• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2021

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2021
1 DECEMBRO 2021

 

 

Mechanical RevolutionÁngel Novcad

Ángel Novcad remataba novembro coa publicación do seu novo traballo discográfico, tan só un par de semanas despois de lanzar o derradeiro adianto. Mechanical Revolution (2021) marca o cuarto, terceiro neste ano, EP do produtor lucense; seis novos cortes que reafirman a súa versatilidade e variedade dentro do xénero da electrónica. Con este álbum Novcad pecha unha etapa, un periodo caracterizado pola luminosidade e o optimismo, a escuridade, a claustrofobia, a melancolía do dark ambient, o IDM ou o techno. A súa revolución chega acompañada dunha montaxe visual reactiva entre luz e son, realizada polo propio Ángel, mentres que os visuais e acabados cinematográficos corren a cargo de DISCTRL.

 

 

 

 

CalmaFernando Abreu

O seu clarinete adoita a escoitarse acompañado, en DOUS, Cuarteto Caramuxo e Banda Crebinsky, pero agora escoitámolo só. Fernando Abreu estrea a súa faceta en solitario con Calma (Nakra, 2021), un traballo que naceu case de casualidade durante o confinamento de 2020, unha obra de arte «a tres bandas: literatura, fotografía e música». As sete pezas instrumentais gravadas no seu estudio caseiro foron compostas para as sesións en liña de arteterapia de Voarte, sen obxectivo de ser publicadas, pero o músico e compositor galego «veu que existía material digno de ser gravado”... e Calma fíxose realidade. No álbum, ademais dos seus clarinetes —nunha canción utiliza ata unha ducia deles— e sintetizadores, escoitamos tamén o piano de Alberto Vilas, e o violín e percusión do dúo AnDerín.

 

 

 

 

 

Cantigas dos Arrieiros, Javier Otero Neira

Entrevista en galiciantunes do 8 de xuño de 2020

No seu novo traballo, as notas saen das teclas do seu piano coa mesma forza que os peregrinos pisan cada quilómetro da ruta xacobea que cruza A Estrada. Tan só seis meses despois da publicación do seu anterior disco, Javier Otero Neira presenta Cantigas dos Arrieiros (2021), unha colección de seis cancións de composición propia «cun aire medieval, pero actualizadas e versionadas para piano». Como unha homenaxe aos seus paseos mañaneiros, por eses camiños que coinciden co Camiño de Santiago da Geira Romana e dos Arrieiros, o pianista estradense volve, de novo, á composición para piano clásico. Aínda que non por moito tempo, xa que o pianista e compositor está a traballar xa nunha nova entrega do seu proxecto máis persoal da súa carreira, no que piano e electrónica camiña da man.

 

 

 

 

 

Chaos, Cochè Vil

Entrevista en galiciantunes do 20 de setembro de 2021

Cochè Vil tardou meses en dar con alguén como Leonel Silva —«porque non é fácil atopar músicos que aporten algo a túa música»— e se no seu traballo anterior escoitábamolo nun par de cancións, neste comparte protagonismo cos riffs da guitarra nas tres pezas que o compoñen. Con produción de Sebastián, Chaos (2021) é unha nova entrega de rock progresivo realizado integramente con instrumentos de corda, agás a batería acústica, onde a voz de Silva canta á estes tempos incertos, caóticos...

 

 

 

 

 

Bruixes i poetes, O Val das Mouras

Entrevista en galiciantunes o 22 de novembro de 2021

Catro anos e unha pandemia despois, podemos volver a desfrutar da poesía feita música do Val das Mouras. No seu novo traballo discográfico, Bruixes i Poetes (2021), a banda de L’Hospitalet de Llobregat aposta por poemas de mulleres de todo o territorio español que, do mesmo xeito que Rosalía de Castro, foron significativas para a sociedade na que viviron, como Joana Raspall, María Mariño Carou, Maria Mercè Marçal ou Gloria Fuertes. Ademais, por primeira vez e sen abandonar o galego, escoitamos ao Val das Mouras cantar tamén en catalán; cantan letras profundas, comprometidas, feministas e reivindicativas, envoltas nunha sonoridade moito máis pop, onde riffs de guitarra eléctrica e baixo destacan entre acordes de gaita, frauta e pandeiro.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de novidades en Spotify!

  noticias