• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MEDIAREA: «TEMOS O PRIVILEXIO DE CONTAR CUNHA MÚSICA TRADICIONAL QUE ESTÁ VIVA EN TODAS AS SÚAS DIMENSIÓNS»

MEDIAREA: «Temos o privilexio de contar cunha música tradicional que está viva en todas as súas dimensións»
21 AGOSTO 2023

O Entroido do Hío 2020 foi o seu punto de partida, a súa «orixe como banda», unha que, desde entón, non fixo máis que medrar. Formada por Gael Pérez (gaita), Zé Pumar (acordeón), Luís Malvido (bombo) e Rodri Martínez (percusión), Mediarea compón sobre dos piares: o seu amor pola música patrimonial galega e a responsabilidade de contribuír á súa saúde. Deste xeito, o cuarteto va construíndo un imaxinario sonoro cargado de personalidade, pero coa marca da terra que os viu nacer; unhas composicións que gañan co tempo, que maduran e adquiren matices, que asentan e deixan pouso.

En maio recollían parte deste repertorio en Sebo de Grhilo (2023), o seu primeiro traballo discográfico, composto por sete cortes que intentan (e acadan) amosar a forza que caracteriza os seus enérxicos directos coa maior fidelidade posible.

 

Foto © Diego Bea Besada

 

Gael Pérez (gaita), Zé Pumar (acordeón), Luís Malvido (bombo) e Rodri Martínez (percusión) xuntádevos en 2019 para tocar no  Entroido do Hío 2020. Que significa para vós esta festa en concreto como para escollela como o voso primeiro obxectivo?

Zé: «O  Entroido do Hío é a nosa escola e á vez é o noso alimento. Alí aprendemos a ser gaiteiros e non só gaitistas, a entender o significado desta música que está moi relacionado co concepto de identidade. Ao mesmo tempo, cada ano renovamos enerxía gaiteiril revivindo a festa onde a música tradicional contén unha potencia descomunal. Con Mediarea pretendemos contaxiar esa enerxía nos escenarios de calquera lugar que nos conviden a tocar».

Gael: «Todos excepto Luis xa tocaramos outros anos con outras aldeas e outros compañeiros e compañeiras, e a cousa sempre se quedou aí. Incluso é doado chegar a ter friccións froito das innumerables horas xuntos acumulando quilómetros nos pés, nos instrumentos e sobre todo nas cabezas. É unha convivencia extrema que comeza o mediodía do domingo e remata na madrugada do martes para o mércores. Neste caso non houbo nin unha mínima sombra de conflito».

Luis: «Coma ben di Gael, ese ano foi o primeiro que desfrutei como músico do  Entroido no Hío. Unha experiencia brutal xa que non tiña nin idea do que supuña. Foron días duros de pouco descanso e moi esgotadores que se pasaron voando grazas ó magnífico grupo que conseguimos facer entre nós. Tal foi esta convivencia, na que só se esbozaban risas e bo rollo, que xurdiu unha amizade entre os catro verdadeiramente forte».

Rodri: «Para nós representa a nosa orixe como banda e temos que estarlle moi agradecidos xa que ano tras ano segue servindo para seguir aportando, axudando e unindo».

 

Daquela, canta continuidade pensabades que tería o proxecto?

Zé: «Ningunha, a idea do grupo xurdiu máis tarde. Fixo falta coñecernos mellor e saber que compromiso estabamos dispostos a asumir como grupo».

Gael: «De feito eramos cinco compoñentes nos inicios, xa que no  Entroido a formación é a de cuarteto/quinteto tradicional. Ademais dos membros actuais, tiñamos a Diego Paz coa outra gaita e Pumar encargábase da requinta e a pandeireta. Foi xa cara novembro de 2021, se mal non recordo, cando nos configuramos como cuarteto e comezamos a traballar en serio nesta dirección».

Luis: «Cando me chamaron para acompañalos no  Entroido botándolles unha man co bombo nunca imaxinei en chegar ó punto no que estamos agora, máis que nada porque a miña vida como músico levaba 30 anos ligada á gaita e o tamboril. Instrumentos aos que me dediquei nas formacións nas que estiven e estou actualmente. Para nada contaba con que hoxe en día fose o bombeiro de Mediarea. Instrumento co que estou desfrutando coma un neno».

