VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO
Lolita, Treintañeras Cañeras
“Lolita” (2021), foi o cuarto adianto do que sería o seu vindeiro disco, Música para el programa de Bertín Osborne (Galunk Producións, 2022). Gravado en Eclipsis Studios (Ponteareas), e mesturado e masterizado por Paco Serén, o tema é outro trallazo de letra contaxiosa, guitarras afiadas e rock ‘n’ roll sucio que coquetea con punk garage. Preséntano no deserto, con subtítulos en árabe, un camelo... e todo coa súa explicación: «É todo completamente real, intencionado e personalizado. A través de Internet contactamos con estas dúas persoas e o seu camelo; ambos os dous viven nun deserto africano, e propuxémoslle facer un videoclip; a eles fíxolles graza e aceptaron. Case non tivemos que facer nada, déronnos moitas facilidades».
Golpe por golpe, Dioivo
Dioivo foise coa música a outra parte... literalmente. O dúo de metal vigués colleu a batería e a guitarra e fixo do mítico Parque Forestal do Vixiador, na parroquia viguesa de Candeán, o escenario deste videoclip. Dirixido por Brais Gómez Salvador, “Golpe por golpe” presenta unha actuación de Dioivo ao aire libre, que comeza no monte e remata na praia, con breves planos detalle de Jacobo Mouriño (guitarra, voz), quen mesmo dá o salto á pequena pantalla ata que Dani Valladares (batería) o «machuca». No clip tamén participaron Amara Fontao, modelo da portada de Dioivo III (Darkwoods, 2021), e Roi Gómez.
Breathe, TWO FACES
TWO FACES remataba o ano pasado coa estrea de “Breathe”, un corte no que o dúo coruñés presenta os seus sons característicos: pianos potentes, baterías e sintetizadores que, desta vez, escoitamos envoltos pola voz de Icía Varela; nova promesa da música tradicional galega, que xa ten traballado con artistas do talle de Mercedes Peón ou Miguel Lamas. Dirixido por eles mesmos, con realización de Olalla Ferga, o vídeo acompaña á protagonista (Xisela Couceiro) no seu percorrido pola ruta do Camiño Inglés, ata chegar á Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela).
Obsesión, TALESIEN
Hai case un ano que TALESIEN estaba de volta con ese power metal melódico que os caracteriza desde hai case dúas décadas. A banda coruñesa estreaba “Obsesión”, un sinxelo gravado por Iago Pico en Pouland Studios (Ames) que, ademais, marcaba o adianto do que será o seu vindeiro EP. A melodía, a potencia e o virtuosismo que definen o corte trasládanse á peza audiovisual que o acompaña, obra de Ana Scast. Durante os case seis minutos do vídeo observamos unha escura historia de amor, protagonizada por Raquel Crespo e Anxo Silveira, que representa o encontro de dúas supostas almas xemelgas: el atópaa, promételle a eternidade, idealiza unha vida con ela... pero nada é certo, todo é froito da súa imaxinación, todo é unha obsesión.
Pícanme os ollos, Guadi Galego ft. Depedro
Un duelo a dúas voces, sentados cara a cara; así, sentados fronte a unha pantalla de lembranzas, Guadi Galego e Depedro presentan o seu traballo conxunto, “Pícanme os ollos”. Ao abeiro do fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia, a peza representa unha reflexión desde o persoal ao colectivo; da visibilidade das incoherencias propias e alleas que nos rodean, ver como pasan as inxustizas ante os nosos ollos sen poder cambialas. Dirixido por Lucas Terceiro, o vídeo foi gravado entre unha finca de Guimarei e o Teatro Principal A Estrada con nenos do municipio pontevedrés como protagonistas; entre eles, Elena Castaño é a nena que simboliza a mirada infantil e que agocha un desafío «para non ignorar o presente inxusto, para construír o futuro que queremos».
E velaquí está o Videoclip Club completo: