NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2022
Night Court, MR. RIVER
Night Court (2022) é, unha vez máis, un EP (o terceiro) e, como os anteriores, conta con 4 temas «porque pensamos que é mellor ir dosificando as cancións, xa que a sociedade actual consume todo con moita rapidez e non asimila a música como se merece». «É o noso disco máis jazz rock fusión. A diferenza dos dous primeros, este ten máis influencias do jazz, pero sin perder a forza e o son rock. O primeiro tema, “Night Court”, está inspirado no tema da mítica serie de televisión de finais dos oitenta, xa que a min [Miguel del Río] me encantaba a música das series de televisión americanas desa época, un tema moi funky jazz. “Bellmore 242” é moito mais jazz fusión con toques bebop e o título é o enderezo dun bar de estrada en Long Island (Nova York), onde tiven a experiencia de vivir unha road movie hai uns anos. “Latin King”, é unha canción latin jazz que está inspirada e dedicada a Carlos Santana, guitarrista que fusionou o rock coa música latina e influenciou á maior parte dos guitarristas da miña xeración. E o último, “Outlander”, inspírase noutra serie de televisión actual que ten moito éxito en Netflix e demais plataformas, un tema con influencias da música celta».
FOMO, Dr. Juhh
Dr. Juhh é autor de producións que olen a hip-hop clásico, con aromas do funk, do jazz, do reggae e da música electrónica dos noventa como o big beat ou o trip hop. Aínda que xa o escoitaramos en cortes do proxecto experimental Falconetics, do que forma parte xunto a Tío T., o polifacético artista debuta agora en solitario con FOMO (2022), un EP que naceu durante a corentena á que tivo que someterse logo de dar positivo en COVID-19. Gravado en Mansión Falcon Estudio (Arteixo), FOMO presenta unha colección de cinco temas de hip-hop experimental que se moven entre o electrónico e o orgánico e nos que a voz transmite vivencias, historias e sentimentos.
Concept City, Pt. 1, David Vázquez
O seu 2020 deixaba un longo e un single, do que un ano despois lanzaría o correspondente vídeo, pero a David Vázquez aínda lle queda moito por tocar e estrea Concept City Pt. 1 (2022). Composto por seis cortes nos que escoitamos reminiscencias a Wes Borland nas guitarras, e a Telefon Tel Aviv nas texturas sónicas da electrónica escura, este álbum «soa escuro, en xeral, ambient, aínda que cada tema ten a súa particularidade: “The Non-Being” e “Wounds” son bastante guitar-driven, tendo “Wounds” ese carácter máis rock electrónico, pop; “Inherent” ten unha estética e agresividade máis industrial e “Master of None” é o tema máis electrónico. Por último, “Before It Gets Better” e “Map/Territory”, sendo o primeiro con voces e o segundo instrumental, son bos exemplos de como a miña música cinemática para outras producións afecta á miña música artística —pódese ver no clímax máis orquestral de “Before It Gets Better” ou na textura electrónica de “Map/Territory”—». Respecto ao título, Vázquez confiesa que ten que ver coa «realidade versus a percepción da mesma, a idea que temos de algo versus ese algo [...]», ademais de deixar caer que, efectivamente, haberá parte dous aínda que non haxa nin data de publicación nin estea preto de rematarse.
Sereas, NEBRA
«Sereas (2022) é o noso primeiro álbum e unha carta de presentación da banda. Está gravado nunha única toma, no Clavi por Iván Reija (que tamén fixo o master), polo que ten certa sonoridade de directo.
As cancións presentan esa mistura entre o tradicional e o contemporáneo que tivemos en mente desde os comezos do grupo. As melodías vocais lembran á música tradicional e ao folk, e hai recursos lingüísticos nas letras e nas estructuras típicos das cantigas tradicionais. As baterías e a percusión dos pads son moito máis contemporáneas, poden lembrar ao lo-fi e á música electrónica. Mentres, o baixo ten un son pesado, con moitos efectos que lembran ao stoner e ao metal, os sons de sintetizador lembran á música dos oitenta e únense a toda esa mistura de sons actuais e de tempo atrás.
As letras das cancións teñen unha estrutura clásica que pode evocar ao pasado, pero as temáticas son actuais; falan dos incendios en Galicia, do feminismo, da saúde mental e de conflitos que vivimos día a día como sociedade. Para nós, este disco ten un pouco de todo iso que consideramos é o que nos representa.
Á parte, a estética do álbum tamén é importante, xa que queriamos que tivese un aspecto máis frío e con reminiscencias ao mundo do Internet e das pantallas, por iso contamos coa obra 3D de Boris Edrosa, fotógrafo e artista lucense [...]».
Solstício, Baiuca ft. Carlos Núñez
A colaboración entre estes dous referentes da música galega era cuestión de tempo. Un como figura da música celta e tradicional galega a nivel mundial, e un dos gaiteiros e frautistas más importantes da historia recente; outro como representante contemporáneo do diálogo entre música tradicional e electrónica, non só en Galicia, senón tamén alén das nosas fronteiras. E con este Solstício (Raso Estudio, 2022), Baiuca e Carlos Núñez cruzan a galega e miran cara á veciña Portugal nunha canción onde Núñéz interpreta unha alborada tradicional da zona de Tras-os-Montes (Portugal), e Baiuca a reconstrúe co son da gaita e o sample da voz a capela do cantor portugués Paulino Pereiro João. Solstício é unha peza que vincula dous universos sonoros como son a electrónica contemporánea e o folclore tradicional, ademais de captar o espíritu das festas solsticiais, as súas danzas, cantos e outros rituais, e conectar Galicia con Portugal.
