LA CASA DE LOS INGLESES: «QUE FARÍAS SE SÓ QUEDASEN VINTE MINUTOS PARA A FIN DO MUNDO?»

A primeira nota sobre a que comezaron a construír La Casa de los ingleses soou en 2009 e, daquela, nin sequera o sabían. A banda pontevedresa composta por Charly García (baixo, coros), Carlos Grangel (batería), Xavier Isasi (guitarra, coros) e Anxo Guerra (voz, guitarra) leva unha década puíndo o son polo que son recoñecidos: unha combinación de melodías pop, indie delicado e rock potente.
A súa discografía recolle tres referencias, a última delas, Veinte minutos antes del fin del mundo (2023), saía o 1 de xuño logo dun lustro de silencio discográfico. La Casa de los ingleses está de volta cun EP dese pop preciosista que tan ben defenden desde os seus inicios; seis cortes nos que escoitamos atmosferas cheas de texturas, guitarras electrizantes, melodías contaxiosas e letras intensas y directas.
Carlos Granjel, Charly García, Anxo Guerra e Xavier Isasi. Foto © Beatriz Císcar
Aínda que a levamos escoitando desde hai máis dunha década, volvamos á primeira pedra: como comeza a construírse La Casa de los ingleses?
Xavi Isasi: «Hai moito, moito tempo... alá por 2009. Aínda que aqueles primeiros pasos non tiñan como finalidade crear unha banda, senón simplemente aprender a tocar algunhas cancións.
Daquela só un de nós (Charly) tiña experiencias como músico noutras bandas (Gloomy House, Brubakers, etc.) e o resto non sabiamos practicamente coller un instrumento. Non podemos chamar ensaios a aquelas xuntanzas, porque se trataba basicamente de aprender e pasar un bo rato. Supoño que quedarán documentos gráficos —agardo que non sonoros— debidamente clasificados que nunca sairán á luz.
Como xa empezaban a xurdir algunhas cancións propias, a alguén pareceulle boa idea que a nosa primeira actuación fose na Festa da Fabada de Marcón (2011). Tiñamos pouco tempo por diante, poucas cancións, nula experiencia, pero había que saír definitivamente do local de ensaio».
La Casa de los ingleses é, de feito, unha reconstrución das vivendas que os directivos da Rio Tinto Company Ltd utilizaban durante a época estival en Punta Umbría (Huelva) entre finais do século XIX e principios do XX. Logo desta brevísima recensión sobre patrimonio histórico andaluz... preguntámonos se terá que ver coa vosa Casa de los Ingleses ou é que hai outra?
Xavi: «Hai outra, e máis próxima a nós. O que eu recordo é que tiñamos que poñer un nome para aquela primeira actuación porque ían imprimir os carteis e corría algo de présa. Aqueles anos adoitabamos pasar a Noitevella nunha casa rural que estaba rexentada por unha familia “angloparlante”, aínda que non temos claro se eran ingleses ou irlandeses. Fixemos unhas boas festas alí, tiñamos bo recordo da casa dos ingleses».
Charly García: «Eu diría que na Fabada xa tiñamos o nome. A primeira actuación foi na casa dos pais de Anxo ante familia e amigos para celebrar unha festa do Tinto de Verano, e coido que xa lle puxeramos o nome para esa festa».
Anxo Guerra: «Así é, o nome tivémolo que poñer para o noso “primeiro concerto”. Unha actuación que fixemos para os nosos amigos na casa onde ensaiamos, nesa festa do Tinto de Verano da que fala Charly.
Necesitabamos un nome e a alguén se lle ocorreu “La Casa de los ingleses” porque era algo que nos unía aos catro; esa casa duns ingleses (ou irlandeses) na que pasamos algunha que outra Noitevella. A min (e coido que a todos) non me acababa de convencer, pero era o mellor que tiñamos e había que facer o cartel.
De feito, pensamos en deixalo en “La Casa” en varias ocasións, mesmo recentemente, pero finalmente (e de momento) descartámolo».
Foto © María Pol
Falar de La Casa de los ingleses é falar de pop, pero este é un termo bastante amplo. Como definiriades vós a vosa música?
