• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

THE RAPANTS: «O MELLOR DE DEDICARNOS Á MÚSICA É A SORTE DE IR APRENDENDO DA XENTE COA QUE TRABALLAMOS»

THE RAPANTS: «O MELLOR DE DEDICARNOS Á MÚSICA É A SORTE DE IR APRENDENDO DA XENTE COA QUE TRABALLAMOS»
3 ABRIL 2023

Hai cinco anos que The Rapants leva ofrecendo a súa música, «fresca como un Calippo de lima», por escenarios nacionais e estatais. Composta por Xanma (voz, guitarra), Samuel (voz, guitarra), Xaquín (batería) e Matías (baixo), a banda de Muros traballa sobre unha base musical apoiada en ritmos disco e guitarras indies, bebendo de bandas como Terbutalina, Novedades Carminha, Parcels ou The Strokes. As súas letras, cantadas tanto en galego como en castelán, falan sobre amores e desamores, sobre festa e xuventude, e enchen xa unhas cantas referencias.

A última delas, e máis recente, é O corasón como un after (2023). Gravado por Iago Blanco en Drum&Roll Studios, este traballo supón a súa graduación como banda emerxente e, ao mesmo tempo, toda unha declaración de intencións: The Rapants desfruta compartindo a súa música, a súa actitude e o seu talento con todo aquel que estea disposto a facelo xunto a eles.

 

 

Temos entendido que The Rapants conformouse en dúas fases; primeiro xuntáronse os guitarristas Xanma e Samuel (Rapante), aos que despois se sumaron Xaquín (batería) e Matías (sintetizadores). Como foron os inicios do grupo? Houbo algún cambio máis no banco?

Xanma: «Comezamos Samuel e máis eu, que levabamos tocando xuntos desde nenos, e como cando nos reunimos para este proxecto xa tiñamos “Trankimazin” e “No Rayes Mamita” compostos, buscamos batería e baixista para darlle forma ao grupo.

Xaquín e Matías eran ambos guitarristas, pero acabaron cedendo a ocupar os postos que faltaban [risos]».

Xaquín: «Logo de gravar o EP Que fluya eu tiven que marchar para Madrid e acordamos que deixase a banda».

Matías: «E aí entra Hugo, un batería de Bertamiráns que coñecía Samuel de ir xuntos ao ximnasio».

Xanma: «Si, e cando ía todo vento en popa, apareceu a COVID; Hugo deixou a banda e tivemos un momento de reflexión onde decidimos un novo rumbo de novo con Xaquín, que volvera da experiencia madrileña».

 

Deixando as etiquetas de lado, porque así sería moi fácil, como describiriades vós a música actual de The Rapants?

Samuel: «Dinámica, fresca como un Calippo de lima».

 

Que credes que vos distingue doutros grupos da escena galega?

Xanma: «Que somos os máis ghuapos. Os mellores tocando ighual non somos, pero chulería?

Matías: «E animados!».

 

 

Terbutalina, The Smiths ou Novedades Carminha son algúns dos nomes que lemos ligados a The Rapants. Quen diriades que influenciou, ou segue a facelo, o voso xeito de facer música?

Samuel: «Sempre bebemos moito de Terbutalina e Novedades, pero tamén de bandas estranxeiras como Parcels ou The Strokes, outros estilos... Hai que mesturar de todo!».

 

Comentades que a imaxe do grupo é moi importante, xa que todo entra polos ollos. Ademais, nos vosos concertos tamén utilizades un vestiario algo singular, considerádelo un xeito máis de expresarvos enriba das táboas? Que hai detrás da vosa imaxe?

Matías: «Ao principio cada un ía ao seu xeito, e eu empeceime a raiar porque non parecíamos roqueiros; entón comecei a vestir distinto para os concertos».

Xaquín: «E subiunos o listón aos demais; tivemos que currarnos todos o look de estrela».

Matías: «Si, de estrela pero elegante».

