ÁNGEL NOVCAD: «UN DIRECTO NON SÓ É MÚSICA; É AMBIENTE, INSTALACIÓN, LOCALIZACIÓN, ATMOSFERA»
Irrompeu no mundo da música como guitarrista, froito dunha —agora bonita— equivocación, pero hoxe Ángel Novcad é coñecido por tocar teclas... en vez de cordas. O compositor e produtor lucense, parte de formacións como Fábrica de Espejos, Terror Erótico Adolescente ou Viernes y Furia, lanzaba a súa carreira en solitario hai un par de anos; composicións propias de electrónica, rock experimental, house, ambient ou trip hop conflúen nas súas referencias discográficas.
A máis recente, Mechanical Revolution (2021), marcaba o cuarto EP de Novcad, publicado o pasado mes de novembro; unha colección de seis novos cortes que reafirmar a súa versatilidade e variedade dentro do xénero da electrónica.
Aínda que agora che presentas como Ángel Novcad, compositor e produtor musical, fuches guitarrista dalgunhas bandas locais, como Os Papeiros. Como lembras os teus inicios na música? E o teu primeiro contacto cun instrumento?
Ángel Novoa: «Fora moi entretido, acabei de guitarrista de rebote; encargueille ao meu pai que me fose mercar un baixo, que eu non sabía o que era, e me mercou unha guitarra [risos]! Aínda me acordo do cabreo que se pillou o Pepe, que acabou sendo o baixista dos Papeiros.
O primeiro contacto coa guitarra foi duro; as cordas cortaban, non había coñecementos musicais e fixeron falta uns aniños para facelo soar, pero había moitas ganas e daquela o bravú era un movemento a seguir».
Actualmente compaxinas a túa faceta en solitario cos proxectos Fábrica de Espejos, Terror Erótico Adolescente e Viernes y Furia. O da loxística... ben, non?
Ángel: «Si, non hai caso. Todos eses proxectos están situados en Chantada e Taboada, somos amigos e compartimos local de ensaio; ás veces acabo de ensaiar con Fábrica e xa engancho con TEA ou V&F, pero é algo liberador e faise de boa gana».
Sendo parte destas tres formacións (máis as anteriores!), que che fai comezar esta iniciativa en solitario?
Ángel: «Todo nace no confinamento; estaba moi centrado co disco de Fábrica de Espejos, que xa estaba moi avanzado, pero podíame dedicar á música oito horas case todos os días. Tiña un disco duro cheo de cousas, empecei a facer unha selección dos temas que máis me gustaban e púxenme a rematalos. Cando empezaron a coller forma decidín soltalos por EPs cada tres meses. Non pasei por un estudio e aprendín, como puiden, a masterizar despois de facer mil probas.
Quedoume moi claro que había que sacar eses temas!».
Musicalmente falando, que diferenzas, ou similitudes, dirías que hai entre o Ángel Novcad deste proxecto e o Ángel Novoa como parte dun grupo?
Ángel: «Tanto en Viernes y Furia traballando con Alberto, como en Fábrica de Espejos con Isaac, eu compoño e achego o que me pida o tema case con total liberdade, pero eles son os que guían os inicios dos temas, o estilo, as letras... e eu voume adaptando. Con TEA vén sendo o mesmo, os inicios da composición van a cargo de Dani, pero hai que pasar o filtro de estilo bailable de Alejandro (Pulpo) para que a composición avance.
Ángel Novcad é máis libre para facer o que lle pareza nese momento, dependendo máis da actitude, idea ou emoción que o motive sen depender dun estilo concreto».
Ao fío, á hora de compoñer, cales son as túas influencias? Algunha referencia en particular?
Ángel: «Penso que a influencia do nu metal, trip hop, rock experimental, techno, punk... sempre está comigo en todos os meus proxectos, mesturados dalgunha maneira coa electrónica que vou compoñendo. Bandas tan distintas como The Prodigy, Aphex Twin, Trentemøller, HVOB... acábanme influíndo sempre dalgunha maneira á hora de compoñer».
A electrónica é un xénero moi amplo, amplísimo, que toca moitas «teclas»... como describirías ti o teu estilo? Como é a electrónica de Ángel Novcad?
Ángel: «Pois agora mesmo coa presentación de Mechanical Revolution penso que o estilo sería IDM e techno experimental, pero paréceme imposible definir todos os EPs nun só estilo!».
A finais de 2020 debutas con Sound Workshop (2020), un EP de catro cortes instrumentais que presentan unha electrónica minimalista, melódica; entre luminosa e melancólica. Foron estas composicións, e as sensacións que transmiten, en resposta ao que estabamos (e aínda estamos) a vivir, ou foron compostas con anterioridade?
