• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FERNANDO ABREU: «A MÚSICA FACILITA O TRABALLO DE INSTROSPECCIÓN E AXUDA A SACAR EMOCIÓNS QUE MOITAS VECES BLOQUEAMOS»

FERNANDO ABREU: «A MÚSICA FACILITA O TRABALLO DE INSTROSPECCIÓN E AXUDA A SACAR EMOCIÓNS QUE MOITAS VECES BLOQUEAMOS»
13 DECEMBRO 2021

Hai catro décadas que Fernando Abreu recibiu o seu primeiro clarinete; instrumento que, a día de hoxe, puxo banda sonora a máis da metade da súa vida. Clarinetista de ampla traxectoria, Abreu é un intérprete versátil que destaca pola súa expresividade en cada nota que toca, sen importar o xénero: clásica, folk, contemporánea, jazz... ou o formato. O seu clarinete escóitase en DOUS, Cuarteto Caramuxo e Banda Crebinsky e, aínda que a súa faceta en solitario foi a primeira da súa carreira, Fernando Abreu preséntaa agora, con calma.

Calma (Nakra, 2021) é o seu primeiro traballo en solitario, un disco que naceu case por casualidade durante o confinamento de 2020, unha obra de arte «a tres bandas: literatura, fotografía e música». As sete pezas instrumentais gravadas no seu estudio caseiro foron compostas para as sesións en liña de arteterapia de Voarte, sen obxectivo de ser publicadas, pero o músico e compositor galego «veu que existía material digno de ser gravado”... e Calma fíxose realidade.

 

 

© Silvia Mella para C a L M A 

 

Antes de bandas, colaboracións, premios, especialidades; antes da túa ampla traxectoria como intérprete de música folk, clásica ou jazz... cal foi o teu primeiro contacto coa música? Foi sempre o clarinete o teu instrumento de preferencia?

Fernando Abreu: «Lémbrome de neno escoitar hipnotizado as orquestras e bandas nas festas do pobo e, aos 11 anos, comecei estudar cun profesor de música en Ponteareas (Ángel Viro). Cando foi de escoller instrumento quixen tocar a gaita, pero os meus pais animáronme a escoller un instrumento máis “serio” e, pola similitude que eu tiña na miña cabeza, decidinme polo clarinete.

Este ano cumpríronse 40 anos desde que recibín o agasallo do meu primeiro clarinete, que comecei estudar na Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas)».

 

Levas anos sendo a metade de DOUS e, ademais, tamén escoitamos o teu clarinete en Cuarteto Caramuxo e Banda Crebinsky. Por que comezar agora unha faceta en solitario?

Fernando: «A faceta en solitario foi a primeira na miña carreira. No conservatorio xa dabamos recitais, e como músico clásico fixen concertos en solitario estreando obras de compositores contemporáneos; tamén nos obradoiros de arteterapia traballo só en ocasións, co cal non é novo para min. A novidade reside en que desta vez a música acabou gravada».

 

 

Musicalmente falando, cales dirías que son as diferenzas entre a túa faceta como solista e como parte dunha formación?

Fernando: «É principalmente unha cuestión de responsabilidade. Nos grupos é compartida, e iso quita moita presión, mentres que ao poñer o nome diante, a responsabilidade é toda miña.

Musicalmente é cuestión de coñecer ben cal é o teu papel en cada proxecto. En DOUS levo máis peso melódico que en Crebinsky, onde é compartido e máis en conxunto; mentres que no Cuarteto Caramuxo exerzo de baixista co clarinete contrabaixo».

 

Á hora de compoñer, cales son as túas influencias? Algún referente en particular?

Fernando: «Diría que ningún e todos a un tempo. Non penso en nada en concreto antes de compoñer, pero todas as músicas que levo estudado e escoitado saen a luz nas composicións. É un proceso orgánico e natural. Céntrome máis nas emocións que me gustaría provocar no oínte».

 

© Silvia Mella para C a L M A sobre unha fotografía de Fernando Abreu

 

Estás a presentar o teu debut discográfico en solitario, Calma (Nakra, 2021), un traballo que xurdiu case de xeito inesperado durante o confinamento de 2020, cando te encerraches a compoñer no teu estudio caseiro. Facíalo cunha idea en mente ou tirabas de improvisación, como un xeito de liberación ou como metáfora desa liberdade que, neses momentos, non tiñamos?

