• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2023
2 ABRIL 2023

 

Ulla, Músculo!

Fíxose de rogar, pero agora que xa o puidemos desfrutar ao completo, confirmamos que os cinco anos de agarda pagaron a pena. Músculo! lanza Ulla (Ferror Records, 2023), un longo de nove cortes que evidencia a súa evolución a nivel sonoro, «soando como sempre pretenderon». A banda deixouse levar canto á composición e ao son, inspirándose en aspectos que serían motivo de autocensura no pasado, e o resultado é un disco moi variado froito desa experimentación. A electrónica de Ulla vén cargada de texturas diversas: momentos limpos e preciosistas, pistas distorsionadas ata o seu límite ou pads entrecortados que envolven seccións de corda emotivas e instrumentos orgánicos. Abre o longo a extraordinaria peza homónima sobre a que construíron o concepto do mesmo, o Ulla como continente de lembranzas e vivencias, protagonista tamén da portada deseñada por Rubén Domínguez (Prenom, Pantis, Telephone Rouges) sobre fotografía aérea de Carlos Beiro.

 

 

 

 

 

MAN, Fernando Barroso

«Está fóra!»; así anunciaba Fernando Barroso o lanzamento do seu novo traballo discográfico, MAN (2023). O músico e compositor ferrolán está de volta tres anos despois daquel Xograr (2020) cunha ducia de pezas producidas durante estes dous últimos anos entre Galicia e Lisboa. MAN é un longo que o multinstrumententista define como «vida, terra»; un traballo que fala da infancia e da vellez creado coa man na terra, agarrando as súas raíces. Ademais da súa banda —Margarida Mariño, Xurxo Brea, Miguel Veras e Álvaro Trillo— Barroso contou coas colaboracións das artistas portuguesas Celina da Piedade e Ana Isabel Dias, e da cantante mozambiqueña Selma Uamusse.

 

 

 

 

 

Dirt, Wood & Grass, Pablo Leira

O debut discográfico de Pablo Leira é unha historia real en nove cortes, agochada (“porque é un disco moi personal para min e non quería ser brutalmente explícito”) entre a infinidade de detalles sobre os que o novo músico e compositor mugardés pasou meses traballando. Dirt, Wood & Grass, (Ferror Records, 2023) chega un par de anos despois da súa graduación no Berklee College of Music (Boston, EE.UU.), onde cursou interpretación de guitarra. No seu primeiro traballo de estudio, Leira recolle as experiencias vividas nestes últimos anos de xeito intimista, a ritmo de americana e o folk máis persoal.

 

 

 

 

Unha noite no interior dunha faísca, RUXE RUXE

O 17 de marzo lanzaron o seu 17º traballo discográfico, Unha noite no interior dunha faísca (2023), cun xiro de guión e outras sorpresas. RUXE RUXE está de estrea xusto na etapa máis doce do grupo, cargada de luminosidade, sen perder un ápice da loita como bandeira e cunha firme aposta pola evolución tanto na parte sonora como na vocal. Logo de máis de 25 anos de traxectoria, a voz dos RUXE dá un xiro e escoitamos como a da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como ‘Vaia onde vaia’, ‘Onde están?’ ou ‘Lévame á festa’. O novo dos de Aríns recolle unha ducia de cortes que cantan ao amor e á amizade, á nostalxia e a Compostela, ás noites e ás súa xente. Sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas, desta vez as súas cancións veñen envoltas en estilos nunca antes explorados por eles, como o ska con aires de swing. Unha noite no interior dunha faísca chega como un relampo de luz e de cor no medio dunha longa noite chuviosa e escura, amosando a uns RUXE máis abertos, aventureiros e eclécticos. De ‘Crebas’ di Vituco que é «a canción máis molona que fixemos nunca».

