GARCÍA MC: «NA MÚSICA RENACES A CADA PASO, SEMPRE É UN GRAN MISTERIO QUE CRECE CO TEMPO»
Aos 13 anos xa rapeaba rimas propias; hoxe, máis de dúas décadas despois, García Mc é un referente indiscutible da cultura hip-hop en Galicia. Logo de formar parte de iniciativas recoñecidas a nivel estatal como Dios Ke Te Crew —membro fundador e na que participou activamente ata 2016—, Ghamberros ou Labregos do Tempo dos Sputniks, García Mc sorprendía hai uns anos cun espectáculo innovador á fronte de Nación Quilombo: «rap con banda» que combina ritmos do mundo coa palabra como eixo.
Este ano, García Mc convídanos a viaxar ata o seu particular Arquipélago Quilombo (2021), o seu segundo disco en solitario e primeiro longo; un traballo no que o rapeiro se reinventa e ofrece unha estimulante travesía polas dez illas deste arquipélago sonoro. É unha viaxe onde, de principio a fin, se escoita puro eclecticismo integrado con mestría nas músicas do mundo: reggae, latin, hip-hop… con ritmos de Nación Quilombo, cancións ao vivo, un remix e un dub.
© Foto: Rocío Cibes
Con máis de vinte anos enriba dos escenarios e sendo xa todo un referente da música galega, como lembras os teus comezos no mundo da música? Chamáronche sempre as notas ou o interese foi crecendo co tempo?
García Mc: «Sempre me sentín atraído e conmovido pola música, desde neno, e fun consciente de moi rapaz de que ía chegar á xente (como unha visión), pero aínda non sabía de que xeito porque aínda nunca rapeara. Na música renaces a cada paso, sempre é un gran misterio que crece co tempo, a necesidade de expresar unha e outra vez».
De ghamberro a un dos membros fundadores de Dios Ke Te Crew, pasando por Labregos do Tempo dos Sputniks. Que che empurrou a arriscarte en solitario? Pensas que hai algunha diferenza entre o García Mc de agora, solista, e como parte dunha banda?
García Mc: «Vou dicir isto por primeira vez, Dios Ke Te Crew é idea miña. Que non se malinterprete, explícome, cada quen xogou o seu papel; digo isto simplemente para resaltar como entendía eu o facer piña nese momento.
Cando en 2003, tendo eu 18 anos, o meu actual amigo Sebas chama a Jamas para que toquemos coa nosa banda Ghamberros o 24 de xullo en Compostela, coméntolle a Jamas a idea de falar cos maiores, cos que estiveran antes que nós, e incluílos nese concerto, crear un espectáculo conxunto a modo de agradecemento e recoñecemento para os que foran os pioneiros. Entusiasmámonos coa idea, pois xa existía moi boa relación e colaboracións entre nós. Nós eramos dous rapaces que continuabamos con todo aquilo que 5 Talegos inaugurou. Nese momento estaba en activo unha parte do que fora 5 Talegos, polo tanto a idea de colectivo hip-hop foi para min unha teima persoal.
Naquel entón, para min o colectivo estaba por riba do individuo, e iso foi o que fixemos Jamas máis eu, incluír. Ese espectáculo puntual titulado Dios Ke Te Crew foi tan ben acollido que seguimos adiante xa como colectivo hip-hop; permanecín 13 anos da miña vida nese barco.
Para min existen dúas premisas: unha, que o que fagas teña un impacto positivo no mundo, a parte social. Cando comecei a facer obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, principalmente por centros educativos, ninguén facía iso en Galicia. Polo tanto, a parte social era e é fundamental para min. Outra premisa é que o que es, teña todo o seu poder dentro do colectivo. Poderías sentirte só no medio da multitude, non recoñecido, non visto, non escoitado, diluído, iso si que é arriscado. Como ser humano e como artista tes que coidar a túa integridade, pois tes unha misión. Claro que podes ter unha ferramenta formidable nas túas mans, pero si non sabes utilizala pode volverse no teu contra. Se te fixas, o meu primeiro disco saíu cando aínda formaba parte de Dios Ke Te Crew e de Labregos; a voz do eu xamais debe ser afogada ou diluída por ningunha colectividade.
