? Como tes pensado levar estas Cantigas ao vivo? Podes adiantarnos algunha data de presentación?

Miriam: «En principio imos rodar as Cantigas en formato trío con Juan Santomé (baixo e guitarra de oito cordas) e Jorge Guerra (Batería). As vindeiras datas son: 28 de agosto nos Concertos na Horta de Vilaboa; 4 de setembro nas Noites de Terraza en Ponte Caldelas; e o 5 no Festival Arraianos en Tui».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Miriam: «A banda da Loba ten unha frescura e moito para dar, e Baiuca, que fixo que cambiase a miña percepción sobre os DJs. Paradoxal que o entenda cun artista galego... esta é unha mostra de como calou en min a cultura local!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Miriam: «Escoitariades Miriam Sandoval, Mercedas Sosa, Rubén Rada, Piazzolla, Jorge Drexler, Sting, Charly García, George Benson, Marful, Xoel López, Ana Pudor, Djavan, Spinetta, Silvio Rodríguez, Kérkennai, Lila Downs, Héctor Laboe, Elis Regina, Queen, Carlos Núñez, Martinho da Vila, Deolinda, The Mamas and the Papas, Quilapayún, Raúl Carnota, Caetano Veloso, Crema de Gaita, Tita Merello, The Beatles, Totó A Momposina, Troilo e Grela, Milladoiro, Marc Anthony, Celia Cruz, Atahualpa Yupanqui, grupos de gospel... e un longo etcétera».

 

  noticias