• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2021. VOL I

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2021. VOL I
17 DECEMBRO 2021

Seguindo a tradición —e sen que ningún editor resultase ferido— recollemos unha selección dos 11+11 grandes vídeos de 2021. Nesta primeira entrega van os 11 primeiros, publicados entre xaneiro e xuño.

 

 

La Estrella, Escuchando Elefantes

Dirección: Sílvia Rábade e Carlos Tajes

Pasan da praia á montaña cun sutil xiro; dun faro a unha fervenza, reman cara á beira e camiñan entre as árbores. Avanzan procurando o equilibrio. Escuchando Elefantes lanzaba “La Estrella” un par de días despois de publicar o seu último traballo discográfico, e primeiro integramente en castelán, ¿Por qué siempre cantáis en inglés? (Music Bus Records, 2021). Rodado en exteriores, e coa climatoloxía propia do inverno galego compartindo protagonismo cunha pequena botella, o clip representa «a sutileza e a beleza do efémero en contraste coa escuridade. Da constante procura do equilibrio para crear logo da destrución. Intenta reflectir a experiencia humana desde o seu aspecto máis espiritual, entendendo que o terreal é necesario para poder a chegar a esa parte do teu ser que che conduce á liberdade».

 

 

 

Alcume, Margarida Mariño

Produción: Diego Bea Besada

Os primeiros acordes caen como gotas de chuvia, acariñando os oídos, logo se escoita a súa voz, que sorprende e envolve a partes iguais. O novo de Margarida Mariño, Alcume (2021), chegaba un ano e pouco despois do seu debut en solitario, aquel Cello&Electronics (2020) que descubría o abano de posibilidades e rexistros que agocha o cello. Se Mariño pechaba o disco cunha tímida cantaruxada en “Despois da Galerna”, neste novo sinxelo a compositora e intérprete viguesa aposta por darlle un maior protagonismo á voz. Gravado no Museo MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo) e producido por Diego Bea, de beabesada homestudio, o vídeo que acompaña á peza combina fragmentos en interiores, da actuación de Margarida no Museo, con outros rodados en exteriores, desde a ventá dun coche mentres se vai poñendo o sol; unha obra «a contracorrente» tecida por cordas e voz.

 

 

 

Nacín no Atlántico, Xackal

Produción: Bagoah, Fabulonia, Nai Fika

A canción fala das súas infinitas viaxes en tren da Coruña a Vigo; dedicada a eses mellores amigos que o acompañaban dun lado a outro sen comprometerse a rematar un plan, porque o plan era improvisar. O vídeo que a acompaña tamén é un pequeno gran chisco a un amigo, Antonio Gómez, xa que a súa filla —de sangue española e cubana— é a protagonista. Maitena, que «cun don incrible para a improvisación e moito flow», vestida co traxe de galega e pintada como unha guerreira, baila polas rúas de Madrid ao ritmo de melodías próximas a cadencias galego-africanas.

 

 

 

Hoy no, BALA

Dirección: Leo López

Cargado de frescura, bo rollo e guitarras afiadas, “Hoy No” é unha pílula enérxica de rock alternativo no que a banda pontevedresa fai gala, cada vez máis e mellor, desa forza, autenticidade e actitude que as caracteriza. Dirixido por Leo López García, o videoclip segue a Anxela e Violeta nunha breve e divertida viaxe ao pasado en forma de película, a bordo do «seu» Mercedes-Benz clásico 👀 e uns berros que se resumen en: «reláxate e DESFRUTA, así, en maiúsculas».

 

 

 

Levaino!, Xurxo Fernandes

Dirección: Xaime Miranda

Rodeado da súa banda —Pedro Lamas (gaita, saxofón), Rafa Morales (baixo), Roberto Comesaña (teclados) e Rubén Montes (percusión)— e os coros de Pan Sen Fron, ‘Levaino!’ foi o escollido como single adianto do seu álbum debut, homónimo: «a peza que resume e concentra a idea do disco; fala de conflito de identidades, fala de tradición e nos leva a ese exotismo oriental no que de súpeto nos podemos ver reflectidos». O vídeo, dirixido por Xaime Miranda, «aborda a complexidade que representa manter unha identidade nun mundo globalizado».

 

 

 

Veleno, Baiuca ft. Rodrigo Cuevas

Dirección: Adrián Canoura

Era de esperar, unha súplica silenciosa que xacía no subconsciente de moitos se convertía, por fin, en realidade. Baiuca e Rodrigo Cuevas. Galicia e Asturias. Folktrónica, tradición e, mesmo, ecos pop. Como segundo adianto do seu último traballo, Embruxo (Raso Estudio, 2021), en “Veleno”, o produtor galego e o artista asturiano fusionan o tradicional e o dixital nun single que se presenta cal electrizante anacronía sonora, como unha tentativa reivindicación da tradición musical e iconografía propias, aí onde os aquelarres e pistas de bailes se dan a man. Entre cordas místicas, percusións orgánicas ou ventos de inspiración celta, apréciase unha base rítmica próxima ao deep-house que envolve a letra, cantada en galego, asturianu e castelán, como «a serpe que se pasea polo fío dunha espada». Xove e Viveiro serviron de escenario para o ritual de bruxería que é o videoclip, dirixido por Adrián Canoura, para o que supuxo todo un reto poñer en imaxes o imaxinario de ‘Veleno’, «ao tratarse dunha concepción máis figurativa». A representación da contorna rural máxica partiu da idea da «historia perdida do Célebre Manuel, de afondar en lendas de tradición oral e na construción da cultura espiritual e inmaterial que existe na paisaxe do folclore galego», segundo afirma Canoura.

