LA ROOM. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.15
¡Novos concertos de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
La Room
Nace en 2018 e, a pesar da súa curta idade, conta xa cunha traxectoria envexable. Os seus propietarios, Occy e Maxi, están curtidos na programación cultural ferrolá e apostan pola cidade, xa que non queren que a xente marche a outros sitios para desfrutar dun bo concerto. Ubicada na rúa do Sol, os dous socios afirman que a música de calidade é a nota predominante na sala, na que tamén dan oportunidades a artistas e bandas emerxentes. Ademais, neste fervedoiro musical tamén hai ocopara outros espectáculos como monólogos, microteatro, maxia ou mesmo presentacións de libros. Tanto todo tipo de públicos como de artistas teñen lugar en La Room.
Dirección: Rúa Sol 142, 15401 Ferrol (A Coruña)
Facebook: https://www.facebook.com/salaroomferrol/
Mounqup
Mounqup é o nome artístico de Camille Hédouin, unha artista francesa que chegou ás nosas terras alá polo 2011, concretamente á aldea de Pardavedra (A Bola, Ourense). Agasállanos cun abano de sons, que van desde o jazz, á electrónica e ao folk, e que ela chama «electrónica vocal rural». Sempre armada cos seus sintes e a súa voz, Mounqup consegue crear unha experiencia musical rompedora. Polo de agora publicou dous álbums: Proba de Son (Molho, 2017) e Castro Verdi (Molho, 2018). En 2017 foi galardoada co Premio Musical NARF pola Deputación de Coruña, e en 2018 alzouse co Premio Martín Códax da Música na categoría de electrónica.
Alejandro Vargas Trío
Desde Cuba chega a Compostela en 2009 o pianista Alejandro Vargas, que forma xunto a Jose Manuel Díaz (contrabaixo) e L.A.R Legido (batería) un trío como poucos. O pianista cubano trae consigo jazz pero tamén moita música popular cubana que, mesturada coa improvisación libre e a incorporación de obxectos sonoros, logra acadar unha creación musical moi enriquecedora que se desmarca dos estándares do xénero. Á súa vez, a espectacular técnica musical fai que cada un dos seus concertos sexa todo un espectáculo para o público. Polo de agora, vai un disco no seu haber como trío, titulado Diablito Baila(2017).
Havana Soul
A combinación perfecta entre Cuba e Galicia, esta banda está composta polo mellor de cada terra: Dayamí Andux (voz), Fernando Couce (tambores), Jose Luis Cuba (baixo), Sergio Delgado (piano) e liderada polo virtuoso trompetista cubano Wilson Ortega, afincado na Coruña desde 1997. Trátase dun throwback en forma de homenaxe a unha época e, sobre todo, a un modo de comprender a música. Deste xeito, Havana Soul realiza versións que integran música cubana, galega, portuguesa, jazz, soul ou o funky, resultando nunha fusión hipnótica de ritmos e sons.
Mascada
Hai un par de anos que os cambadeses Gustavo Rey (baixo, voz) e Héctor Oje (batería) comezan o seu proxecto musical. Con tan só dous singles publicados, a súa intensidade demostrou ao público por onde ían ir os tiros de Mascada; cheos de influencias do grunge e o hardrock, apostan por unha acústica natural sen grandes arranxos, desprendendo unha esencia que nos leva a revivir os tempos pasados deste xénero. O grupo é reducido, pero á súa vez completo, xa que o barullo que fai esta parella resulta tremebundo, dispostos a derrubar a quen se poña por diante, como unha manada de bisontes correndo cara a ti!