VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE MAIO
Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
O Maio, Pablo Lesuit, Faia Díaz, Narci Rodríguez, Najla Shami, Eladio Santos, Belém Tajes, Nastasia Zürcher, Leo Burke, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra, Su Garrido e High Paw.
«Aquí vén o maio de flores cuberto, puxéronse á porta cantándome os nenos»… así comeza o “O Maio” (1880) de Curros Enríquez —poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1967— poema que o Consello da Cultura Galega escolleu para que 13 novas voces actuais celebren cantando versos do século XIX; uns versos que retratan o noso pasado e, sen sabelo, tamén o noso presente. Con composición musical da gran Nastasia Zürcher, quen traballou xunto a Adrian Saavedra nos arranxos e na produción, este “O Maio” musicado conta coas voces de varios artistas da plataforma, como Faia Díaz (De VACAS), Narci Rodríguez (dA Trío), Najla Shami, Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos), Belém Tajes, Nastasia Zürcher, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra (A banda da Loba) e Su Garrido (Son Trío), ademais de Pablo Lesuit, Leo Burke e High Paw. Como resultado desfrutamos dun vídeo musical —asinado por Jairo Moreno— que mestura rumba con influencias da música tropical e festexa a vida cun alento solidario e en galego.
Subiote, Rodrigo Ramos
A finais de 2020, Rodrigo Ramos lanzaba “Subiote”, gravado entre Estudios Mans (A Coruña) e Estudio Planta Sónica 2 (Vigo). O tema é unha adaptación musical dun poema de Xosé Neira Vilas, de carácter pop folk que evoca aires rurais, para a que o cantautor traballou xunto a Iago Fernández coa intención de darlle o mellor acompañamento sonoro. Ramos confesaba que foi «bastante doado e natural convertelo en canción» e facía fincapé na importancia de reflectir a paisaxe galega e a sensación de pasear polo campo. O videoclip —realizado polo director nomeado aos Premios Goya, David Fidalgo Omil— preséntase como unha metáfora sobre o percorrido da música pola paisaxe galega, chea de materia e cor.
Castlebar, BATEA
Castlebar —que non Castle Back— é unha localidade irlandesa situada ao oeste do país e coñecida pola Batalla de Castlebar, rebelión que tivo lugar uns anos antes que a Reconquista de Vigo e si... os franceses tamén estaban presentes. O “Castlebar” de BATEA non está nin en Irlanda nin en Vigo, senón en Moaña, máis concretamente nos Estaleiros Rouco (Meira). A banda viguesa volveu tomar o antigo estaleiro como escenario para un novo videoclip, producido e realizado po AREA Productions, que comeza sobrevoando a ría e as súas bateas, e remata nunha actuación cargada do seu «folk, rock e lume».
Intempériome, A banda da Loba
O Día das Letras Galegas 2021 estivo dedicado á escritora, poeta e tradutora Xela Arias e, elas, como admiradoras que son de Xela, homenaxeárona cun EP, Hasme oír (Seispés Producións Creativas, 2021). Elas son A banda da Loba e “Intempériome” era o single clip adianto, unha canción feita a partir de cinco poemas do libro homónimo que Xela Arias publicou en 2003, que fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e estereotipos, de avanzar cara ao autorrecoñecemento para ser a persoa que, realmente, queiramos ser. Firmado por Seispés Producións Creativas, o vídeo percorre a evolución da protagonista da nenez á vellez, superando os obstáculos grazas ao coñecemento e experiencia previa.
Xota do Norte, Nelson Quinteiro
Nelson Quinteiro escolleu o Día Internacional do Músico para lanzar “Xota do Norte”, o último single clip de Músicas de Domingo (Inquedanzas Sonoras, 2019), segundo traballo discográfico xunto ao pianista Brais González. A proposta audiovisual, parte do programa #ACulturaSegue do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, é un vídeo-danza a modo de shinrin-yoku, práctica xaponesa que consiste en deixarse levar polos sentidos que o bosque, ou outro espazo natural, nos pide. Realizado por Pio Cribeiro, o clip está protagonizado por integrantes da compañía de Nelson Quinteiro, quen se mergullaron nun piñeiral centenario e se deixaron mecer pola música e polas follas das árbores que os rodeaban; o resultado é unha obra na que o simbolismo e a cor se recrean nunha mensaxe ecoloxista e de volta á natureza.