Rodri: «Pois eu si que tiña a esperanza de que polo menos algún ano máis nos seguísemos unindo despois do primeiro Carnaval, pero en ningún momento pensei que fósemos a empastar tan ben e ter unha continuidade como banda».

 

Foto © Ángel Enrique Sol

 

Area Brava, Arealonga, Area Grande... estivemos á procura de Mediarea ao longo da costa galega, pero non a atopamos. De onde vén o nome? Que significado ten?

Zé: «Ten lóxica que busquedes na toponimia pero ides no camiño errado. Mediarea ten que ver cunha expresión mariñeira que se refire ao estado de embriaguez. Cando un vai pasado dise que leva unha chea, como a maré, pero cando está no punto intermedio entón leva media area».

Gael: «Nese primeiro  Entroido, pareceume que cando o grupo mellor funcionaba era con esa media area que as veces acadabamos. Se queres aguantar ata o final, non podes deixar que o nivel pase dese límite. Por isto, propuxen este nome xa que era unha expresión que meu pai empregaba decotío.

Actualmente, coa complexidade que fomos desenvolvendo nas nosas interpretacións e co nivel de compromiso que temos, o da media area para os concertos xa non o traballamos.

De calquera xeito, sendo os catro uns bon vivants como somos, o nome segue a encaixarnos á perfección».

 

O proxecto semella botar raíces —aínda cunha pandemia de por medio!— grazas ao voso amor pola música patrimonial galega e á responsabilidade de contribuír á súa saúde. Na vosa opinión, de canta vitalidade diriades que goza a nosa música tradicional actualmente?

Zé: «Temos o privilexio de contar cunha música tradicional que está viva en todas as súas dimensións (instrumental, vocal, baile…) e iso é algo absolutamente excepcional na Europa do século XXI. Semella que este panorama ten futuro pero depende de que a xente continúe amando a súa música patrimonial e apoiando tanto os grupos xa consolidados como tamén as novas propostas que seguen xurdindo».

Gael: «E isto é así por obra e graza das asociacións».

Rodri: «No caso persoal de cada un dos compoñentes da banda a música tradicional forma parte do noso ADN directamente. Iso nótase ao escoitar o disco, xunto coa necesidade da creación de material novo sen repetir ata a saciedade temas recuperados».

 

Foto © Ángel Enrique Sol

 

E como vedes esa tendencia actual a mesturar a música tradicional con outros estilos, sobre todo, a música electrónica.

Zé: «Persoalmente paréceme o máis natural. Non hai nada de herexía en mesturarse con outros estilos sempre e cando se traten con respecto os elementos patrimoniais da nosa música, que forman parte da nosa identidade e por tanto teñen un valor colectivo. Nós tamén o facemos, coa música latina, co jazz… de momento non nos deu pola electrónica pero todo pode pasar».

Gael: «Somos xente aberta e sempre a prol da liberdade creativa. Nunca desbotaremos unha proposta antes de escoitala.

Por outra banda, considero que ao rebufo do merecido éxito acadado por xente como as Tanxugueiras, se está a prestar atención e a dar visibilidade a algúns proxectos de escaso nivel artístico, polo simple feito de tocar instrumentos tradicionais sobre bases electrónicas».

Rodri: «Pouco a pouco foise definindo o noso son ata chegar ó punto no que estamos, cun directo bastante definido, redondo e matizado pero que a súa vez non deixa de evolucionar ensaio tras ensaio. Pode chegar ata onde nós queiramos… sen liñas vermellas. Electrónica, por que non?».

 

Gaita, acordeón, bombo, percusión... como describiriades o son de Mediarea?

Zé: «Se reparamos nos instrumentos que utilizamos poderíase dicir que pretendemos sacar a máxima expresividade a ferramentas tradicionais. Moitas veces a creatividade florece cando tes poucos elementos e esmorece cando as posibilidades son infinitas (ese é un dos perigos da música electrónica). Máis que os instrumentos, o que define mellor o noso son é a enerxía que transmiten e que nace da nosa ilusión e do noso amor pola música galega».

Gael: «Eu sempre digo: non sei o que facemos, pero sei que non coñezo a ninguén que faga o mesmo. A ausencia de pautas e límites é o que configura o noso son».

 

 

Quen pensades que influenciou ese son? Se preguntamos polas vosas influencias, a quen sinalariades como referentes?