É precisamente desde esa voz desde onde un debe relacionarse cos outros; se non, non podes ser libre. E foi o que fixen desde o principio, primeiro priorizando o colectivo, pero nunca deixando de facer cousas que sentía a necesidade de facer. A secuencia é: colectivo, individuo, colectivo. Aprendín estas palabras do meu máis alto mestre: “Soamente hai saúde cando na alma humana cal espello se reflicte toda a comunidade, e na comunidade vive a forza de cada alma individual”. Polo tanto, os colectivos do futuro terán que ser necesariamente constituídos por individualidades plenas e desenvolvidas para ter organizacións saudables, onde todas as voces teñan plenitude de poderes e se sintan realizadas.
Polo tanto, e respondendo á túa pregunta, todas foron aprendizaxes necesarias. Nin mellor unha, nin peor a outra; diferentes e parte dunha evolución».
En 2008 lanzas o teu primeiro tema como García Mc, “Deitado frente ao mar”, poema de Celso Emilio Ferreiro que interpretas en versión rap para a Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro (Ouvirmos, 2008). Como foi musicar os versos do escritor ourensán?
García Mc: «Xurdiu na Ribeira Sacra, na reitoral restaurada por Xurxo que leva moito tempo alí, en Parada de Sil. Faloume dun poema de Celso Emilio que era puro rap (Son un pasmón) e agasalloume con Longa Noite de Pedra (1962).Alí reatopeime con Deitado frente ao mar, que xa coñecera na escola polo meu mestre de galego, e emocionoume. E a pesar de non ter rima, ten un ritmo ou rima interna moi potente, como as ondas do mar. Foi un comezo que arrasou; fun moitas veces á tele, radios e eventos por esta peza e é o meu tema máis escoitado con diferencia.
Logo viría Labregos e afondamos moito máis na obra de Celso Emilio».
Pero non é ata cinco anos máis tarde cando escoitamos o teu debut, Abaixo e de pé (2012), un EP de cinco cortes en galego de amor e rabia vistos desde unha mirada rebelde e zapatista... e ao país de Emiliano Zapata (México) levoute este traballo. Como describirías a acollida do teu rap galego alén das nosas fronteiras?
García Mc: «México é unha peza clave na miña biografía. Durante unha década viaxei seis veces alí, e pasei tempadas de convivencia nas comunidades indíxenas rebeldes chiapanecas.
Foron anos de moito activismo social e iso viuse totalmente reflectido nese disco. Xa sabes, rúa arriba, rúa abaixo... Cando saíu Abaixo e de pé, na miña última viaxe a México encargueime de facer entrega de moitos exemplares do disco, especialmente nas comunidades, e de facer unha xira bastante underground pero gravada en min a ferro.
Toquei na selva, nas montañas, en garitos, en barrios do DF, e para estudantes que eran parte da UNAM nun evento organizado por Regeneración Radio co meu amigo Lengualerta e outros artistas mexicanos. Sempre acolleron os meus concertos moi ben en México. A xente adoitaba interesarse moito pola nosa lingua e cultura. Pola contra, chegaba aquí desas viaxes e os xornalistas preguntábanme que por que rapeaba en galego... o mundo ao revés!».
Froito do vivido no WOMEX 2016 celebrado en Santiago de Compostela decides conformar Nación Quilombo. Como describirías esta experiencia para que dela aflorase este proxecto?
García Mc: «Levaba moito tempo co runrún de facer rap con banda. No WOMEX vin moitas iniciativas que eran de músicas do mundo e ao mesmo tempo levaban un rapeiro... Aquilo reafirmou a miña idea.
Montei un espectáculo potente que se desfrutou no Festival Terra da Fraternidade na Praza da Quintana nas festas do Apóstolo. A acollida foi espectacular, pero os festivais déronme as costas; existe un bucle moi importante nunha parte dos festivais galegos e é algo digno de poñerlle atención. Non puiden apenas presentar aquel espectáculo e foi unha gran lección para saber con quen contas e con quen non.
Mudei o formato e agora, e con PlayPlan [como] a miña oficina de contratación, ábrese unha fenda onde a xente vai poder ver a bomba que teño entre mans; por exemplo, este verán abríndolle un bolo a Kase.O. Será, agora si, recoñecido como un dos directos máis potentes da escena. Vai ser multidisciplinar e sorprendente... e non digo máis!».
© Foto: Rocío Cibes
Na túa opinión, de que xeito pensas que afectaron estes anos previos enriba das táboas á hora de desenvolver e moldear García Mc e Nación Quilombo?
