TRAC: «O ROCK SEMPRE FOI O NOSO LUGAR COMÚN DE ENCONTRO»
Como TRAC levan máis dun cuarto de século enriba dos escenarios, pero os seus catro compoñentes —Moncho Pardo (guitarra eléctrica, efectos, voz), Luis Molina (baixo eléctrico, voz), Berto Morán (batería, percusión, guitarra acústica, voz) e Juan Cordonié (guitarra acústica, eléctrica e sintetizada, voz)— xa eran uns vellos coñecidos da escena musical coruñesa. Xuntos, comezaron facendo versións de clásicos en clave de rock progresivo, ata que «se deron as circunstancias» para compoñer as súas propias pezas.
Logo de dous discos conceptuais, El bosque sin árboles (2016) e Man (2016), o cuarteto está agora inmerso na presentación do seu novo traballo, Trac 3 (2022). Dispoñible tanto en formato físico como en dixital, este terceiro álbum recolle «dúas minisuites, dúas pezas autorreflexivas, dúas versións, unha canción paródica e un rock & roll».
Foto © Manú Cordonié
Detrás das guitarras, baixo, batería e percusión de TRAC atopamos a Moncho Pardo, Luis Molina, Berto Morán e Juan Cordonié. Cal foi o xermolo da banda... hai xa máis de 25 anos!?
Juan Cordonié: «Compartiamos local de ensaio, andabamos sete ou oito por alí».
Moncho Pardo: «Un día decidimos probar nós os catro, e seica se enredou a cousa!».
Por que TRAC? Que significa?
Luis Molina: «Estaría ben “Terapia para Rockeiros Anónimos da Coruña” :)».
Moncho: «Pois se a terapia é para deixar o rock... claramente non funciona! :)».
Juan: «Ben, realmente o nome só reproduce unha “coña onomatopeica” que faciamos naqueles primeiros meses de ensaios».
Berto Morán: «Para cortar o son, para acabar unha frase: trac!».
A maioría de vós viñades xa con táboas, feitas en diversas formacións coruñesas como Nebraska, Agra, Mantra ou Diplomáticos de Monte Alto. Que credes que achegou esa experiencia previa ao novo proxecto?
Luis: «Diversidade de estilos e criterios musicais».
Juan: «Madurez persoal en tódolos sentidos».
Comezastes facendo versións —desde Led Zeppelin e Pink Floyd a The Beatles, pasando por The Who e Queen— non reproducíndoas fielmente, senón levándoas ao voso terreo. Que importancia pensades que tivo facer versións deses grandes grupos na creación da vosa identidade musical? Que vos fixo pasar de versionar clásicos a crear material propio?
Moncho: «Coñecer ben a estrutura das pezas e traballar sobre elas enriqueceu a nosa formación, ampliou experiencias».
Juan: «Para o material propio houbo que esperar a que se desen as circunstancias».
Que grupos dos que faciades versións influíron máis na vosa música? Hai algún referente importante alén deles?
Moncho: «Dos que temos feito versións, por exemplo, estes tres: King Crimson, Pink Floyd e Deep Purple».
Berto: «Entre os catro sumamos gustos moi diversos: música tradicional, folk, jazz, blues, sinfónica... e todo achega. O rock sempre foi o noso lugar común de encontro».
Longos e complexos desenvolvementos instrumentais en temas extensos... o máis obvio é definila como «rock progresivo»; pero, máis aló de etiquetas, como describiriades vós a vosa música?
Juan: «Non nos desagrada rock progresivo. Os instrumentos eléctricos e a batería-percusión conforman unha base típica de rock que se alimenta de múltiples ingredientes de xeito bastante ecléctico, tanto en ritmos como en melodías e harmonías».
Luis: «Tamén é característico da banda o uso de numerosos timbres procesados e sintetizados, mais que se controlan e executan ao vivo desde os propios instrumentos».
Por certo, como creades os temas? Adoitan ser combinacións de varios fragmentos que ides enlazando e facendo medrar, son froito de improvisacións nos ensaios que van cristalizando... hai un pouco de todo?