Xavi: «Eu diría que facemos o que podemos».
Charly: «Si, sempre nos custou o de definir a nosa música. Realmente non hai unha intencionalidade por un determinado estilo no momento de poñerse a compoñer. Segundo vai desenvolvéndose a canción vai collendo forma, e imos tirando un pouco por onde a música nos leva».
Anxo: «Intencionalidade non hai, pero cando alguén, nalgún ensaio, comeza a facer un ritmo que se sae moito do pop é certo que sempre se escoita: “iso non nos pega”. De todos xeitos tratamos de superalo e evolucionar cara a onde nos leve a música. Maiormente (aínda que non soamente) escoitamos pop, rock e indie, e o que nos sae de dentro habitualmente é unha mestura diso».
E se preguntamos por influencias? Quen diriades que tivo, ou ten, un particular impacto en vós á hora de entender a música?
Xavi: «Penso que as influencias musicais de cada un de nós son distintas, principalmente porque nos levamos certa idade. E mesmo os máis vellos tampouco coincidimos ao 100%».
Charly: «Si, ao final tamén influímos uns nos outros en canto a gustos musicais. Eu non sinto que haxa unha banda concreta que influíse especialmente, ademais os meus gustos musicais sempre foron moi variados. Eu comecei a tocar a guitarra sacando temas de Nirvana ou Led Zeppelin, pero tamén o flipo con The Cure, e son capaz de desfrutar con cancións dos Bee Gees, por exemplo. Sempre me fliparon as harmonías vocais. [Tamén] son moi fan dalgunhas bandas de power pop dos noventa, tipo Pyramidiacs, Teenage Fanclub...».
Xavi: Si. Eu diría que, por exemplo, Charly influíu no gusto dos demais facéndonos descubrir a Fountains of Wayne ou The Posies.
Eu o primeiro cedé que tiven creo que foi de The Beach Boys. O meu pai era, e continúa a ser, moi fan dos Beatles (proMcCartney), pero tamén nos machucaba coa música tradicional arxentina (Los Chalchaleros, Los Fronterizos...). E sempre defenderei a influencia que tivo en min a música, lírica e épica de Springsteen».
Anxo: «Eu diría que o grupo que máis me influíu foi Los Piratas e, despois, Iván Ferreiro. Tamén flipaba con Deluxe e por suposto con Los Planetas. Por certo, estes dous últimos descubrinos grazas a Charly, que penso que foi o que máis influencias trouxo ao grupo».
Punto de partida (2015) é o voso disco debut, para o que contastes coa produción de Juan Hernández, de ronettstudio. Como lembrades estes primeiros pasos xunto a un profesional do seu talle?
Xavi: «Non recordo ben como chegamos a contactar con Juan, pero coñecelo foi un paso importante na nosa traxectoria. Era a primeira vez que contactabamos con alguén que se dedicaba profesionalmente á produción musical e que tiña unha bagaxe tan notable.
Eu estaba bastante preocupado porque eramos uns chaíñas e pensaba que non lle interesaría traballar con nós. Pero é un profesional que paga a pena coñecer, fai moi doado traballar con el e sempre lle estaremos agradecidos. Conseguiu sacar o mellor daquelas gravacións caseiras que lle levamos».
Charly: «A Juan coñecémolo a través dun amigo músico que estivera dando clases de baixo con el: David Gándara».
Anxo: «Eu, igual que Xavi, ía a casa de Juan con moito respecto. Era un descoñecido que ía ver á Casa por dentro, que ía descubrir que non eramos profesionais da música, e todos eses medos que ás veces temos. Finalmente foi xenial; lembro a primeira reunión na súa casa, fixo todo moi doado e comezamos a traballar. Sen dúbida é unha parte importante da nosa evolución como grupo».
Co EP chegaba o premio Fest 2015 e, ese mesmo ano, MondoSonoro destacaba Punto de partida como unha das dez mellores demos galegas de 2015. Que supuxeron estes recoñecementos para vós e para a vosa incipiente carreira?
