• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2021

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2021
18 XANEIRO 2022

 

 

Arquipélago Quilombo, García MC

García Mc pechaba o ano coa publicación dun novo traballo, e primeiro LP, Arquipélago Quilombo (2021). Con máis de 20 anos de traxectoria, o rapeiro é todo un referente indiscutible da cultura hip-hop en Galicia, formando parte de iniciativas como Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks ou Ghamberros. Xunto a Nación Quilombo ofrece un espectáculo innovador, que combina ritmos do mundo coa palabra como eixo e que, nestes últimos anos, se puido escoitar xa en varios singles. Agora, en Arquipélago Quilombo, convidan aos oíntes a facer unha viaxe musical... por partes; o disco consta de diferentes seccións: unha con beats, outra con banda, outra ao vivo tamén con banda, un remix e un dub. Ademais de estar gravado en estudios diversos e con varios produtores, para este longo García Mc contou con múltiples colaboracións, mesmo internacionais, como Cynthia Montaño, Nastasia Zürcher ou High Paw. O resultado é un disco de rap ecléctico integrado en músicas do mundo, un álbum «onde a morte se converte en vida, onde bailar liberados».

 

 

 

 

Terra, Tanxugueiras

Coa pandeireta na man, Tanxugueiras lanza “Terra”, o tema que o trío interpretará no Benidorm Fest e que podería representar a España en Eurovisión o vindeiro 14 de maio. Autodescribían a peza como «unha canción empoderada, máis Tanxugueiras que nunca e con ritmos que poden chegar ao público»; e chegaron, puxeron a pel de galiña... e quedáronse. En “Terra”, melodías e instrumentos propios do folk galego, que latexan entre elementos de música urbana actual, envolven unha mensaxe clara: non hai fronteiras. Xa o berran elas, non só en galego, senón tamén en castelán, asturiano, vasco e catalán.

 

 

 

 

Somos a pedra, Os d’Abaixo

Logo de finalizar unha campaña de micromecenado con éxito, Os d’Abaixo presentan o seu novo disco, Somos a pedra (2021). Gravado ao vivo en Escola da Rúa (Carballo) baixo os mandos de Manolo Dourado, o LP segue a beber da música tradicional, pero inclúe máis temas propios que en traballos anteriores. Ao longo dos 11 cortes que o compoñen escóitanse aires novos, composicións propias... e historias que contar. Se adiantábano con “Carvalheirinha escura”, agora Os d’Abaixo acompañaron o lanzamento de Somos a pedra coa canción que lle dá nome; unha peza musical baseada e inspirada nunha recollida de Alan Lómax na Serra de Faramontaos (Ourense). mentres Antonio Pazos e outros canteiros anónimos traballaban a pedra en 1952.

 

 

 

 

Saliva, Maltine

A derradeira rabaleada outonal dérona eles, uns días antes de darlle a benvida ao inverno e baixo un título bastante propio para un disco nacido en pandemia. Maltine lanza Saliva (2021), un segundo EP con tres novas pezas de rock abrasivo e riffs alternativos, que repite a estrutura do seu debut cun tema en castelán e dous en galego. Producido por Iago Lorenzo, masterizado por Robin Schmidt e envolto na arte de Lorena García, Saliva volve poñer en magnífica evidencia a potencia instrumental e rítmica do dúo, xunto a unha voz sutil e poderosa a partes iguais que canta letras introspectivas, que xa volveu soar en Turbo 3 en Radio 3.