Moncho: «Efectivamente hai un pouco de todo; algunhas cousas chegan máis feitas e outras apenas son un esquema».
Berto: «Os arranxos colectivos son marca da casa; xa era así nas versións».
Debutades discograficamente cun dobrete: El bosque sin árboles (2016) e Man (2016), unha suite ecolóxica e unha biográfica. Ambos traballos foron presentados simultaneamente, por que? Foron xa concibidos con esa idea?
Juan: «Primeiro era Man, que xa avanzaba como suite, mais paralelamente tamén se elaboraban outras pezas... E a cousa comezou a engordar».
Luis: «Finalmente vimos que había material para dous álbums».
Dos oito temas que recolle El bosque sin árboles, catro deles conforman a suite que lle dá título e que describía a realidade medioambiental que estabamos, e aínda estamos, a vivir. Foi esta a única fonte de inspiración?
Juan: «Si, preocupación e concienciación medioambiental».
Moncho: «Tamén nos motivaba experimentar nunha suite diferente as novas posibilidades dos procesadores de son».
Na vosa opinión, que papel pensades que xoga a música como instrumento de denuncia ou concienciación social?
Berto: «Pequeno e limitado, aínda que está ben lograr “facer ruído” algunha vez».
Pola súa banda, Man está dedicado ao artista Manfred Gnädinger, tamén coñecido como «o alemán de Camelle», no que «tocades» a súa historia ao ritmo fusión de rock clásico e blues. Por que Man? Tivo algo que ver o apego que tiña polo medio ambiente e así, dalgún xeito, conectalo con El bosque sin árboles?
Juan: «Escoitando un día a historia na radio fíxonos pensar que había elementos dramáticos interesantes».
Luis: «Aínda sen moita información, todos coñeciamos algo sobre o Man de Camelle; un tipo entre interesante e extravagante».
Para este traballo contastes coa cesión de material sonoro da TVG e gráfico por parte do Museo MAN (Camelle). Como lembrades o proceso de documentación?
Juan: «Había o documental de Bernardo Cequera, do 2007, centrado na súa infancia e xuventude. E no 2015 apareceu O viaxeiro radical de Xerardo Quintiá, que recupera toda a súa vida en forma de novela».
Moncho: «Tiñamos mesmo pensado redactar algún texto simulando un programa de radio ou algo semellante, e atopamos o podcast da TVG coa voz de Man!».
Berto: «Lembrei que tiña fotos de Man dos anos oitenta e noventa; unha delas gustoulle a todos e, combinada con outra de J. L. Alberca, saltou para a portada do álbum».
Rompedes seis anos de silencio discográfico coa publicación de Trac 3 (2022), o voso novo álbum. Sen presións... por que a demora?
Juan: «Primeiro porque baleiramos nos dous discos anteriores todo o material que tiñamos e, despois, cando xa estabamos dispostos á tarefa, vén unha demora de dous anos pola pandemia».
Luis: «Aínda así, algunhas pezas deste álbum comezaron a súa andaina durante a pandemia, na distancia, con envíos de ficheiros».
Moncho: «E outras dúas xa se tiñan tocado antes nalgún concerto».
Presentádelo como «unha hora de música espallada por oito pezas que navegan con liberdade entre as augas do rock progresivo». Como foi o seu proceso creativo? Levou alguén o peso da composición e o dos arranxos foi un traballo máis «coral»…?
Juan: «Foi no xeito habitual de traballar: un leva un tema ou parte dun tema e comeza a elaborarse en conxunto, facendo os cambios, arranxos ou enlaces máis aceptados por todos; é un proceso de mellora continua».
Moncho: «En xaneiro deste ano estaba todo preparado para gravar».
Foto © Trac prog
Logo de dous traballos conceptuais, de que xeito afrontastes a creación de temas sen seguir un fío condutor aparente? Ou é que, dalgún modo, si o hai?
Juan: «Non é un álbum temático, mais mostra unha singular harmonía estética».
Berto: «En síntese: dúas minisuites, dúas pezas autorreflexivas, dúas versións, unha canción paródica e un rock & roll».
