• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO
16 XUÑO 2023

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

  

25, Sanny

Co lanzamento de “25”, sinxelo gravado por Pablo Iglesias en Radar Estudios (Vigo), Sanny daba comezo a unha nova etapa musical. Aquel folk tradicional dos seus inicios deixaba paso a melodías máis elaboradas e unha produción máis coidada, a unhas letras intimistas e, aqueles acordes de guitarra solitarios, se escoitan agora acompañados doutra guitarra, baixo e batería. A canción presentábase cun videoclip cheo de nostalxia, dirixido por Alex Balea, que celebra a Sanny do pasado e a do presente, a través dunha combinación de fotogramas actuais e pequenos clips de cando era nena.

 

 

 

María e a Curuxa, Xabier Díaz

“María e a Curuxa” marcaba o segundo, e derradeiro, adianto do que sería o novo disco en solitario de Xabier Díaz, Levantarse e caer (2022). Un traballo no que o cantante, compositor e músico afonda nos conceptos de resiliencia, nos impactos sociais que recibimos durante a infancia e a súa importancia e na posterior construción individual e colectiva; escoitamos, por exemplo, temas sobre o paradigma do éxito desde unha perspectiva intimista e coa ollada posta na infancia. Xunto á voz de Antía Muíño, Díaz presenta este arrolo cheo de natureza, simboloxía e evocación e, xuntos, dan vida aos animais dun particular bosque. Dirixido e animado pola ilustradora Iria Fafián, o videoclip foi creado a partir da técnica do stop-motion, con 24 fotografías cada segundo.

 

 

 

Sobe á minha escada, Madalena Gamalho

Para o seu álbum debut en solitario, INVENTO (2022), Madalena Gamalho incluíu seis pezas de composición propia. Entre elas escoitamos “Sobe á minha escada”, que se presentaba con un videoclip realizado por Álvaro L. Barreriro e producido pola propia artista, o clip foi gravado en diversas localizacións de Galicia, como o Pazo de Lourizán (Pontevedra) ou a casa rural Casal dos Celenis (Caldas de Reis), que serviron de escenarios naturais para unha historia digna doutra época. Rodeada da súa banda —Iván Barreiro (guitarras), Carlos «El Pájaro» Arévalo (batería), Rafa Morales (baixo), Iria Iglesias (teclado) e Javier «GDjazz» Pereiro (trompeta)— e vestida para a ocasión, Madalena convida ao espectador a un sono de conto, a desfrutar da inmensidade dun prado, a descubrir e liberarse... a subir á súa escada.

 

 

 

Chernóbil, RUXE RUXE

A banda de rock galego publicaba o videoclip de “Chernóbil” en plena xira estival do ano pasado; daquela, era un tema inédito, outro adianto do que sería o seu 15º traballo discográfico, Unha noite no interior dunha faísca (2023). O tema é unha nova entrega de rock libre e de combate, directo e emocional, e o seu videoclip, dirixido por Luis Taboada con produción de Arkadia Universe, segue os pasos da súa protagonista, quen semella loitar contra unha forza escura á que acada arrebatar a súa alma, levándoa a un universo paralelo... e en negativo. Que será real e que efecto secundario?

 

 

 

Maneo de Cambre, Caamaño&Ameixeiras

O dúo formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (voz, violín) lanzaba “Maneo de Cambre” como un dos temas máis íntimos e intensos de Aire! (Segell Microscopi, 2021). Nesta peza, á constante de violín e acordeón hai que sumarlle a voz de Sílvia Pérez Cruz e o clarinete de Carola Ortiz, quen interpretaron este tema tradicional da Costa da Morte. O texto, a temática e a música deste maneo convértense en imaxe no vídeo que acompaña á peza; unha obra audiovisual dirixida a través da mirada sensible de Lucía Estévez, a danza de Fran Martínez e a interpretación de Raquel Espada.

 

 

 

  noticias