• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BOROA: «MIRAMOS A GAITA SEN FILTROS CULTURAIS, CENTRÁNDONOS NAS SÚAS POSIBILIDADES SONORAS E INTERPRETATIVAS»

BOROA: «MIRAMOS A GAITA SEN FILTROS CULTURAIS, CENTRÁNDONOS NAS SÚAS POSIBILIDADES SONORAS E INTERPRETATIVAS»
24 XULLO 2023

Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta, voz), Suso Bello (guitarra, voz) e Alberto Millán (baixo) son Boroa, proxecto musical que naceu da necesidade de amosar a versatilidade da gaita, sacándoa do seu contexto e adaptando o instrumento ás funcións que pode ter hoxe en día. Coa gaita como protagonista, o trío explora os folclores do mundo partindo do noso e así o recollen no seu debut discográfico, O’ clásico fol (Ruído na Rúa, 2023). Os nove cortes que presenta o álbum conforman un mundo sonoro —«o universo Boroa», como a eles gústalle denominalo— cheo de harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico.

 

 

Foto © Pablo Chouza

 

Se buscas «boroa» na RAG, só aparece a acepción de broa, o pan de millo tan recoñecido e querido na nosa terra. Como se foi cociñando Boroa?

Suso Bello: «A lume lento, que é como se cociña en xeral a comida de xeito J.

A idea de Boroa nace nunha viaxe a Euskal Herria na que, facendo rúa, coñecemos a dous músicos de Bergara (Guipúscoa). Houbo conexión e organizamos uns concertos en locais da contorna ao tempo que empezamos a argallar a idea de facer un grupo no que mesturar gaita e triki.

De volta en Galicia, e pensando nun nome que representase aos dous pobos, pasamos por unha vila chamada Boroa. Xa tiñamos aí un nome que soara ben nos dous idiomas. Finalmente, o grupo cos vascos non foi adiante, pero Boroa emprendeu o seu camiño».

Sabela Olivares: «Mesturando experiencias de viaxes e coa intención de transgredir os límites da música tradicional galega para inmiscirse noutras culturas e estilos. Foi como o transcurso dun río, desde o seu nacemento, pasando por fervenzas, relanzos, etc., ata desembocar no traballo O’ clásico fol, que deu forma definitiva a Boroa».

 

Os tres compartides outra formación, A Companhía do Ruído, banda que destaca pola súa cocteleira de estilos e a retranca das súas letras. Ambas formacións semellan bastante opostas... é así como o vedes vós?

Suso: «Aínda que aparentemente son moi diferentes, Boroa non deixa de ser o proceso de aprendizaxe, curiosidade e exploración musical ao longo dos anos. A Companhía e outros proxectos anteriores, como Bastantes Llon, forman parte dese camiño de máis de trinta anos que levamos no mundo da música».

Sabela: «O traballo final é diametralmente oposto e a pegada sonora que deixa no oínte tamén. Mais é nos pequenos detalles onde se poden atopar similitudes;  a cocteleira de estilos da Companhía está presente en Boroa na aproximación a outras culturas musicais, e a gaita é agora a que adopta o papel retranqueiro das letras, pero ese contravir faise desde o instrumental».

 

Sabela Olivares. Foto © Pablo Chouza 

 

Lemos como dicides que a gaita é «un instrumento complexo», pero tamén «querido e sentido polo noso pobo», un pobo que o ten como símbolo da súa cultura. Como describiriades vós esta relación? E por que credes que naceu ese arraigamento entre pobo e instrumento?

Suso: «É mellor que conteste Sabela [risos]».

Sabela: «Uf... tentarei ser breve. Sen lugar a dúbida a gaita é un instrumento complexo polo seu vasto percorrido histórico e a súa adaptación e supervivencia a tantos séculos de historia en tan diferentes ámbitos.

Desde un punto de vista antropolóxico, a gaita pasou por moi diversos estamentos, pero centrándonos en Galicia, ese papel simbólico adoptouse no Rexurdimento xunto co alalá, a muiñeira, o hórreo ou o carro a través dos textos de Rosalía, Curros, Pondal ou Murguía, entre outros. Estes textos reflectían a idea de defender o propio contra o alleo e o feito de poñer en valor todo aquilo que falase da tradición.

Certo é que coa instrumentalización do folclore que fixo o franquismo, a gaita volve ser rexeitada e, a comezos dos 70, era vista como algo rancio e ancorado no pasado. Con todo, a eclosión do mito celta na Europa Atlántica, o revival folk e os cambios políticos da década dos 80 fixeron que a gaita retomase o seu papel de símbolo identitario».

