ISIDRO VIDAL: «HAI QUE OBSERVAR A CONVIVENCIA DE QUEN CONSERVA O QUE TEMOS E QUEN EXPERIMENTA CO QUE TEMOS»
Isidro Vidal comezou a tocar a gaita a principios dos 90 e, aínda que polas súas mans pasaron outros instrumentos, «ao final, a gaita é a gaita; é a raíña dos meus soños». Con ela leva máis de vinte anos baixo o brazo, case dúas décadas nas que o músico do Carballiño (Ourense) desenvolveu unha carreira como intérprete, compositor e docente.
Como gaiteiro urbano do século XXI que é, coñecido pola súa fusión de técnicas interpretativas máis contemporáneas co uso de loops e efectos, crea un son propio afastado do folk clásico, con composicións inspiradas na música de tradición oral galega. Todo ou nada (Edicións Bordón, 2023) é o seu primeiro longa duración; un álbum que aposta polo crecemento persoal entre notas de tradición e acordes de folk e novas músicas.
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
«Gaiteiro de salón, de museo e de recreación histórica»... iso agora, pero cales foron os primeiros pasos musicais de Isidro Vidal?
Isidro Vidal: «Os meus primeiros pasos na música foron coa gaita en 1993 na escola do meu concello, onde me iniciei tanto na música tradicional como nas músicas folk das denominadas nacións celtas. Recordo que foi un proceso moi natural, xa que non só nos motivaban na escola, senón que á casa empezaron a chegar os discos de Ricardo Portela, Carlos Núñez ou Milladoiro, entre moitos outros, e devorabámolos sen pausa.
Tiven a sorte de que na miña casa sempre soaba música tradicional».
Como describirías o son da gaita? Sempre tiveches preferencia por este instrumento? Porque sabemos que tamén tocaches outros ventos (clarinete), e mesmo cordas (guitarra) ou teclas (piano)...
Isidro: «Para min o son da gaita é sinónimo de amor; é un son que cando chega rompe con todo o mal que poida haber e trasládame a un espazo de paz. E isto trasladado a tocar... é como se a alma saíse do corpo e flotase nunha nube de paz.
Pasei por moitos instrumentos nestes anos que me axudaron a coñecer outras estéticas musicais, e mesmo a manterme ancorado á música cando a desmotivación coa gaita estaba á orde do día, pero ao final, a gaita é a gaita. É a raíña dos meus soños».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
Tiveches a oportunidade de asistir ás aulas de grandes da gaita como Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, David Bellas ou Patrick Molard. Considéralos os teus referentes? Quen máis dirías que influenciou o teu xeito de tocar a gaita?
Isidro: «Si, por suposto. Penso que todos os mestres que tiven influenciaron dalgún xeito na miña forma de tocar e de entender a música. Pero tamén hai moitos músicos cos que teño traballado, ou mesmo músicos que non coñezo/coñecín, que foron e son referentes á hora de tocar como poden ser Xosé Marentes ou Manuel Dopazo respecto á tradición galega; ou Gordon Duncan en canto a música escocesa, que puiden coñecer grazas ás gravacións discográficas».
Ademais de músico e compositor, tamén es profesor de gaita e percusión, e mesmo fundador de varias escolas! Como profe, como veñen as novas xeracións? Como ves ti o achegamento á música folk e tradicional galega dos máis pequenos (e non tan pequenos)?
Isidro: «Hai moita diferenza cos anos 90; imaxino que as novas tecnoloxías e o cambio social que isto fixo, pois leva a que haxa moito menos interese na xuventude. Hoxe en día a maior parte de xente que se achega á música tradicional é adulta cun fin moi claro: socializar e desfrutar da música en sociedade, que isto é o que realmente significa a música tradicional; desfrutar en comunidade.
A maior parte da música de tradición oral que temos é do s. XX, e atraer aos máis pequenos a unha música que non é do seu tempo é complicado. Penso que o fenómeno Tanxugueiras logrou que isto mudara porque souberon traer as nosas músicas a este século, atraendo así á xuventude que, ao final, se introducirán na tradición oral».
Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Estados Unidos... foron varios os países testemuñas do son da túa gaita de fol. Como lembras a acollida da nosa música tradicional alén das nosas fronteiras?
Isidro: «Cada vez que cruzo a fronteira doume conta que a forza que ten a nosa música é máxica, xa que a acollida é fantástica. A gaita galega impresiona moito fóra, e cando comezas a tocar non queren que pares; quedan fascinados».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
En 2018 acadaches máis de 100.000 descargas de partituras da túa autoría grazas ao proxecto #Composicións365. Como xurdiu esta iniciativa? Esperabas tal... demanda?
Isidro: «Eu viña de pasar por unha época de desmotivación, xa non só musical, senón en xeral coa vida. Cando me dei conta de que me estaba a pasar isto decidín marcharme da cidade onde vivía e facer todo o posible por cambiar esta circunstancia.
Empecei con proxectos pequenos ata que o 1 de xaneiro de 2018, cando espertei, ocorréuseme facer unha peza diaria para ter algo que me motivase, e a presión de facelo público me ía a axudar. Isto era un arma de dobre fío, porque se ben o que eu buscaba era a miña automotivación, tamén había un punto de márketing: se quería dar concertos baixo o meu nome artístico necesitaba que me coñecesen, pero non podía saír mal. Ao final foi todo marabilloso e unha sorpresa total a aceptación pública que tivo. Posiblemente sexa o proxecto que máis ledicia me achegou ata o de agora».
É nesta época cando lanzas Muiñeira do Pulpo (2018), composición orixinal dedicada á Festa do Polbo do Carballiño, de onde es nativo. Como se cociñou esta colabo gastro-sonora?
Isidro: «Foi algo bastante natural e penso que non foi sorpresa para ninguén. A xente que me segue en redes sociais sabe que son un amante do polbo á feira e, sempre que podo, unha tapiña ten que caer. Polo que unha muiñeira dedicada á festa do meu pobo tiña que facela case por obrigación.
Busquei unha estética moderna pero que mantivese a esencia da muiñeira galega. Unha vez composta presenteilla en formato audio aos concelleiros de Cultura e de Turismo do Concello do Carballiño, que quedaron encantados e me brindaron a oportunidade de estreala nos actos institucionais da propia festa».
Boom (Clipper’s Sound, 2019) marcaba a túa primeira referencia, unha que reinventaba o son tradicional galego onde a gaita convivía con sintes, delays e outros elementos tecnolóxicos. Como deches con esta fusión? É dicir, como naceu esa necesidade de arriscar e ir máis aló das formas tradicionais de tocar a música folk?
Isidro: «En realidade, “Boom” foi unha peza concibida para tocar só cun pedal de loops grazas ao que podes tocar e irte gravando ao vivo, e tocar por enriba do que gravas. Esta gravación foi publicada en 2021 (Clipper’s Sound)... e fora gravada en 2018.
Que en 2019 se publicase unha versión moi diferente á idea orixinal foi casualidade. O produtor musical e amigo Carlos Mariño pasou polo estudio no que eu gravara e o técnico lle ensinou a gravación; en canto a escoitou pediu o meu contacto e comezamos a falar sobre a súa visión que tiña da melodía. Nese momento eu non coñecía persoalmente a Mariño, pero si sabía da súa labor como produtor, polo que o deixei nas súas mans e así naceu esa segunda versión, que foi a primeira en saír publicada».
No seu videoclip, os bailaríns toman a pista cunha coreografía máis próxima ao hip-hop que ao baile tradicional. Era un xeito de rachar coa imaxe clásica do que envolve a música folk?
Isidro: «Si, o concepto da obra era saír todo o posible da música tradicional; buscamos uns bailaríns urbanos dándolles liberdade absoluta para deseñar a coreografía».
Daquela pasaron catro anos e, hoxe en día, a mestura de música tradicional galega con outros estilos máis contemporáneos é unha tendencia en alza. Que opinas ti sobre ela?