Xavi: «Gañar o Fest 2015, non o imos negar, foi un subidón importante. Sempre nos consideramos unha rara avis dentro da escena local, nunca terminamos de encaixar porque o noso estilo non cumpría os estándares do rocker con pedigree. Así que, plantarnos alí, tocar catro cancións e gañar, foi bastante reconfortante. Iso si, ensaiamos a conciencia para aquel momento. En certo modo foi unha reivindicación.
E a recensión de MondoSonoro foi unha sorpresa moi agradable, un fito que sempre citamos na nosa biografía».
Anxo: «Gañar o Fest 2015 e ser recoñecidos desa maneira foi marabilloso, aínda que eu lembro con máis ledicia cando gañamos o concurso acústico Liberty Music Play de Ponteareas en 2013, non sei se por ser o primeiro ou porque era un concurso longo con varias eliminatorias ao vivo, pero cando quero recordar un momento feliz co grupo sempre me vén iso á cabeza. Tanto este como o Fest foron premios que non esperabamos, e gañar supuxo unha motivación importante para seguir facendo música.
O recoñecemento da revista MondoSonoro tamén foi algo totalmente inesperado co que quedamos abraiados».
Ademais do primeiro sinxelo, “Algo diferente”, este álbum deixábanos xoias como “Felix Baumgartner”, cun videoclip que amosaba a un pequeno Felix descubrindo a súa razón de ser ás beiras do Lérez. De onde veu a idea? Que destacariades da súa gravación?
Xavi: «A idea e guión penso que foi de Anxo. Súas son case todas as ideas creativas e, ademais, todo o traballo que se fai nas redes sociais, páxina web, videoclips, e un longuísimo etcétera.
Para a gravación contamos coa axuda de José Aragunde (realizador, editor e deseñador gráfico da nosa vila) e, como non tiñamos moitos recursos, contamos con amigos e familiares como actores, que fixeron un traballo estupendo. O noso Iago sempre será o pequeno Félix. Fixemos unha presentación oficial do videoclip en El Pequeño como festa de agradecemento a todos».
Anxo: «Non lembro moi ben como se me ocorreu, pero a idea de amosar a Félix de pequeno pareceume divertida. A gravación con Iago, o meu curmán, foi moi doada e coido que nunha tarde xa tiñamos todo feito. Destacaría o uso cámara deportiva pegada ao recollefollas da piscina para simular unha especie de dron, toda unha exhibición de recursos [risos]».
A vosa segunda referencia, La tierra es plana (2018), foi rexistrada ao vivo nos Garate Studios (Andoain, Gipuzkoa). Que vos fixo escoller este formato de gravación?
Xavi: «Contamos con Juan Hernández como produtor. El tiña experiencia de gravacións previas e coñecía aos técnicos de Garate (Martxel Arkarazo). Quixemos aproveitar as posibilidades que nos daba aquela sala e optamos pola gravación ao vivo».
Charly: «Si, o de gravar en directo foi cousa de Juan, que coñecía as posibilidades da sala e lle encanta gravar deste xeito. Pensamos que deu bo resultado para este disco».
Neste disco incluídes un tema en galego por vez primeira, “Nalgunha parte”. A que se debeu? É algo que se repite no último traballo, vaise converter nunha tradición?
Xavi: «Convivimos co bilingüismo de xeito natural. Entre nós somos castelanfalantes e cando compoñemos letras entre todos saen en castelán, pero algúns de nós, coa familia, utilizamos indistintamente unha ou outra lingua.
Anxo escribiu a letra de “A copa do mundo” na casa, concibida en galego, e penso que ningún de nós preguntou o porqué. Non hai intencionalidade nin cocientes que cumprir.
Anxo: «Persoalmente, daríame pena non incluír ningún tema en galego, pero tal e como di Xavi, xurdiu así a canción de forma natural. Gústame o pop en galego e sería xenial que houbese moito máis. Oxalá sigamos participando deste, se pode ser, aínda con máis forza».
Inaugurabades 2023 coa publicación da versión máis pop de “Anduriña” como parte de #PuroDeleite, un proxecto que mestura talentos emerxentes da música galega e proxectos consolidados para homenaxear a algúns dos artistas máis emblemáticos da nosa terra, Juan Pardo no voso caso. Como foi a selección de artista e canción (ou viceversa)? E o proceso de adaptación?
