• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2023
3 SETEMBRO 2023

 

Sucedáneo de Petardo, Petardo

O seu anterior traballo abría cun tema que, xa por sí só, podería ser un EP —cunha duración de case 30 minutos— e este preséntao xa como tal: tres EP’s (clásicos) nun mesmo e único disco. Petardo, o artista que confesa ter unha orquestra marciana dos anos sesenta encerrada no seu ordenador, ese que ten por lema creativo «a estrutura mata a arte», vén de lanzar Sucedáneo de Petardo (2023), o seu novo álbum. Baixo o subtítulo de Tres EP’s Clásicos, o oínte encontrarase con tres cortes de máis de 20 minutos de música experimental no seu sentido máis amplo que, para Petardo, é un que non ten límites.

 

 

 

 

Rain, Martins Aneiros Band

Dun reencontro festivaleiro en 2019 xurdiu a Martins Aneiros Band, liderada polo guitarrista Víctor Aneiros e a cantante Paula Martins que fixo recuperar ao músico a ilusión e a inspiración. Xuntos comezaron a construír un repertorio onde o blues abre tamén paso ao soul e á música americana que agora se pode desfrutar en Rain (Gaztelupeko Hotsak, 2023), o seu primeiro traballo de estudio; para a súa gravación, contaron coa batería de Marcos Sánchez, o teclado de Fran Rey e os baixos de Alejandro Masafret e Víctor Gacio. Composto por unha decena de cortes, Rain é unha viaxe a través do blues, soul e rock no que temas clásicos, como “Blues Is My Business” de Etta James, foron maxistralmente versionados e ensamblados con outros de composición propia, como o que lle dá nome ao disco.

 

 

 

 

X Aniversario, Atlántico, Xoel López

O derradeiro venres de xullo, Xoel López sorprendía coa publicación de X Aniversario Atlántico (en directo) (Esmerarte Industrias Creativas, 2023), un disco que recolle a gravación do concerto que o cantautor deu na Coruña a finais do ano pasado. ‘X Aniversario Atlántico’ supuxo a celebración ao vivo dos dez anos do álbum que comezou a súa carreira en solitario, Atlántico (Esmerarte, 2012); un traballo que marcaba unha nova era, que daba un salto cualitativo en canto a composición, amosando a un Xoel que se aproximaba aos cantautores eléctricos porteños e ao rock de autor latinoamericano. Durante o concerto na súa cidade natal, o público puido revivir algunhas das cancións máis míticas daquela primeira etapa como solista como “Hombre de ninguna parte”, elixida tamén para acompañar o lanzamento deste novo disco.

 

 

 

 

Garden of the Unseen, Fogbound

A último vez que compartiron o seu brillante son foi a principios de 2020, cando Fogbound lanzaba Shine (2020), canción gravada para SON Estrella Galicia en El Observatorio Musical (Madrid). Tivo que pasar unha pandemia global, co seu confinamento e posterior volta á normalidade con fases, gromos, etc., para poder volver escoitalos de novo. O cuarteto de garage pop psicodélico escolleu o festival Ye-Yé de Xixón non só para reaparecer logo de tres anos, senón tamén para presentar o seu novo single. Garden of the Unseen (Magic Mountain Records, 2023) vía a luz a mediados do mes de xullo, envolto nun deseño da ilustradora Raquel Vázquez (@hierbadesanjuan), con dúas pezas enérxicas e eclécticas capaces de cativar ao oínte como o primeiro día.

 

 

 

 

Encrucillada, Luar na Lubre

A mediados de xullo, Luar na Lubre publicada Encrucillada (Warner Music Spain, 2023), o seu vixésimo traballo discográfico. O libro-disco recompila temas e cancións emblemáticas das case catro décadas de traxectoria do grupo folk, ademais de novas versións, unha cronoloxía fotográfica e literaria, e textos de artistas que colaboraron coa formación. Cun título que fai referencia á «encrucillada» na que se atopa á banda —este será, probablemente, o seu derradeiro disco físico «aínda que virán moitas cousas e novos discos en formato dixital»—para a realización dos 16 temas que o compoñen, Luar na Lubre contou con 46 colaboracións de músicos e cantantes referentes durante a súa carreira. Entre eles escoitamos “El largo camino de Santiago”, composición de Pablo Milanés arranxada polo grupo e a voz do cantautor cubano gravada pouco antes de falecer; ou “Canto de andar”, que inclúe novos arranxos estilísticos e na que participa Rosa Cedrón. Encrucillada preséntase con portada de Manel Calderón, onde aparecen representados iconas da cultura galega e celta, como un grupo de animais totémicos, un dolmen, un sabio druída e un maxestoso cervo nunha noite de lúa chea.

 

 

 

 

Salamandra, Pálida

En febreiro, cando escribiamos sobre o seu anterior disco, The Pond: Audio Files (Menta Records, 2023), recalcabamos como, desde 2020, Pálida publicou un traballo por ano... daquela, cando o ano acababa de comezar. Porque o produtor vigués rompe a «tradición» co lanzamento de Salamandra (Several Roots, 2023), segundo álbum deste ano con catro novos cortes de slow techno e marcado carácter hipnótico. Seguindo o ronsel do seu predecesor, Salamandra afástase do tópico da música electrónica e bebe de atmosferas minimalistas, psicodélicas e experimentais.

 

 

 

 

Cosas que hacer en Ourense antes de morir, Ben Richards Jr

Seguimos sen saber a súa verdadeira identidade, pero desde o anonimato, Ben Richards Jr segue a producir e, como cada ano desde 2010, entrega ao seu público un capítulo anual da súa visión da sociedade actual. Composta por 13 cortes, Cosas que hacer en Ourense antes de morir (2023) é a representación sonora do «se che din que podes morrer... levántaste e cantas!»; un disco que supuxo todo un reto xa que, por motivos de saúde, tivo que ser gravado cortando cada frase por separado, nun tempo récord e a contrarreloxo. O longo vén cargado de disparos a quemarroupa no peito infame do capitalismo occidental, un verdadeiro axuste de contas a ritmo de baterías electrónicas, caixas de ritmos dos oitenta, baixos e sintes, que se mesturan con letras comprometidas e controvertidas, desbordantes de ironía e que non deixan monicreque con cabeza.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

  noticias