Fernando: «O proceso de creación mesturou pezas que naceron como evolucións de improvisacións, que facía como adestramento diario no confinamento, con outras que partiron de estruturas harmónicas pensadas previamente.

O inesperado foi ter un tempo sen nada que facer alén da casa e pasar o día tocando como nos tempos de estudante, pero coa madurez dos anos. Non había intención de compoñer, foi algo que xurdiu naturalmente».

 

Que che empurrou, logo, a recompilar estas composicións e presentalas en formato disco?

Fernando: «A familia Voarte foron os oídos que recibiron todas estas pezas en primicia e o agradecemento pola súa parte fíxome ver que, xa que estaban gravadas, non era mala idea publicalas e dar a coñecer unha parte da miña vida musical que normalmente non sae dos obradoiros de arteterapia, onde nace da improvisación e alí queda».

 

Titúlalo Calma, pensas que é isto o que precisamos nestes tempos?

Fernando: «A calma nunca está de máis. Axúdanos a ver con claridade as cousas e ese era o meu estado no proceso de creación deste traballo; ao mesmo tempo, era a emoción que quería transmitirlle a quen escoitase a miña música. Este obxectivo non mudou e é o que me gustaría que reciba quen escoite este traballo».

 

 

Dos sete cortes que compoñen o álbum, só dous foron compostos prepandemia, “Ninety Miles” é un deles. Afectou a COVID á hora de compoñer? Como oíntes, notaremos este salto temporal ao longo do disco?

Fernando: «Máis que a COVID en si, o que afectou foi o confinamento; pasar un tempo de reclusión forzosa e sen moito que facer nos levou a moitos a unha introspección que, no meu caso, foi terapéutica.

Non penso que se note o salto temporal das composicións anteriores —“Ninety Miles” e “Pa Noe”— xa que, se decidín incluílas no traballo, foi porque encaixaban perfectamente co concepto, e tamén foran creadas en situacións de “calma” interior».

 

Para algunhas pezas utilizas dez ou doce clarinetes diferentes: soprano, baixo e contrabaixo, entre outros. Como elixes que instrumentos utilizar para cada canción? É dicir, compós xa cun instrumento específico en mente ou escribes primeiro e escolles despois?

Fernando: «Neste traballo o meu instrumento principal foi o clarinete soprano que leva o peso melódico en todas as pezas. Os demais clarinetes utiliceinos para crear acompañamentos harmónicos a modo de órgano, cunha sonoridade moi pouco habitual e, nalgúns casos, tamén fixen contrapuntos co clarinete baixo. Tamén traballei con teclados e cunha frauta de cana que atopei hai tempo, que ten unha sonoridade que me gusta moito e que emprego nas sesións de arteterapia.

No proceso de composición ás veces parto da improvisación; outras creo primeiro liñas melódicas ou bases harmónicas sobre as que improviso ata ter a melodía que me cadre».

 

© Silvia Mella para C a L M A

 

En dúas pezas contaches co dúo de violín e percusión AnDerín, formado por Ángela Bermúdez e Derk Rossbach. Unha colaboración que, ademais, tivo que facerse a distancia por mor da pandemia. Como foi a experiencia? Por que o de gravar e arranxar vía Zoom...

Fernando: «Ángela e Derk son dous músicos cos que comparto os obradoiros de arteterapia e cos que tiña que ter tocado, pero que se suspendeu polo confinamento; de aí que a colaboración fose a distancia!

O de gravar a distancia ten moitos inconvenientes técnicos, e mesmo de concepto musical, xa que cada un interpreta a información ao seu xeito. No caso das dúas pezas nas que traballamos xuntos, eu envieilles a base harmónica e a idea por onde quería que fose a súa aportación; eles gravaron con total liberdade e logo houbo un pouco de edición. Musicalmente é moi doado traballar con eles, xa que son grandes músicos e levamos varios anos tocando xuntos».

 

 

Con Ángela e Derk compartes obradoiros en Voarte, un colectivo que está baseado na sinerxía de artes e técnicas psicocorporais e co que levas colaborando desde hai 15 anos poñendo a música as súas sesións de arteterapia en movemento. Poderías afondar máis neste tema, en como ves a capacidade terapéutica da arte en xeral e da música en particular?