 

 

 

 

Oneiric, Furious Monkey House

O primeiro avance foi ‘In the Void’; continuaron con ‘Mesmerism’ e ‘Staying in the Sun’; e o día da publicación oficial lanzaban ‘Gold Chain’, focus track sobre a visión que Furious Monkey House ten da arte e da súa propia música. Cada un deles predecía o que Oneiric (2023) ía ser: un disco que reflicte o paso da adolescencia á idade adulta, con marcada influencia electrónica pero sen perder a potencia das guitarras noventeiras, marca da casa. Creado baixo o influxo de artistas como FKA Twigs, Telefon Tel Aviv, The Cure, Tame Impala, Björk, Sonic Youth ou Portishead, o terceiro álbum de estudio da banda pontevedresa significa un punto de inflexión na súa traxectoria; unha ruptura necesaria para comezar de novo, continuar e evolucionar. Coas enerxías renovadas, o quinteto verte as súas experiencias e inquietudes en composicións de texturas máis densas e escuras, cargadas de samples, sintes e reverb, complementadas con melodías pegadizas, ás veces enérxicas e outras desesperadas. De letras honestas e representativas, Oneiric conforma a banda sonora de sentimentos como o baleiro ou a insatisfacción das novas xeracións a ritmo de rock e un amplo abano de novos estilos, do synth pop ao dembow, pasando polo hip-hop, o trap e o reguetón.

 

 

 

 

A Rastras, The Riggos

O derradeiro adianto, ‘Un paso más’, era toda unha declaración de intencións... e non o sabiamos. Logo de meses de espera e expectación, The Riggos publicaba, por fin, o seu novo disco, A Rastras (2023). Composto por 11 cortes, o segundo álbum da banda viguesa mantén a liña do punk e do rock alternativo, pero con temas máis maduros e elaborados. O grupo formado por Bruno Costas (voz, guitarra), Yago Ray Costas (batería), Denis Carballás (guitarra) e Arturo Peixoto (baixo) toma nota do punk rock de grandes como Foo Fighters ou Billy Talent, e baña nel letras de temática intimista e persoal. En A Rastras, The Riggos pega un salto, intenso e enérxico como eles mesmos, e amosa unha evolución tanto a nivel compositivo como instrumental.

 

 

 

 

The Clarksdale Sessions – Live at Auberge Hostel, Néstor Pardo

Hai un par de anos que Néstor Pardo rendía tributo ao mellor do blues rural estadounidense de entreguerras, levando ao seu terreo versións de clásicos con esa crueza que o caracteriza. Daquela, o cantautor coruñés acadaba transportar o público a un soportal calquera de Clarksdale (Misisipi) con cada riff de guitarra... pero agora, é el mesmo quen está alí, afondando nos seus coñecementos do xénero. E desde alí, un dos principais berces do blues, Pardo presenta The Clarksdale Sessións – Live at Auberge Hostel (2023), o seu novo traballo discográfico. As sete cancións que recolle o EP foron gravadas na habitación número 2 do Auberge Hostel de Clarksdale durante dúas mañás, cun par de micrófonos e unha guitarra; para conformar o repertorio, o artista pasou varios días na biblioteca pública procurando inspiración nos libros de Alan Lomax, polo que algunhas das cancións que se escoitan foron sacadas do seu arquivo.

 

 

 

 

 

O’ Clásico Fol, Boroa

O trío ribeirense, liderado por Sabela Olivares (voz, gaita, piano, pandeireta), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo), veñen de presentar O’ Clásico Fol (2023), o seu primeiro disco. Composto por nove cortes, o álbum materializa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías. Ao longo do disco, Boroa é capaz de crear un universo sonoro coa gaita como fío condutor e protagonista do mesmo; a través do instrumento, o trío cruza fronteiras para aproximar ao oínte a harmonías de diversos xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime...

 

 

 

 

Dopazo, Fanny & Alexander

Entrevista en galiciantunes [20/3/2023]

O pasado novembro rompían máis dunha década de silencio discográfico con  A túa ausencia neste ar (A Regueifa, 2022), un álbum conceptual no que os nove temas que o compoñen xiran en torno a perda e a ausencia, conxugando preciosismo e sinxeleza sofisticada a partes iguais. Tan só catro meses despois, Fanny & Alexander lanzan Dopazo (A Regueifa, 2023), traballo onde o dúo recompila catro cortes baseados en poemas de Lara Dopazo que xa saíran en diferentes momentos ao longo dos últimos anos, pero estaban espallados por varias plataformas dixitais.