 

 

 

Ya no estás, WÖYZA ft. Antonio Casado

Gravación, edición e montaxe: Andrés Hermelo

O mesmo día que sopraba as velas era ela quen nos facía o regalo a nós, un envolto en formato audiovisual. ‘Ya no estás’ é o último sinxelo de WÖYZA, un tema que ela mesma definía como «unha das cancións máis nostálxicas que compuxen nunca», froito do tempo de transformación e reflexión que nos brindou 2020 e parte de 2021. Producida por Lhanze, e xunto a Antonio Casado nas guitarras, en ‘Ya no estás’, a cantante e compositora pretende ser partícipe de todos eses duelos que cada día se batallan na vida das persoas, ademais de manter vivo ese legado. O vídeo –con gravación, edición e montaxe de Andrés Hermelo– é unha espectacular vista aérea de paisaxes naturais en branco e negro, coa letra da canción en amarelo, que evoca nostalxia e dramatismo, pero tamén amor, que é a vida en si mesma, a esencia do todo.

 

 

 

Remordementos, Pauliña

Dirección: Xaime Miranda

Pauliña celebraba o Día das Letras Galegas coas súas propias; as súas letras e a súa música. A artista cambadesa elixía o 17 de maio para publicar Testemuñas (Xonix records, 2021), o seu terceiro longo, que presentaba xunto ao videosingle “Remordementos”. O traballo fai alusión a todo o que nos rodea, canta tanto a problemas actuais como a aqueles que xa tiñamos e dos que estamos a esquecernos. Dirixido por Xaime Miranda con fotografía de Iago Vilariño, o vídeo é un xogo de contrastres: o ben e o mal, a luz e a escuridade, a ficción e a realidade… e unha actuación máis diabólica de Pauliña.

 

 

 

Rock Tradi, BATEA

Dirección: Yago Rodríguez

“Rock Tradi” é o corte que escolleron como single adianto do seu álbum debut, homónimo; un tema que destaca polo seu «rock clásico ou tradicional no que se abren paso sen complexos instrumentos tradicionais folk». BATEA tomou os Estaleiros Rouco de Meira (Moaña) como escenario para o videoclip que o acompaña, producido e realizado por Area Productions. O vídeo comeza sobrevoando Vigo, a súa ría e as súas bateas, e remata nunha actuación cargada do seu, xa recoñecido, «folk, rock e lume».

 

 

 

Breathe, Rheia Gorecki

Dirección: Lucas Terceiro e Yolanda Ataraxia

É a canción coa que pechan VVV (2021), o seu EP debut; un traballo breve pero intenso, que se recomenda escoitar en bucle «para saborealo». Dirixido por Lucas Terceiro e Yolanda Ataraxia, o videoclip de “Breathe” ten a Sabela Gauranga e Xiana Vilas como protagonistas e, en palabras dos seus autores, agocha un significado tan mecánico como a propia acción: «Inspiración. Espiración. Desprendemento. Este é o encontro visceral de dous corpos e o seu desencontro cardíaco sentíndose respirar; a anatomía dunha dualidade que se dilúe. Con todo, unha frecuencia irreversiblemente humana».

 

 

 

El hilo, Nastasia Zürcher ft. Pablo Lesuit

Dirección: Jairo Moreno

Conta unha lenda xaponesa que as persoas destinadas a coñecerse están conectas por un fío vermello que non desaparece, un que pode enredarse, tensarse ou desgastarse, pero nunca romper. E, como todo o que a rodea, o fío de Nastasia Zürcher é fantasía pura. Para ‘El hilo’, cuarto adianto do que será o seu vindeiro traballo de estudio, a cantante e compositora compartiu voz e talento co artista vigués Pablo Lesuit e, xuntos, crean unha explosión de vida e enerxía nun tema tan pegadizo como colorido. O carácter pop tropical da canción comeza na exquisita produción musical, a cargo de Adrián Saavedra, e remata no videoclip, dirixido por Moreno Moreno. Cunha fraga encantada como escenario, Zürcher e Lesuit déixanse levar por criaturas máxicas, entre imaxes florais calidoscópicas e ilustracións animadas, obra de Cova Canitrot. Como unha oda ao florecemento interno, á soberanía e á liberdade de ser, ‘El hilo’ preséntase motivadora e alegre, unha canción que destila enerxía positiva de principio a fin.

 

 

 

Os +11 correspondentes ao segundo semestre de 2021, de xullo a decembro, publicaranse o venres 21 de xaneiro.

 

  noticias