XOÁN CURIEL: «PENSO QUE SEMPRE É INTERESANTE COÑECER, REVISITAR OU ACTUALIZAR AS NOSAS ORIXES»
Como artista independente, Xoán Curiel (A Fonsagrada, 1975) destaca pola súa liberdade creativa e obra prolífica dentro do panorama musical galego, con sete álbums producidos e case 20 anos de traxectoria nos que, ademais de músico e compositor, participa como actor, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro ou a danza.
Curiel ve cada disco, cada proxecto, como unha nova oportunidade para experimentar con novas sonoridades, cores e ritmos, como unha evolución constante na artesanía do seu facer creativo. No seu novo traballo, Treides comigo! (2021), acada a madurez cunha visión orixinal, didáctica e diferente das cantigas da lírica medieval galego-portuguesa, todo un espectáculo de pop medieval digno do século XXI!
A finais dos anos noventa comezaches a dar os teus primeiros pasos como actor, músico e cantante. Agora, máis de dúas décadas despois, como lembras eses inicios? E, botando a vista aínda máis atrás, como foi o teu primeiro contacto coa música?
Xoán Curiel: «Lémbroos con agarimo, saudade e tamén coa perspectiva de ver que todo aquel traballo de formación en teatro, danza, clown… definiu, e tivo moito que ver, co que son hoxe en día no eido artístico e musical.
O meu primeiro contacto coa música foi de moi neno, xogando e gravando voces nunha gravadora, e tocando unha guitarra que había na casa sen ter moita idea do que facía».
A túa carreira como compositor desenvólvese á par que a túa formación en teatro, teatro musical e outras disciplinas escénicas. Dirías que foron estas artes as que che empurraron a unha carreira máis centrada na música e na composición? De que xeito?
Xoán: «Non especialmente. A miña carreira como compositor comezou antes de estudar teatro, mais o teatro axudoume moito a romper o xeo co público, a atreverme a amosar o meu traballo, a afondar na creatividade persoal e na improvisación en escena».
Cada un dos teus tres primeiros traballos en solitario preséntase cun estilo moi definido: Nai (2009), world music; Magnético Zen (2012), pop; e Ecuacións (2016), experimental. Foi algo premeditado ou foi xurdindo como resultado da evolución do teu son?
Xoán: «Non foi premeditado, máis ben foise dando. No meu caso, a vontade de cambio ten que ver con ter curiosidade, ganas de arriscar e de experimentar en diversos estilos; foise dando tamén polas cancións que compoñía en cada momento vital.
Sendo autodidacta como compositor e músico, vexo unha evolución no meu xeito de facer cancións. Penso que fun aprendendo moito no camiño, nos directos e facendo discos. A xente que me acompañou no escenario e no estudio foron mestres e mestras para min».
Magnético Zen foi recoñecido en 2013 como Mellor Álbum en Galego nos V Premios MIN, un galardón que terminarían por sumarse a outros premios e nomeamentos. Como recibes estes recoñecementos e que significan na túa traxectoria?
Xoán: «Cando aparece un nomeamento, ou algún premio, supón unha alegría, loxicamente. Quere dicir que algo estás a facer ben, ou que alguén considera que musical ou artisticamente es interesante. Mais tamén é importante ter os pés no chan e saber que o traballo diario é o máis importante».
Portugal, Brasil. Arxentina, Italia ou Francia son algúns dos escenarios internacionais aos que levaches a túa música. Como foi a súa acollida alén das nosas fronteiras?
Xoán: «Foi boa! O feito de tocar noutro lugar e nunha lingua diferente sempre xera curiosidade no público. Tiven a sorte de atoparme case sempre en contextos onde a xente amosaba moito interese polo que eu facía.
O lugar que máis me sorprendeu en canto á boa acollida de cara á miña música foi Italia».
Coa Banda do Verán descubrimos o teu proxecto musical dedicado ao público infantil, co que xa tes publicados tres libro-discos, o último deles recoñecido nos VI Premios Martín Códax da Música. Como xorde este proxecto conxunto? Que destacarías desta faceta respecto á do público adulto? Se cadra a cativada é tanto ou máis esixente...
Xoán: «Este proxecto vén xa do ano 2006, só que comecei con Jara Ortiz e Carlos Freire nun trío, chamado Son+d2, co que nos especializamos en facer concertos didácticos. Despois de anos de percorrido, chegou a hora de facer un disco que, finalmente, virou nun libro-disco con texto de Charo Pita: Estamos no verán! Daquela xuntamos un grupo que veu configurar a Banda do Verán.
Co tempo, penso que xa non atopo moita diferencia entre os dous públicos (adulto e infantil), cada un é esixente á súa maneira. Saltar dun público a outro é moi enriquecedor».
De feito, o teu penúltimo traballo, Canta, miña pedra, canta (Editorial Galaxia, 2019), é unha homenaxe a Antonio Fraguas e ao seu Cantigueiro de Cotobade con letras creadas para nenos e nenas. Na túa opinión, como cres que inflúe a música infantil en galego á hora de que os nenos sigan a consumir despois cultura na nosa lingua?