Gael: «Se temos que sinalar referentes históricos comúns dentro do estilo, Os Cempés ou Muxicas poden ser os máis destacados e identificables no son de Mediarea.

Despois podemos citar a infinitos como Quempallou, Berrogüetto…

Como gaiteiro e modesto compositor para gaita, un disco que me fixo abrir os ollos e a mente foi e é o "Fandango Desesperado" de Luvas Verdes. Esas composicións foron unha transfusión de vida para o instrumento. Un imprescindible ao que volto de cando en vez. Pedro Lamas é un dos meus autores predilectos.

Agora ben, como compositor destaco por suposto tamén a Xosé Manuel Fernández "Muxicas", que fai cancións de primeirísimo nivel e sen saírse dos máis puros canons da música tradicional como churros. Identifícome moito con el porque é músico "de orella" coma min.

Fóra do tradi ou o folk, escoitamos dende sempre moitos estilos diferentes e iso é ben plausible na nosa música. Lembro que cando tiven que traballar o solo de "Na casa de Tía Adela" estiven uns días revisitando a Rory Gallagher, ou agora que estamos explorando a improvisación ando descubrindo a obra de Django Reinhartdt por exemplo».

Zé: Penso que na nosa música pódese apreciar o gusto por diferentes estilos que se infiltran no corte tradicional como o jazz, a música latina ou mesmo o rock xa que temos entre nós metaleiros de pro».

Luis: «Como apuntan meus compañeiros, tendo a base de música tradicional en cada un de nós e coma referentes de bandas galegas Os Cempés ou Berrogüetto, entre outros, só faltou mesturar a todo isto os diferentes estilos de música que escoitamos. E hai que dicir que son moitos, xa que non bebemos todos do mesmo, como podedes apreciar».

Rodri: «Influencia ao fin e ao cabo é o teu historial das bandas tocadas e escoitadas…

Podo dicir que a nivel percusión, ao levar toda a vida en grupos tradicionais propios ou grupos de metal ou incluso cumbia, somos completamente libres ritmicamente e iso nótase ao escoitar o disco».

 

Escoitabámosvos por vez primeira en “Muiñeira Mediarea”, peza que presentabades cun videoclip protagonizado polo Farrovello, personaxe típico do Carnaval do Hío. Como lembrades a súa gravación?

Gael: «As tomas de exterior foron gravadas a escasos metros do noso local de ensaio e, por extensión, da casa de dous dos compoñentes de Mediarea. Tamén é bonito porque, ademais da beleza natural do espazo, é lugar de paso da nosa comparsa no Carnaval.

As escenas de interior foron gravadas nos Beabesada Estudios polo noso querido Diego Bea, e o audio foi gravado en directo tocando todos á vez nun exercicio moi complicado que agardo non ter que repetir [risos].

Foi unha experiencia moi enriquecedora».

 

 

 

 

A primeiros de maio publicabades Sebo de ghrilo (2023), o voso primeiro traballo discográfico. Como se foi desenvolvendo a idea ata materializarse no álbum?

Gael: «Habitualmente non traballamos sobre unha folla de ruta a longo prazo, senón que imos marcándonos obxectivos inmediatos a medida que nolo vai pedindo o corpo.

Un bo día reparamos en que tiñamos algún material propio e pensamos que estaría ben inmortalizalo. Pedimos orzamentos, compuxemos algún tema máis, montámolos e ensaiámolos todos durante un par de meses e entramos no estudo. Por suposto, non tiñamos os cartos suficientes, pero por sorte ou por desgraza, non vivimos disto e adiantamos cartos dos nosos petos».

 

En pesca é habitual utilizar o cebo de grilo, «sebo de grhilo» no voso caso, por que titular así a vosa carta de presentación? Que pretendiades «pescar»?

Gael: «Neste caso non estamos seseando. O sebo é a graxa do grilo. Trátase dun oxímoron, xa que é unha contradición en si mesma. É como falar dos servizos de intelixencia homofóbica. Un homófobo nunca pode ser intelixente.

O nome do disco foi algo que se nos resistiu bastante. Houbo varias propostas, pero ningunha nos acababa de convencer. Eu acababa de compoñer unha muiñeira para o disco á cal lle puxera ese nome debido a unha anécdota familiar que lles contara ó resto durante a gravación do videoclip da “Muiñeira Mediarea” e que nos fai moita graza, e entón decatámonos de que xa tiñamos o nome perfecto e que non o viramos».