Reinterpretades a sintonía, composta por Antón García Abril, dun programa clásico da televisión El hombre y la Tierra (1974-1981). Por que a escolla deste tema en concreto? De que xeito desenvolvestes a orixinal ata acadar un tema que pasa dos nove minutos?
Berto: «Eu era escéptico o primeiro día que Juan fixo unha proposta nese sentido, mais en poucas semanas estabamos entusiasmados a traballar nos arranxos. A obra orixinal combina dúas melodías, unha en 5/4 e outra en 4/4».
Juan: «Xogamos con elas de varias formas e completamos a peza cunha sección central nova, en gran parte improvisada e de ambiente psicodélico».
É este tema unha especie de conexión-lembranza coa temática ecolóxica dos vosos anteriores traballos?
Moncho: «Talvez... aínda que non penso que de xeito explícito».
Luis: «Ao mesmo tempo, claro, tamén temos a lembranza da serie de televisión».
Berto: «Realmente o interese principal para min sempre foi a música. Porén, cando a tocamos agora, “vexo lobos” con frecuencia... :)».
Nunha época onde a atención, en xeral, está dividida e é cada vez máis complicado centrala, por que arriscarse con pezas musicais de tan longa duración?
Berto: «Na miña opinión, quen escoita música acaba atopando o momento e o lugar. Para quen habitualmente non escoita máis de 20 segundos é indiferente se a peza dura tres ou 10 minutos».
Pechades co clásico de Charles Mingus “Goodbye Pork Pie Hat”, visto desde a reinterpretación da mesma que fixo Jeff Beck para o seu Wired (1976). Que ten este tema de especial para vós e por que traballastes sobre a versión e non sobre a orixinal?
Moncho: «Eu era moi fan da versión de Beck e supoño que houbo contaxio».
Luis: «Escoitamos e analizamos varias, tamén a orixinal de Mingus».
Berto: «A cousa fica así: Mingus homenaxeaba a Lester Young; Beck homenaxeaba a Mingus e agora TRAC homenaxea a Beck, Mingus e Young!».
O concerto presentación de Trac 3 foi a principios de setembro na Garufa (A Coruña). Logo de tanto tempo, como foi a volta aos escenarios tendo en conta, ademais, que o faciades con novo disco?
Juan: «Había tempo que non tocabamos e había ganas e nervios a partes iguais».
Luis: «Tamén foi reconfortante comprobar que as pezas novas corrían ben ao vivo».
Foto © Trac prog
E, xa que estamos enriba das táboas, como é un concerto de TRAC, hai espazo para as improvisacións? Tedes xa outras datas á vista?
Juan: «TRAC deixou sempre espazo para a improvisación individual dentro de pezas estruturadas, sexan temas propios ou covers».
Berto: «É satisfactorio executar ben as partes arranxadas e previstas ao milímetro, mais tamén agradeces esas outras nas que estás libre e relaxado para improvisar».
Moncho: «Datas? Lugo, Compostela e Vigo haberán de ser as próximas».
Que momento, ou momentos, destacariades nas máis de dúas décadas de carreira conxunta que levades como TRAC?
Juan: «Pódense destacar tres momentos: un inicial cando confirmamos que podiamos desenvolver un proxecto digno de covers, con importancia tanto na parte vocal como na instrumental. Un segundo en 2010, cando se logrou manter o proxecto como trío ante a ausencia temporal dun dos integrantes. E, o terceiro, en 2015 cando poñemos en marcha o novo proxecto centrado en temas propios na liña do rock progresivo».
Berto, Luis, Moncho: «De acordo, amén. :)».
Foto © A. Cordonié
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Berto: «Descubrín este ano a Orquestra Galega De Liberación; fascinante improvisación colectiva para escoitar ao vivo».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Juan: «Jazz, rock progresivo, guitarristas acústicos e música clásica».
Moncho: «Rock clásico, rock progresivo, blues, guitarristas...».
Berto, Luis: «Usamos pouco Spotify, algún nin ten conta persoal».