García Mc: «Agora son invencible! [Risos]. Só estou eu, limpo, e o que quero levar ao mundo.
Son o mellor no meu sen lugar a dúbidas —cada un debe ser o mellor no seu, non?— e acabo de facer un disco fundamental para a cultura: o primeiro disco de rap en galego con músicas do mundo, isto acaba nada máis que de comezar».
A Nación está composta por catro instrumentistas e un DJ: batería, teclados, guitarra, baixo... a que soa este quilombo musical?
García Mc: «Como che dicía, iso era no primeiro formato co que rodei; agora a formación é de batería e secuencias, baixo e teclado. En concertos especiais, como o do SonRías Baixas, levarei tamén DJ, graffiti, batás, danzas, cantos yoruba...».
De estilos pasamos a influencias, tes algunha referencia particular que impacte especialmente na túa música?
García Mc: «Inspírame moito a natureza, os meus estudios en biografía humana. Inspíranme os últimos discos de Nas e Hit-Boy. Volve a inspirarme moito o rap clásico e a súa sinxeleza e crueza… Ando na procura das melodías perfectas».
Fuches finalista dos Premios Martín Códax da Música varias veces, tanto na categoría de Reggae/Ska/Mestizaxe como na de Hip-Hop e Músicas Urbanas. Que papel pensas que teñen este tipo de galardóns á hora de difundir e apoiar a música da nosa terra?
García Mc: «Só gañei a primeira vez con Dios Ke Te Crew. Logo seguín sendo finalista non sei cantas veces... Os compañeiros do gremio vótanme, pero o xurado nunca me escolle [risos].
Non deixa de ser un concurso… pero mentres non recoñezan a quen máis fixo pola cultura hip-hop deste país, pois sempre lle van a faltar algo a eses premios [risos]. Non sei se me presentarei máis [risos]! Agora en serio, son unha boa ferramenta de divulgación e para coñecer todo o que se coce, que é moito e moi variado. É de agradecer o esforzo de quen os organiza».
Estás a presentar o teu novo traballo, Arquipélago Quilombo (2021), composto por unha decena de temas orixinais, dos que xa escoitaramos algúns con anterioridade. Que che levou agora a recompilalos e xuntalos nun (primeiro!) longo?
García Mc: «Desde o primeiro sinxelo tiven a idea de recompilalos e facer un disco. Iso si, ao meu ritmo; viña de vivir a música con bastante sufrimento mesmo e, neste caso, deixei que todo seguise o seu curso e fose real, sen presións, con alegría e boa letra.
Velaí está o resultado. Agora foi preseleccionado como Mellor Álbum en España, Mellor Álbum en Galego e Mellor Gravación de Músicas Urbanas polos Premios MIN, os premios máis importantes da música independente en España».
Creas arredor das palabras, son elas o eixo das túas composicións. Actualmente, nunha época na que as palabras semellan esfumarse ao premer «enviar», como afrontas a creación para que teñan peso dabondo para «quedar»?
García Mc: «A palabra é un dos fíos condutores da miña vida. Volverá o tempo da palabra consciente, mesmo case sen ser verbalizada. Facer rap é unha responsabilidade, só o ser humano pode emitir palabras na face da Terra».
Algunhas das pezas datan de 2019, 2018 ou mesmo de 2017, pero as súas mensaxes seguen a ser igual de actuais neste 2022. Que, ou quen, inspira as túas rimas?
García Mc: «Todo é unha fonte de inspiración. Trátase diso, de conseguir que teñan sempre sentido a pesar do paso do tempo, mesmo que collan máis sentido».
E, á hora de compoñer, como adoita ser o teu proceso creativo?
García Mc: «Esperar o impulso. A maduración das ideas pode ser de anos, pero de repente cristaliza e a palabra faise verbo».
O Arquipélago descóbrese como puro eclecticismo, como foi a viaxe sonora ata acadalo? Cal é a fórmula secreta desa mestura?
García Mc: «Querer levar o meu rap a outro nivel e que fose empapado por todas as miñas viaxes musicais e vitais».
E, visto con perspectiva, musicalmente que diferencias atopas entre Arquipélago Quilombo e Abaixo e de pé?
García Mc: «O primeiro disco ten que ver máis co corpo; este ten que ver máis coa alma, e o que estou preparando ten que ver máis co espírito».