 

 

 

Debutades con The Rapants (2018), un EP de catro cortes que chegaba pouco despois da vosa creación. Que vos empurrou a dar o salto discográfico?

Samuel: «A verdade é que Xanma e eu reunímonos para tocar e pasar un bo anaco, pero Juan (da sala Nasmo onde ensaiabamos) ofreceuse a gravar os temas propios que tiñamos... e aos poucos o proxecto foi collendo forma».

 

 

 

Que fluya (2018) é o voso seguinte traballo, publicado ese mesmo ano, onde escoitamos por vez primeira a uns The Rapants máis melódicos xusto no tema homónimo. Que propiciou que amainarades o voso son nesta canción?

Xaquín: «No segundo EP seguimos a liña do primeiro; eran cancións que ao mellor xa estaban feitas antes, pero que non dera tempo a gravar. “Sábado” e “Bajo el sol” son garageras, pero con “Que fluya” buscamos algo máis tranquilo sen renunciar a esencia surfer».

 

 

Ese Que fluya” comeza cun diálogo de Supersalidos (Greg Mottola, 2007), por que utilizalo como intro para este corte?

Xanma: «A amizade é un tema recorrente nos nosos temas, porque suma esa enerxía do bo rollo que nos mola compartir. E a peli, para a idade que tiñamos cando compuxemos a canción, representa un pouco iso».

 

 

 

Cariña de Raposo (2019) foi a vosa posta de longo, un traballo que considerades «a vosa táboa para surfear o 2020 de festi en festi (Osa do Mar, Festival de la Luz, Castelo Rock)»... pero unha pandemia salvaxe apareceu. Como surfeastes a onda que vos (nos) tocou surfear, que non foi precisamente a dos festivais?

Matías: «Cun baixón criminal [risos]. A pandemia foi un wipeout coma un sexto, pero serviunos para pararnos a reflexionar sobre a nosa música e buscar novos rumbos».

 

 

O feito de ser un LP fixo que afrontarades o proceso de creación de xeito diferente con respecto aos EP?

Xanma: «Si, eu penso que ese LP significa o cume e o fin da nosa primeira etapa. Eramos novos, tiñamos moitísima enerxía, pero o proceso de gravación foi complicado. Logo da pandemia buscamos unha música máis elaborada».

 

 

Nestes tres primeiros traballos atopamos un nome (Juan Figueiras) e un lugar (Sala Nasmos) en común. Que significaron ambos para a carreira de The Rapants?

Samuel: «Foi a primeira persoa fóra da banda que nos axudou a crer que podiamos facer as cousas ben e obter resultados. Con el medramos e aumentamos a nosa autocrítica».

 

 

En La Mítica”, sinxelo que lanzabades no verán do 2021, xa podiamos apreciar certa electrónica con resaibo a cumbia. De que xeito diriades que foi evolucionando o voso son ata irse afastando, aos poucos, do surf garage dos vosos comezos?

Xaquín: «Primeiro foi “A festa do meu enterro”, e logo “La Mítica”. Eles xa probaran sintes en “Non sei disir que non do LP anterior, pero eu daquela estaba en Madrid. Á volta e durante a pandemia estaban sen batería, e gravar era complicado polas restricións, entón ofrecéronme que lles gravase eu a primeira das dúas cancións no meu estudio de Lira; e logo do bo resultado desta, a segunda.

Foron tempos complicados porque había peche perimetral e Lira pertence a Carnota, pero sacámolo adiante. Esa gravación foi o xerme do estilo que traballamos actualmente, con secuencias, sintetizadores, e mestura de estilos sen prexuízos».

 

 

 

 

Para o voso último EP, Nic Bahía (2021), contastes con Hevi (Malandrómeda, Fluzo...), un dos grandes produtores da terra e, pola nosa experiencia, querido e apreciado por moitos artistas e grupos. Como lembrades traballar xunto a el?

Xanma: «Inesquecible, aprendemos mogollón».