Xoán: «Creo que está a ser verdadeiramente importante e positiva. Os discos e espectáculos que fixemos nesta última década, nós e os compañeiros e as compañeiras da escena infantil galega, supoñen un fenómeno social que probablemente se estude nos centros educativos no futuro.
A música non sabe de fronteiras e a lingua, cando é amada e sostida pola música, entra e toca a fibra dun xeito moito máis íntimo nos nenos e nas nenas, futuros adultos».
Estás a presentar o teu novo disco, Treides comigo! (2021), un traballo que reinterpreta as cantigas medievais galegas desde un punto de vista contemporáneo. Como nace esta idea?
Xoán: «Hai anos que comecei a poñer música ás cantigas do Pergameo Vindel cun proxecto chamado Ao Encontro de Martín Códax,xunto á cantante Iris Gey. O concepto deste espectáculo era o encontro entre o “cantautor” medieval e o “trobador” contemporáneo. Máis adiante fun seleccionando cantigas e poñéndolles música para chegar a este último traballo que veño de presentar».
Como foi o proceso de investigación previo? Seguiches algún criterio á hora de escoller as cantigas ou os trobadores?
Xoán: «Fun bebendo de diversas fontes. Ás veces enviábanmas, como cando fun tocar a Bóveda e desde Cultura me remitiron as cantigas de Pero de Veer; outras foron a través de certas páxinas e libros especializados.
Para este disco, o criterio na selección foi escoller un trobador e unha cantiga dese trobador para cada un dos dez Camiños de Santiago».
Ademais, cada unha das cantigas que compoñen o álbum está dalgún xeito vinculada a lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago, como por exemplo “O Voss'amigo trist'e sem razom” de Fernando Esquío ao Camiño Inglés ou “Mia irmana fremosa” de Martín Códax ao Camiño Portugués. Como chegas ata estas conexións entre o autor e o lugar?
Xoán:«Atendendo ao lugar de procedencia do trobador, que moitas veces é esquivo e que se pode estimar por documentos históricos que se conservan. Tamén os conectei atendendo ao lugar onde os autores desenvolveron principalmente a súa actividade compositiva.
No caso de Martín Códax, é claro que a ría de Vigo tivo unha enorme importancia inspiradora».
Musicaches os poemas partindo de instrumentos acústicos medievais, como á arpa, as frautas, o dulcimer ou trompetas; que mesturaches con instrumentos doutras épocas e xeografías (guitarra, duduk armenio, clarinete). Como enfocaches esa fusión? E como enfocaches a composición?
Xoán: «Lonxe de querer facer un disco purista, decidimos enfocalo con liberdade creativa. Ten sonoridades e ritmos evocadores do medieval e tamén estruturas máis modernas. A idea era revisitar e actualizar a nosa lírica medieval desde un punto de vista persoal ou autoral».
Neste «camiño» vés acompañado pola cantante e filóloga Iris Gey; como describirías a súa achega ao proxecto?
Xoán: «Iris e eu levamos anos cantando xuntos! Foi moi doado traballar con ela e facer que as voces funcionasen, dado o peso que teñen no disco.
En canto á fonética e á lingua da lírica medieval galego-portuguesa, Iris fixo un gran achegamento neste aspecto. Aprendín moito dela a nivel histórico e filolóxico a medida que fomos avanzando no proxecto».
Na túa opinión, que papel cres que xoga este tipo de proxectos, de traer ao presente a lírica medieval, na conservación e difusión das nosas letras?
Xoán: «Penso que sempre é interesante coñecer, revisitar ou actualizar as nosas orixes. A dimensión temporal-histórica axuda a tomar consciencia sobre a importancia que tivo aquela lírica antepasada, dignifica e pon en valor a nosa lingua galega».
A volta da música en directo de xeito regular aínda está a ser complicada, con restricións de capacidade, protocolos, máscaras, etc. Ti, que xa puideches dar varios concertos adaptados á nova normalidade, como describirías a experiencia?
Xoán: «No inicio foi do máis estraño que vivín en escena… A posteriori, un se acostuma e segue adiante. Quero pensar que os músicos e artistas co noso traballo tamén temos unha función e unha razón de ser para as persoas nestes momentos complicados».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Xoán: «Eu recomendaría compositoras e cantautoras galegas de nova xeración ás que sigo e que presentan proxectos moi persoais e interesantes, como Sofía Espiñeira, Aida Saco Beiroa, MJ Pérez ou Alba María».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Xoán: «Intento escoitar moita música e moi variada: clásica, galega, brasileira, africana, latinoamericana, americana... mais por poñer nesa lista a algúns artistas menciono a Rodrigo Romaní, Guadi [Galego], Residente, Richard Bona, João Afonso, Javier Álvarez, Ani Di Franco, Lenine, José Gonzalez, Salif Keita, Cesaria Évora, Uxía, Eliseo Parra, Santiago Auserón, Baiuca...».