 

 

 

 

Horizonte, Sertucha

No verán anunciábao, en novembro adiantábao e a principios deste mes, por fin, publicábao ao completo. Horizonte (Milana Música, 2021) é o novo traballo discográfico de Sertucha; un disco onde o músico galego adapta e musica poemas incluídos no libro, homónimo, do escritor e periodista Kepa Arbizu (Ruta 66, Mondo Sonoro, El Giradiscos). Durante o confinamento, ese período cheo de duda e incerteza, Sertucha atopou refuxio nas estrofas de Arbizu, e decidiu cruzar a fronteira da poesía acompañando eses versos de «ritmos e melodías». Gravado en GuitarTown Recordings baixo a produción de Hendrik Röver, o álbum é o resultado dun traballo minucioso, tanto por parte de Sertucha como do seu «equipo gañador»: Röver, Goyo Chiquito e Toño López-Baños, que navega entre temas delicados, cancións tormentosas e un océano de emocións

 

 

 

 

Vagalume, Álvaro Iglesias

Como o animal do que colleu prestado o nome, o novo álbum de Álvaro Iglesias ilumina decembro coas súas dez cancións. O contrabaixista vigués estreaba o mes coa publicación de Vagalume (Zouma Records/Inquedanzas Sonoras, 2021), o seu terceiro traballo discográfico en solitario. O longo recolle temas tradicionais como “Xota de Riotorto”, que formou parte do repertorio habitual do violinista galego Florencio López; ou o “Pasarrúas de Os Trinta de Trives”, unha das primeiras pezas que aprendeu do repertorio desta formación tradicional ourensá, da man da violinista mestra Begoña Riobó. Temas de composición propia destacan entre outros trad, todos eles arranxados e interpretados por Iglesias a quen, en ocasións, escoitamos acompañado de Xosé Liz ou Luís Peixoto.

 

 

 

 

Selegna, Ángeles Dorrio

A cantante e compositora Ángeles Dorrio estreaba decembro con Selegna (2021), o seu novo traballo discográfico. O EP, que marca a súa segunda referencia, recolle catro temas onde voz e talento conflúen á perfección, adaptándose, sen importar o xénero; jazz, soul ou R&B, Dorrio amosa o seu gran dominio técnico á vez que explora a infinidad de matices que a súa cálida voz pode chegar a ofrecer. Abre con “Terra de muller”, unha crítica á desigualdade para a que contou cos coros de Sisters in the House; pecha cunha habanera, “La Perla”, homenaxe á súa avoa e ás súas raíces ferrolás. Entre elas, escoitamos o neo soul de “Parks” e o canto empoderado de “Don’t Need”. Gravado nos estudios Disquesi, baixo a produción de Carmen Rey, Selegna é, como xa o describiron, «unha auténtica xoia musical».

 

 

 

 

Ailá de Nadal, Ailá

Nunha época onde toda felicitación de Nadal se converte —no mellor dos casos— nun copia-e-pega de mensaxes a través de redes sociais ou chats de mensaxería instantánea, Ailá botaba a vista atrás e nos convidaba a felicitalo como nos tempo dos nosos avós. O grupo estreaba decembro co lanzamento de Ailá de Nadal (2021), un novo EP que recolle tres cancións de Nadal para lembrar unha das nosas tradicións: a de reunirse para cantar e celebrar, visitando as casas de familiares e veciños. Este Nadal pasado, tanto polo auxe tecnolóxico como polas medidas sanitarias, foi complicado ir cantando panxoliñas de casa en casa... pero si se puido compartir a ligazón coa mesma ilusión «para que parte dese pasado teña a oportunidade de viaxar ao noso presente».

 

 

 

 

Horizontes, Maldito Murphy

Fíxose de rogar —son Maldito Murphy á fin e ao cabo— pero xa está aquí. O grupo vigués vén de presentar o seu último traballo discográfico, Horizontes (2021), logo de superar o parón imposto pola pandemia. Gravado en Moon River Estudio (Santander) por Fernando Macaya, o longo recolle 11 novos cortes que se afastan do country dos seus inicios e camiñan cara a un eclecticismo que abrangue desde o pop clásico español ata ritmos máis bailables, pasando polo rock and roll ou o folk. Ademais da súa consolidación como banda, Horizontes marca tamén un punto de inflexión, un salto ao vacío co que tanto a súa carreira como a súa identidade como grupo salgan reforzadas.

 

 

 

  noticias