Ángel: «Todos os temas de Sound Workshop era ideas sen rematar, se cadra nalgún caso mantense a estrutura inicial do tema, pero houbo unha boa remodelación de sons. Algúns deses temas comeceinos a compoñer en 2015 e quedaron gardados ata que houbo coñecementos, motivación, confianza e tempo para presentalos».
É no teu segundo traballo, Free Fall (2021), onde escoitamos por vez primeira letra e voz, en “A Ghost in the Light”; a de Marta Varela, quen tamén escribiu a letra. O de incluír letra e voz nesta peza en particular foi premeditado ou xurdiu durante a composición? Nun futuro, poderemos «cantar» máis temas teus?
Ángel: «Hai tempo, alá polo 2015, ensineille os meus temas a Marta para ver que lle parecían e se lle motivaba a facer algo con eles; ensaiamos e gravei coros e voces... e quedaron aí aletargados.
“A Ghost in the Light” foi elixida para ser parte do segundo EP, así que lle fixen uns arranxos e paseilla no confinamento. Díxome que a había que volver gravar e darlle outro punto, así que se encargou de facer a letra e adaptala á música que tiñamos. O resultado final gustoume moito e paseille outras ideas, máis temas para que fixese o mesmo, e foi alucinante; nuns meses sacaremos o seguinte traballo».
Neste traballo afondas en terreos escuros que tocan o dark ambient e crean atmosferas case claustrofobias. Con todo, na túa seguinte entrega, Firestorm (2021), escoitamos un Ángel Novcad máis bailable, con beats contundentes e noise saturado. Dirías que son dous EPs que se opoñen, musical e conceptualmente falando, ou se complementan?
Ángel: «Non creo que se opoñan, son traballos moi distintos; eu véxoo máis como una porta que se pecha e outra que se abre, unha evolución do estilo do anterior traballo».
O pasado novembro pechabas esta «tetraloxía» co teu último EP, Mechanical Revolution (2021), o máis longo ata agora con seis temas. Como foi o proceso creativo?
Ángel: «Con todas esas ganas de festa que tiñamos aí comprimidas no confinamento, os colegas das festas KittinParties decidiron facer unha pinchada en streaming, coincidindo coa data na que se celebraría o L.E.V. de Xixón —festival que tanta influencia tivo á hora de compoñer e levar o directo a miña música— e así foi!
Púxenme a preparar un live novo, de algo que nunca fixera antes e, a partir de aí, comecei seleccionar cousas que funcionaron nese streaming e a preparar os temas».
Falando de tetraloxía... seguen os catro EPs algún fío, musical ou conceptual?
Ángel: «Eu considéroo un camiño a seguir. Como unha liña no tempo, unha evolución na miña música a nivel de estilos, sempre aumentando o nivel de menos a máis; desde o primeiro tema, “No Shine”, ata o último, “Mechanical Friction”. Digamos que os catro traballos foron presentados así para escoitar nesa orde.
“Mechanical friction” xa non é un tema completamente meu; Alberto Ramos, de V&F, dicía que non lle atraía e que non vía que entrase no seu proxecto. Aínda así, el foi o encargado dos sintes e do ambiente escuro deste tema; a partir de aquí vai haber ramificacións de estilos e colaboracións... pero todo o seu tempo!».
“Acid Retch” e “Acid Retch Pt.II” son as pistas 4 e 5. Foron compostas como unha soa peza que logo dividiches ou, pola contra, xa naceron como dous cortes diferentes?
Ángel: «Era un só tema e, como foi preparado a partir dun live, nunca me importou a duración, vamos, que se o estou a pasar ben nun directo como se me vai ocorrer cortar... O problema foi cando, á hora de editalo, mirei que estaba en dez minutos; como pasa o tempo!
Pois nada... uns recortes e entran como dous temas, xa que son os máis bailables».
As túas pezas adoitan presentarse con vídeos nos que predominan o xogo de luces e sombras, texturas, glitches... con que obxectivo? Que pretendes espertar no espectador con estes audiovisuais abstractos?
Ángel: «Un directo non só é a música; é o ambiente, a instalación, localización, atmosfera, etc. creada para tal presentación. Paréceme que é algo moi importante e o intento ensinar nos vídeos; é como me gustaría que se puidesen presentar os meus temas nun posible directo, sempre e cando as condicións o permitan».
Todos os EPs están producidos, mesturados e editados por ti mesmo. Como é o de levar o Do It Yourself por bandeira?