 

 

Un dos principais obxectivos de Boroa é sacar a gaita dos seus límites estilísticos, digamos, clásicos, como poden ser o folk ou a música tradicional. Aínda que quizais sexa moi cedo para preguntalo, diriades que o estades a acadar?

Suso: «Como dirían os políticos, estamos traballando niso J».

Sabela: «Nós temos a intención, mais quizais debería ser o oínte o que diga se lle parece que o conseguimos. O que si podo dicir é que miramos a gaita sen filtros culturais, centrándonos nas súas posibilidades sonoras e interpretativas, aproveitando as súas características para facer música independentemente do estilo».

 

Ao fío, a que soa Boroa? Como definiriades o voso son?

Sabela: «Malia que a gaita xoga con algúns efectos, penso que Boroa ten un son espido, sen artificios, onde o que escoitas non está tratado nin manipulado. Non pretendemos plasmar no disco máis do que sabemos facer e interpretar».

Ademais, cada un de nós ten un estilo persoal bastante definido, e esa combinación de esencias penso que é o máis característico do noso son».

 

 

 

Este proxecto materialízase en O’ clásico fol (Ruído na Rúa, 2023), o voso primeiro traballo discográfico. Como se foi desenvolvendo a idea deste disco ata acadar a súa forma final?

Suso: «Comezamos a primeiros do ano pasado a pensar no disco, e o proceso de composición arrancou ao remate das actuacións do verán. Desde o principio tiñamos claro que queriamos que a gaita fose o instrumento principal, e que tiña que seguir coa liña que nos caracteriza de xogar cos diferentes estilos musicais que nos gusta estudar para crear o contexto que defina o proxecto».

Sabela: «Boroa levaba un percorrido de procura e experimentación de dous anos cando comezamos a albiscar a idea da gravación. Aínda levounos un par de meses tomar a decisión definitiva, pero unha vez tomada, comezamos a traballar no que nos gusta denominar como o universo Boroa: unha viaxe sonora por diferentes lugares e a través das estrelas».

 

 

O longo recolle nove pezas propias, todas instrumentais agás unha, asinadas por Sabela e Suso. Como foi este proceso de composición?

Suso: «Na Companhía o proceso era moi persoal, xa que practicamente todo o que soa nos discos está composto por min. Os integrantes da banda podían despois modificar pequenas cuestións ou arranxalas dentro do que se presentaba. No caso de Boroa, desde o principio a idea foi que Sabela mandase as melodías e a idea principal do tema, e eu crease a harmonía, estrutura, etc.».

Sabela: «Que a gaita fose a protagonista da historia foi determinante para que eu dese a xénese aos temas e Suso crease os contextos para despois dar xuntos un envoltorio final».

 

Os nove cortes de O’ clásico fol conforman unha viaxe musical que parte desde a nosa raíz e se achega a harmonías de diferentes xéneros musicais, como o swing, jazz manouche ou ragtime. De que xeito acadastes crear un disco tan coherente en canto a son partindo de estilos tan dispares?

Sabela: «Quizais porque partimos do noso son para ir a outros estilos; cando pensamos en inmiscirnos noutras culturas non partimos delas. Mesmo en ocasións, un tema que inicialmente ía cara a un estilo acabou noutro por esa procura a partir do noso».

 

Suso Bello. Foto © Pablo Chouza 

 

Pensamos que agora é bo momento para comentar o deseño do voso logo que, curiosamente, conforma unha maleta. Foi pensado para esta «viaxe»?

Suso: «A idea do logo foi a visión externa doutra persoa, o ilustrador David Cuence, que logo de coñecernos nos agasallou con esta imaxe froito do que el miraba no noso proxecto.

Nós somos xente que levamos anos facendo rúa e viaxando coa maleta ao lombo levando a música a diferentes partes de Europa. Boroa nace nunha destas viaxes, así que penso que ten sentido que sexa unha maleta a representación de Boroa».

Sabela: «A súa orixe xa vola comentou Suso. A min gústame pensar que foi feita para todas as viaxes musicais que nos quedan por facer».

 

Ao longo do disco escoitamos o son da gaita engadindo pingas de vangarda á música tradicional. O de engadir elementos contemporáneos, sobre todo electrónica, á música tradicional e folk (e viceversa) é unha tendencia en alza. Cal é a vosa opinión ao respecto?