Fernando: «A música facilita o traballo de introspección e axuda a sacar as emocións que moitas veces bloqueamos. O desenvolvemento persoal que se facilita desde Voarte se basea nun traballo de expresión corporal, onde a música ao vivo funciona organicamente coa dirección que Víctor Orive quere levar en cada momento.

Cheguei a estes obradoiros de casualidade e sen saber moi ben onde caía, pero aos poucos fun desenvolvendo a capacidade de escoita necesaria e deixando o ego ao lado, xa que non se trata de tocar como nun concerto, senón de acompañar os procesos de cada participante coa música».

 

 

De feito, un dos temas do álbum —“Endorfinando”— foi creada para unha desas sesións, realizadas durante a corentena. Como lembras a súa composición, o de compoñer como «medicamento para facer feliz»?

Fernando: «Realmente, salvo “Ninety Miles”, todas as composicións foron creadas pensando en Voarte: nas persoas do equipo ou nas sesións online que organizabamos daquela.

“Endorfinando” foi a primeira. Foi como un proceso de meditación propio a través da música co que quixen transmitir o estado de calma que eu estaba a atopar na casa familiar no rural galego a todo o equipo de Voarte (en Madrid, Málaga, Zaragoza, Córdoba) naqueles primeiros días do confinamento, onde tiñamos moitas incertezas sobre o que estaba a pasar».

 

Rematas a gravación desta Calma con dúas composicións para clarinete e piano gravadas ao vivo xunto a Alberto Vilas. Como é traballar cun «magnífico» do piano como é Alberto?

Fernando: «Traballar con Alberto foi un reencontro feliz logo de moitos anos. Coincidiramos estudando, e tamén traballando, no Conservatorio de Pontevedra e musicalmente compartimos moitas cousas.

Durante o confinamento, el foi publicando un fermoso Caderno de Bitácora musical no que vía moitas similitudes co momento no que eu estaba e, ademais, adoro o xeito co que fai resoar o piano. Así que aproveitei a ocasión para chamalo e propoñerlle gravar as dúas pezas con piano que quería incluír no disco e, afortunadamente, aceptou.

O traballo foi moi doado, xa que conectamos no concepto musical e ademais Alberto involucrouse moi xenerosamente en todo o proceso. Dos ensaios para a gravación naceu a idea de levar ao vivo o dúo, xunto a outras pezas que eu compuxen ao piano para outros proxectos, e que desexaba interpretar a dúo».

 

© Silvia Mella para C a L M A sobre unha fotografía de Fernando Abreu

 

Esta Calma inclúe tamén literatura e fotografía, pois a maioría das cancións van dedicadas a alguén, persoas ás que ti persoalmente lles pediches que escribisen un pequeno texto. De que xeito se complementan as tres disciplinas? Seguen, as tres, a mesma liña conceptual?

Fernando: «Ao dedicar moitas das pezas a persoas concretas, apetecíame moito contar como xurdiron e como foron recibidas polos destinatarios, de aí a idea dos textos. Outra das cousas que quería incluír eran colaboracións de artistas amigos e veciños meus en Salvaterra, reivindicando a cultura que se fai no rural e que moitas veces non recibe o recoñecemento nin no propio Concello.

Contei co poeta X. M. Xespi e a fotógrafa Silvia Mella, que decidiu traballar sobre algunhas fotografías abstractas que eu fago nas miñas viaxes e coas que ela xogou buscando a Calma tamén na imaxe».

 

Hai case vinte anos que Xela Arias recitaba versos da súa derradeira obra, Intempériome (Xerais, 2003), para presentala xunto a ti coa idea de mesturar música e poesía desde un punto de vista contemporáneo. Como xurdiu, daquela, o proxecto?

Fernando: «Xela propúxome a colaboración logo de conversas nas que falamos da improvisación libre, e da capacidade desta de adaptarse ao proceso de recitado ao vivo que ela quería facer con Intempériome. Un par de anos antes coincidiramos nun proxecto no que eu tocaba nun pequeno conxunto instrumental unha composición de Antón L. Pulido, e na que Xela recitaba o primeiro poema do libro; da sensación de incomodidade presa da partitura e dunha dirección xurdiu a idea do recital.

