• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2022
3 XULLO 2022

 

 

Renacer, Búfalo Vil

Comezaba xuño adiantándoo… e rematábao descrubríndoo na súa totalidade. Búfalo Vil lanza Renacer (2022), un novo EP, e quinta referencia discográfica en solitario, como un ataque de punk rock, indie rock, psicodelia e «ecos de moderneces varias». Composto de catro temas cargados de ironía lírica, tres en castelán e un en galego, Renacer foi gravado nunha casa de pedra (rocha); material que, segundo conta o artista, se impregnou en cada unha das notas musicais, facendo desta «a entrega máis roqueira». Unha mostra de «irreverencia envelenada con certeiros, ou non, dardos de crítica destrutiva, froito do empacho do politicamente correcto ao que a sociedade actual está sometida a torto e a dereito».

 

 

 

 

 

Paxaro do demo, Baiuca & Xoel López

O pop e o folk danse a man no novo de Baiuca e Xoel López. O produtor e o cantautor estrean “Paxaro do demo”, sinxelo no que, xuntos, traballaron a contrarreloxo durante La Residencia de Radio 3 en Estudios Mans (A Coruña). Os seus máis de tres minutos de duración cantan a historia de como dous pequenos viron por vez primeira voar un avión desde Pin, aldea próxima á Fonsagrada (Lugo), a principios do século XX. Un deses nenos era o tío avó de Xoel quen, un século despois, recupera a anécdota familiar con eses atributos do mundo máxico e tradicional que marcan a idiosincrasia cultural e artística de Galicia. “Paxaro do demo” non só fai unha chiscadela á familia do coruñés, senón que serve tamén como instrumento de irmanamento de dous artistas que estaban destinados a atoparse e entenderse. Entre a electrónica tribal, a canción alternativa de autor e a música tradicional galega, Baiuca e Xoel abrázanse nunha canción que, ademais, contou coa colaboración de Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) no violín, Lilaina na voz e pandeiretas e Xosé Lois Romero na percusión.

 

 

 

 

 

VELCRO, Chisme

O seu derradeiro adianto, “Libro”, escoitábase en maio, tema que nos introducía no universo cósmico e máxico de Chisme, quen, por vez primeira, utiliza a súa lingua materna para anticipar a esencia de pop futurista do que sería o seu novo repertorio, o máis sólido ata a data. Composto integramente en galego, VELCRO (Raso Estudio, 2022) ao completo vía a luz o pasado día 17; un álbum que segue a equilibrar o indie psicodélico, a electrónica máis estraña e o sarcasmo máis enveleando dun artista, Fernando Epelde, que o leva ao territorio da performance pop.

 

 

 

 

 

O estraño karaoke do Home Bata, Manuel Seixas

Manuel Seixas volve asinar un disco baixo o seu nome: O estraño karaoke do Home Bata (Ferror Records, 2022). Gravado na Illa, o longo preséntase como «un rosario laico en dous misterios», un disco dobre que é a testemuña sonora dun milagre e unha tributo aos amigos músicos que xa no están. O primero disco tira cara ao poético, versos de amor e enfermidade, de coñecerse a un mesmo ata o punto de afrontarse á vida e á morte sen importar as consecuencias. O segundo é homenaxe e lembranzas; emoción e intensidade, dedicado a tres grandes músicos «camaradas de son e soño»: Roberto Camba, César Morais e Fran Pérez – NARF. Xurxo Romero asina as ilustracións e o deseño dun disco editado en dous cedés, presentados en formato digipack tríptico cun libreto de máis dunha trintena de páxinas.

 

 

 

 

 

Faíscas, Guezos

Nos últimos catro anos escoitámolos en cancións soltas e colaboracións varias, algo que no facía máis que alimentar as ganas de disco. Por fin, o pasado venres, Guezos publicaba Faíscas (2022). Gravado en Xílgaro Estudios (Ourense) e masterizado por Dr. Chou en Pontevedra, o álbum recolle tres versións —unha de ‘Wish You Were Here’ con gaita, outra da ‘Danza de Meirol’ de Berrogüetto e ‘Light of Day’ orixinal de The Silent Comedy— e catro temas propios nos que a banda ourensá mestura tradición con sons contemporáneos. Escóitanse cancións auténticas, con letras e melodías que emocionan, froito dun «traballo bestial de esixencia e perfeccionamento». O single presentación, homónimo, é o concepto do disco; as faíscas representan o paso fugaz do tempo, das vidas e de como todo pasa moi rápido, case sen decatarnos. Baixo a dirección do tamén ourensán Aitor Uve, o clip que o acompaña rodouse na impoñente paraxe natural da Edreira, corazón do Macizo Central.

 

 

 

 

 

Orihime & Hikoboshi, Vega Scan

Deuse a coñecer baixo outro pseudónimo, tamén como parte doutros proxectos e mesmo facendo remixes colaborativos. Pero a necesidade de saír a buscar un son diferente foi quen lanzou a Tony Ramírez aos brazos dunha nova aventura en solitario. E como Vega Scan debuta con Orihime & Hikoboshi (Ferror Records, 2022), un EP de cinco cortes de IDM e electrónica recollidas baixo un título de lenda xaponesa, a do amor imposible entre a princesa Orihime e o pastor Hikoboshi.

 

 

 

 

 

Pantasmas das rúas, O Cadelo Lunático

Logo de máis de cinco años, e unha pandemia, O Cadelo Lunático volve ao mercado discográfico con Pantasmas das rúas (2022). Composto por unha decena de temas —entre os que escoitamos o que dá nome ao álbum, estreado hai máis de dous anos— o longo vén cargado de novas sonoridades, aínda que o cuarteto segue a apostar por un repertorio de blues e soul en galego, con letras que reflicten a sociedade actual.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

  noticias