 

Agás un, a media ducia de temas que recolle o álbum son de composición propia. Como foi o seu proceso de creación? Que, ou quen, inspirou esta presa de cancións?

Gael: «O tango "Cornilló” compúxeno hai moitos anos durante longo tempo, e estaba gardado nun caixón á espera do momento axeitado para saír ao mundo. A xota que o acompaña "Amorodeira" compúxena no confinamento coa frauta mentres o meu filliño Xan papaba amorodos ao meu carón. O resto xa foron feitas para Mediarea ex profeso.

A xota "Bububa" compúxena mentres acompañaba á miña avoa Maruja, e a ela está adicada. "Sebo de Ghrilo" foi unha destas que sae sen darlle moitas voltas e ó final posiblemente sexa a que mellor está funcionando. Moito que ver nisto téñeno os compañeiros, xa que na montaxe final teñen moito mérito.

 

 

Por último, a primeira parte de "Sirenas das Antípodas", ten un fondo bastante triste e conmovedor, que creo que é o que transmite a canción finalmente. A semente foi creada unha das madrugadas nas que Xan e Sara se van en ambulancia para o hospital por mor dunha larinxite e eu volvo para a casa. Nunha destas, forceime a practicar este exercicio de descargar os meus sentimentos na creación. Por isto, o nome de “Sirenas”. Pumar tiña outro valse, o das “Antípodas”, e entre os catro construímos a historia final».

Zé: «Un tema significativo polo proceso é “Na casa de tía Adela”. No primeiro concerto que dimos despois do confinamento, aínda con restricións pola pandemia, despois da actuación continuamos a festa na casa dun amigo do Hío, un lugar con moita historia na aldea. Foi un fin de festa catártico e liberador tendo en conta a situación de aquel momento. Ao chegar a casa, agarrei o instrumento e as notas viñéronme á cabeza enseguida. Ao día seguinte Mediarea tiña tema novo».

 

 

A excepción atopámola en “Danza de San Xoán”, onde a autoría é compartida entre Zé Pumar e unha melodía tradicional. Zé, que destacarías de traballar un tema desde cero a outro no que te apoias en contido preexistente?

Zé: «Realmente o proceso que seguín para compoñer a “Danza de San Xoán” non foi o de tomar como base un tema tradicional senón máis ben ao contrario. A melodía compúxena como un encargo para sonorizar un espectáculo que se realiza en Cangas cada outono e que recrea a invasión turca da vila e a historia de María Soliño, a nosa particular heroína. Na adaptación para Mediarea decidín engadir un fragmento melódico dunha melodía tradicional turca sefardí que aprendín hai bastantes anos da etnógrafa Judith Cohen. As influencias musicais marítimas son algo que nos fascina, tanto transoceánicas como transmediterráneas».

 

No álbum escoitamos dúas colaboracións: Sabela Galbán (frauta travesa) en “Na casa de tía Adela” e Alfonso Malvido (clarinete) en “Danza de San Xoán”. Por que eles e que diriades que achegan, ademais dos seus instrumentos, a cadansúa peza?

Gael: «Sabela é unha grande amiga do grupo, e sendo semellante artistaza, pois non houbo moita volta que darlle. Era o natural que estivese no disco».

Zé: «Alfonso Malvido é amigo e excompañeiro meu en Pardal na Rúa. Con este grupo xa tocabamos a "Danza de San Xoán", polo que tamén era natural contar con el.

O que achegan creo que salta ao oído. Son dous músicos de primeiro nivel que nos impresionaron no estudo e dos que tentamos aprender cada vez que temos a oportunidade. Melloran o disco considerablemente».

 

Foto © Ángel Enrique Sol

 

Sebo de ghrilo foi gravado, mesturado e masterizado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío). Como foi traballar man a man con el?

Gael: «Ibán é outro amigo e veciño. Nun primeiro momento, e el sábeo, tivemos moitas dúbidas de se facelo todo con el, se diversificar, ou se facelo todo con Diego Bea Besada (co cal viñamos de traballar e quedar encantados na gravación do videoclip de “Muiñeira Mediarea”).

Sinceramente e escoitando o resultado final, non nos arrepentimos da decisión tomada. El foi o que deseñou o proceso de gravación e cremos que deu no cravo.