Interesáballe moito a mestura da poesía coa música contemporánea e estaba na procura dun diálogo entre iguais coa música, que quedou truncado pola súa morte».

 

 

Recuperas estas gravacións para o espectáculo escénico ‘Vencerse é cousa de se tratar’, que estiveches a presentar xunto a Mónica de Nut e Pablo Carrera (DOUS), como homenaxe á poeta polo Día das Letras Galegas. Que sentiches ao presentar, por fin, esta proposta, punto de encontro entre «a vangarda da palabra, a música e a imaxe»?

Fernando: «Foi como darlle a Xela aquilo que me pediu en 2003 e que non chegou a ser. A casualidade quixo que eu a gravase recitando os poemas e que, a pesar da súa morte, a súa voz quedase viva para sempre connosco.

Todas as funcións foron moi emocionantes e agardo que non quede nun proxecto para as Letras Galegas, que en 2022 poidamos seguir a xirar co espectáculo».

 

Nos VIII Premios Martín Códax da Música fuches finalista por partida dobre, co teu proxecto e con DOUS, pero xa fuches galardoado con catro Melómanos coas túas outras formacións en edicións anteriores. Que supoñen ou supuxeron para ti este tipo de galardóns?

Fernando: «Sempre é unha satisfacción enorme recibir un Melómano porque sentes o agarimo das compañeiras de profesión e o recoñecemento do xurado, que anima a seguir na loita. Aínda que tamén me gustaría que o premio supuxese unha maior visibilidade nos medios públicos, especialmente na TVG, onde un grupo como o Cuarteto Caramuxo non actuou nunca en máis de trinta anos de carreira que levamos».

 

O pasado sábado 27 de novembro subiches ao escenario do Culturgal xunto a Alberto Vilas, unha cita a dúo onde ti presentaches o disco e Vilas interpretou algunhas composicións do seu premiado Naialma (2020). Como foi este «reencontro musical» sobre as táboas?

Fernando: «Como xa dixen antes, a proposta de levar o dúo ao escenario xurdiu pola boa sintonía que temos e o fermoso que foi o proceso de gravación para o disco.

Para nós o concerto foi unha experiencia marabillosa, xa que puidemos amosar ante o público esa sintonía e linguaxe común, e por riba, nun escenario como o do Pazo da Cultura de Pontevedra, cun gran piano de cola. Quedamos encantados e con moitas ganas de máis».

 

 

Ao fío, agora que a música ao vivo está xa a rozar a normalidade (polo de agora!), sen restricións de capacidade e horario, que poderemos agardar dun directo de Fernando Abreu? Algunha vindeira data que poidas xa revelar?

Fernando: «Nesta época do ano todo está no aire e as programadoras aínda non comezaron a pechar cousas. Agardamos poder levar este proxecto por todos eses pequenos auditorios que temos no país e que a Calma contaxie a todas aquelas persoas que queiran deixarse levar pola nosa música».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Fernando: «Sempre recomendo descubrir a Trilitrate, pola calidade que teñen e tamén porque a súa música non chega a todo o público que de certo gozaría dela. Isto é algo habitual nos grupos que nos movemos nas marxes do comercial.

Tamén recomendaría sempre escoitar calquera cousa que faga Mercedes Peón, e diríavos que estivésedes atentas a todo o que está comezando a publicar en solitario ST (Silvia de Taboexa), abrindo camiños novos no hip-hop galego».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Fernando: «Nestes días a plataforma compartiume as miñas escoitas do ano e pode que non o creades, pero a canción que máis veces soou na miña conta é “Outro Sim” de Fernanda Abreu :). Descubrina pola coincidencia no nome, pero é unha grande da música brasileira da que gusto moito.

Ademais de Fernanda Abreu, nos primeiros postos aparecen Lou Reed, Alison Krauss and Union Station, Verto, Rigoberta Bandini, Mumford & Sons, Bon Iver, Nick Cave, o último disco de Gal Costa, ou a música do espectáculo American Utopia de David Byrne.

Cando me engancho a algún artista ou álbum podo escoitalo en bucle durante varios días!».

 

 

  noticias