Samuel: «A ver, o Hevi é un produtor moi orixinal e ao seu xeito (no EP soan latas de sardiñas e un microondas). Púxonos en contacto con Nuno (Grande Amore, Oh! Ayatollah), xa que o son que tiñan os ayatollahs nos molaba bastante; logo descubrimos que producira Campeones del Mundo (Ernie Records, 2016) e, dun día para o outro, gravar co Hevi era o mellor que nos pasara na vida».

Matías: «Ademais esa gravación axudounos moito a fluír como banda, porque o EP foi gravado ao vivo, parándonos moito na execución e o empaste dos instrumentos. Desde ese momento buscamos ser un conxunto, non só catro instrumentistas».

 

 

O ano pasado fostes seleccionados para participar no coworking Go2Work de emprendemento musical, promovido pola Fundación Paideia Galiza. Que supuxeron estes meses de formación especializada para a traxectoria de The Rapants?

Xanma: «Ese papeimo eu enteiro co noso manager, Álvaro, que era o único que podía [risos]. Fomos os únicos en levar manager ao cole!

A experiencia foi xenial. Penso que para nós quizais sumou máis que para outros proxectos dos presentados, polo momento no que nos atopabamos, pero recomendeille a presente edición a todos os músicos e a todas as músicas que coñezo, e seguirei recomendándoo en edicións futuras.

Achegounos unha visión moi detallada de como funciona a industria e alertounos de posibles problemas futuros. E, por se iso fose pouco, entramos en contacto coas e cos mellores profesionais do sector a nivel estatal».

 

 

E, a finais de ano, tamén fostes gañadores do concurso #SonidosMansSalas dos Estudios Mans, polo que tivestes a oportunidade de gravar nos estudios e dar un concerto na Sala Inn. Na vosa opinión, que papel xogan este tipo de iniciativas á hora de impulsar os proxectos emerxentes?

Matías: «Iso foi antes! [risos]. Gañamos o Premio de Bandas no Festival de la Luz en 2021, e agora volveremos co premio do coworking. Tocar na Inn era un soño cando iamos alí a saír e agora temos a sorte de que xa o fixemos un par de veses [risos]».

 

 

 

A finais de xaneiro lanzabades o voso novo disco, O corasón como un after (2023), co obxectivo de recoller toda a adrenalina dos vosos directos en 28 minutos e 25 segundos que dura. Por que gravar en estudio e non un concerto ao vivo (e marcarse un The Rapants Live at Sala Krumas)?

Xanma: «Eu pedinlle aos Reis, que son Álvaro e Chivo de Carrilanas Esteiro, ghrabar un Live at Carrilanas Esteiro xa hai moito tempo. Penso que sería o mellor escenario onde facelo, coa nosa xente e os nosos xefes ao mando [risos]».

Xaquín: «Si, eu comentara con Xanma a idea de investir e gravalo tamén en vídeo para sacar un produto de calidade. Pensarámolo para este disco, pero pode esperar ao 2024; quizais cun novo álbum e un directo de dúas horas».

Samuel: «Eu se o facemos quero unha GoPro no mastro da ghitarra para os solos, coma Cereijo».

 

Se antes falabamos dunha evolución no voso son, neste LP mergulládesvos de cheo na electrónica (e mesmo no autotune!), e tamén cantades «los estilos están para mezclarlos hasta que todo salte» en Musicote en tu coche”. Confirmamos que será esta a dirección que seguirá The Rapants e a súa música a partir de agora?

Matías: «É que a dirección é divertirnos, e para este álbum apetecíanos iso. Ademais, con estes estilos eu podo enredar máis nas liñas de baixo que co rock, que é máis monótono. Pero xa estamos a buscar novos camiños!».

Xanma: «Si, Samu ten un tema country por exemplo; e eu teño algún tema con influencias de rock clásico e hip-hop, entre outros temiñas do rollo disco do corasón».