Xavi: «Démoslle moitas voltas á cabeza para elixir unha canción. Había moitas que nos gustaban, da época do Xabarín, por exemplo, pero concluímos que case todas esas cancións estaban perfectas na súa versión orixinal e non podiamos acadar unha adaptación que lle chegase ao nivel (“Superheroe” dos Blood Filloas, por exemplo).
Con “Anduriña” xa tiñamos que facer a adaptación ao galego, subirlle uns cantos puntos ao tempo, atopar unhas guitarras envolventes e popeiras... penso que quedou unha versión xeitosa. Tanto que dixemos: “se con esta non imos ao Luar non iremos nunca”. E sucedeu, o pasado 9 de xuño presentámola na TVG».
Logo de cinco anos de silencio discográfico, vides de publicar o voso novo álbum, Veinte minutos antes del fin del mundo (2023). Sen presión, por que a demora?
Anxo: «A música non é a nosa actividade principal e, ata agora, faciamos case todo nós mesmos. Isto, xunto con que cada vez queremos facer mellor as cousas, ir subindo chanzos de profesionalidade, fai que todo o proceso sexa bastante lento.
Por outra banda, a pandemia supuxo un parón case total para nós. Así como para outros grupos foi unha explosión de creatividade e de facer cousas, a nós paralizounos por un tempo».
O título é bastante apocalíptico e, vendo un noticiario un día calquera... diriamos que o cálculo é mesmo optimista. Pensades que realmente é así, que estamos tan preto da fin do mundo?
Charly: «Non! [risos]. Si que tes razón no feito de que poida que estea máis cerca por mor da acción humana que pola colisión dun corpo celeste, pero non vai por aí.
Que farías se só quedasen vinte minutos para a fin do mundo? Se te pos a pensar en serio no que farías se soamente quedasen vinte minutos para a fin do mundo dáste conta da relatividade do tempo; de que vinte minutos dan para moito e, á vez, poden ser totalmente insuficientes.
Bótalle unha ollada á obra mestra que fixeron Producciones Mutantes co vídeo de “Sensacional” e verás por onde van os tiros».
Xavi: «Non o pensamos así, aínda que sempre fomos pesimistas en canto á capacidade do ser humano para reverter a actual situación medioambiental e a deriva política. Somos tan egoístas de pensar que a fin da humanidade sería a fin do mundo».
Anxo: «Eu penso que, cos nosos retrocesos, en xeral cada vez a humanidade é mellor, aínda que ben é certo que hai retrocesos que asustan.
A idea do título xurdiu despois de ver o resultado do vídeo de “Sensacional”, e pareceunos unha frase interesante para reflexionar».
Como describirades o seu proceso creativo; é dicir, como se foi desenvolvendo a idea inicial ata materializarse nas seis pezas que compoñen o EP?
Anxo: «En realidade fixemos seis cancións individuais que, ao longo do tempo, comezaron a encaixar e a formar un conxunto coherente.
A idea inicial era simplemente escribir e crear música que nos emocionase, publicándoas por separado. A medida que íamos traballando nelas, empezamos a notar un fío condutor que unía todas as pezas e decidimos unilas nun único proxecto para darlle máis forza».
Adiantabádelo con “Sensacional”, un corte onde xa se podían apreciar infinidade de matices sonoros que poñían banda sonora a unha historia de amor. Por que escoller este tema como primeiro adianto?
Anxo: «Aínda que unha canción de máis de seis minutos pode non parecer o mellor adianto para un EP, o certo é que esta era, inicialmente, a canción que máis nos gustaba aos catro. Non sei para os demais, pero no meu caso segue a ser así; tanto a letra como as melodías séguenme a emocionar cada vez que a tocamos».
Xavi: «Efectivamente, é unha canción que nos continúa a emocionar nos ensaios e nas actuacións. Adoitamos ensaiar con luz baixa para meternos no papel e esta canción agradece moito ese ambiente. Ten unha dinámica que deixa o espazo axeitado para sentir cada instrumento de forma illada e en conxunto cos demais».
Foto © Beatriz Císcar
De temáticas variadas, cal, ou cales, diriades que foron as principais fontes de inspiración deste Veinte minutos?