© Foto: Rocío Cibes
Dis que con este disco «rexordes das túas cinzas para navegar os sete mares»... con algún destino a terra en concreto?
García Mc: «A viaxe xa se realizou; agora escenificarase e logo soltarei amarras novamente polos mares da miña propia vida para levar iso á xente. Eu só son un alquimista».
Neste traballo viaxas xunto a artistas como Nastasia Zürcher, Cynthia Montaño, High Paw, Digo Diego, Gatopersa e Javier Vicalo, entre outros. Que procurabas con estas colaboracións e como foi a travesía xunto a eles e elas?
García Mc: «Todas as colaboracións son diferentes. Cada quen achega a súa calidade e foi unha unión na diversidade. Todos os temas do disco teñen colaboracións. Hai moitísima xente implicada nel; iso imprime moita variedade no álbum».
Arquipélago Quilombo divídese en catro bloques (bases e beats; estudio con banda; banda ao vivo; e extras, cun remix e unha versión dub). Por que estruturalo deste xeito?
García Mc: «A estrutura xurdiu ao final de todo, para darlle orde ao caos creativo. Vai desde as miñas orixes máis clásicas á pura experimentación. Ese foi o xeito máis acorde de estruturar toda esa diversidade».
Ademais de músico, levas máis de 15 anos exercendo como pedagogo independente, impartindo cursos e obradoiros a través dos que creas conciencia e valores entre os adolescentes. Desde o teu punto de vista, como veñen as novas xeracións?
García Mc: «Todo mudou radicalmente. No uso do galego, a implantación das novas tecnoloxías, a dixitalización, a perda das humanidades case por completo nas escolas... É unha situación crítica, pero ao mesmo tempo un gran desafío para a humanidade.
Os meus obradoiros normalmente son moi ben acollidos, pero os que traballan no pedagóxico deberían tirar os informes PISA pola fiestra e fomentar as manualidades, a creatividade, as artes, os valores, o teatro, a música... Se todo é cálculo, repetición baleira e intelectualización precoz, sen respectar os ritmos dos nenos, conseguirase unha sociedade obediente e extremadamente fría».
E, xa que estamos, a escena galega do hip-hop, como a ves?
García Mc: «Alucinante como cambiou o conto desde mediados dos 90 ata hoxe. Hai 20 anos eramos catro gatos! O que si, existe moita desconexión entre nós; fáltanme as jams que antes eran moi habituais e fáltame a variedade nas temáticas tamén...
De todos os xeitos, hai tantos proxectos que me perdo e iso é espectacular; moitísima xente nova que podedes seguir nas RRSS de Hip-Hop em Galego. Un triunfo en toda regra ver a evolución da escena!».
Confiando en que a música ao vivo siga a súa recuperación cara á volta á normalidade (así, a secas), como está a ser a volta aos escenarios e a acollida por parte do público?
García Mc: «O que vivimos foi un total despropósito fóra de toda lóxica; normas ridículas e ambiguas que parecían feitas por psicópatas que queren xogar coa mente humana e co sentido común.
A xente ten unhas ganas de expresarse e de ver formas de expresión como nunca antes; utilicémolo ao noso favor logo de ser tan inmoralmente golpeados. Espero que este verán sexa diferente, pois tocar nas últimas condicións foi do peor que vivín».
© Foto: Rocío Cibes
Ao fío, sabemos que en agosto subes ao escenario do SonRías Baixas... que poderemos agardar dun concerto de García Mc & Nación Quilombo? Hai algunha outra data, festivaleira ou non, que podas desvelar?
García Mc: «Para o SonRías haberá un espectáculo explosivo; é unha gran honra abrirlle o concerto a Kase.O, todo un referente para min; unha honra! Poderedes agardar baile e rap a conciencia.
Anotade tamén o 7 de maio na Sala Malatesta, onde presento o meu novo disco xunto a Dakidarría, e estade pendentes da miña axenda nas miñas redes».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
García Mc: «Gústanme as novas producións musicais do novo de Dakidarría; o tema de “Catro agullas para unha bolboreta” de Malandrómeda, estálame a cabeza con el... por poñer un par de exemplos. Hai moitísimo onde escoller e moita variedade! Recomendo tamén todo o que lanza Javier Vicalo desde Dub Yard Records».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
García Mc: «Nas, Kanye West, Bob Dylan, RZA, os Diplomáticos de Monte Alto, Kase.O, Peter Tosh... e moitas músicas diversas».