Isidro: «Penso que todas as mestizaxes feitas desde o corazón e con orgullo do noso son benvidas. Nós temos unha cultura musical propia que temos que explotar. Está ben que se conserve, pero as tradicións tamén teñen que ser modernizadas. Ás veces perderemos cousas (que non sempre), pero virán outras novas; eses son os ciclos de todas as culturas. No contexto do folk, adaptarse ao século no que vivimos penso que é unha das liñas a traballar, xunto coa conservación.
O que tamén temos que observar é a convivencia de quen conserva o que temos e quen experimenta co que temos. Esa convivencia é o que fará que a nosa cultura siga a estar viva».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
Durante a primeira quincena da pandemia «recuperaches» o proxecto de #Composición, desta volta baixo a etiqueta #ComposiciónCOVID19, onde estreabas unha partitura para gaita de fol; puidemos tocar “Gratitude”, “Templanza”, “Serenidade”, “Estremecemento”... Foi así como viviches (e superaches) o confinamento, plasmando estes sentimentos no pentagrama?
Isidro: «O confinamento para min, a miña vivencia, lémbroo como unha época bonita. Dedicaba os días a tocar, dar clases online, facer videochamadas con amigos e coñecer a moitísima xente do tradi. Recordo que as tardes de domingo as pasaba de debate online con músicos amateurs e profesionais nos que, a verdade, non só se pasaba un bo rato, senón que aprendías; aí coñecín a algunhas persoas coas que hoxe teño moi boa relación.
E como me sobraba algo de tempo, pois decidín realizar ese proxecto, #ComposiciónCOVID19, no que intentaba plasmar o que podería sentir outra xente, xa que nese momento eu estaba a pasar unha boa época. Se coa música lle podía facer un pouco máis ameno os días a outras persoas, pois non había dúbida».
A xa un par de anos vista, dirías que a pandemia tivo algún impacto duradeiro máis aló da súa fin no teu proceso de creación?
Isidro: «Penso que todo ten impacto sobre os procesos creativos, pero non creo que fose diferente a outros momentos da vida.
Levo cerca de vinte anos escribindo música e o que aprendín é a expresar sentimentos. Quizais o que menos intento é escribir música sobre os sentimentos negativos que poida ter ou, nese caso, facelo sacando a parte positiva deles».
Estas a presentar o teu primeiro longa duración, Todo ou Nada (Edicións Borbón, 2023). que bascula entre a tradición e a vangarda. Como definirías ti o son deste disco? Como foi o seu proceso creativo?
Isidro: «A maior parte das pezas foron compostas en 2018 —xa que o disco foi gravado durante 2019— agás o track “A miña burriña e illamento” que, como en 2020 pola pandemia non editei o disco, en 2022 decidín incluíla no traballo.
Eu o definiría como un disco directo e natural, xa que practicamente todas as pistas están gravadas en primeiras tomas para que non soase a disco enlatado. Non gusto nada das edicións dixitais para corrixir erros ou facer 20 tomas que fai que perda naturalidade.
É un disco que transita entre o tradicional, o folk e as novas músicas que están hoxe en día en tendencia, e que teñen moito que ver coa personalidade musical que tiña en 2019».
Adiantábalo con “Maxia”, unha canción que trata sobre enfrontarse ao peso da «mochila» que todos levamos ás costas e que nos impide acadar a felicidade. É así como o enfrontas ti, coa maxia da música?
Isidro: «“Maxia” é unha canción que define iso que fixo que en 2017 decidise deixar de estar mal e loitar por estar ben; ese clic que fai o cerebro para axudarnos a buscar a felicidade. É unha desas pezas reais que representan a parte bonita das cousas malas da vida.
A música ten moitísimos poderes, mesmo o curativo; quizais ás veces nun sentido figurado, pero si, axuda.
Nalgunha comida familiar a miña nai ás veces contaba que eu cando era pequeno e me enfadaba, encerrábame na habitación a tocar e despois dun par de horas xa non estaba enfadado... A música cura? Polo menos limpa a alma».