Suso: «A verdade é que nunca fomos moito coas tendencias, facemos o que nos parece e punto. Na miña opinión, todo é lícito na música e non hai máis límites que os que un se marque. Para min, a música sempre foi divertimento; ofréceme a liberdade de expresar o que me pida o corpo sen barreiras.

“Se do visio fas ofisio, que lle podemos faser, pois a música é libre e o pan para comer”».

Sabela: «Outrora, as músicas de tradición oral carecían de notación e, polo tanto, estaban suxeitas a unha constante evolución e transformación. Só as cancións que eran recordadas eran transmitidas a unha nova xeración sendo representativas dun gusto musical e un criterio estético compartido.

Se agora esta tendencia está en alza é porque é aceptada e gusta a unha colectividade así que, salvando a distancia das épocas, penso que representa unha evolución máis do concepto de música tradicional acorde con este momento e esta sociedade».

 

Alberto Millán. Foto © Pablo Chouza  

 

Pecha o álbum Circe na auga”, o único corte con voz, a de Sabela, que recita un poema do poeta ribeirense Xabier López Marqués. Por que el e este poema en concreto?

Suso: «Foi un xeito de devolverlle a Xabier un pouquiño de todo o que nos achegou a nivel persoal. Xabier é un bo amigo e un escritor excepcional, unha rara avis dentro do eido cultural. Desde o meu punto de vista, o poema da auga fala de nacemento, movemento, cambios, atrevemento... e Boroa está nese proceso de comezo dun camiño cara a quen sabe onde».

 

 

Un mes despois do seu lanzamento, O’ clásico fol foi incluído no Top 10 de álbums de World Music segundo o programa estadounidense Spin the Globe de Mixcloud; ao mes seguinte, soabades nunha radio... australiana! Como tomastes esta acollida internacional? Esperabádela?

Suso: «Sempre é bonito que se fagan eco da túa música por outros lares. Boroa non é un proxecto pechado en canto a fronteiras e agardamos que sexa un bo presaxio para o futuro do grupo».

Sabela: «Para min foi inesperado pero alentador. Penso que o mercado de Boroa non está unicamente en Galicia. Encantaríame que tivesemos a oportunidade de levar a nosa música a outras partes do mundo».

 

Foto © Pablo Chouza 

 

Fernando Pérez, alias Chamaquito Pistolas, Javier Gómez ou Xosé Miguélez son algúns dos convidados que escoitamos no disco. Como xurdiron estas colaboracións?

Suso: «Cando gravamos un disco, na maioría das ocasións, é bastante probable que haxa colaboracións. Sempre queda un furado para que outra persoa lle achegue o seu punto e pasen cousas diferentes a todos eses meses que te pasas cadrando pezas; é como unha visión fresca e diferente que achega de forma positiva ao disco».

Sabela: «Cando sacas un proxecto novo queres facer partícipe de esa ilusión á xente que ten unha vinculación especial na túa vida e, aínda que o arte de combinar horarios é complexo, nesta ocasión tivemos a sorte de cadrar en espazo e tempo con estes tres grandes achegados e máis grandes músicos».

 

 

Estades a presentar O’ clásico fol ao vivo, que pode esperar o público do voso espectáculo?

Suso: «No directo pretendemos ser bastante fieis na parte que corresponde ao disco, pero despois entra en xogo elaborar un directo completo no que engadir o punchi final».

Sabela: «No que respecta ao disco ides atopar un fiel reflexo; agora ben, un directo componse de máis elementos, aqueles que é preciso engadir para dar forma ao concerto, e aqueles que hai que construír co público no minuto presente».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Suso: «Para min, unha banda galega que me gustou moito en directo este ano pasado foi Radio Zapa!; e måi conta cun repertorio e unha posta en escena preciosa».

Sabela: «Eu recomendaría ao músico de jazz Xosé Miguélez».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Suso: «Pois nas miñas listas ultimamente hai un pouco de todo, desde Adriano Celentano a Celia Cruz, pasando por La Polla Records, Peret ou Cesária Évora. Aínda que unha banda que me flipa e que teño sempre no Spoti é a Banda Bard, e tamén a Benny Goodman, que me explota a cabesa con el».

Sabela: «Eu escoito nunha porcentaxe elevada música clásica (Chopin, Mozart, Satie, Debussy, Strauss), pero tamén cousas variadas. Para ser fiel ao 100% sinceridade vou abrir o Spotify e poñer en orde os primeiros nomes da lista: Sumrrá, Billie Holiday, Michel Camilo, Jean-Michel Pilc, Edith Piaf...».

 

  noticias