Una pared tembló, Silvia Penide ft. Andrés Suárez
Cando unha porta se pecha, otra se abre; cando esa porta é a dunha sala, o que se abre é unha canción... polo menos para Silvia Penide. A cantautora coruñesa lanzaba onte Una pared tembló (2022) en todas as plataformas dixitais, unha canción dedicada a todas as salas de concertos pechadas pola pandemia, e para a que contou coa colaboración Andrés Suárez. En tres minutos e medio, o dúo canta como homenaxe a estos locais que os viron nacer e medrar como artistas, pero tamén como público; un agradecemento feito canción para que elas, as salas, «o reciban como unha caricia, unha aperta, un aplauso enorme». A canción vén acompañada de “Bailar en Irán”, un tema sobre os dereitos humanos no que tamén participa o artista ferrolán. «De boca en boca va. Memoria de canción. Un telón de flores. Sálvame una noche más...».
Strange Tides, Pálida
Non pasaron nin tres meses desde que publicou a súa última referencia, We Raised a Tower (Deep Different, 2021), e Pálida xa está de volta nas pistas. O produtor vigués entrega Strange Tides (MENTA, 2022), EP inquedo e hiperactivo composto por dous cortes de música electrónica cargados de saturacións e exploracións sonoras. Durante os seus case 20 minutos de duración, Pálida arríscase con distintos xéneros, como o techno, o noise ou a psicodelia, pero unha única intención: facer bailar e emocionar ao público.
Reviravoltas, Cuarteto Caramuxo
Non hai dous sen tres! Cuarteto Caramuxo vén de presentar Reviravoltas (2022), o seu terceiro traballo discográfico. Gravado en Planta Sónica (Vigo), este novo traballo discográfico chega sete anos, e unha pandemia, despois daquel Arrieiros somos (Nakra, 2015)... cantas voltas, e reviravoltas, musicais vividos desde entón? E é que son elas as protagonistas do longo, composto por una decena de cortes que experimentan con disciplinas e estilos diversos; pezas que reafirman a riqueza dos labores de recuperación da tradición oral como base para construír a contemporánea. Así, Cuarteto Caramuxo reinterpreta e actualiza melodías esquecidas, ademais de romper coa monotonía e as estruturas formalmente establecidas, arriscando e reivindicando o papel do clarinete no noso patrimonio cultural. Con algunha que outra sorpresa entre ecos de electrónica, Reviravoltas soa arriscado e intrépido, á vez que harmonioso, valente e poderoso... como as nosas raíces.
Un día nuevo, Magia Bruta
A finais de 2021, Isabel Fernández Reviriego sorprendía ao deixar o seu anterior alias, Aries, para converterse en Magia Bruta... que, curiosamente, é o título do primeiro traballo de Isabel como Aries. A artista reinvéntase en formato dúo xunto á multinstrumentista María Romero e, logo de tres sinxelos adianto, lanza o seu álbum debut, Un día nuevo (Foehn Records, 2022). Baixo un abano de liberdade total —cada tema coa súa estrutura particular, sen seguir ningunha fórmula predeterminada— o longo redescóbrenos un novo xeito de entender o pop a través da súa experimentación cara a territorios descoñecidos. Así, escoitamos os seus acenos de identidade: electrónica mutante, harmonías expansivas, samples policromáticos, melodías preciosistas e unhas letras luminosas, emocionantes e cargadas de boas vibracións. Composto por 11 cortes, Un día nuevo preséntase ante nós con multitude de posibilidades, «entre elas, a de volver comezar»; e que mellor xeito de facelo que escoitando este “pequeno retrato á fraxilidade humana, ao universo cambiante, con todo o medo e beleza que eso provoca».
I Got to Keep Movin’, Néstor Pardo
O título xa é toda unha declaración de intencións: Néstor Pardo precisa seguir movéndose... entre cordas. Por iso, e tan só catro meses despois do seu último lanzamento, o músico coruñés presenta hoxe un novo traballo discográfico, I Got to Keep Movin’ (2022). Gravado ao vivo en Estudios Mans (A Coruña) nunha mañá de Nadal, o longo recolle unha decena de temas, entre os que se atopan algúns propios e algunhas versións arranxadas por el mesmo. I Got to Keep Movin’ é un disco directo, «sen trampa nin cartón», no que voz e guitarra manteñen un diálogo íntimo onde, ás veces, se coa a batería de Santiago Roma.
INVENTO, Madalena Gamalho
Madalena Gamalho presentábase en solitario cun proxecto musical no que afonda na súa faceta como solista e, froito desta evolución vital e vocal, e a sinerxia e amizado con Iván Barreiro, nace INVENTO (2022). Baixo unha proposta artística moi coidada, Gamalho debuta con dez temas en portugués —seis da súa autoría, tres poemas musicalizados e unha versión— onde a voz ten especial relevancia dentro dun universo sonoro moi ecléctico, entre influencias de pop, rock, funk e world music. Xuntas, letras e melodías convidan ao oínte a conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, a reconciliarse co amor e as emocións humanas.