O seu videoclip traslada a imaxes o exercicio de superación persoal que realiza o protagonista na procura da felicidade. Como lembras a súa gravación?
Isidro: «Para min foi un momento marabilloso no que cada un do equipo puxo o seu gran de area para que fose unha rodaxe amena e divertida, e lograr así facer un moi bo traballo. Houbo moitas risas e moitos momentos de felicidade. Sen dúbida volvería a repetir co mesmo equipo».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
A pista que abre o disco “Ádulas Norda” é do teu «mestre e amigo» Xohán Manoel Xil Páxaro. Que significa el, e esta canción en concreto, para ti como para que abra a túa ópera prima?
Isidro: «Xohán Manoel foi un dos primeiros mestres en apostar por min, en apoiarme e motivarme para crecer coma músico. É unha desas persoas que aparece na túa vida e a transforman. Esta canción escoiteina por primeira vez en 1995 e quedei namorado dela; penso que non había mellor agradecemento a el que abrir o disco que marcará un antes e un despois na miña carreira como músico».
Os temas que recolle Todo ou Nada beben das fontes da tradición oral galega. Nalgún caso dun xeito moi recoñecible, como en “Retrospective”, no que escoitamos “O meu amor”, que popularizou Leilía (Madama, 2003). É moi diferente traballar sobre materiais preexistentes a compoñer desde cero?
Isidro: «Cando traballas con material preexistente tes que buscar o sentimento que ten a canción e levala ao teu terreo, pero cando escribes desde cero son os teus sentimentos os que estás plasmando. Para unha persoa coma min, falar (ou neste caso musicar) sobre os sentimentos é algo que non adoito facer; son moi reservado para iso, polo que é máis complexo».
Todo ou Nada (2023) preséntase con deseño de Manel Calderón nunha portada onde un pequeno Isidro ilustrado xunto aos seus acenos de identidade, a gaita e o polbo, vese rodeado de... monstros? Que representa?
Isidro: «Todo ou Nada é a representación dun momento malo da miña vida que logrei superar grazas á música, loitando contra todos os medos que eu tiña ou que me inculcaron.
O neno da portada representa o que eu sentía cando comecei na música e a gaita iluminaba a miña vida, e os monstros que me rodean son todas esas mochilas cargadas de medos que me teñen acompañado. Unha vez abres o disco e sacas o cedé desfaste dos meus medos e dáslle vida á música, ou así o interpreto eu.
Todo ou Nada, é unha aposta polo crecemento persoal; por intentar facer algo que pode darche todo (felicidade) ou nada (quedarte como estás), pero o importante é loitar».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
Agora, co disco na man, que lle dirías a ese Isidro de 1993 que collía a gaita por vez primeira e soñaba con ser gaiteiro?
Isidro: «Daríalle as grazas por ter loitado contra vento e marea, porque grazas á súa paciencia, á súa loita e á súa tenacidade... aquí estou».
Que pode agardar o público dun concerto de Isidro Vidal? Algunha vindeira data que poidas revelar xa?
Isidro: «Moita intensidade, durante o concerto non baixamos o ritmo apenas. É un directo para saltar e bailar onde poder escoitar ritmos e músicas frescas e novidosas, estilisticamente falando.
A idea era comezar a xira en xuño de 2023, pero por cuestións médicas tivemos que aprazala pola incerteza de como evolucionarían. Agora, xa con todo en orde, estamos a retomar os contactos e agardamos comezar a xira, como tarde, en setembro deste mesmo ano».
Foto © Blanca Cebrián (DWM)
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Isidro: «Estou moi enganchado actualmente a Caamaño&Ameixeiras, Baiuca e Pelepau».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza
Isidro: «Como fago sobre uns 4000 quilómetros en coche ao mes escoitando música, vou facendo playlists cada dous ou tres meses. Agora mesmo soan Talisk, Ímar, Ricardo Portela, Nil Moliner, Alice Wonder, Rufus T. Firefly, Skerryvore, Ross Ainslie, Pedraza, Xurxo Fernandes e Xisco Feijoó».