Anxo: «O certo é que non hai unha única resposta. A inspiración xorde de diferentes lugares: vivencias, observación do que pasa no mundo e na sociedade, conversas coas persoas que nos rodean, etc.
No meu caso, cando fago unha letra parto sempre dunha melodía, comezo a cantar o que me sae nese momento de xeito natural; palabras soltas que vou unindo dándolle un sentido, moitas veces sen entender realmente de onde veñen».
Ademais do voso produtor habitual, Juan Hernández, para a produción deste disco contastes tamén con Carlos Hernández Nombela (Triángulo de Amor Bizarro, Leiva, Carolina Durante). Como xurdiu esta produción a catro mans? Como foi a experiencia?
Anxo: «Apetecíanos saír da nosa zona de confort, tivemos a oportunidade de traballar con Carlos Hernández e lanzámonos. Coñeciámolo de escoitar outros traballos del, concretamente as últimas cancións de Familia Caamagno; gustábanos moito o resultado e decidimos probar.
A experiencia foi inmellorable. Aprendemos moitísimo con el, descubrimos novos sons e quedamos moi contentos co resultado».
Xavi: «Ver traballar a Carlos Hernández no seu Castillo Alemán é unha experiencia en si mesma. Quedamos abraiados coa súa seguridade, visión e clarividencia. Chegamos á súa casa con certas dúbidas, por se estaríamos á altura das circunstancias, pero estes temores desapareceron na primeira hora. Todo foi rodado.
A forma de traballar dos dous produtores é moi distinta, pero o resultado neste disco foi igual de satisfactorio».
“El Mesías” era outro dos adiantos. Musicalmente evoca o son de Los Planetas, mentres que a súa letra é unha crítica aos novos deuses, descritos como «personaxes dixitais que se cren intocables detrás dunha pantalla». Preocúpavos a súa influencia?
Anxo: «Non teño claro se nos preocupan, en todo caso, non máis que os antigos. O que queriamos facer con esta canción era simplemente definir un tipo de personaxe que está moi de moda ultimamente, que pode ter moita influencia, si, pero que case sempre é efémera. Tamén podemos ver fenómenos similares na televisión e nas revistas. Aínda que no caso de Internet o alcance é moito maior, pero súa duración pode ser moito máis breve».
Xavi: «A letra estaba inicialmente inspirada nunha persoa concreta, alguén a quen seguiamos nas redes sociais e que a min, particularmente, me decepcionaba moitísimas veces; pois parecía crecerse cando lle dedicaba palabras despectivas a alguén ao notar que o seu público demandaba máis madeira. Co tempo foi calmándose e agora parece instalado no lado luminoso da forza».
Un día antes do seu lanzamento, publicabades o derradeiro sinxelo adianto, “No importa”, cun videoclip que recrea un thriller psicolóxico, inspirado no cine clásico de Hitchcock e no Giallo italiano. A vosa inspiración na sétima arte foi máis aló dos vídeos? Inflúe doutro xeito no voso proceso creativo? E outras disciplinas artísticas?
Charly: «A creación do videoclip é cousa de Producciones Mutantes, que son uns cinéfilos e ademais teñen moitísima imaxinación. Cando traballamos con eles deixamos nas súas mans toda a parte creativa dos videoclips, xa que sempre obteñen excelentes resultados».
Anxo: Si, teríamos que preguntarlle a Producciones Mutantes pola inspiración. No meu caso, non diría que o cine teña unha peso importante nas miñas influencias».
Esta parte audiovisual vén da man de Producciones Mutantes, paisana vosa. De que xeito traballades a parte creativa con eles?
Anxo: «Cando traballamos con eles pasámoslle a canción e deixamos que imaxinen a partir dela, na maioría dos casos sen explicar sequera o significado das letras.
A partir de aí fannos algunhas propostas e decidimos a que máis nos gusta. Ata agora sempre coincidimos con eles nisto. A sintonía é moi boa e estamos moi contentos cos resultados».
Veinte minutos antes del fin del mundo preséntase baixo un deseño de Rebeca Losada, autora dunha portada que semella cargada de simboloxía. Que representa?