 

 

Con todo, o espírito garage segue a estar aí, sobre todo nas letras. Que, ou quen, vos inspira á hora de escribilas? Como traballades para compoñelas?

Samuel: «Pf, iso sae de dentro, somos puro sentimento. E si, ás veces están inspiradas en vivencias persoais. Somos catro chavales normais de Muros, escribimos do que lle pasa á chavalada, sabes? A festa, as chavalas, os amigos... un pouco de todo».

Xanma: «Si [risos]! E agora de ves en cando tamén nos toca falar do cara que está a ghasolina».

 

 

O corasón como un after foi gravado por Iago Blanco en Drum&Roll Studios (A Coruña). Como describiriades a experiencia?

Xaquín: «Moi guay. Iago púxonos as cousas moi fáciles, xa que tiñamos unhas condicións de horarios e traballo moi complicadas. Comezamos con “O Avión”, e despois de ir vendo o son e os gustos da banda, para a gravación do segundo tema que levamos ao estudio Iago xa tiña claro o que había que conseguir».

Matías: «Foi un paso máis na nosa aprendizaxe, como co Hevi ou Juan; o mellor de dedicarnos á música é a sorte de ir aprendendo da xente coa que traballamos».

Samuel: «Tanto del como de Meri (María Galdón), que botou unha man sempre que puido e deixou ese vozarrón en “As Kimbambas”».

 

 

No disco hai varias colaboracións: Grande Amore compuxo (e cantou) A vida”, Galician Army fixo o propio coa instrumentación de La noche”, Miguel Cernadas (Terbutalina) asinou a letra de As Kimbambas”... Como xurdiron estas colaboracións? Que destacariades de traballar xunto a eles? Ademais de letras, voz e instrumentación, que diriades que achegaron a estes cortes?

Xanma: «Pois a idea xurdiu de Álvaro, o noso manager. El viu a química que tiñamos con Nuno e expuxo a idea. Eu tamén o pensara, pero supuxen que andaría a tope e ata que o comentou Álvaro non me lancei.

Con A Vida” eu busquei tender unha ponte entre os Rapants máis punkis e a electrónica de Grande Amore, e saíu a idea das complicacións que ten o amor nesta vida precaria que sufrimos. A Nuno moloulle e adaptouse xenial. O mellor é que todas as colaboracións son con amigos e non algo forzado, entón flúen moi guay.

Logo con Galician foi parecido. Estabamos en contacto polos remixes, e como “La Noche” era algo máis electrónica que as demais, ofrecémoslles compoñer os sintes. Fixeron un currazo tremendo, pero ao tratarse de instrumentais foi máis difícil casar todo na mestura; por iso a posteriori sacamos a versión club edition máis fiel a súa visión».

Samuel: «Do de Migui encargueime eu, porque somos amigos e Terbutalina para nós son uns referentes. Entón, cando Xanma llo ofreceu a Nuno, eu pensei que con quen me parecería un soño colaborar sería con Terbutalina. E, aínda que non puido achegarse ao estudio, logo de varios proxectos de composición quedamos para ver a súa letra de “As Kimbambas”. Eu ofrecinlle darlle un toque máis triste, que me gustan moito os acordes menores, e ese ritmo funky que a fai movida. Acabei a letra e co apoio de Meri gravamos as voces».

 

 

A colabo con Galician Army non queda aí e volvemos escoitar La noche” na súa club edition, publicada hai só unhas semanas. Por que non incluíla no longo?

Matías: «Na versión do disco buscamos que “La Noche” encaixase máis co rollo das demais cancións, entón tivemos que seleccionar entre os sintes e usamos unha batería acústica. Parecíanos inxusto para os Galician, e deixamos claro en todo momento que nos gustaría sacar logo a versión producida por eles».

 

 

Os videoclips de A festa do meu enterro” e O avión” veñen asinados por Anxo Beiro, como foron as gravacións?