Despois veu a laboriosa fase das mesturas, na que soubo ter a paciencia precisa para escoitarnos e conseguir levar o barco a bo porto».

Zé: «A música tradicional non é a especialidade de Ibán pero isto, lonxe de supor un problema, resultou ser unha vantaxe ao contar cunha visión (ou audición) libre e fresca no que se refire a este estilo, cun criterio musical propio e alleo a convencionalismos. Penso que o resultado é un disco cun son orixinal no estilo, gravado sen claqueta, con improvisacións e outros elementos de espontaneidade que pretenden achegar algo da enerxía que nos caracteriza ao vivo».

Rodri: «Coa experiencia que teño en estudio noutros proxectos parecíame unha loucura gravar como se planeaba facelo. Sen claqueta e coas guías instantáneas… non obstante, só podo calar a boquiña cando sae o tema [risos] xa que somos moito máis profesionais do que pensaba».

 

 

Para o concerto presentación de Sebo de grhilo estivestes acompañados por varios artistas convidados, entre os que estaban, ademais de Sabela Galbán, Berto Graña (guitarra) ou Tres Pés Pa’ Un Banco (pandeiretas). Como lembrades ese día?

Gael: «Era a primeira vez que cobrabamos entrada por vernos, xa que sempre tocaramos en eventos gratuítos nos que a organización nos contrataba. Polo tanto, era un moi bo termómetro para comprobar se realmente á xente lle estaba gustando a nosa proposta.

As circunstancias déronse de tal maneira que 15 días antes xa estrearamos disco na Festa do Muíño de Coiro, no concello veciño e sen cobrar entrada…

Pois a resposta do público foi abraiante. Vendemos ao redor de 200 entradas e estivemos preto de unha hora asinando discos e camisetas ao rematar… Para enmarcar na memoria».

 

Foto © Ángel Enrique Sol

 

Aquel día era só o comezo da xira estival na que estades mergullados. Como está a ser a acollida do álbum ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto de Mediarea?

Gael: «A verdade é que no Morrazo está a ter unha acollida espectacular. A xente asiste con fidelidade a cada concerto, merca os discos e as camisetas a moreas, énchenos de louvanzas… Está a superar calquera das nosas expectativas.

Agora, a asignatura pendente é conseguir que o resto do mundo nos dea a oportunidade de amosarlle a nosa proposta. Este verán xa puidemos saír a Vigo, Compostela, Salceda, Guillarei, Rois, Rianxo… e a resposta do público está a ser moi boa aínda que moita xente non nos coñece de momento.

Recentemente publicamos o primeiro dunha serie de vídeos que gravamos no Música N'Aldea en directo, onde tentaremos ser capaces de amosar o que facemos en directo: intensidade, diversión e música viva».

Zé: «Unha das cousas que fai que un concerto de Mediarea sexa unha explosión de enerxía é que a xente baile. Se iso sucede (e case sempre sucede) xérase un feedback marabilloso que fai que músicos e público compartamos a ledicia de crear un evento musical único cada vez. Esa é a maxia da música ao vivo».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Gael: «Eu quixera recomendar a Paraíso Canto. Se tendes a oportunidade de velos nalgún dos seus escasos recitais, aproveitade. Talento e sensibilidade desbordantes».

Zé: «Xa que falastes de música electrónica, quixera recomendar o traballo de Ibán Pérez, quen, ademais de traballar no seu estudio Terraforma, tamén ten un proxecto de electrónica chamado Torso no que demostra que nese xénero se pode traballar na experimentación e ser fiel ao propio gusto sen renunciar á comunicación co público».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza.

Gael: «Chico Trujillo, Tiger Army, Caamaño & Ameixeiras, Rubén Blades, Héctor Lavoe, El Combo Dominicano, Willie Colón, Black Pumas, Caldo, De Ninghures, Amy Winehouse, Machine Head, Triana, Los Palmeras, Lila Downs, Vetusta Morla, Red Hot Chili Peppers, Talabarte, Calle 13, Residente, Cuarteto de Nos, Depedro, Delaporte, Os d'Abaixo».

Luis: «Juan Luis Guerra, Berrogüetto, Os Cempés, Xabier Díaz».

Rodri: «Sen filtros: Narco, Olivia Rodrigo, Ráfaga, Los Corraleros del Marajual, Helloween, Uxía Lambona e a Banda Molona, Kepa Junkera, Lamb of God, Nazca…».

  noticias