11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2021. VOL II
A tres semanas das badaladas que despedían o ano pasado, publicabamos os 11 grandes vídeos pertencentes ao primeiro semestre de 2021. Hoxe, tres semanas despois de darlle a benvida a un novo ano, presentamos o segundo volume desta particular listaxe cos 11 vídeos que marcaron o derradeiro semestre de 2021, de xullo a decembro.
Figa, Tanxugueiras
Dirección: Diego M. Barcia e Diego Santaclara
A figa é un amuleto en forma de puño pechado, co dedo polgar asomando levemente entre o corazón e o índice, tallado normalmente en acibeche e tradicionalmente utilizado contra o mal de ollo.... e “Figa” marcaba o segundo adianto da nova sonoridade de Tanxugueiras. Na súa aposta pola reformulación da música tradicional, as cantareiras arríscanse, unha vez máis, á fusión de ritmos urbanos e electrónicos cunha lírica máis propia das nosas coplas populares. Dirxido por Trece Amarillo, con Diego M. Barcia e Diego Santaclara; e producido por PlayPlan, o videoclip que acompaña a canción mantén esa combinación de tradición e vangarda; elementos simbólicos da cultura popular, como a flor da xesta, o pano, o sombreiro tradicional ou o sapo, destacan entre bailes contemporáneos. Co aparcadoiro do Parque Etnoarqueológico das Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras e o Pazo de Señoráns (Meis), entre outras localizacións, o vídeo é unha representación en chamas da capacidade e forza das mulleres para ser donas da súa vida, sobrepasando as envexas, medos ou críticas do sistema patriarcal.
Amoria, Xan Campos Trío
Dirección: Ivana Pardal
Logo do baile magnético que acompañaba a “Vontades”, Xan Campos Trío cambiaba o xogo de imáns por un de luces no seu último videoclip. Gravado por Andrés Hermelo, baixo a dirección de Ivana Pardal, “Amoria” presenta a aventura que pode chegar a ser improvisar na estrada, e na vida, ao dar un volantazo inesperado e desviarte a descubrir novos camiños. O corte mantén esa aura de melancolía que desprende o disco que o contén, Realismo (Free Code Jazz Records, 2020), pero con acordes misteriosos e algo optimistas. Con Fran Nogueira e Patricia Torres como protagonistas, mais un cameo do trío, “Amoria” materializa e complementa eses sentimentos a través de escenas de primeiras veces, casualidades do destino, chapuzóns, amora e teléfonos móbiles esquecidos.
Limonero, Belém Tajes ft. Lilaina
Dirección: Calle Sonora
Belém Tajes rodeábase das pandereteiras Lilaina, que xa coñecemos doutros proxectos como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria, para gravar ao vivo a súa versión da “Chacarera do limonero”. Con este tema, a cantante e compositora quixo rendir así unha pequena homenaxe ao folclore do país que a viu nacer (Arxentina), pero tocado con instrumentos e voces de aquí. Gravado en plano secuencia polo equipo de Calle Sonora, o vídeo foi rodado no taller to luthier José Catoira, onde voces e percusión comparten protagonismo con pezas de madeira que agardan converterse en violíns e violas.
Libres, Maldito Murphy
Dirección: Antía González
Poida que “Libres” sexa o corte máis enérxico e bailable do seu último disco, ademais de ser o que máis se agasta do son country do seu traballo anterior. Maltido Murphy presentábao como segundo adianto do que sería o seu novo longo, Horizontes (2021), con un videoclip para o que a banda contou cun trío de ases: o campeón de España de boxeo La Sombra Martínez, como mecánico e deportista; Samuel Fernández Eleuterio, como vixiante de seguridade e drag queen, e Kiko Campos, como hostaleiro e surfista. Baixo a dirección de Antía González, a rodaxe do clip levouse a cabo en varias localizacións da área de Vigo, cidade natal da banda, como a fábrica de pinturas GALPI, a sala Radar, a praia de Patos, o Mono Vintage Bar ou o Marina Davila.
Bootstrap Paradox, Moito!
Dirección: Simón F. Castro
Coa volta a rutina propia do mes de setembro, Moito! lanzaba “Bootstrap Paradox”, single adianto do que será o seu vindeiro disco e primeiro longa duración. Gravado por Carlos Hernández Nombela (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Los Marcianos), o tema é un baile da mesma estrutura nun aditivo bucle, o único que cambia é a intensidade, coa voz de Felipe Castro envolta en capas e capas de guitarras. Brillante e conmovedora, “Bootstrap Paradox” viña acompañada dun videoclip, escrito e realizado por Simón F. Castro, que presenta o día a día dun coello rosa; unha rutina «deprimente, esgotadora e enfermiza» que se repite unha e outra vez en bucle... do que poderá saír?