Ángel: «A dicir verdade nunca pensei estar a facer esta entrevista nin pertencer a un label como DISCTRL, que parece estar feito para min.
No seu momento só tiña claro o proxecto global dos catro EPs, e iso que tiña moito sen compoñer e os tiña que presentar sacándolles o mellor son co material que tiña a man. Economicamente non podía meterme nun estudio, e iso que me gustaría; tiven moi boas experiencias con Arturo Vaquero de Abrigueiro Estudios e Jahel Piñeiro de 8 Estudios coas gravacións para TEA e Fábrica de Espejos.
É moi probable que, chegados a este punto, os seguintes traballos pasen por estudio antes de ser presentados».
Nos directos, que live set utilizas? É o mesmo que usas no estudio?
Ángel: «Nos primeiros directos levaba toda a cacharrada (tres controladoras, un teclado midi, unha guitarra...), pero co tempo aprendín que non preciso levar tantos instrumentos para facer un bo directo.
Para o live levo todo máis simplificado, así que con dúas controladoras e un sinte vou ben; deste xeito consigo centrarme máis no directo e non me distraio tanto cos aparatos».
Agora, coa tetraloxía xa completa... atopas algunha diferenza entre o primeiro, digamos, volume e este último?
Ángel: «A experiencia que acadei neste tempo faime darme de conta de erros que tiven á hora de gravar; aínda así, estou moi contento co resultado. Se fose agora, tanto as guitarras como as voces serían gravadas doutra maneira, pero polo resto... o método de traballo vai seguir a ser o mesmo».
O ano pasado, en pleno confinamento, participaches no Sound Crafters que organiza SON Estrella Galicia con “Cervexa Estrela Sacra”. Se tiveras que elaborar agora, un ano despois, outra destas «cervexas»... a que soaría?
Ángel: «Oh...xa nin me acordaba! [Risos]. Seguramente máis club, aínda que sinceramente non me lembro para nada como era!».
Nestas últimas referencias unes alianzas con DISCTRL, unha plataforma musical coruñesa de recente creación. Como chegas ata eles e como está a ser a experiencia?
Ángel: «Pois coincidencias! Hai un anos presentáronme a Miguel Valiña (Solofolar) no Fanzine Fest, que nos fixera unha crítica incrible para os primeiros traballos de Fábrica de Espejos, e aí empezamos a falar. Cando presentei Sound Workshop mandeille os temas, que tamén lle gustaron, e explicoume que el mais un equipo ían facer un label para amplificar os nosos traballos.
Só teño eloxios para eles. Están a conseguir que nos coñezamos e fagamos piña cos artistas que leva DISCTRL (David Karro, Osoazul, Dani Stoyka). Hai moita calidade e diversidade musical en Galiza e remesturar temas entre grupos do label fixo que entrásemos en contacto, escoitásemos os traballos orixinais dos compañeiros e así facerlles as remesturas; foi entretido e divertido e foron presentados hai uns días a través de DISCTRL.
Ademais, estanme a axudar moito coa promoción deste último traballo. Eu, que son un desastre coas redes, sen eles estes traballos non terían tan boa repercusión. Tamén foron os encargados da animación do cadro que se fixo para a portada de Mechanical Revolution, do artista Alex Pacheco, compañeiro e baixista en Fábrica de Espejos; así como da edición de vídeo das instalacións que preparei para estes últimos videoclips».
Completada xa a tetraloxía, en que estás a traballar agora?
Ángel: «Estou a preparar uns temas con Marta para presentar nuns meses (aínda sen data) e ensaiando con Alejandro (Pulpo) con sintes, baixo e montaxe da instalación luminosa para os directos; contamos saír a tocar na primavera do 2022».
A volta aos escenarios de xeito regular está a ser complexa (outra vez!), con restricións horarias, máscara, protocolos... Que poderemos esperar dun concerto de Ángel Novcad? Algunha vindeira data que podas anunciar?
Ángel: «Quería comezar este mes en Taboada e Chantada, pero a incidencia está algo descontrolada, así que esperarei algo a que se estabilice; conto saír pronto a tocar!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Ángel: «Death Whistle, vaia crack dos sintetizadores modulares! Cunha gran posta en escena; se tedes oportunidade, hai que ir velo. Déixovos a ligazón do seu Facebook».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Ángel: «Acabo de mirar e isto foi o que escoitei nestes últimos días, vai algo de todo [risos]: HYbr:ID I de Alva Noto, Live in London de HVOB, Maya John de John Frusciante, Somos los que sobran de Putilatex, UMMON de Slift, e Hands Rest de Aparde».