Samuel: «Anxo é noso amigo de sempre e é quen leva o tema artístico-visual da banda. É o quinto Rapant. “A festa do meu enterro” foi un cristo; fixemos nós todo e durante o peche perimetral, cun presuposto moi limitado e moito traballo sacámolo adiante. Para “O Avión” Anxo rodeouse de compañeiras e compañeiros, que reduciron as súas aspiracións profesionais para formar parte do proxecto. Foi tamén complicado, pero de novo Anxo sacou un produto dunha calidade superior á inversión. A verdade que esperamos no futuro poder ir ampliando presupostos [risos]».

Matías: We love you, Anxo!».

 

 

Por que o título, «O corasón como un after»?Por que esta conexión?

Xanma: «É un pouco como o temos nós; deixámonos a vida na música porque é o que máis nos apaixona, e dedicarse profesionalmente a iso non é fácil. Ademais, os catro temos en común que somos moi pasionais [risos].

E ben, a orixe está en “La Favorita” e esa frase de “teño o corasón que é como un after, leva aberto desde que cheghastes e non pecha porque aínda non marchastes”. Cando Samu ma ensinou pareceume que tiña que ser o nome».

Samuel: «Si, a ver, e que eu teño aí un problema cardíaco, téñoo como un after [risos]».

 

Aínda que xa vos puidemos escoitar en varios escenarios da terra, vides de formar parte da primeira edición do Festival EmigraSON de Bruxelas (Bélxica), organizado por un grupo de galegos emigrados na cidade. Como foi a experiencia alén das nosas fronteiras?

Xaquín: «Inesquecible, o esforzo que depositaron todas e todos os organizadores é de agradecer».

Matías: «Foi a excursión de fin de curso que non tiven no instituto porque me castigharon [risos]».

Samuel: «Si, foi rollo excursión de fin de curso; coñecemos Bruxelas e puidemos convivir e saír de party con compañeiras e compañeiros artistas, periodistas, etc.».

Xanma: «Si [risos], e tamén saímos de party cos eurodeputados».

 

 

As vindeiras paradas do Corasón como un afterTour serán na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e Madrid, e logo xa veñen festivais de verán. Que pode agardar o público dun concerto de The Rapants? O da táboa de surf e o xamón como gaita... vai ser tradición?

Xanma: «O da táboa foi histórico e irrepetible [risos], pero fixo que Matías xa ten pensada alghunha cousiña. Eu quero queimar unha ghitarra, como Hendrix».

Matías: «Esas cousas non se poden faser sempre, senón perden o chiste. Agora teño que buscar algho aínda mellor».

Xaquín: «O público o que pode agardar é que o demos todo no escenario, como neste último en Bruxelas. Somos autocríticos, sempre estamos a intentar buscar cousas novas e mellorar, así que en cada concerto aprendemos algo».

 

Xa que andades fasendo tempo no avión mentres respondedes a esta entrevista… Contádenos, que podemos agardar de The Rapants nun futuro próximo?

Samuel: «Pois desfrutar mogollón desta xira, levar o corasón por onde nos deixen e seghuir a compoñer e a faser nova música. Xanma e máis eu xa temos cancións para outro disco, así que agora hai que poñelas en común».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Xanma: «Futuro Alcalde, é o novo Carlangas [risos]».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Samuel: «De todo, penso que un pouco coincidimos niso os catro. Hai trap, reguetón, clásicos, disco e rocanrol».

Matías: «Si, eu estou sempre á procura de novos sons, pero supoño que no Spoti terei un ghiso importante [risos], desde Rocío Dúrcal ata Mecano».

Xanma: «Eu como eles, moita fantasía. Supoño que coincidiremos en máis escoitados nos Arctic Monkeys, Parcels, The Strokes e así, pero a verdade é que mamei moito o último disco de Miley Cyrus, é unha puta sobrada».

Xaquín: «Eu, á marxe dos gustos comúns, agora mesmo estou enganchado a Paco Versailles, que é unha mestura tola de flamenco e electrónica que me flipa bastante».

 

  noticias