Miss Fortuna, Sr. Salvaje
Dirección: Tamboura Films
A sorte está da súa parte! Logo de publicar un EP un ano despois da súa creación, Sr. Salvaje «graduábase» e lanzaba o primeiro adianto do seu vindeiro traballo discográfico; un longo que está previsto para finais deste 2022. En formato single-clip, “Miss Fortuna” canta á sorte en clave rock, eléctrico e espontáneo; un tema orixinal gravado, mesturado e masterizado por Iago Pico en Pouland Studios (Ames). O vídeo, dirixido por Tamboura Films baixo a dirección artística de Olalla Tesouro, mestura escenas dunha actuación da banda no salón da casa, con outras de catro amigas tentando á sorte... e xogando con ela.
FLAMANTE, García Mc ft. Nastasia Zürcher
Dirección: Daniel Pérez
Flamante o tema, flamante o videoclip, flamante a colaboración... cando García Mc e Nastasia Zürcher titularon o seu último traballo conxunto o fixeron como declaración de intencións; non temos probas, tampouco dúbidas. O dúo lanzaba “Flamante” ás principais plataformas dixitais en novembro do ano pasado e, como unha chama sonora, a fusión de hip-hop elévase e expándese, entre os raps de García Mc e os retrousos de Zürcher ao longo dos tres minutos e medio que dura o corte. Para o vídeo que o acompaña, dirixido por Daniel Pérez e producido por Malraio Audiovisual, o produtor e a cantante e compositora fixeron de Santiago de Compostela a súa xungla de cemento particular, a mesma desde onde cantan á procura da verdade e «danzan co flamante son»... Lume!
You Choke Me, GRIMA
Dirección: Inma Veiga
Antes de despedir o ano sobre os escenarios do Guión Clube (Pontedeume) e a Sala Jimmy Jazz (Vitoria), GRIMA deixaba unha novo asalto sonoro, primeiro adianto do que será o seu vindeiro traballo. Tres anos despois do seu debut, “You Choke Me” reafirma a evolución do dúo pontevedrés cunha mestura de stoner, punk e progresivo tremendamente contundente. O escuro videoclip que acompaña a semellante trallazo, dirixido por Inma Veiga, amosa unha actuación ao vivo da banda como protagonista dunha experiencia de realidade virtual. A dirección de arte correu a cargo de Maru Astray, mentres que a fotografía a asina Alberto Castaño.
Modia, Koroiev
Dirección: Koroiev
“Modia” marca a quinta pista do su último traballo discográfico, Valverde (Ferror Records, 2019) e unha das elixidas ás que Koroiev quixo acompañar dun videoclip. Durante os derradeiros meses do ano pasado, o músico e educador ferrolán, publicou media ducia de vídeos, todos eles editados e montados por el mesmo. Se Valverde se presentaba como un álbum sobre o outro mundo, sobre as cidades somerxidas e as paisaxes fantásticas, “Modia” é o centro desa viaxe... e o clip desprégao ante o espectador. A pantalla abre paso a visuais abstractos, camiños que aparecen entre as augas dos mares e as árbores dos bosques; formas que dobran e desdobran figuras xeométricas, humanas e animais nun baile etéreo e místico,
No eres tú 666D, Triángulo de Amor Bizarro
Dirección: Toño Chouza
Un videoclip coa súa propia ficha en FilmAffinity; que dura seis horas, seis minutos e seis segundos. A principios do outubro pasado, e escapando da dinámica composición-gravación-disco-xira que deixou de «funcionar» en tempos de pandemia, Triángulo de Amor Bizarro publicaba unha versión expandida de “No eres tú” en dous formatos: un maxisingle de 17 cortes que rozan os 30 minutos e un videoclip cunha duración... 12 veces maior. Autodefinida como a súa particular tecno-ópera de peto, e influenciada polo "Autobahn" de Kraftwerk, "No eres tú 666D" é unha peza atmosférica que se pode escoita como un «bucle eterno que sempre leva a un bo sitio». Con montaxe de Toño Chouza, o vídeo está inspirado nos que a banda de Boiro se atopou na pandemia: unha praia do Caribe contemplada durante 24 horas, coches conducindo horas e horas por estradas desertas, etc., e así o presentan eles, como un «vídeo de fondo, música para durmir o sons de grilos, ondas e gatiños» para ser consumido mentres se fai calquera outra cousa.
Lo merezco, Magia Bruta
Dirección: Grupo Antimateria
Magia Bruta puxo o seu agasallo baixo a árbore con dez días de antelación... e en formato videoclip. “Lo merezco” é o segundo adianto do que está por chegar, un feitizo no que todo, taxinble e intanxible, ten cabida; puro impresionismo musical onde dor e sanación se retroalimentan. Para o vídeo, obra de Grupo Antimateria, o dúo contou con Marta Candás surfeando as ondas e Joni Galmán facendo o propio sobre o asfalto, como unha representación visual deses loops e samples envolventes de electrónica pop que caracterizan o tema. Nesta nova aventura, a compositora e produtora Isabel Fernández Reviriego (Aries, Charades), une forzas coa multinstrumentista María Romero para dar vida ás cancións ao vivo, xerando unha emocionante onda expansiva de harmonías e experimentación instrumental.