 

 

 

 

Planes para días grises, IGLOO

«Que seis anos (de espera) non son nada...». Durante case dúas décadas, IGLOO «malacostumou» o seu público sacando un disco cada tres anos, aproximadamente. Desta volta, ademais dos rigorosos tres anos de agarda, o grupo pasou outros tres traballando man a man xunto a Juanma Latorre (Vetusta Morla) para agasallarnos Planes para días grises (2023), o seu novo traballo discográfico. Gravado en Metropol Studios (Madrid) por Isaac Rico, o último dos de Caldas presenta 11 cortes que nacen durante o confinamento e expresan unha montaña rusa de sensacións: desde o empeño por preparar o mellor aniversario a un ser querido (‘Aniversario’), as ansias de volver vivir o ordinario (‘Cuarentena’, ‘Los amantes mariposa’) ou todo o que estás disposto a facer por vivir a vida mellor que antes (‘Moneypenny’, ‘Piedra angular’, ‘El verano infinito’). Cunhas letras que semellan un sopro de aire fresco e unha produción impecable, Planes para días grises irradia luz en cada escoita, ademais de amosar que IGLOO chega á súa maioría de idade en plena forma, coa ilusión e o convencemento dun traballo ben feito.

 

 

 

 

Liburia Trip, Brigan

Cinco anos despois do lanzamento de Rúa San Giacomo (2018), Brigan está de volta cun novo traballo discográfico. Liburia Trip (2023) baila entre a world music ancestral e o trance nunha decena de cancións que (re)compoñen un imaxinario xa perdido. O trío italiano recupera esa paisaxe sonora de canto, tambores e frautas e faina rexurdir a través do uso das novas tecnoloxías. Da decena de pistas que recolle o álbum, oito son de composición propia, escritas de xeito coral; e dous, versións de pezas populares: “Chiagnuta ‘e Carnevale” e “Primavera”. Musicalmente, Liburia Trip mantense aferrado á raíz, á música tradicional, pero combinándoa simbioticamente coa electrónica; o resultado é un son híbrido que brota de texturas sintéticas, voces e gravacións de campo entretecendo o presente coas cinzas do pasado.

 

 

 

 

Tres, Iago Banet

O 3 do 3 de 2023, Iago Banet publicaba o seu novo disco, Tres (2023). E si, é o terceiro de estudio, aínda que cuarto na súa discografía. O guitarrista compostelán entrega unha decena de novas cancións, gravadas xunto a Manu Conde (Milladoiro), que amosan a evolución da súa traxectoria. Country, blues, rock, jazz..., ademais da fusión de estilos á que nos ten acostumados, en Tres, Banet incluíu tamén algúns temas de corte máis celta que, do mesmo xeito, contan historias a través dos diferentes ritmos e melodías. Porque a Iago Banet non lle fai falta voz, el é capaz de facer que a guitarra cante... sen palabras.

 

 

 

 

Ceniza, Sabela

Entrevista en galiciantunes [20/3/2023]: «NON ME GUSTAN AS FRONTEIRAS NA ARTE; XOGAREI CON RESPECTO, PERO SEMPRE MANTENDO A ILUSIÓN NA PROCURA DE NOVOS SONS»

En San Valentín regalábanos ‘Mucho Love’. Facíao de xeito consciente, porque nese derradeiro adianto, Sabela reivindicaba o amor propio, deixando entrever a importancia de non ceder ao común, de apostar por unha mesma e de confiar no instinto. Logo de meses de adiantos, a cantante das Pontes (A Coruña) lanzaba Ceniza (2023) ao completo o pasado venres, un disco que reafirma o seu camiño como artista independente. Nel, Sabela explora a perda; a morte e a vida, a nostalxia e a esperanza a través de voces ambientais e arranxos de pop barroco. Ao longo das 12 cancións que compoñen o álbum apréciase un son máis maduro, resultado de explorar a fusión de electrónica, pop, jazz ou hip-hop xunto a Mateo Bruquetas, Diogo Piçarra e Luis del Toro, entre outros. Ceniza reabre o seu mundo musical... e o máis persoal, como un lugar especial para entrar a reflexionar, bailar, chorar e, en definitiva, vivir.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

  noticias