Anxo: «Na portada vemos unha man que representa unha conta atrás ata a fin do mundo, explosións e columnas de lume que veñen a incidir no mesmo: o mundo vai rematar en vinte minutos. Un deseño que nos atrapou dende o primeiro momento, tanto polas cores como pola súa simboloxía».
Se, efectivamente, só quedasen vinte minutos antes da fin do mundo... a que disco lle dariades play?
Anxo: «Una semana en el motor de un autobús (1998) de Los Planetas, comezando pola décima canción».
Xavi: «Born to Run(1975), de Bruce Springsteen».
Charly: Pasarían os vinte minutos antes de que tomase a decisión [risos]. Supoño que empezaría polo Frosting on The Beater (1993) de The Posies».
Foto © María Pol
A posta de longo do EP foi no Karma (case un mes antes da súa publicación oficial!): concerto na casa e con novo disco. Como foi esta volta, ao grande, aos escenarios?
Anxo: «Foi sensacional. Era o primeiro concerto nunha tempada, con novas cancións e novos trebellos, xa que estreamos un proxecto de iluminación no que levamos traballando un tempo. Antes do concerto diría que todos estabamos bastante nerviosos, pero desde o primeiro acorde todo rodou; das moitísimas cousas que podían fallar non fallou nada e desfrutámolo como nunca».
Xavi: «Quedamos moi contentos con este concerto, tanto por como nos sentimos no escenario como pola resposta da xente, que nos fixo chegar boísimas palabras».
Charly: «Si, hai que darlle un agradecemento especial a Marcos e a Michi da Sala Karma, que ese día fixémolos traballar arreo e nos fan sentir como na casa».
Este fin de semana subides ás táboas do Surfing The Lérez (Pontevedra). Que pode agardar o público dun concerto de La Casa de los Ingleses?
Anxo: «Vai ser unha explosión! Estamos desexando tocar de novo no Surfing, temos preparado un concerto moi potente».
Na vosa opinión, como vedes a escena local de Pontevedra?
Anxo: «Por unha banda, con proxectos cada vez máis profesionais, e por outra, cunha xeración de xente nova que parece que vén con moita forza. Penso que en pouco tempo todo o traballo do Local de Música, de Bonobo e de proxectos como o Black Hole van dar os seus froitos (máis aínda) na escena da cidade».
Charly: «Pontevedra sempre tivo unha escena moi potente, hai moitas bandas traballando xa desde hai anos a un nivel incrible, sobre todo en estilos máis próximos ao metal e ao rock. Aínda que agora hai unha nova xeración de músicos que vén pisando forte que abarca todos os estilos. Somos moi fans do proxecto Black Hole que dirixe Queco Lago no que se ve en cada edición o talento que hai nas novas (e non tan novas) xeracións».
Foto © David Araújo
Oito anos separan o voso debut discográfico de Veinte minutos antes del fin del mundo. Que diferenzas, ou similitudes, destacariades entre ambos?
Anxo: «Seguimos mesturando cancións intensas con outras máis directas, quizais neste último disco de forma máis esaxerada.
En canto ás diferenzas, agora xogamos moito máis con distorsións, pero tamén con delays. Coido que este traballo ten moitos máis matices en todos os sentidos, atmosferas máis complexas e letras moito máis pensadas».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Anxo: «Queco Lago, que hai un ano publicou un EP ben xeitoso».
Xavi: «Los Guindilla (grupo da canteira da Escola de Artes Bonobo, do que forma parte a miña filla). Teñen uns temazos incribles».
Charly: «Eu son fan de Familia Caamagno; o último disco de Los Marcianos (Cápsula de evasión, 2023), gústame moito; e recomendo que non vos perdades a Napalm no Surfing».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza
Anxo: «Os meus máis escoitados en Spotify son Vetusta Morla, Lori Meyers, Rufus T. Firefly, Sidonie, Iván Ferreiro e Beirut».
Xavi: «Hai unha temporada que veño escoitando moito a Bleachers, Paolo Nutini, Delafé».
Charly: «Abrindo o Spotify agora vexo que o último que escoitei foi Neuman, Viva Suecia e Igloo».